You are on page 1of 21

UNIDADE DIDÁCTICA 2: RECICLADO

LINGUA GALEGA E LITERATURA – 2º ESO


ÍNDICE DOS CONTIDOS DA UNIDADE 2

1. LECTURA INICIAL E COMENTARIO


- Lectura: Reciclado. Actividades.

2. A NARRACIÓN
- Tipos de narración/Tipos de descrición. Actividades.

3. OS CONECTORES TEXTUAIS
- Conectores aditivos, temporais e espaciais/Conectores opositivos, causais e organizadores.
Actividades.

4. VOCABULARIO: A ALIMENTACIÓN
- Actividades.

5. LINGUAS MINORITARIAS E MINORIZADAS


- O caso galego/Actividades.

6. FORMACIÓN DE PALABRAS (II): PREFIXOS E SUFIXOS


- Prefixos/Sufixos derivativos - Sufixos apreciativos. Actividades.

7. VOGAIS E CONSOANTES
- Clasificación de vogais e de consoantes. Actividades.

8. LITERATURA: OS XÉNEROS LITERARIOS


- Xénero lírico, xénero narrativo e xénero dramático/Subxéneros literarios.
Actividades.

1
UNIDADE DIDÁCTICA 2: RECICLADO
LINGUA GALEGA E LITERATURA – 2º ESO
1. LECTURA INICIAL E COMENTARIO
RECICLADO
Kivu Norte (República Democrática do Congo)
A miña é extensa, inmensísima. Unha mina a ceo aberto onde é a terra o que se abre, non o ceo. O ceo
é puro sol de chumbo. É unha chaira de cor ocre, vermelliza e poirenta, onde campan a calor e a
miseria. Os homes, as mulleres, e sobre todo os meniños, baten os sachos furando como toupeiras, ou
carretan queipos, por precarias escadas, dun socalco a outro das abas. Coma unha peneira furada, a
planicie rende as veas do seu tesouro mineral, o coltan, aos homes sambesugas. Todos cantos traballan
nela son negros, escuros como a noite. [...]
Tharcisse ten trece anos e unha escoliose no lombo a conta de cargar os cestos de mineral. [...]. Se
cadra algún día dá cunha veta boa, coma algúns compañeiros seus aos que lles sorriu a fortuna, e pode
aforrar para mercar o xoguete dos seus soños, a SMQX; mesmo podería chegar a ter unha casa de
verdade nun suburbio de Goma ou Kinshasa, cun televisor de pantalla extraplana e un teléfono móbil.
[...] Tharcisse garda coma un prezado tesouro un catálogo atrasado de videoconsolas. Soña con chegar
un día a ter unha, esa pola que devece, unha SMQX, a Super-Mega QX, a marabilla do mercado.
Tharcisse non sabe que o seu coltan, que lle pagan a dez dólares por quilo, acada os catrocentos cando
chega á factoría chinesa onde o empregan para a produción desa super-glamourosa máquina. Tharcisse
xa non acorda ir á escola, as escolas de Kivu levan anos baleiras.

Louzós (Ourense)
O cativo non pode agardar máis. Hoxe dan as notas de cuarto da ESO. Tino está cos nervios de punta.
Por fin é vinte e seis de xuño, e pensa que non hai dereito ao que os pais fan con el: ter que esperar
case un ano para conseguir a nova Ultra/R-Super Mega QX, versión Z2.

Accra (Gana)
Tarim móvese con soltura entre as columnas de fume negro e mesto, nun descampado cheo de residuos
preto do vasto mercado de Agbobloshie. O aire é sufocante e nel non faltan vapores tóxicos nin as
dioxinas, resultado da combustión dos plásticos. Está queimando pezas dos aparellos e cables
eléctricos sobre pneumáticos vellos. Pero Tarim non emprega máscara nin ningunha outra medida de
protección, fóra de non respirar demasiado enriba da fogueira. [...]. O cobre non se paga mal, e nin tan
sequera hai que fundilo para venderllo ao chatarreiro. Setenta céntimos de euro o quilo.

2
UNIDADE DIDÁCTICA 2: RECICLADO
LINGUA GALEGA E LITERATURA – 2º ESO
Os intermediarios mércanllo todo, xa separado, á xente do vertedoiro e lévano ás plantas homologadas.
Tarim non sabe esa parte da historia. O cobre, o silicio e o chumbo, unha vez fundidos de novo,
despáchanse en lingotes que especifican Recycled Metal para que non haxa ningunha dúbida da súa
orixe. Os novos aparellos fabricados con eles levarán a marca de calidade que acredite o compromiso
da empresa co medio ambiente.
Tarim nunca pensou en ter unha videoconsola porque nunca viu unha enteira. Nin lle pasou pola cabeza
nunca, nin un só día dos seus once anos, que estas cousas puidesen servir para xogar. Para el os
aparellos electrónicos, que lle venden despezados en sacos, son só unha materia prima coma outra
calquera.
Ramón Caride Ogando: Exogamia 0.3 (adaptación) (Xerais)

3
UNIDADE DIDÁCTICA 2: RECICLADO
LINGUA GALEGA E LITERATURA – 2º ESO
COMPRENDEMOS
1. Explica o significado que teñen na lectura estas palabras: desventrada, deforestada, ocre,
queipos, socalco, abas, sambesugas, dioxinas. Se cómpre emprega o dicionario.

2. Completa este cadro coa información referida aos tres protagonistas do relato.
Nome do protagonista Lugar onde vive Dedicación Idade Soños e ilusións

3. Que teñen en común os protagonistas? Razoa a resposta.

4. Sintetiza cada un dos parágrafos da lectura nun enunciado que nos achegue a súa idea
principal.

EXPRESÁMONOS
Expresión escrita
5. Escribe unha carta dirixida a algún xornal que coñezas denunciando as situacións polas que
están pasando Tharcisse e Tarim.

Expresión oral
6. Parécevos que a vida é xusta cos protagonistas africanos do relato?
- Expoñede oralmente as vosas opinións e as medidas que cumpriría tomar para cambiar esa realidade.

AMPLIAMOS
7. A palabra extensa leva x, pero outra da súa familia, como estender, escríbese con s.
• Completa ti as seguintes palabras con s ou con x segundo corresponda:
e__tensión e__cavar
e__cursión e__premedor
e__tendido e__cavación
e__presión e__trañar

4
UNIDADE DIDÁCTICA 2: RECICLADO
LINGUA GALEGA E LITERATURA – 2º ESO
8. Desventrada e deforestada son dúas palabras que presentan, respectivamente, os prefixos des-
e de-, que indican negación. Este mesmo significado tamén o teñen outros prefixos como in-, im-
i- e anti-.
• Co prefixo que corresponda, forma novas palabras que signifiquen o contrario das seguintes:
a) natural: f) real:
b) material: g) feito:
c) cuberto: h) gripal:
d) persoal: i) formado:
e) propio: l) regulamentario:

9. Chatarreiro é un substantivo que se formou coa palabra chatarra e o sufixo -eiro, un dos máis
produtivos á hora de formar nomes de oficios e profesións.
• Engade ti cinco nomes de profesión co sufixo -eiro/-eira, outros cincos co sufixo -or/-ora e cinco
máis con -ista.

10. O ceo é puro sol de chumbo. Tan pesado coma o destino.


Este enunciado contén unha estrutura comparativa.
• Que elementos se comparan?
• Modifica o necesario para que sexa unha comparativa de superioridade e, posteriormente, para que
sexa unha comparativa de inferioridade.

11. Tino está cos nervios de punta. Que significa esta expresión?
• Explica estas expresións nas que aparece tamén a palabra punta.
a) De punta a cabo: b) De punta en branco:
c) A punta do iceberg: d) Sacarlle punta:

12. En o cobre non se paga mal e a terra vella déixase furar polo formigueiro humano aparecen
dous pronomes se; un deles diante do verbo e outro detrás. Por que acontece iso?
• Coloca nestes enunciados o pronome se no lugar que lle corresponda:
- ___pode___ pasar para dentro?
- Cando ___viu___ que un alumno marchase do centro sen permiso?
- Daquela ___produciu___ unha forte explosión.
- Nunca ___pon___de acordo con nós e despois ___fai___ a tola cando ___ve ___ soa.

5
UNIDADE DIDÁCTICA 2: RECICLADO
LINGUA GALEGA E LITERATURA – 2º ESO
2. A NARRACIÓN
Dende que nos erguemos ata que nos deitamos estamos contándolle cousas á xente que nos rodea,
narrando feitos protagonizados por nós ou por uns personaxes que se sitúan nun tempo e nun espazo
determinados. As historias que nós contamos teñen uns fragmentos máis narrativos, algúns máis
descritivos e outros dialogados.
O mesmo acontece nas narracións literarias, xa que poucos textos poden considerarse narrativos puros.
Dentro dunha narración, as descricións serven para crear a atmosfera na que se desenvolven os feitos,
xa que se poden describir espazos, personaxes, estados de ánimo etc. En xeral, os fragmentos
descritivos tenden a ralentizar o ritmo da narración.
Os fragmentos dialogados, pola contra, tenden a axilizar o ritmo da narración, facéndoa máis rápida e
dinámica. Ao reproducir as palabras dos diferentes personaxes que participan nunha narración,
favorécese que o lector ou lectora forme a súa propia idea sobre ese personaxe.
• Tipos de narración segundo o estilo
- Narración en estilo directo: reproduce as palabras textuais de cada personaxe.
- Narración en estilo indirecto: a voz narradora conta o que din os personaxes.
- Narración en estilo indirecto libre: vén sendo unha combinación das dúas anteriores, as propias
palabras dos personaxes introdúcense no discurso do narrador.

• Tipos de descrición segundo o que se conta


- Prosopografía: descrición das características físicas.
- Etopea: atende aos trazos morais e psicolóxicos.
- Retrato: combina prosopografía e etopea.
- Caricatura: tende a esaxerar ou ironizar levando ao extremo a descrición.

ACTIVIDADES
1. Clasifica, xustificadamente, os textos 1, 2 e 3 segundo sexan narrativos, descritivos ou
dialogados.

6
UNIDADE DIDÁCTICA 2: RECICLADO
LINGUA GALEGA E LITERATURA – 2º ESO
Texto 1
A historia de como Ánxela chegara á vida era un tema do que procuraba non falar con ninguén e,
moito menos, con rapaces da miña idade. No meu favor direi que, dende que ela naceu, houbo moitas
ocasións en que non puiden evitalo, e entón falei da miña filla con voz alta e clara. Mais aos meus
dezanove anos acabados de facer eu non tiña o valor suficiente para presentarme na porta do piso de
en fronte, cos meus soños rotos e o meu rostro afundido de cansazo, e pedirlles que non se divertisen
porque eu tiña unha nena da que ocuparme. E así transcorrían as noites de desvelo e os días de
constante actividade.
Sexa como for, eu tiña moitas máis cousas das que ocuparme ademais de Ánxela. Tiña dous
empregos, demasiados gastos e moi poucas axudas. Erguíame moi cedo todas as mañás, collía un
autobús e deixaba a Ánxela na casa da súa avoa. A continuación, dirixíame ao meu traballo de
camareira. Ao rematar a miña xornada, ao mediodía, entraba á estación de autobuses e encargábame
da limpeza ata que era noite pecha. Despois a miña nai traía a nena á casa e cruzabamos algunhas
palabras no corredor do meu apartamento de aluguer sobre como pasara o día Ánxela, pero eu
adoitaba estar demasiado cansa para falar, de xeito que a maioría das noites acababa na cama sen
cear, tratando de enfiar palabras que calmasen a Ánxela para que quedase durmida canto antes.
Andrea Maceiras: Nubes de evolución.

Texto 2
Seavia é unha das humildes colonias situadas nos outeiros que arrodean a populosa cidade de Santa
Clara, petando ás súas portas, desexando formar parte dela sen que as autoridades lles permitan
entrar.
As chabolas e casetas que conforman o barrio, levantadas con madeira, folla de lata, tixolo e cemento
mal fraguado, agatuñan apoiadas unhas nas outras outeiro arriba sen orde nin concerto. Un feixe de
longas escolopendras das máis variadas cores, formas e tamaños que cobreguean competindo por
acadar a súa curota. Alí, na cimeira, unhas enferruxadas torres rematadas en antenas alumean a noite
coas súas luces vermellas de advertencia para os avións comerciais e helicópteros policiais que arreo
as sobrevoan facendo vibrar os seus precarios alicerces.
Seavia semella tan afastada de todo que nin sequera posúe unha parada de metropolitano, o servizo
de transporte público municipal que tece con ducias de liñas de cores unha enorme arañeira sobre
todas as rúas de Santa Clara. Tampouco dispón de auga da traída, nin de recollida de lixo, nin de
centro de saúde, só un humilde dispensario cunha padiola e uns cantos analxésicos.
Marcos Calveiro: As palabras poden matar.

7
UNIDADE DIDÁCTICA 2: RECICLADO
LINGUA GALEGA E LITERATURA – 2º ESO

Texto 3
- Niki... Como vai a pintura do teatro? -preguntou.
- Creo -respondeu ela- que poderá estar rematada dentro de dúas semanas e media... Ou tres. Aínda
non o sei. Non pasarás antes para ver como vai?
- Sabes que confío plenamente en ti. Pasarei cando a remates.
- O dragón...
- Si, Niki?
- O dragón presenta algunhas dificultades. Será o último que faga.
- Fai o que ti consideres que está mellor. Xa o verás. En canto remates ese decorado estarás orgullosa
da túa primeira obra en solitario. E tamén estou seguro, e poría a miña man no lume se non a
precisase tanto, de que ningún dragón poderá contigo. A que non, Saviana?
- Claro que non -corroborou a decoradora erguéndose-. E agora, se me desculpades... Estou cansa,
voume deitar. Mañá agárdame unha xornada esgotadora. Rosa vello, entón. Eh, Niki?
- Si, -dixo a rapaza-. Vaille encantar.
- Moi ben, ti es a experta. Fareiche caso. A ver que di ela. Se me berra, direille que che veña pedir
contas a ti.
- Asumo a responsabilidade -aceptou Niki, rindo por fin.
Teresa González Costa: Eu, pel.

2. Resume en tres liñas o texto narrativo propiamente dito.

8
UNIDADE DIDÁCTICA 2: RECICLADO
LINGUA GALEGA E LITERATURA – 2º ESO
3. OS CONECTORES TEXTUAIS
Un texto non é unha sucesión de enunciados sen conexión. Ao longo do discurso, os distintos
parágrafos e oracións relaciónanse entre si, de modo que adquiren un significado completo. Os
conectores son os encargados de enlazar ou conectar as partes dun texto.
Polo tanto, os conectores textuais serven para relacionar diferentes enunciados de xeito que formen un
único texto cohesionado e con sentido completo.

I. Conectores aditivos, temporais e espaciais


a) Conectores textuais aditivos ou sumativos. Serven para engadir información (e, ademais, despois,
por riba, así mesmo, tamén, do mesmo xeito, tampouco...): Non avisaron e por riba chegaron tarde.
b) Conectores textuais temporais. Introducen relacións de tempo (cando, de súpeto, nese momento,
entón, daquela, máis tarde, mentres tanto, naquel tempo, enseguida...): Imos saír dentro dunha hora.
Mentres tanto podo axudarche a facer o xantar.
c) Conectores textuais espaciais. Introducen relacións de espazo (en fronte, diante, detrás, arriba,
abaixo, ao fondo, á dereita, á esquerda, por riba...): Sentaron na terceira fila. Diante, estaban os
familiares dos actores: ao fondo, as persoas que non tiñan invitación.

II. Conectores opositivos, causais e organizadores


a) Conectores textuais opositivos. Serven para expresar que o que segue se opón ao xa dito (non
obstante, porén, pero, mais, pola contra, con todo, malia todo, aínda así, no entanto...): É bo comer
froitas acotío; pola contra, recoméndase non abusar dos doces.
b) Conectores textuais causais e consecutivos. Introducen relacións de causa e consecuencia (así
que, así pois, xa que logo, daquela, polo tanto, por iso, polo que, de aí que...): É unha aldea afastada
e moi tranquila. Por iso cando teño uns días sempre vou.
c) Conectores organizadores do discurso. Serven para ordenar a información dentro do discurso.
Poden usarse:
- Para comezar: en primeiro lugar, antes de nada, nun principio...
- Para continuar: en segundo lugar, por outra parte, deseguido...
- Para finalizar: por último, para concluír, en conclusión, en resumo...

9
UNIDADE DIDÁCTICA 2: RECICLADO
LINGUA GALEGA E LITERATURA – 2º ESO
ACTIVIDADES
1. Dálle unha orde lóxica aos seguintes acontecementos. Despois relata o que ocorreu utilizando
conectores textuais. Poden serche de axuda os que aparecen no seguinte cadro.
por riba - ás présas - mentres tanto – despois – enseguida – daquela - naquel tempo - máis tarde
axiña - de súpeto - nese momento - á esquerda - á dereita – despois

- Respirou fondo porque viu que o seu voo estaba atrasado. - Todo volveu á calma.
- Estaba sentada unha señora moi asustada. - Espertou sobresaltada.
- Puido aterrar en Hong Kong sen problema. - Aínda non fixera a maleta.
- Aproveitou para facer algunhas compras para a viaxe. - Preparou o almorzo.
- Ela quedou durmida escoitando música. - Chamou un taxi
- Había un neno que non paraba de chorar. - Marchou ao aeroporto.
- Tivo que agardar no aeroporto. - Despegou o avión.
- Esa mañá non lle soara o espertador. - O avión empezou a dar tombos.
- Fixo a equipaxe.

2. Imaxina que tes un amigo que quere galeguizar o seu nome e pregúntache se ti sabes como ten
que facer. Escribe un pequeno texto onde expliques ordenadamente os pasos que debe seguir.
Para iso, emprega os conectores organizadores do discurso.
No seguinte cadro aparece información que vas precisar:
INSTRUCIÓNS PARA GALEGUIZAR O NOME
1. Solicitar unha fe de vida no Rexistro Civil onde se teña rexistrado o nacemento.
2. Presentar, no propio Rexistro, unha solicitude de galeguización de nome (ou apelidos).
3. Dirixir unha instancia á comisaría solicitando a corrección do nome no DNI; débese levar a
certificación do Rexistro Civil.
4. Galeguizar, presentando o DNI, o nome ou apelidos na restante documentación; tarxeta do Sergas,
carné de conducir etc.

10
UNIDADE DIDÁCTICA 2: RECICLADO
LINGUA GALEGA E LITERATURA – 2º ESO
3. As palabras destacadas no texto son conectores textuais. Saberías dicir de que tipo son?
Substitúeos por outros equivalentes.
Saúde por cartos
Científicos da Universidade de Alberta (Canadá) atoparon unha cura contra o cancro que elimina as
células afectadas por tumores, con todo, carecen de fondos para continuar coas investigacións e as
farmacéuticas non queren apoiar este descubrimento.
Xa existe cura contra o cancro, utilizando unha substancia que consegue eliminar as células
“malignas” dos tumores. Non obstante, como esta substancia non require patente e é barata en
comparación cos medicamentos usados para combater o cancro polas grandes farmacéuticas, a
investigación non recibiu moita axuda nin está facéndose eco nos medios. (...)
O Premio Nobel de Medicina, Richard J. Roberts, falou nunha entrevista sobre como os fármacos
que curan non son rendibles e non son desenvolvidos polas farmacéuticas que, en cambio, si
desenvolven medicamentos que sexan consumidos de forma serializada. Nestes momentos as “curas
que curan” non achegan beneficio económico e, xa que logo, as farmacéuticas non invisten nelas.
Polo tanto, a saúde non semella ser máis ca un negocio das multinacionais.
http://ies.franciscoasorey.ccmc.climantica.org/ (adaptación)

11
UNIDADE DIDÁCTICA 2: RECICLADO
LINGUA GALEGA E LITERATURA – 2º ESO
4. VOCABULARIO: A ALIMENTACIÓN
1. Completa coas vogais as seguintes palabras para formaren alimentos. Despois di en que
sección do supermercado os mercarías.
1) ___M___R___D___ 12) QU___ ___X___ FR___SC___
2) ___ ___G___R 13) ___V___S
3) X___M___N C___C___D___ 14) L___R___
4) M___NT___ ___G___ 15) ___LL___
5) R___P___NT___ 16) C___G___MBR___
6) L___ ___T___G___ 17) C___B___C___Ñ___
7) P___N R___L___D___ 18) ___M___ ___X___
8) ___SP___G___ ___T___S 19) C___ ___LL___
9) X___ ___D___ 20) C___ST___L___
10) CH___CH___R___S/___RV___LL___S 21) R___B___L___Z___
11) C___ST___L___T___ D___ T___NR___ ___R___ 22) L__ ___T___

a) Peixaría: b) Carnizaría: c) Produtos lácteos:


d) Chacinaría: e) Froitas e hortalizas: f) Pastas:
g) Panadaría: h) Conxelados:

2. Le con atención o seguinte texto e localiza as palabras que se corresponden coas definicións.
Dieta atlántica: saborosa, saudable... e online
Cantas calorías proporciona un lacón con grelos? Cal é o valor enerxético dunha ración de callos?
Que prato principal escollo se quero tomar unhas filloas de sobremesa? As respostas están nunha
ferramenta interactiva que nos axuda a elaborar menús equilibrados sen renunciar aos sabores da
cociña tradicional.
A miúdo atopámonos cun problema á hora de confeccionar o menú diario nos nosos fogares: como
conxugamos os mellores pratos da gastronomía galega cunha alimentación saudable e equilibrada?
Para lle dar solución a esta inquedanza naceu a páxina www.dietaatlanticogallega.com. A web
permítenos coñecer o valor nutricional da cociña galega, modificar ingredientes segundo as nosas
necesidades e controlar a dieta de xeito rápido, doado e contrastado por nutricionistas.
Baixo a dirección científica de catedráticos da Universidade de Vigo realizouse unha valoración
completa de 300 pratos tradicionais. Un a un, determinouse que nutrientes lle achegan ao noso
organismo: quilocalorías, carbohidratos, graxas, proteínas...

12
UNIDADE DIDÁCTICA 2: RECICLADO
LINGUA GALEGA E LITERATURA – 2º ESO
Na sección “Libro de receitas” podemos crear un menú persoal e equilibrado dun xeito intuitivo.
Utilizando un selector, debemos escoller un menú conformado por tres pratos. Dentro de cada
apartado as receitas están divididas en ovos, mariscos, peixe, queixos, vexetais, sopas e caldos.
O consumidor pode adaptar as receitas de toda a vida segundo o seu propio gusto, de modo que as
características nutricionais se recalculan automaticamente. Iso si, hai que tomar estas indicacións de
modo orientativo por se referiren unicamente ao xantar, sen considerar outras comidas coma o
almorzo, a merenda e a cea.
http://revista.mundo-r.com (adaptación)

a) s.m. Comida do mediodía:


b) s.f. Alimento (froita, doce, confeito etc.) que se toma ao final dunha comida:
c) s.m. Substancia que nutre:
d) adx. Que ten moito sabor e é agradable ao padal:
e) s.f. Unidade de medida térmica equivalente á cantidade de calor necesaria para elevar nun grao
centígrado a temperatura dun gramo de auga:
f) s.m. Primeira comida do día:

3. Coloca os seguintes alimentos no grupo de adxectivos que lle corresponda.


queixo – pomelo – pan – vinagre – xeado – peixe – chocolate – pan torrado – pomelo – tomate
menta – café – leituga – cenoria – mel – leite – guiso – pizza – caldo – limón – chocolate – arroz
biscoito

a) Acedo: b) Balorento: c) Crocante:


d) Eslamiado: e) Morno: f) Larpeiro:
g) Cru: h) Mol:

4. Clasifica os seguintes verbos na categoría correspondente. Usa o dicionario se non sabes o


significado dalgunhas palabras.
moer – merendar – sazonar – nutrir – cortar – relar – triturar – almorzar – adobar – torar – cear
condimentar – manter – tallar – xantar – cebar

a) Cortar en porcións: b) Comidas do día: c) Aderezar alimentos:


d) Alimentar: e) Picar alimentos:

13
UNIDADE DIDÁCTICA 2: RECICLADO
LINGUA GALEGA E LITERATURA – 2º ESO
5. LINGUAS MINORITARIAS E MINORIZADAS
Desde o punto de vista lingüístico, todas as linguas teñen idéntico valor. Así, non hai linguas mellores
nin peores, pero:
- Hai linguas que teñen escrita e outras non.
- Hai linguas cuxas regras están recollidas nunha gramática e outras non.
- Hai linguas que podemos escoitar no cine e na televisión e outras non.
- Hai linguas que podemos aprender na escola e outras non.
- Hai linguas empregadas polos políticos e xente “famosa” e outras non.
Todas estas circunstancias que rodean as linguas provocan que unhas poucas concentren o poder social,
mentres outras quedan marxinadas ou afastadas dos ámbitos de prestixio. En función do seu papel na
sociedade, distinguimos entre linguas minorizadas e linguas dominantes. Estas últimas tenden a
impoñerse sobre as outras a través dos medios de que dispoñen os seus estados e falantes: a
administración pública, o ensino, os medios de comunicación etc.
Non debemos confundir as etiquetas minorizada e minoritaria, xa que responden a criterios distintos:
• Punto de vista cuantitativo:
- Lingua maioritaria: que conta con maior número de falantes en comparación coas outras do mesmo
territorio.
- Lingua minoritaria: que conta con menor número de falantes.
• Punto de vista cualitativo:
- Lingua dominante: a predominante nos ámbitos de prestixio, como os medios de comunicación, o
ensino, a política etc.
- Lingua minorizada: a que se ve afastada dos ámbitos de prestixio.

O caso galego
En moitos casos, linguas maioritarias resultan, en cambio minorizadas. Isto era o que pasaba por
exemplo en Galicia nos denominados Séculos Escuros: a gran maioría da poboación falaba galego,
pero as clases ricas e poderosas, unha porcentaxe mínima, falaban castelán. Polo tanto, o galego era a
lingua maioritaria pero o castelán era a que contaba co prestixio social, a que se consideraba culta e
elevada.
Ao longo da historia, pode variar moito o papel social de cada lingua, ao transformárense as súas
circunstancias sociais, políticas e económicas. Así, o galego na Idade Media non só era a lingua
maioritaria da poboación, senón tamén a que tiña o prestixio social, tanto en Galicia como fóra dela.
De aí que fose a lingua utilizada para escribir as famosas cantigas medievais, cuxos autores eran reis
e nobres.
14
UNIDADE DIDÁCTICA 2: RECICLADO
LINGUA GALEGA E LITERATURA – 2º ESO
ACTIVIDADES
Táboa 1. Uso do galego (IGE: 2003) Táboa 2. Uso do galego (IGE: 2013)
a) En galego sempre: 1.112.670 (42,98%). a) En galego sempre: 789.157 (30,84%).
b) Máis galego ca castelán: 471.781 (18,22%). b) Máis galego ca castelán: 513.325 (20,06%).
c) En castelán sempre: 506.322 (19,56%). c) En castelán sempre: 664.052 (25,95%).
d) Máis castelán ca galego: 484.881 (18,73%). d) Máis en castelán ca galego: 563.135 (22,00%).
e) Outras situacións: 13.005 (0,50%). e) Outras situacións: 29.536 (1,15%).

1. Segundo a táboa 2, cal é a lingua maioritaria actualmente en Galicia? Para facer o cálculo
suma por un lado as dúas opcións máis favorables ao galego e, polo outro, as dúas opcións máis
favorables ao castelán.
• E en 2003 (táboa 1), cal era? Que diferenzas observas entre os dous anos?
• Repara na opción “outras situacións”. A que cres que se debe o cambio nese período de dez anos?

2. “O maltés é a lingua dos máis de 410.000 habitantes das tres illas da República de Malta (datos
de 2008)”. “O maltés é lingua oficial de Malta xunto co inglés. Utilízase no Parlamento, na
xustiza, nas igrexas e é o medio de instrución das escolas estatais de primaria e secundaria”.
• Parécenche moitos 410.000 falantes? Consideras que o maltés é unha lingua maioritaria ou
minoritaria? Xustifica a resposta.
• Cualificaríala como unha lingua minorizada ou non? Por que?

15
UNIDADE DIDÁCTICA 2: RECICLADO
LINGUA GALEGA E LITERATURA – 2º ESO
6. FORMACIÓN DE PALABRAS (II): PREFIXOS E SUFIXOS
Os morfemas derivativos, que completan o significado do lexema ao que van unidos, poden ser de
dous tipos: prefixos (van antes do lexema) e sufixos (van despois do lexema e poden ser derivativos
ou apreciativos).
a) Prefixos
- Os prefixos colócanse antes do lexema para engadirlle un significado distinto. Se, por exemplo, a
definir lle engadimos pre-, que significa “anterioridade no espazo ou no tempo”, obtemos predifinir,
que é “determinar algo con anticipación”.

b) Sufixos
- Os sufixos derivativos colócanse despois do lexema e modifican o seu significado. Poden cambiar
ou non a categoría gramatical da palabra base.
- favor (substantivo) + -ecer > favorecer (verbo).
- parvo (adxectivo) + -ada > parvada (substantivo).
- nadar (verbo) + -dora > nadadora (adxectivo).
- carballo (substantivo) + -eira > carballeira (substantivo).

- Os sufixos apreciativos modifican o significado da palabra base, pero non cambian a súa categoría
gramatical.
- Diminutivos: rapaz (substantivo) > rapazolo (substantivo).
- Afectivos: bo (adxectivo) > boíño (adxectivo).
- Ponderativos: barriga (substantivo) > barrigola (substantivo).
- Aumentativos: casa (substantivo) > casona (substantivo).
- Despectivos: xente (substantivo) > xentuza (substantivo).

ACTIVIDADES
1. Sinala o prefixo de cada unha destas palabras.
Incumprir anteollos supervivente
Cohabitar retrovisor transatlántico
Desigual submarino pronome
contradicir solombo insostible
extraterrestre infravalorar previsión

16
UNIDADE DIDÁCTICA 2: RECICLADO
LINGUA GALEGA E LITERATURA – 2º ESO
• Búscaas no dicionario e di cal é o significado de cada unha delas. Despois indica tamén o significado
do seu prefixo. Fíxate no exemplo: incumprir: non cumprir un contrato, compromiso, promesa etc.
in-: “negación”.

2. Partindo dos prefixos que che ofrecemos tes que crear a palabra que se corresponde coas
seguintes definicións.
VICE-, AMBI-, AN-, HIPER-, PRE-, E-, ENTRE

1. Dise de quen non sabe ler nin escribir.


2. Persoa que exerce as funcións de presidente na ausencia deste.
3. Deixar o propio país para establecerse noutro.
4. Establecemento comercial de venda de diversos produtos que se caracteriza polas súas grandes
dimensións.
5. Que posúe asemade dous valores ou dúas significacións opostas.
6. Intervir alguén nun asunto alleo sen que sexa requirida a súa participación.
7. Etapa anterior á historia que se divide en dous grandes períodos: Paleolítico e Neolítico.

3. Embaixo hai tres palabras de distintas categorías: un adxectivo (enfermo), un substantivo


(libro) e un verbo (andar).
• Engádelles os sufixos da dereita e forma todas as palabras novas, con significado, que sexa posible.
• Di en cada caso se a palabra resultante é un substantivo ou un adxectivo.
• Cal é o significado de cada unha das palabras novas que formaches?

-nte
enfermo -idade
-iño/-iña
-eiro/-eira
libro + -aría
-izo/-iza
-ble
andar -dor/-dora
-azo/-aza

17
UNIDADE DIDÁCTICA 2: RECICLADO
LINGUA GALEGA E LITERATURA – 2º ESO
7. VOGAIS E CONSOANTES
• Órganos fonadores: alvéolos, beizos, dentes, lingua, padal e veo do padal.

a) VOGAIS
As cinco vogais do alfabeto galego representan sete sons ou pronuncias diferentes, xa que o e e o o
poden ser abertos (acerto, home) ou pechados (coller, hoxe).

b) CONSOANTES
O alfabeto galego conta con dezaoito consoantes. A súa pronuncia caracterízase, fronte ás vogais,
porque o aire que utilizamos cando as pronunciamos sempre atopa na boca algún tipo de obstáculo ou
obstrución ao saír. Deste xeito, as consoantes clasifícanse tendo en conta tres elementos:
I. O punto de articulación: lugar onde os órganos da articulación obstrúen a saída do aire. Segundo
o punto de articulación as consoantes poden ser:
- Bilabiais: achéganse os dous labios (b, v, m, p).
- Labiodentais: o labio inferior toca os dentes superiores (f).
- Interdentais: a lingua sitúase entre os dentes (c, z).
- Dentais: a lingua apóiase nos dentes superiores (d, t).
- Alveolares: a lingua toca os alvéolos (n, l, r, rr, s).
- Palatais: a lingua elévase contra o padal (ñ, ll, x, ch).
- Velares: a parte posterior da lingua apóiase no veo do padal (g, gu, nh, c, q/qu).

II. O modo de articulación: maneira en que se obstrúe o aire. Segundo o modo de articulación, as
consoantes poden ser:
- Oclusivas: b, v, p, d, t, g/gu, qu/c.
- Fricativas: f, c, z, s, x.
- Africadas: ch.
- Nasais: m, n, ñ, nh.
- Laterais: l, ll.
- Vibrantes: simple (r), múltiple (rr).

III. Vibración das cordas vocais. Segundo a vibración das cordas vocais, as consoantes poden ser:
- Sonoras: b, v, m, d, n, l, r, rr, ñ, ll, g, gu, nh.
- Xordas: p, f, c, z, t, s, x, ch, q, qu.

18
UNIDADE DIDÁCTICA 2: RECICLADO
LINGUA GALEGA E LITERATURA – 2º ESO
ACTIVIDADES
1. Une cada grafía co fonema ou fonemas correspondentes.
[o]
[E] a
[a] e
[O] i
[i] o
[u] u
[e]

2. Pronuncia en voz alta as palabras destacadas no texto.


• Clasifica as vogais subliñadas segundo teñan timbre aberto ou pechado.
Unha mañá estaba a ler no libro na cociña de Iruain, cando apareceu o meu tío acompañado polo
médico, o pai de Susana. Adoitaba visitalo cada certo tempo, para tomarlle a tensión arterial,
segundo dicía o tío, mais tamén para parolar un anaco ou para írense xuntos de excursión.
Era un home lacónico, que roldaba os sesenta anos, vestido sempre con chaquetas escocesas e
gravatas escuras. O seu nome era don Manuel, mais os campesiños chamábanlle mediki iharra, “o
médico fraco”.
Mirou de esguello o libro que estaba a ler e, sen deixar de camiñar cara ao cuarto do tío, chocou
varias veces as palmas das mans. Nun primeiro momento non entendín o xesto. Decateime cando
pecharon a porta do cuarto e fiquei só. Don Manuel dedicárame un aplauso silencioso.
Bernardo Atxaga: O fillo de acordeonista.

3. Completa as seguintes palabras coa consoante que aparece definida. Despois le en voz alta
cada unha das palabras fixándote no punto de articulación, isto é, en como colocas os beizos e a
lingua para pronunciar a consoante que escribiches.
a) __ALA. Consoante oclusiva, bilabial, sonora.
b) BU__O. Consoante fricativa, labiodental, xorda.
c) CA__O. Consoante vibrante múltiple, alveolar, sonora.
d) __ATO. Consoante oclusiva, velar, sonora.
e) CA__A. Consoante nasal, bilabial, sonora.
f) CAMI__O. Consoante nasal, palatal, sonora.

19
UNIDADE DIDÁCTICA 2: RECICLADO
LINGUA GALEGA E LITERATURA – 2º ESO
8. LITERATURA: OS XÉNEROS LITERARIOS
As obras literarias, segundo o seu contido e a súa estrutura, clasifícanse en xéneros literarios:
• Xénero narrativo: reúne textos que contan unha historia que lles sucede a uns personaxes nun espazo
e nun tempo. Adoitan estar escritos en prosa pero tamén poden estar en verso (poesía narrativa).
• Xénero lírico: comprende textos, case sempre escritos en verso, nos que o poeta expresa os seus
sentimentos mediante unha linguaxe coidada.
• Xénero teatral ou dramático: está formado por obras que presentan unha historia a través do diálogo
dos personaxes. Estas obras están concibidas para ser representadas en escena por uns actores. Poden
estar escritas en verso ou en prosa. Pertencen a este xénero a comedia, o drama, a traxedia...

OS SUBXÉNEROS LITERARIOS
Á súa vez, cada xénero literario ten outros subxéneros:
• Subxéneros narrativos: novela, conto, lenda, microconto, fábula...
• Subxéneros líricos: elexía, oda, sátira, égloga, canción...
• Subxéneros dramáticos: comedia, traxedia, drama, sainete, melodrama...

ACTIVIDADES
TEXTO 1: O XOGRAR REINALDOS
ACTO 1
(Aparece en escena o xograr Reinaldos dacabalo de Sinforoso. O cabalo moi grande non é, nin
tampouco está ben mantido, pero carga co xograr, coa cítola e co laúde deste, cun fardelo repleto
e mesmo cunha gaiola de madeira na que vai durmida unha pomba branca, todo o cal figura sobre
as súas ancas cal unha torre de difíciles equilibrios.)
CABALO SINFOROSO (Con voz de cabalo canso, entre rinchos): Aínda falta moito para chegar,
señor?
XOGRAR REINALDOS: Xa non pode faltar moito, Sinforoso.
CABALO SINFOROSO: Mirade que vou canso de andar e de cargar con vós, señor. A ver se mirades
de alixeirar a mantenza, que nos últimos tempos pesades un pouco de máis...
XOGRAR REINALDOS: Non te queixes, Sinforoso. Non me sexas melindroso. Eu sempre fun cabaleiro

de peso lixeiro e corpo galano.


Xosé Neira Cruz: A noite da raíña Berenguela, Planeta & Oxford.

1. A que xénero literario pertence o texto 1? Xustifica a túa resposta.

20
UNIDADE DIDÁCTICA 2: RECICLADO
LINGUA GALEGA E LITERATURA – 2º ESO
2. Resume o seu contido.

3. Analiza a información que transmiten as anotacións en cursiva.

TEXTO 2: A RAPOSA E A CEGOÑA


Un día a raposa foi visitar a cegoña e convidouna a xantar. Na noite seguinte, a cegoña chegou á
casa da raposa.
- Que ben ole! -dixo a cegoña ao ver á raposa facendo a comida.
- Ven, imos comer -dixo a raposa, mirando o cumprido bico da cegoña e ríndose para si mesma.
A raposa, que fixera unha saborosa sopa, serviuna en dous pratos chans e comezou a lamber a súa.
Pero a cegoña non puido comer: o peteiro era demasiado longo e estreito e o prato demasiado plano.
Era, porén, demasiado educada para queixarse e volveu para a casa cheíña de fame.
A cegoña pensou e volveu pensar e comprendeu que a raposa merecía unha lección. E convidouna
tamén a xantar. Fixo unha apetitosa e recendente sopa, tal e como fixera a raposa. E serviuna en
xerras moi altas e estreitas, totalmente apropiadas para introducir o seu longo bico.
- Anda, ven comer, amiga raposa. A sopa está deliciosa -explicou a cegoña, co aire máis cándido do
mundo.
E foi esta vez a raposa a quen non puido comer nada: os xerros eran demasiado altos e estreitos.
- Moitas grazas, amiga cegoña, pero non teño ningunha fame -respondeu a raposa moi pesarosa.
E regresou para a casa de moi mal humor, porque a cegoña lle devolvera a xogada. “Nunca fagas
aos outros, o que non queiras que che fagan a ti”.
La Fontaine.

4. Localiza os trazos característicos dunha fábula.


- Cal é a ensinanza moral que recolle a sentenza final?

21

You might also like