You are on page 1of 3

COMPOSICIÓN 21 (SÉCULO XX) – Podcast Somos Historia · Episodio 39

A TRANSICIÓN: DA AGONÍA DO FRANQUISMO Á CONSTITUCIÓN DE 1978


@miguelabraira

Sempre tendo en conta a información subministrada polos documentos o alumnado deberá demostrar que
coñece o contexto no que se levou a cabo a Transición, así como as diferentes medidas postas en marcha polos
primeiros gobernos da monarquía para chegar á implantación dunha democracia parlamentaria desde a
legalidade franquista vixente. Fará fincapé na Lei para a Reforma Política, as primeiras eleccións democráticas
e os principios fundamentais da Constitución de 1978.

Entre a morte de Franco, o 20 de novembro de 1975, e a aprobación da Constitución en 1978,


comeza unha nova etapa chamada Transición democrática,
na que se abandona a ditadura para pasar a un sistema democrático e ao modelo de Estado actual.

CONTEXTO NO QUE SE LEVOU A CABO A TRANSICIÓN


A morte de Franco en novembro de 1975, abría un período de gran incertidume,
cunha enorme tensión en torno a “o Dilema” e cos españois divididos entre 3 opcións:
• Inmobilistas ou continuistas (tamén chamados O Búnker), partidarios de continuar co réxime
franquista sen ningún cambio (“después de Franco, el franquismo”)
• Reformistas: partidarios de reformar gradualmente o réxime nunha democracia (postura que
sería a escollida polo rei Juan Carlos I, apoiándose en franquistas novos como Adolfo Suárez).
• Rupturistas: partidarios de comezar unha democracia desde cero, xulgando aos membros do
réxime franquista (postura defendida por comunistas e socialistas).

O reformismo acabaría sendo a opción escollida e triunfante. Por que? Debido sobre todo a:
-a postura das oligarquías españolas, que creían que a mellor maneira de superar a crise de 1973 era
mediante a entrada na CEE (xerme da Unión Europea), algo imposible mentres seguise a ditadura.
-a postura do rei Juan Carlos, quen pese a xurar fidelidade ao Movemento (continuista)
se referiu no seu 1º discurso como rei a ideas como tolerancia, liberdade, reconciliación ou
recoñecemento de diferenzas rexionais (reformista)... inclinándose finalmente por esta vía.
-a elección por parte do rei de Adolfo Suárez como novo presidente do goberno,
un falanxista novo e tamén reformista, co que substituiu ao inmobilista Arias Navarro,
e que demostraría unha gran capacidade para negociar con todas as ideoloxías e dirixir a transición.
-e a elección do Xeneral Gutiérrez Mellado como ministro de Defensa, para calmar aos militares

As dificultades viñeron das diferentes reaccións contra este reformismo:


• Os rupturistas comezaron a atraer a múltiples partidos á plataforma Coordinación Democrática,
máis coñecida como Plataxunta*, desde a que convocaron manifestacións e folgas,
pedindo liberar aos presos políticos, legalizar todos os partidos, convocar eleccións libres...
• O exército, moi nervioso ante a posibilidade de que se legalizara o PCE (oposición máis dura),
ameazaba con dar un golpe de estado para continuar co réxime franquista.
• E por último os terroristas responderon cunha enorme cantidade de atentados,
tanto de ETA (independentistas vascos), GRAPO (antifascistas), e grupos fascistas varios,
todos co obxectivo de boicotear a vía reformista e provocar ao exército para que saltara.

MEDIDAS POSTAS EN MARCHA POLOS 1º GOBERNOS PARA IMPLANTAR A DEMOCRACIA


De maneira automática, en aplicación da Lei de Sucesión de 1947 (a 5ª lei fundamental do franquismo),
coa morte do ditador, Juan Carlos I converteuse en novo Xefe do Estado o 22 de novembro de 1975,
iniciando así os mecanismos legais para dar continuidade ao franquismo na súa persoa,
e pronunciando un primeiro discurso, moderado, con algunha vaga referencia á renovación.

O 1º Goberno da Monarquía comezou tendo como presidente ao franquista e inmobilista Arias Navarro,
que se esmerou en defender a permanencia do réxime, reprimindo coa policía calquera protesta,
ata que, presionado polo rei (ansioso de iniciar reformas), acaba presentando a súa dimisión en 1976.

Para substituílo, o rei nomeou novo presidente do Goberno a Adolfo Suárez (xullo do 76),
un falanxista novo, que desempeñara importantes cargos no réxime, e que parecía máis do mesmo.
Pero Suárez vaise amosar de inmediato como un reformista intelixente e valente,
logrando poñer en marcha as reformas necesarias para levar a cabo a transición:
1. Suárez anunciou rapidamente que convocaría eleccións xerais libres,
e como proba, decretou unha amnistía para todos os presos políticos (sen delitos de sangue).
2. Para legalizar a transición desde as institucións da ditadura a unhas novas institucións democráticas,
o presidente das Cortes, Torcuato Fernández Miranda, elaborou a Lei para a Reforma Política*,
que marcaba os pasos a dar para transformarse en democracia, baixo o control de Coroa e Goberno.
Suárez tivo que presentar esta Lei ante as Cortes franquistas, logrando a súa aprobación por maioría,
o que supoñía... a súa autodisolución! (por iso estas últimas Cortes foron chamadas Cortes haraquiri).
A aprobación desta lei, que legalizaba o inicio da transformación á democracia,
foi sometida tamén a referendo (dec.76), cos franquistas e os rupturistas pedindo o NON;
gañou o SI claramente, demostrando o apoio dos españois á vía reformista iniciada por Suárez.
De feito foi a partir deste logro que os partidos rupturistas, agrupados na Platuxunta,
comezaron a crer nas posibilidades de éxito da vía reformista.
3. Estes éxitos da vía reformista provocaron a chamada Semana Negra da Transición (xan’77),
con atentados de grupos terroristas de ultradereita (a Matanza de Atocha, vs. avogados do PCE)
da ultraesquerda (o GRAPO, vs. Policías, gardas civís e militares) e de ETA,
todos co obxectivo de boicotear e facer fracasar a vía reformista, provocando aos militares.
Suárez logrou aguantar esa presión e calmar ao exército decretando un estado de excepción
(suspensión de liberdades, para garantir a orde no país).
4. O seguinte paso, aprobada a Lei de Reforma Política, era convocar eleccións xerais.
Para que foran 100% democráticas, legalizáronse todos os partidos políticos,
incluso o PCE (Partido Comunista), o “ogro” do franquismo,
algo que Suárez anunciou por sorpresa nun Sábado de Semana Santa do 77 (Sábado Rojo),
e que os comunistas celebraron con moita moderación, evitando provocar ao exército,
xa que esta era precisamente a liña vermella que os militares marcaran a Suárez,
pero ao contar co respaldo do rei, o exército acabou asumindo esta legalización.
A cambio, o PCE de Santiago Carrillo, aceptou o rei, a bandeira bicolor e a economía capitalista.
Ao tempo, Suárez disolveu o Movemento Nacional e recoñeceuse a liberdade sindical (abril’77).
5. Agora si, convocáronse eleccións xerais a Cortes Constituíntes para xuño 77.
Eran as primeiras eleccións democráticas en España desde as de febreiro de 1936,
e delas sairían as Cortes que debaterían e aprobarían pouco despois a Constitución do 78.
Nas eleccións, os españois votan sobre todo moderado-centro, con estes resultados:
• Gañou a UCD (Unión de Centro Democrático, liderada por Adolfo Suárez),
coalición de partidos liberais de centro, que queda a pouco da maioría absoluta.
• Seguida polo PSOE (Partido Socialista Obreiro Español, de Felipe González), 118 esc.,
que sorprendentemente superou ao PCE, converténdose en líder da oposición.
• O 3º posto foi para o PCE, que durante toda ditadura se distinguira na loita contra Franco,
e que liderado por Santiago Carrillo, apenas conseguiu 20 escanos.
• O 4º posto foi para AP (Alianza Popular), o partido de dereita do ex-ministro franquista
Manuel Fraga, que non logrou captar o voto conservador (foi a Suárez), con 16 escanos.
• E lograban representación tamén, entre outros, diversos partidos nacionalistas cataláns
ou o PNV vasco (con 8 escanos)... pero non a extrema dereita nin a extrema esquerda.
6. Suárez logrou que partidos, sindicatos e empresarios asinaran os Pactos da Moncloa*,
nos que se comprometían a traballar para lograr a estabilidade do país.
Pero ademais da elección do Presidente, estas Cortes debían elaborar unha Constitución,
que deseñase o novo modelo de Estado da España monárquica e democrática.
7 deputados (de partidos varios) encargáronse de redactar o borrador ou proxecto,
buscando o consenso ou acordo previo entre partidos moi diferentes (UCD, PCE, AP...),
e logrando a aprobación por maioría nas Cortes,
e despois aprobación en referendum polos españois o 6 de decembro de 1978.
Desde entón, a Constitución define España como (principios fundamentais):
• un Estado Social e Democrático de Dereito: Social porque o Estado ten a obriga de defender
dereitos sociais básicos (educación, traballo, sanidade, vivenda...); Democrático porque a
soberanía reside no pobo, que debe participa na vida do Estado; e de Dereito porque todos
estamos obrigados por igual a cumprir coa Constitución e as leis.
• con forma de monarquía parlamentaria e clara división de poderes:
◦ executivo para Rei (Xefe do Estado... reina pero non goberna) e Presidente do Goberno
◦ lexislativo para as Cortes, bicamerais (Congreso e Senado)
◦ xudicial, para os Tribunais de Xustiza.
• con soberanía popular, expresada mediante sufraxio universal total
• cun modelo de Estado unitario que se organiza en municipios, provincias e Comunidades
Autónomas, recoñecendo así o dereito á autonomía para as rexións e nacionalidades que o
soliciten (nace así un novo modelo: o Estado das Autonomías).
• cun modelo de economía mixta (liberdade de mercado con intervencionismo do Estado)
• e no relixioso, aconfesional (sen relixión oficial) e con liberdade de culto para as persoas...
aínda que disposto a colaborar e axudar ás institucións relixiosas (acordos coa Igrexa).
• E finalmente, con amplos dereitos e liberdades para todos.

Parecía que a transición á democracia estaba rematada, pero...

You might also like