You are on page 1of 2

COMPOSICIÓN DE TEXTO HISTÓRICO: A REFORMA AGRARIA LIBERAL

O triunfo do liberalismo en España provocou importantes cambios sociais e económicos. Para os


liberais, era necesaria unha fonda transformación da agricultura, principal actividade produtiva, para
superar os atrancos institucionais que dificultaban o avance da produción e dos intercambios
agrarios (amortización, vinculación) . A reforma agraria liberal agrupa un conxunto de cambios
xurídico-institucionais que modificaron considerablemente o sistema de propiedade das terras e
impulsaron o desenvolvemento do capitalismo no campo. O obxectivo fundamental que se
perseguía era instituír unha propiedade perfecta, individual, libre, absoluta e unívoca, pois segundo
os principios liberais só así se podía garantir unha asignación correcta dos recursos e, polo tanto, un
aumento da produción e do benestar económico.
As principais medidas que inclúe a reforma agraria liberal son a desamortización, a abolición dos
señoríos e a desvinculación dos morgados. Ademais, tamén cabe mencionar a supresión do dezmo,
a fin dos privilexios da Mesta, a liberdade de cultivos e cercamentos e a liberdade de prezos e
contratación.
A desamortización consistiu na nacionalización polo Estado dos bens amortizados por diversas
institucións (Igrexa, municipios) e na súa posterior privatización a través da venda en pública poxa.
As principais disposicións desamortizadoras aprobáronse nos períodos de goberno progresista
durante o reinado de Isabel II (1833-1868). Porén, existían xa existían antecedentes, como a
desamortización de Godoy en 1798, a iniciada durante o reinado de Xosé Bonaparte (1808) e a
decretada polas Cortes en 1813, que foi retomada en 1820, ao comezo do Trienio Liberal.
O decreto desamortizador de 1836 promovido por Mendizábal, parte do cal aparece recollido no
DOC 1 afectaba ao patrimonio do clero regular, formado por monxes e abades que vivían nos
mosteiros, como se pode ler ao final do DOC 1. En 1841, durante a rexencia de Espartero, unha
nova disposición estendía a desamortización aos bens do clero secular (sacerdotes, bispos), como
podemos ler no DOC 2: “Art. 1. Tódalas propiedades do clero secular (...) son bens nacionais (…).
Art. 3. Decláranse en venda tódalas propiedades, dereitos e accións do clero catedral, colexial,
parroquial”. En 1855, as Cortes aprobaron a Lei de Desamortización Xeral, promovida polo
ministro de Facenda Pascual Madoz, que se recolle parcialmente no DOC 3. Esta lei afectaba a
todos os bens amortizados restantes, tanto aos que aínda pertencían a institucións eclesiásticas,
como aos de titularidade municipal, comunal ou estatal, tal e como indica o DOC 3: “Art. 1.
Decláranse en estado de venda (...) tódolos predios rústicos e urbanos, censos e foros pertencentes:
Ao Estado. Ao clero. Ás Ordes Militares (...) e calquera outros pertencentes a mans mortas, xa
estean ou non mandados vender por leis anteriores”.
Con estas disposicións desamortizadoras pretendíanse conseguir diversos obxectivos. Por un lado,
adaptar a propiedade agraria aos principios liberais para promover o desenvolvemento dunha
economía capitalista, eliminando os atrancos que dificultaban a produción e a circulación, como se
explica no DOC 1. Por outro lado, tamén se buscaba coas desamortizacións ampliar as bases sociais
do réxime liberal, é dicir, conseguir grandes comunidades de novos propietarios que apoiaran ao
liberalismo. Por último, coas desamortizacións tamén se querían incrementar os recursos
financeiros do Estado, afectado por un déficit público e un endebedamento crónicos, como se
aprecia ao inicio do DOC 1.
Os efectos que tiveron as desamortizacións foron variados. Desde o punto de vista financerio, a
venda dos bens nacionais permitiulle ao Estado conseguir os medios económicos que necesitaba.
Así, evitou a súa a bancarrota e puido gañar a guerra carlista e impulsar a construción ferroviaria,
como explica o historiador Josep Fontana no DOC 5: “¿Para que serviu a desamortización? Desde
o punto de vista do goberno a resposta é relativamente sinxela. Na etapa de Mendizábal, para
salvalo da bancarrota e axudarlle a gañar a guerra civil. Na da chamada lei Madoz, para
financiar a construción da rede ferroviaria.”
Desde o punto de vista social, a desamortización supuxo unha inmensa transferencia da propiedade.
O poder económico da Igrexa foi case eliminado, e reduciuse drasticamente a propiedade municipal
e comunal. Os compradores dos bens nacionais foron fundamentalmente membros da burguesía, das
clases medias urbanas e de sectores acomodados da poboación rural. Pola contra, a nobreza e o
campesiñado tiveron un papel pouco significativo na adquisición dos bens desamortizados. Por iso,
ao non beneficiar á maioría campesiña, dise que o proceso desamortizador contribuíu a consolidar
un reparto moi desigual das terras. En adición, boa parte da poboación rural deixou de ter dereitos
sobre os bens comunais e os ingresos dos concellos diminuíron, ao perder estes os bens que
arrendaban. Isto provocou críticas sobre a forma en que se levou na cabo a desamortización,
destacando a figura do progresista Flórez Estada. Boa mostra disto é a opinión do historiador
Francisco Tomás y Valiente, que aparece no DOC 4: “En suma: que a desamortización municipal
se cadra non debeu facerse e que a de bens eclesiásticos e outras “mans mortas” non debeu
facerse como se fixo.”. Para algúns foi unha ocasión perdida para lograr unha distribución máis
equitativa da propiedade, e sería preferible a sistema desamortizador proposto por Flórez Estrada,
como tamén expón Francisco Tomás y Valiente no DOC 4.
Desde o punto de vista produtivo, a desamortización permitiu un aumento da produción agrícola,
aínda que a produtividade se mantivo estable ata o último terzo de século XIX. Ademais, o sector
primario español puido alimentar a unha poboación que pasou de 10,7 a 18,6 millóns de habitantes
e aumentou o número de exportacións.
A pesar de todo, en Galicia a desamortización apenas cambiou as bases do sistema agrario
tradicional, pois mantívose o sistema foral. Ata daquela a Igrexa tiña o dominio directo das terras, e
a desamortización só supuxo un cambio nos titulares deste dominio, que pasou a ser
fundamentalmente da burguesía. Mentres, o campesiñado seguía a ter o dominio útil das terras que
cultivaba. Por outra parte, a maioría dos montes comunais, considerados a base do sistema agrario
tradicional, foron exceptuados da venda.
Outra medida que formou parte da reforma agraria liberal foi a abolición dos señoríos, que
afectaban á metade da poboación española a finais do Antigo Réxime. Para isto os señoríos
dividíronse en señoríos xurisdicionais, nos que o señor exercía a autoridade política sobre os seus
vasalos; e señoríos territoriais, formados por terras que adquirira o señor. Os xurisdicionais foron
abolidos e os territoriais pasaron a ser propiedade do señor. Porén en moitos casos, a distinción na
práctica non era doada, o que ocasionou disputas nos tribunais entre os señores e os campesiños.
Finalmente, no Antigo Réxime, a vinculación do patrimonio de familias nobres por medio do
morgado implicaba que boa parte da riqueza territorial ficara fóra do mercado. Por iso, a través de
diversas leis, decretouse a desvinculación dos morgados. Como consecuencia, os antigos titulares
dos morgados puideron vender e dividir as súas terras.

You might also like