You are on page 1of 7

COMENTARIO AO ARTIGO DA NOSA TERRA DE ANTÓN LOSADA DIÉGUEZ, 1919.

"Os camiños d'o agrarismo galego" 5/8/1919

Artigo publicado en A Nosa Terra nº 96.


Estamos n'un tempo en qu'e preciso recollerse un pouco pra escoller os mais axeitados camiños n'a
vida social e política, tan cheas hoxe de loitas e revoltas.
A aición dos agrarios galegos —santificadores d'a terra— co'a fondísima aspiración de libertar ós
labregos i-erguer a vida d'as nosas aldeas enchéndoas de cultura e de xusticia ten n'estes mesmos
días unha importancia d'a que cumpre nos decatemos abondo.
Ollando o mundo encóllese o curazón de medo e de esperanza. Todo sangra, y-ainda nada frolece.
Anúncianse boas novas e redenciós a eito, mais por decontado a fame y-as loitas non fuxiron.
E n'a España unha espranza ven, y-outra se vai y-a fedenta política enche o país noso de lama e de
movimentos e combinaciós d'os partidos que dan noxo. As ilusiós desfeitas dos homes de boa fe
cuasemente non topan onde pousarse pra alcender a y-alma e quentar as suas ansias.
Mais non se pode acougar. Hoxe como nunca e un debere o loitar polo ideal, pra todos os que o
sintan, e se comprendan irmans dos homes todos.
¿Qué camiño escoller? Ninguén pousa tan en firme como os agrarios que volven a vista a terra, que
se acollen ó agrarismo d'a Natureza. E ningún agrarismo tan forte n'o seu orixe como o agrarismo
galego.
O problema agrario en Galicia non ten que ver co de ningunha outra parte d'España e de fora
d'España. A pequena propiedade e n'a nosa terra a mais, non hay labrego que non sexa propietario e
con todo eisisten un malestar, eisisten graves problemas económicos e de xusticia social n'as nosas
aldeas, problemas que son da vida enteira do mundo, que non se pode esquecer y-hai que resolver.
Lembradevos ben, con todo, agrarios galegos, que sodes fillos de Galicia, qu'a nosa vida d'o campo,
os nosos cultivos, os edios, monte y-augas nosas son d'a terra nosa e teñen un carauter seu que non
se pode confundire, nin se deben estudiar sinón como tales asuntos galegos caraiterísticos y-
enxebres.
Y-os nosos lugares, aldeas e vilas cheos de vividores políticos e de criados d'os grandes amos
políticos que viven n'a capital d'a porvincia ou en Madrid están pedindo unha limpeza, y-unha rega
de ideaes e de aución política tamén enxebre, que non e soilo nosa.
Canto mais n'a realidade vexamos as custións canto mais preto de nos y-en nos mesmos estudiemos
os problemas, mais preto estamos d'a realidade d'o mundo enteiro e mais importancia e forza terán
as nosas soluciós.
Por eso tivo este Congreso agrario d'o vran, esta reunión agraria de Pontareas n'o primeiro ano
despois da guerra un interés excepcional.
Agrarios galegos, xuntádevos todos n'o agarimo d'a terra, n'o colo de Galicia, pra recoller n'ela todo
o entusiasmo y-o espíritu que fai falla.

Estamos ante un texto que proclama a necesidade da mobilización do agrarismo galego,


enxalza as súas virtudes así como a defensa da súa utilidade e necesidade para mellorar o devir da
historia de Galicia na segunda década do S.XX.
A importancia do movemento político coñecido como agrarismo non deixa de medrar ao
longo dos anos, xa que cada vez máis, se lle presta atención pola súa heteroxeneidade,
complexidade e repercusión nos principios ideolóxicos e políticos do nacionalismo galego.
A importancia deste movemento político, non deixa de provocar entusiasmo nas persoas
estudosas da historia contemporánea galega, pasando a ser considerado, a día de hoxe, como o
movemento de masas máis orixinal, complexo e importante da Galicia desta época, porque xerou un
entramado de asociacións agrarias, que ían dende sociedades parroquiais, hasta provinciais, con
continuidade dalgunhas delas hasta 1936. O agrarismo designa un complexo movemento de masas
no que participa activamente o campesiñado, pero que non acada unha concreción ideolóxica e unha
uniformización da súa praxe política, o que dificulta aínda, a día de hoxe, a súa análise, polo que
nos cinguiremos as súas formas organizativas e as diferentes etapas que poden verse na súa
evolución.
O campesiñado galego no S.XIX supuña o 90% da poboación, fraccionado en distintos
grupos, dependendo das relacións de produción:
- Caseteiros e propietarios, eran os máis numerosos.
- Os foreiros, que no cambio de século converteranse en propietarios plenos.
A súa pobreza económica deriva do feito de que a súa produción era absorbida polos
rendistas, usuarios, Igrexa e Estado. A agricultura excedente queda relegada ao seu autoconsumo,
materializado nun policultivo. Entre os impostos que tiñan que pagar temos:
- Décimo, que fora suprimido no Trienio Liberal, pero non será abolido hasta o 1837. Con
anterioridade tamén aboliran votos e primicia, pervivindo os dereitos de estola, pé de altar e oblatas.
- Renda territorial aos donos do dominio directo ou aos seus intermediarios, xeralmente en especie e
anual.
- Os impostos estatais, polo que o Estado liberal sobrecargou aos campesiños con impostos
gravosos debido a:
- Xeneralización da contribución territorial por inmobles, terras e gando.
- Imposto indirecto sobre os consumos, que gravaba todos os produtos consumidos agás o
pan, os de horta e as legumes. Eliminouno o Sexenio pero recuperouno a Restauración, abolido por
Primo de Rivera.
- Cédulas persoais, imposto de hipotecas e os recargos municipais sobre a contribución. Os
concellos foron os encargados de recadas os cupos asignados por medio de repartimentos, pouco
equitativas debido ás presións dos caciques sobre o poder municipal. Era una recadación trimestral
e en metálico.

O réxime foral é un sistema de contrato de cesión da terra por parte de grupos rendistas a
campesiños ou sectores máis ou menos privilexiados por un tempo definido, unhas condicións ben
especificadas que obriga ás partes contratantes e que estipula o beneficio do forista nunha
participación proporcional á colleita ou nunha renda fixa que o foreiro ou usufrutuario do foro terá
que satisfacer. No S.XVI, a presión da poboación determina a desaparición definitiva dos foros
perpetuos ou por moito tempo, para ir cara a unha homoxeneización da cesión por tres vida ou
voces, en ocasións con concesións complementarias como tres voces e 29 anos máis. Isto significa
que do foro perpetuo ou máis que secular se pasa ao foro temporal que, en calquera caso, supón o
goce do mesmo por catro xeracións sucesivas de país a fillos.
Para levar un maior control, no reinado de Filipe IV impúxose a forma das vidas de tres reis
ou raíñas, que, cun pouco de fortuna, permitirán un longo usufruto. Concluído o foro, este podía ser
renovado aos antigos posuidores e, teoricamente, poderíase subir a renda ou tamén admitir a cesión
a novos foreiros que ofrecesen máis renda que os antigos beneficiarios.
O réxime foral, supuña, así mesmo, a satisfacción dunha serie de cargas anexas, sendo as
máis importantes a loitosa, ou cesión da mellor cabeza ou cousa de catro pes á morte do foreiro e o
laudemio, ou dereito a percibir polo forista unha parte do prezo dos bens forais que fosen sometidos
a transferencias, operando este último como un auténtico sistema de control das propiedades dos
foros.
Nos últimos anos abandonouse a liña polémica e avanzouse no estudo preciso e concreto de
casos que achegaron as primeiras liñas seguras, dando como resultado a plasmación do foro como
unha das institucións máis benignas que ofrece a bibliografía comparativa europea do Antigo
Réxime, debido a:
a) A súa tendencia ao estancamento na longa duración. As rendas sufriron un considerable
aumento no S.XVI, pero dende finais deste século, os dominios laicos e eclesiásticos preocúpanse
máis de cobrar as rendas estipuladas nos antigos contratos que de sometelas a procesos de
renovación especulativa.
b) Os espolios, é dicir, a posibilidade teórica de expulsar aos colonos unha vez cumpridas as
voces ou vidas de rei, foro caduco, foron máis un dereito potencial que unha realidade.
c) O sistema de rendas fixas en especies, tampouco supuxo, ningún freo real ao
desenvolvemento de novos cultivos, como sucedeu co millo primeiro e coa pataca despois. Sobre
todo cando eran bos para os intereses rendistas, porque aumentaba a produtividade das explotacións
agrarias. Dende finais do S.XVII ideáronse as fes de valores ou fixacións de prezos cerealeiros nos
meses altos, que servisen de baremo á hora de traducir as rendas de especie en diñeiro.
d) As cargas que acompañan ao réxime foral tamén tenden a reducirse nos tempos
modernos. A loitosa, tende a perder a súa connotación real, para converterse a 1/2 del S.XVII nunha
modesta carga deducida a diñeiro. O laudemio sería a cuarta, quinta ou sexta parte do prezo da
transacción dos bens, no S.XVIII a fórmula que domina é a décima parte, converténdose máis en
fórmulas de control da propiedade que en graves sistema de exacción campesiña.
e) Nas cláusulas forais, reiteradamente transmitidas dun século a outro, na teoría aparecen
limitacións que non se corresponden coa realidade, como demostra o feito de que estaba prohibido
parcelar as terras forais, pero os foristas o facían continuamente nas súas ventas e partillas.
Tampouco se podían transmitirse ben a privilexiados, pero estes ocupaban o papel dominante en
tales situacións, tampouco as terras podían hipotecarse ou ligarse a fundacións pías ou relixiosas,
sen embargo os censos e vinculacións demostran o incumprimento desta cláusula.
Si ben a conflitividade social foi pouco significativa na Idade Moderna en Galicia podemos
falar de tres tipos de causas:

a) - Conflitos derivados do sistema de propiedade da terra e da orde señorial. Os que derivan


dos choques entre señores xurisdicionais e os posuidores do dominio territorial agrario e os
campesiños ou vasalos.
As oposicións orixinadas entre as elites ao redor do control da terra e o usufruto das rendas.
Foi unha loita de longa duración, que xa viña dende a Baixa Idade Media, e na que os RRCC
interviñeron de forma decisiva fortalecendo ás grandes abadías galegas, que darían a cambio de
préstamos, donativos ou relacións familiares amplos forais á pequena nobreza e sectores que
nutrirán á fidalguía, non para explotalos eles mesmos, senón para cedelos a campesiños aos que
impuxeron rendas moi superiores ás orixinais, como aconteceu no priorado de Asma. A partir de
1630 esta boa relación quedou rota. Nesta loita podemos destacar tres momentos clave:
1º.- Entre 1629 e 1637, a Xunta pide a cesión dun servizo de oitocentos mil
ducados para combater os abusos señoriais e a renovación de tódolos foros. No 1633, o
xurisconsulto Francisco Salgado de Somoza presentaba unha alegación en favor da fidalguía.
2º.- Entre 1698 e 1713, a Xunta volve ao ataque lamentando a política de
espolios desenvolvida polos señores. A alegación de 1698 feita a Carlos III polo Marqués de Mos
representa unha vez máis os intereses fidalgos.
3º.- A partir de 1747, daranse enfrontamentos entre as dúas partes, pero será
en 1763 cando presenten os seus mellores memoriais, o Manifesto da Orde de San Bieito e do
Conde de Altamira, que son, respectivamente a expresión dos grandes dominios monásticos e laicos
absentistas. Fronte a estes o Manifesto da fidalguía do licenciado don Antonio de Valladolid,
elevado ao Consello de Castela polo deputado galego Xosé Francisco de Zúñiga e Losada. A
resposta do Consello foi a famosa disposición de 1763, que ordenaba suspender os preitos e
demandas pendentes na Real Audiencia, perpetuando o réxime foral.

b) - Conflitos fronte aos intentos de transformación ou renovación económica. Son conflitos


xerados pola acción do poder central, que pon en marcha as esixencias da creación dun Estado
moderno. O descontento antiseñorial, quedou zanxado na reunión de Melide a fins do 1520, Xunta
que consigue conter o movemento antiseñorial. No S.XVII, a pesar das tenebrosas visións ofrecidas
pola Xunta que aluden ao estado miserable do Reino, ás continuadas e duras levas e ás excesivas
contribucións que causaban a decadencia de Galicia, non se coñecen manifestacións violentas ata
que Carlos III puxo en marcha a liberdade interior do prezo dos grans de 1765, anticipo da máis
violenta cadea de motíns populares da historia moderna de España, ao coincidir cunha mala colleita
cristalizou na proliferación de motíns de subsistencia, que en Galicia, só tiveron repercusión nas
cidades de Coruña e Ferrol.
Outro motín de subsistencia dos tempos modernos produciuse con carácter xeral europeo no
inverno negro de 1709 con grandes repercusións en Galicia pola suba dos prezos, a xente
desprazouse ás cidades a buscar alimentos, o pobo santiagués rebelouse en agosto de 1710
queimando algunhas casas, como a do Marqués de Montesacro.
Neste grupo de levantamentos habería que situar o tumulto de 1790, do que fala Murguía, en
contra da Única, para evitar a aplicación da reforma fiscal en Galicia.

c) - Conflitos centrados ao redor dos intentos de transformación económica. Son conflitos


que se desenvolven no S.XVIII, xusto no momento en que Galicia vive unha especie de
desenvolvemento económico aproveitando a conxuntura alcista. Este intento de cambio estrutural
supuña un cambio brusco con relación ao modo de produción tradicional e provocaron a reacción
das forzas conservadoras, como:
- Enfrontamento entre a elite intelectual galega, Sarmiento, Cornide ou Somoza de Monsoriu, contra
a inmigración catalá nas costas da rexión, nun principio o choque centrouse nas artes pesqueiras
introducidas polo cataláns e de forma moi especial coa xábega, alcanzando o seu punto culminante
no 1812, cando mariñeiros matriculados queimaron algunhas fábricas salgadeiras en Muros.
- Oposición cando Cester, seguindo os planos reformistas do gobernos inspirados en Campomanes,
intenta potenciar a industria do liño en Galicia, cun primeiro ensaio en Ribadeo, para montar alí
unha fábrica de lenzos entre 1774 e 1775. A decidida oposición da Xunta e do Concello de
Santiago, onde se pensaba colocar o segundo centro fabril, deu ao traste co proxecto.
- Enfrontamentos do industrial Raimundo Ibáñez coa súa experiencia de Sargadelos onde unha vez
máis os grupos dominantes que contan aquí cun forte peso rural se opoñen ao máis importante
proceso industrializador da Galicia moderna. Foi a apropiación dos montes comunais e a imposición
de facer carrexos obrigatorios e mal pagados, os que soliviantaron ás masas populares en 1798,
asaltando as fábricas do citado industrial.
Detrás destas masas populares están os grupos privilexiados representados na Xunta e nos
Concellos, xa que o alto clero, como o cabido de Mondoñedo era contrario a Ibáñez, a fidalguía
rural, a pequena burguesía rural, e mesmo, a elite intelectual. É, en definitiva, o decidido
enfrontamento dos grupos dominante do Antigo Réxime, os que defenden o modo de produción
feudal e da sociedade tradicional, contra os perigosos capitalistas que minaban nas súas bases os
supostos dun sistema de relacións sociais, que, en modo algún, estaban dispostos a ver desaparecer.

Temos pois unha economía agraria autosuficiente, con pouca ou nula comercialización, con
industrias domésticas complementarias, como o liño, liquidadas dende o goberno central, nun
contexto de aumento da presión fiscal e o aumento do endebedamento xunto co aumento da usura o
que provocará:
- Emigración.
- O que Carlos Velasco define como a conflitividade social intensa pero intermitente,
protagonizada polo campesiñado galego durante todo o S.XIX. A comezos do S.XX, transfórmase
mediante o uso do marco legal, como os preitos, ou ben coa aparición de formas violentas como
asaltos, malleiras, resistencia ao pago de rendas señoriais ou eclesiásticas xunto coa defensa do uso
e aproveitamento de pastos, montes e augas.
Na conflitividade campesiña galega destaca o período do Sexenio polo que supuxo de
descontento ante as expectativas creadas, así o mantemento do sistema de quintas xunto co sistema
de impostos, que pensaban ían rematar coa revolución, fixo que as súas mobilización foran máis
cruentas, xeneralizadas e radicalizadas.
A comezos do S.XX, a conflitividade xa foi organizada da man do movemento asociativo.
Durante o 1ª 1/3 do S.XX, foi tamén a época na que a agricultura galega amosou as contradicións
profundas e as inercias que agochaba, como eran:
- A pervivencia dunha estrutura da propiedade de orixe feudal.
- Escasas iniciativas modernizadoras pero que requirían intensas transformacións.

O asociacionismo agrarista galego non deixou de medrar nas primeiras décadas do S.XX, en
1910 había 93 Sociedades Agrarias. En 1917, 256. En 1923, 954. A explicación a esta proliferación
témola que ver en:
- O labor do pequeno campesiñado para facer rendible a pequena explotación agraria fronte a
entrada do capitalismo que traía da man a compra de aparellos, sementes e adubos.
- A maior presenza dos sindicalistas, mestres, cregos e persoas adicadas ás profesións liberais que
actuaron como dirixentes agrarios.
- Coñecemento e difusión do asociacionismo dos emigrantes retornados.
As organizacións agraristas eran, xeralmente de dous tipos: Sociedades agrarias e sindicatos
agrícolas, que co tempo podían estar mutuamente relacionadas en ligas, federacións e
confederacións de diferente alcance xeográfico.
As sociedades agrarias, acollidas á Lei de asociacións de 1887, tiveron unha dimensión
reivindicativa e de rexeneración cultural do campesiñado, en tanto que os sindicatos agrícolas,
regulamentados en 1906/1908, respondían a unha variante máis técnica e modernizadora da
agricultura. Fomentados polo catolicismo social, son estes sindicatos a alternativa que pequenos e
medianos propietarios agrarios escolleron para facilitar a integración no mercado das súas
explotacións agrícolas, mediante a adquisición colectiva de adobos e maquinaria e venda dos
excedentes, sobre todo os gandeiros.
Debemos destacar que a pesar de ser coñecido o agrarismo como defensor da loita antiforal
non foi este o seu obxectivo prioritario, senón que este apareceu de forma episódica. O
Sindicalismo agrario católico destaca pola fundación de Escolas de Emigrantes, na compra de
apeiros, na comercialización do gando e no seu saneamento, destacando o programa de construción
de matadeiros, dos cales só conseguiron ser finalizados nos a.30 o de Porriño.
En 1907, creáronse as primeiras federacións territoriais de ámbito comarcal ou provincial
como a “Unión Campesiña” de carácter anarquista nas proximidades de A Coruña. Tamén se crean:
- “Solidaridad Gallega”, formada por republicanos coruñeses con aspectos rexionalistas e
tradicionalistas.
- “Directorio Antiforista de Teis”, Era a federación agrarista máis importante, porque integraba unha
gran parte das asociacións de Pontevedra e algunhas de Ourense, cunha actividade que a levaba a
participar en actos da Coruña e Lugo.
O culmen deste activismo estivo na celebración das Asembleas de Monforte de 1908, 1909 e
1911, nas que a calidade das ponencias foi tal que constituíron un verdadeiro programa de Reforma
Agraria para Galicia, sen que tivera correspondencia no terreo práctico, que no único que conseguiu
acordo foi na liña redencionista. As disensións internas provocaron que a Unión Campesiña fose
dividida en dous sectores, provocando a inoperancia e a inactividade fronte as graves ameazas que
padecía o campesiñado, polo que o Agrarismo pasou a ter relevancia no entramado político e
electoral da Restauración, como reserva electoral dos Solidarios.
Neste contexto suporá unha ameaza ao turnismo, que obrigará aos liberais e aos
conservadores a intensificar a súa presenza nas direccións das organizacións agrarias por medio das
respectivas redes caciquís.
A mediados da década de 1910 cambia de táctica, triunfando as teses abolicionistas e
aumentando as medidas de presión e mobilización, fundouse “Acción Gallega”, dirixida por Basilio
Álvarez en 1922.
Destacar como causas do aumento do activismo a agudización das contradicións sociais no
agro e aumento do nivel de organización e combatividade das asociacións que culminan nos
enfrontamentos de Sobredo, Tui en novembro de 1922, provocando a morte de 3 labregos e unha
durísima represión.
Para o ano 1923 moitos foreiros xa chegaran a acordos directos cos propietarios dos foros e
pola contra o movemento agrarista acumulaba o desgaste xerado por unha dinámica mobilizadora
moi longa no tempo e moi intensa. Nesa data censáronse 234 sociedades e 801 sindicatos, aínda que
é moi probable que moitas destas células agraristas non tiveran vida activa. A ditadura de Primo de
Rivera supuxo un freo ao proceso de expansión das sociedades agraristas, incorporándose moitos
dos dirixentes agrarios á estrutura da “Unión Patriótica”, coa aprobación en 1926 do “Decreto de
Redención Foral”.
Vemos pois, que na data na que se publica este artigo en A Nosa Terra, 1919, é un
chamamento á revitalización do movemento nun contexto internacional crítico, xa que o
desenvolvemento da I Guerra Mundial provocará o parón da emigración exterior e o éxodo rural,
focalizado hacia os tres polos industrias da España de comezos de século non absorbían a totalidade
de excedente de man de obra agraria galega.
O noso autor, vinculado nun primeiro momento ao Carlismo na liña do Xaimismo, comezará
a afastarse del, tras contactar co rexionalismo catalán. De aí, que no 1917 ingrese nas Irmandades
da Fala, renovando a Irmandade de Ourense, atraendo hacia ela a Vicente Risco e ao grupo que
participaba en La Centuria, polo que será fundamental no desenvolvemento do Galeguismo e dará
orixe á Xeración Nós. Organizará as candidaturas galeguistas da provincia de Ourense que
participaran nas eleccións xerais de 1918, coaligado cos mauristas de José Calvo Sotelo.
En 1922, trala escisión producida na IV Asemblea Nacionalista de Monforte de Lemos,
acompañou a Risco na formación da “Irmandade Nazonalista Galega” da que foi o seu Conselleiro
de Espallamento, durante un ano, fracasando nos seus intentos de reunificar o galeguismo. O 12 de
maio de 1924 ingresou no Seminario de Estudos Galegos co discurso "Encol da prosa galega", lido
nos locais da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago. Losada fíase das promesas
de Calvo Sotelo e colabora nun primeiro momento coa Ditadura de Primo de Rivera, tomando
tomando posesión como vicepresidente da Deputación de Pontevedra, e como tal participou nos
intentos de establecer unha Mancomunidade de Galicia que quedará en nada e provocará que
Losada presente a dimisión en marzo de 1925. Como recordo do seu labor na Deputación, quedará o
establecemento do Museo de Pontevedra grazas ás súas xestións.

Temos pois, unha vez máis o exemplo dunha mobilización social que opta pola vía da
negociación particular, foreiro – campesiño e propietario, ou ben xuntando os cartos para a
redención, ou sexa pago en metálico do imposto para facerse propietario total da terra e deixando
atrás as primeiras reivindicacións de abolición total do foro.
Estamos tamén, nun momento clave para o nacionalismo galego, xa que ás tendencias
tradicionalistas sumase o galeguismo de clase, crítico coa clase economicamente rica, e non só coa
que vive en Madrid. Será un galeguismo moi influenciado pola ideoloxía marxista e anarquista de
enxalzamento do mundo campesiño ao non contar en Galicia cunha industrialización potente que
supuxera a expansión do sindicalismo proletario.
Non debemos esquecer, que unha vez máis, como acontecera na Idade Moderna, as elites
adiñeiradas colócanse á cabeza do movemento popular para poder controlalo e que en realidade non
muden os xeitos de produción “tradicionais” que tan bos resultados económicos lles aportaba, como
é o caso da familia de Diéguez Losada.
Como acabamos de ver, o agrarismo non supuxo só a reivindicación das melloras para o
campesiñado labrego, senón que foi xerme do asociacionismo e da entrada do mundo académico no
rural, mal comunicado, afastado dos escasos núcleos urbanos e controlado por un poder eclesiástico,
que agás excepcións, non vía con bos ollos o remate do seu control feudal da sociedade. Tamén un
profundo debate dentro do nacionalismo galego sobre a cuestión “social” con claras diferencias
entre os que apostaron pola vía máis conservadora, caso do noso autor e os que se sumerxiron de
cheo na loita de clases, como fixo D. R. Castelao. Esta rotura será máis manifesta na II República e
no desenlace da Guerra Civil.
BIBLIOGRAFÍA:
- CARMONA BADÍA, JOÁM: “El Atraso Industrial de Galicia. Auge y Liquidación de las
Manufacturas Textiles (1750-1900)”. Ed.Ariel, Barcelona, 1990.
- DURÁN, J.A.: “Aldeas, Aldeanos y Labriegos en la Galicia Tradicional”. Madrid, 1984.
- EIRAS ROEL, A e Cols.: “La Historia Social de Galicia en sus Fuentes de Protocolos”, USC,
1981.
- EIRAS ROEL, A.: “Régimen Subforal y Burguesía Intermediaria”, prólogo de M.C.Quintáns
Vázquez: “El Dominio de San Martín Pinario ante la Desamortización”. USC, 1972.
- VELASCO SOUTO, CARLOS F.: “O Agrarismo Galego”. Edicións Laiovento, 2002.
- VILLARES, RAMÓN: “Historia de Galicia”. Ed. Xerais.
- VILLARES, RAMÓN: Voz “Foros” en Gran Enciclopedia Gallega, 1974.
- VVAA: “Nova Historia de Galicia”. Ed.Tambre, Oleiros, A Coruña, 1996.

You might also like