You are on page 1of 8

ANTIGA GRECIA 1º ESO TEMA 8

TEMA 8 ANTIGA GRECIA

ÍNDICE
8.1 MEDIO XEOGRÁFICO: LOCALIZACIÓN E TRAZOS VOCABULARIO:
FÍSICOS
8.2 FRAGMENTACIÓN POLÍTICA, UNIDADE CULTURAL Hélade, polis,
8.3 CRONOLOXÍA E ETAPAS colonizacións,
8.4 GRECIA ARCAICA
8.5 GRECIA CLÁSICA
democracia,
8.6 GRECIA HELENÍSTICA oligarquía e canon.
8.7 SOCIEDADE
8.8 ECONOMÍA
8.9 CULTURA
8.10 ARTE

8.1 O MEDIO XEOGRÁFICO: LOCALIZACIÓN E TRAZOS FÍSICOS


A civilización grega desenvolveuse no Mediterráneo oriental, nas terras bañadas por 3
mares, o Exeo, o Xónico e o Mediterráneo. Ocupaba 3 áreas diferenciadas:
➢ A Grecia continental ou europea: ocupaba o sur da península balcánica,
destacando a rexión do Ática, con Atenas á cabeza e a península do
Peloponeso, cuxa principal cidade era Esparta. Ao norte atopábase Macedonia.
➢ A Grecia insular: formada polas illas e arquipélagos do mar Exeo, situadas entre a
Grecia continental e a asiática e do mar Xónico.
➢ A Grecia asiática: extendíase polas costas da península de Anatolia (actual
Turquía) coñecida como Asia Menor.
O principais trazos xeográficos deste medio eran:
➢ Un clima mediterráneo, caracterizado polas escasas chuvias.
➢ Un relevo montañoso con pequenos vales relativamente illados, incomunicados
entre sí. E chairas orientadas ao mar.
➢ Unha liña de costa recortada e con numerosos portos naturais.
Destes trazos derívanse dúas consecuencias: o desenvolvemento do comercio marítimo
pola difícil comunicación por terra e a fragmentación política que caracterizou esta
civilización.

8.2 FRAGMENTACIÓN POLÍTICA E UNIDADE CULTURAL


Grecia tiña a particularidade de estar composta por vales que quedaban prácticamente illados entre
sí, polo que se atopaba fragmentada políticamente. Nunca foi un Estado grego unificado, xa que o
territorio estaba dividido en polis, isto eran cidades-estado independentes unhas das outras, cada
unha tiña o seu propio goberno, exército, leis e moeda. As dúas polis principais foron Atenas e
Esparta.
Sen embargo a pesar desta fragmentación política, os gregos tiñan un sentimento de
unidade, sentían que formaban parte dunha mesma civilización, pois tiñan unha mesma
cultura. Os gregos compartían uns trazos comúns, como foron:
- O territorio, ocupaban as terras que eles coñecían como a HÉLADE, os gregos eran
helenos e ao resto chamáronos bárbaros.
- Compartiron a mesma lingua, o grego.
- Crían nos mesmos deuses, eran politeístas, polo tanto compartían a mesma
relixión.

1
ANTIGA GRECIA 1º ESO TEMA 8

- Incluso celebraban uns xogos panhelénicos, que dependendo do lugar onde se


celebraban recibían diferentes nomes, os máis famosos foron os xogos olímpicos,
celebrados nun lugar chamado Olimpia, onde se atopaba un recinto sagrado
formado por diferentes templos.

8.3 CRONOLOXÍA E ETAPAS


A historia da Grecia antiga que imos estudar abarca un amplo período entre o s.VIII e o II
a.C. pero antes de analizar cada período hai que destacar dúas civilizacións anteriores,
chamadas prehelénicas. Coincidiron no tempo coas Civilizacións fluviais:
A civilización minoica (3.000-1.500 a.C): o seu nome provén dun lexendario rei
chamado Minos. Desenvolveuse na illa de Creta, os seus habitantes coñecían a
escritura, construíron grandes pazos e comerciaron polo Mediterráneo. (Para saber
máis: Mito do minotauro) o seu fin é incerto (invasións?, erupcións?, terremotos?…)
A civilización micénica (1.500-1.200 a.C): civilización que se desenvolveu na
Grecia continental cando os aqueos, un pobo guerreiro que procedía do norte,
asentáronse nestas terras acabando coa civilización anterior. Foron os primeiros en
falar grego e o seu centro máis importante foi a cidade de Micenas.
Despois, a partir da invasión dos dorios (1.200 a.C) Grecia entrou nunha época
escura, de decadencia política, económica e cultural, da que non existe información, para
rexurdir máis tarde, no s.VIII a.C.

AS ETAPAS DA HISTORIA DE GRECIA


A Historia de Grecia comezou no ano 776 a.C coa celebración dos primeiros Xogos
Olímpicos e rematou no ano 146 a.C. cando Roma incorporouna ao vencela na batalla de
Corinto.
Todos estos séculos os dividimos en tres períodos:
❖ ARCAICO (ss. VIII-VI a.C.)
❖ CLÁSICO (ss. V-IV a.C.)
❖ HELENÍSTICO (s.IV-II a.C.)

8.4 GRECIA ARCAICA (776-500 a.C.)


Neste período tiveron lugar os seguintes feitos:
➢ A FORMACIÓN DAS POLIS: na antiga Grecia, as polis eran cidades independentes
(como microestados independentes) co seu propio goberno, leis, exército e moeda.
Cada unha delas estaba formada pola cidade propiamente dita, o núcleo urbano
(asty) e o campo circundante (chora), eran as terras do redor, nas que podíamos
atopar aldeas, granxas, bosques, terras de cultivo e portos. As máis importantes
foron Atenas e Esparta, pero houbo máis de 200. As cidades estaban amuralladas
e diferenciábanse dúas partes:
○ A parte alta ou acrópole, zona sagrada onde se atopaban os principais templos
da cidade e onde se refuxiaban os habitantes en caso de perigo.
○ A parte baixa onde estaban as vivendas e os principais edificios da cidade. Nela
destacaba a ágora, o centro da vida urbana, unha especie de praza porticada
(con stoas) onde se atopaban as principais edificacións.

➢ O INICIO DAS COLONIZACIÓNS GREGAS: as colonizacións foron un proceso de


expansión ou desprazamento dos gregos a cidades novas que fundaron polas
costas do mar Mediterráneo e do mar Negro. En resumo migracións de gregos fóra
da Hélade. Tiveron lugar entre os ss.VIII e VI aC. Cada polis organizaba a súa
expedición. As causas que provocaron esta expansión foron:

2
ANTIGA GRECIA 1º ESO TEMA 8

○A presión demográfica, ou aumento de poboación.


○A escaseza de terras (debido ao relevo montañoso que tiña o
territorio heleno) polo tanto de terras de cultivo, necesarias para
prover de alimento á poboación.
○ A procura de recursos, metais.
○ Outro dos problemas era que en épocas de malas colleitas moitos
campesiños arruinábanse e podían caer na escravitude por débedas,
para resolvelo emigraban cara unha destas novas cidades en busca
de novas oportunidades e evitaban caeren na escravitude.
➢ As cidades que se fundaban fóra do territorio grego (da Hélade) recibían o
nome de colonias Estas creábanse a imaxe e semellanza das polis de orixe
que se convertían nas metrópoles (cidades nai), e estas colonias, tiñan a
mesma organización política e social que a cidade de orixe. A colonia era
independente, contaba co seu propio goberno pero uníanlle lazos culturais e
comerciais á metrópole.
➢ As zonas de expansión foron: as costas do mar Negro e as costas do
mar Mediterráneo. No Mediterráneo distinguíronse as seguintes áreas: a
Magna Grecia (o sur de Italia e Sicilia), o Mediterráneo occidental (a costa
de Francia e a costa este da Península Ibérica) e o norte de África.

Como consecuencia das colonizacións, a cultura grega difundiuse polas costas do Mar
Mediterráneo e o mar Negro. Leváronse a estas novas cidades: o ferro, a moeda, o
alfabeto e a arte grega.

8.5 GRECIA CLÁSICA


A época clásica abarcou os ss.V e IV a.C (500-338 a.C.). Foi o período de esplendor da
civilización grega. O comezo desta etapa caracterizouse pola unión das polis fronte aos
ataques doutros pobos e a supremacía de Atenas e Esparta, isto significa que foron as
polis máis importantes durante esta etapa. Cada unha destas polis tiña o seu propio sistema
político que eran diferentes, pero aliáronse para loitar contra os persas nas guerras
médicas, un dos conflitos que destacan neste período. Tamén nesta época tivo lugar outro
conflito, pero esta vez entre os propios gregos, as Guerras do Peloponeso.

OS SISTEMAS POLÍTICOS DE ATENAS E ESPARTA


Ambas polis tiñan sistemas políticos contrapostos, Esparta foi sempre unha oligarquía, un
sistema de goberno no que o poder o exercía un grupo pequeno de persoas, mentres que
Atenas evolucionou cara á democracia. Imos analizar cada un destes sistemas:

➢ ATENAS. En Atenas naceu un sistema político que coñecemos como democracia.


Consolidouse no s.V a.C. cun gobernante chamado Pericles.
➢ A democracia é unha forma de goberno na que o poder o exerce o pobo. Pero no
caso de Atenas os únicos que podían exercer o poder eran os cidadáns que se
encargaban de:
○ Votar as leis e nomear aos maxistrados que gobernaban a polis, decidir a
paz e a guerra nunha ASAMBLEA á que chamaban Ekklesía. Na
asamblea estaban todos os cidadáns.
○ Preparar as leis que se votaban na asamblea formando parte do
CONSELLO DE CINCOCENTOS ou Boulé: estaba formado por
cincocentos cidadáns elexidos por sorteo anualmente.
○ Tomar decisións para gobernar a polis. Isto facíanno os
MAXISTRADOS que eran elexidos polos cidadáns da Asamblea
durante un ano. Algúns tiñan funcións militares (estrategos) e outros
presidían os tribunais (arcontes) ou xestionaban os recursos (tesoureiros).
○ Impartir xustiza participando nos TRIBUNAIS ou Heliea. Estaban
formados por seis mil cidadáns. Os seus membros tamén eran elexidos por
sorteo anual.

3
ANTIGA GRECIA 1º ESO TEMA 8

A democracia de Atenas non era unha democracia perfecta, pois era restrinxida, xa que
non participaba toda a poboación, soamente unha parte dos varóns deixando fora a
mulleres, estranxeiros (metecos) e escravos.
O político máis importante da época clásica foi Pericles, gobernante ateniense que
embeleceu a cidade construíndo monumentos como o Partenón.

➢ ESPARTA o sistema político desta polis era unha oligarquía de tipo militar.
Oligarquía significa que o poder estaba en mans dun reducido número de persoas.
O goberno exercíanno dous reis, pero en realidade tiñan funcións militares e
honoríficas (pois presidían os actos e cerimonias relixiosas). Tamén había unha
asamblea de cidadáns pero o poder realmente o tiña un consello de anciáns,
formado polos representantes das familias máis importantes de Esparta, homes
maiores de 60, eran os que elaboraban as leis, e aínda que despois as pasaban
para que as aprobaran a asamblea, en realidade tomaban todas as decisións finais
máis importantes.
Os espartanos dedicaban a súa vida ao adestramento militar. Eran educados desde
nenos en valores como a honra, o valor e a disciplina.

AS GUERRAS MÉDICAS
Foron as guerras que tiveron lugar a comezos do s.V a.C., que enfrontaron aos
gregos contra os persas (chamados tamén medos). Os persas intentaron someter ás
polis de Asia Menor. Estas pediron axuda a Atenas quen acudiu a protexelas, polo que os
persas como represalia lanzáronse á conquista da Grecia continental. Tiveron lugar dúas
guerras médicas, nas que destacaron as batallas de Maratón na primeira e Salamina na
segunda. Estas guerras acabaron co triunfo dos gregos.
Tras vencer aos persas os gregos asociáronse nunha liga para manter unha flota de guerra
en previsión dun novo ataque dos persas. Atenas, tivo un papel predominante na Liga que
crearon, chamada Liga de Delos. Para manter esta flota, as polis tiñan que pagar uns
impostos que se gardaban na illa de Delos (tesouro da liga de Delos).
As polis empezaron a ter problemas entre sí, pois recelaban do poder que tiña Atenas, quen
impedía pola forza abandonar a liga, obrigaba a adoptar o sistema de goberno e moeda
ateniense e trasladou o tesouro de Delos á cidade de Atenas. Foi acusada de empregalo na
construción da acrópole. Utilizou a liga para dominar a outras polis. Estes acontecementos
desembocarían noutro conflito bélico.

AS GUERRAS DO PELOPONESO
Estas guerras enfrontaron aos gregos entre eles na segunda metade do s.V a.C.
Formáronse dous bloques, un liderado por Atenas e outro por Esparta.
A principal causa deste enfrontamento foi a rivalidade entre estas polis por acadar o
dominio de Grecia. Esta rivalidade xurdiu porque Atenas adoptou un papel dominante na
Liga de Delos, Esparta e outras polis miraban con receo esta actitude e saíron da Liga para
formar outra, a Liga do Peloponeso. Ademais Esparta acusou a Atenas, por esa actitude
déspota e por usar o tesouro de Delos para embelecer a cidade. finalmente enfrontáronse
nunha guerra que durou desde o 431-404 a.C.
O conflito rematou co triunfo de Esparta que se convertiría na polis máis poderosa
de Grecia, o que supuxo a decadencia de Atenas.

8.6 GRECIA HELENÍSTICA


Abrangue un período comprendido entre o s.IV-II/I a.C. Iniciouse no 338 a.C. ano no que
tivo lugar a batalla de Queronea, na que Filipo II, un rei de Macedonia (territorio ao norte de
Grecia), impuxo o seu dominio sobre as polis gregas e rematou cando os romanos
incorporan Grecia ao mundo romano a partir da batalla de Corinto no s.II a.C. (146 a.C.) ou
cando Egipto (último reino helenístico) foi derrotado na batalla de Accio no ano 31 a.C.
Como consecuencia das guerras do período anterior, as polis gregas foron debilitándose,
situación que aproveitou Filipo II, o rei de Macedonia, para impoñer o seu dominio cara o
4
ANTIGA GRECIA 1º ESO TEMA 8

338 a.C. Á súa morte sucedeulle o seu fillo Alejandro Magno á idade de 20 anos.
Alejandro consolidou o dominio sobre as polis gregas e expandiuse cara oriente
conquistando o Imperio Persa e chegando a dominar todas as terras orientais ata o río Indo.
Foi rei de Macedonia e gran conquistador.
Grazas a estas conquistas, a cultura grega estendeuse por Asia e fusionouse coa cultura
oriental, dando lugar á cultura helenística. Fundáronse moitísimas cidades (unhas trinta e
catro) entre as que sobresaíron Pérgamo, Mileto, Antioquía e Alexandría.
Á morte de Alejandro Magno, os xenerais do seu exército dividiron o imperio entre eles e
formaron diversos reinos como foron a propia Macedonia ou Exipto. Estes reinos reciben o
nome de reinos helenísticos.
Caracterizáronse por:
❖ A independencia de cada reino. Cada un era independente dos outros.
❖ Un goberno monárquico de tradición oriental (reis divinizados e autoritarios)
❖ A cultura e a lingua continuaron a ser gregas.
Destacaron os reinos helenísticos de Exipto (con capital en Alexandría) e Siria (capital en
Antioquía).

8.7 SOCIEDADE
A sociedade grega caracterizábase principalmente por ser desigual divídíase en dous
grandes grupos: os cidadáns e os non cidadáns:
➢ • Os cidadáns foran ricos ou pobres, tiñan dereitos políticos, é dicir dereito a
participar na vida política, tiñan que servir no exército e pagar impostos. Só se podía
pertencer a este grupo por nacemento. Os cidadáns eran homes, maiores de
idade, fillos de pai e nai da polis correspondente. (máis información pincha aquí)
➢ • Os non cidadáns eran aquelas persoas que carecían de dereitos políticos:
○ • Os estranxeiros (metecos en Atenas e periecos en Esparta) eran persoas
libres, pagaban impostos e formaban parte do exército pero non podían ter
propiedades. Dedicábanse a tarefas artesanais e ao comercio.
○ • As mulleres carecían de todos os dereitos. Non podían intervir en política,
votar ou ter propiedades. Estaban sempre sometidas a un home, xa fose pai,
marido ou fillo. A súa función principal era o coidado do fogar e da familia. En
Esparta, as mulleres gozaban de máis liberdade.
○ • Os escravos eran persoas privadas da súa liberdade. Pertencían á familia
para a que traballaban. As súas funcións principais eran os traballos
domésticos e agrarios. Eran os fillos de escravos, os prisioneiros de guerra e
aqueles que non pagaran as débedas contraídas.

8.8 ECONOMÍA
A economía fai referencia ás actividades ás que se dedica a poboación para sobrevivir e
prosperar. Aínda que a actividade económica principal foi o comercio, os gregos tamén
practicaron a agricultura, gandería e artesanía.
➢ Grecia non desenvolveu unha rica agricultura como Mesopotamia e Exipto, debido á
escaseza de terras fértiles por ser terreo montañoso e por non ter un clima propicio.
No campo, os habitantes dedicábanse á agricultura e gandaría, pero vivían de
forma moi pobre. Os cultivos baseábanse na triada mediterránea: cereais (trigo e
cebada), vide e olivo que se complementaban con outros produtos como hortalizas e
froitas.

A gandaría era un complemento ás actividades agrícolas. Criaban ovellas, cabras


e porcos ademáis de vacas, bois e cabalos.
➢ Nas cidades, os habitantes vivían fundamentalmente da artesanía e do comercio:

5
ANTIGA GRECIA 1º ESO TEMA 8

○ A artesanía: elaboraban obxectos de pel, tecidos, armaduras e armas de


metal, cerámicas de gran calidade moi apreciadas que se exportaban polo
Mediterráneo e polo Próximo Oriente. Practicábase en obradoiros
domésticos.
○ O comercio era moi activo, era a actividade máis importante. Podía ser:
■ Local: artesáns, gandeiros e agricultores vendían os seus produtos no
mercado local.
■ Marítimo: practicábanno comerciantes ricos e poderosos que tiñan
barcos e navegaban por todo o Mediterráneo. Consistía na recepción
ou envío de mercadorías (importaban trigo, especias, papiro, madeira,
metais… e exportaban viño, aceite, e cerámica). Supoñían unha fonte
de ingresos para as polis, xa que cobraban impostos por pasar polos
portos.

Os intercambios se realizaban mediante o troco ou con moedas,


fundamentalmente de plata, extraída nas minas, (dracmas).

8.9 A CULTURA GREGA


RELIXIÓN
Os gregos eran politeístas, crían en moitos deuses que pensaban que vivían no monte
Olimpo. Os seus deuses eran antropomorfos, isto é que no seu aspecto eran como os
humanos. Eran inmortais e tiñan poderes sobrenaturais. Vivían como os humáns cos
mesmos sentimentos, paixóns, desexos, emocións. Pensaban que podían influirlles na súa
vida e que podían transmitir mensaxes a través dos oráculos ou adiviños, que predicían o
futuro examinando o voo dos paxaros, as vísceras dalgúns animais ou os fenómenos
naturais. Cada deus tiña un dominio, elemento natural ou idea. (Amor, ceo, inferno, océano,
sabidoría…)

Os gregos realizaban ritos relixiosos para expresar agradecemento, pedir axuda ou


consello. Realizaban ritos eran públicos (en templos e santuarios) ou privados (nas casas):
❖ Nas casas: onde había pequenos altares
❖ Nos templos das cidades, onde oraban e ofrecían sacrificios, eran dirixidos polo
sacerdotes ou maxistrados.
❖ Nos santuarios. Os habitantes da cidade organizaban cada catro anos competicións
deportivas na súa honra a través dos Xogos Olímpicos.
Os gregos tamén crían na existencia de heroes, fillos dun deus e dun humano e en criaturas
fantásticas como os cíclopes, os centauros etc…
Os gregos inventaron os mitos, que eran historias dos deuses e os heroes, para explicar así
o que ocorría no mundo. O heroe grego máis coñecido foi Hércules.

CULTURA
Os gregos foron os primeiros en buscar respostas a partir da razón e da ciencia, por iso
foron os pais da filosofía, da ciencia e do teatro aportando novidades no campo das
ciencias: medicina, matemáticas, física, astronomía….
➢ FILOSOFÍA: intentaron
superar as explicacións dos mitos dando unha explicación máis
racional ás cousas que sucedían ao seu redor, aos fenómenos naturais, así xurdiu a
Filosofía. Destacaron Sócrates, Platón e Aristóteles.
➢ TEATRO:Cultivaron a literatura, sobretodo a poesía e o teatro. Crearon o teatro e
desenvolveron dous xéneros, a traxedia e a comedia. As mulleres non podían ser
actrices e os homes utilizaban máscaras, para facer de distintos personaxes. Na
6
ANTIGA GRECIA 1º ESO TEMA 8

traxedia destacaron Sófocles, Eurípides e Esquilo mentres que en comedia destacou


Aristófanes.
➢ CIENCIA: En medicina aprenderon a diferenciar as causas e os síntomas das
enfermidades. Fixeron avances en fisioloxía e anatomía. Destacou Hipócrates. En
física destacou Arquímedes quen estableceu a teoría do peso dos sólidos dentro
dos líquidos e creou unha máquina con aplicación práctica, o tornillo de Arquímedes.
En astronomía determinaron a esfericidade da Terra e a teoría heliocéntrica,
destacou Aristarco de Samos. Desenvolveron as matemáticas onde foron
importantes Pitágoras, Euclides e Tales de Mileto.

8.10 A ARTE GREGA


A arte grega baseábase nuns principios fundamentais:
- Proporción, equilibrio, orden e simetría.
Estes principios tiñan o obxectivo de acadar a beleza que buscaban a través dun conxunto
de regras, ou canon, tanto en arquitectura como escultura.

ARQUITECTURA
As principais construcións foron os templos e os edificios públicos. Todas compartían estas
características:
➢ O material que empregaron ao principio era a madeira, pero co tempo facían
construcións de pedras, especialmente de mármore.
➢ Era unha arquitectura arquitrabada, non usaron nin o arco nin a bóveda, senón que
combinaron elementos verticais (columnas) con horizontais (linteis ou arquitrabes).
Isto fai que a maioría das construcións sexan rectangulares e estean rodeadas por
columnas para soster o teitume que era plano ou a dúas augas. O teitume formaba
un espazos triangulares nas fachadas chamados frontóns, no seu interior, o tímpano,
colocábanse esculturas en relevo.
➢ As edificacións estaban feitas á medida do home.
➢ Buscaban a beleza ideal a través da orde, proporción e simetría. Isto fai que se
creen unha serie de normas ou canon para conseguilo e crearon unhas ordes
arquitectónicas nas que destacaban como elemento principal as columnas, eran 3
ordes:
○ a dórica: non ten base e o fuste ten arestas moi marcadas.
○ a xónica: ten base e o seu chapitel está decorado con volutas.
○ a corintia: ten base e o seu chapitel está decorado cunha especie de follas
de acanto.

7
ANTIGA GRECIA 1º ESO TEMA 8

O TEMPLO GREGO
Eran construcións rectangulares con tellado a dúas vertentes, ou circulares, rodeadas
de columnas ou soamente na fachada principal. Construídos en pedra, empregaban linteis
sobre columnas. Estaban elevados sobre unha escalinata. Algúns templos tiñan 3
espazos diferenciados ao interior: a nave principal naos ou cella (onde se atopaba a
estatua do deus ou deusa), un pórtico, o pronaos, e unha habitación traseira, o
opistodomos, onde se gardaba o tesouro.
A función do templo era albergar a estatua da divindade, considerábase o seu fogar, os fieis
non podían acceder ao seu interior, por iso os templos gregos son de menor tamaño que os
exipcios.
Construíanse seguindo unhas regras e podían ser dóricos, xónicos ou corintios.
Un exemplo foi o Partenón, localizado en Atenas, é do s.V a.C. da época clásica e de estilo
dórico. Outro exemplo é o templo de Atenea Niké, en Atenas, do s.V a.C. de estilo xónico.
E de estilo corintio o templo de Zeus Olímpico tamén de Atenas

ESCULTURA
A escultura grega centrábase na representación do ser humano de maneira idealizada
seguindo tamén unhas regras, un canon. A escultura grega evolucionou moito ao longo do
tempo, ao principio empregaban a madeira pero posteriormente utilizaron outros materiais
como o mármore, bronce ou marfil. A esculturas eran pintadas e a súa principal función era
decorativa:
❖ Época arcaica (séculos VIII-VI a. C.): represéntanse figuras ríxidas, esquemáticas,
frontais, cos brazos pegados ao corpo. Os seus rostros son hieráticos, inexpresivos,
cun sorriso chamado arcaico, e os ollos son grandes e con forma de améndoa. Os
seus peiteados presentan formas xeométricas. Destacan os kouroi (homes, atletas,
que aparecen espidos) e as korai (sacerdotisas, vestidas cun peplo ou vestido
longo, ata os pés).
❖ Época clásica (séculos V-IV a. C.): represéntanse sobre todo atletas espidos de
corpos perfectos. O seu rostro é inexpresivo aínda que se pretende transmitir
movemento. Os escultores máis famosos son Lisipo, Escopas e Praxíteles. Ao longo
do século IV a. C., a escultura evoluciona e ten maior expresividade e movemento; o
seu máximo representante é Praxíteles. Destaca o Discóbolo de Mirón e o
Diadumenos de Polícleto.
❖ Época helenística (séculos IV-II a. C.): centrouse na representación de figuras moi
expresivas; nas súas caras pódese ver a dor, o esforzo... As figuras están dotadas
de movemento. Xa non só se representa a beleza senón que tamén se busca
impresionar o público. Exemplo: A Victoria de Samotracia, Laocoonte e os seus
fillos, Gálata moribundo.

You might also like