You are on page 1of 11

Proupín Cantelar, Gael Uxío. Interactiva 01.

Introdución

No presente traballo tratarei de facer unha contraposición entre as fontes literarias antigas e os datos
que nos dá arqueoloxía para achegarnos máis ao estudo e investigación das cronoloxías da
antigüidade, concretamente, das colonizacións da Península Ibérica.

1. A colonización fenicia
Os fenicios foron un pobo orixinario da franxa levantina do Mediterráneo nomeados como “os
vermellos” (phoínikes) polos gregos, debido ás telas tinxidas de púrpura que fabricaban, se
chamaban si mesmos canaaneos, como aparece no Antigo Testamento. O seu era un mundo
socialmente moi estratificado e cunha orde política e relixiosa que determinaba as actividades
económicas, especialmente as de tipo comercial. Estas últimas eran a base da riqueza fenicia e por
isto eran coñecidos no Oriente Próximo. Ben coñecido é o cedro fenicio por ser a madeira de maior
calidade e que exportaban a civilizacións cercanas tan destacadas como a exipcia. As cidades máis
destacadas eran Tiro, Sidón, Arados, Sarepta, Biblos ou Beirut, pero como veremos máis adiante
moitos autores sinalan que Tiro tivo un papel preponderante nos procesos de colonización1.
Podemos atopalos en referencias grecolatinas2, que son as máis numerosas, e coas cales imos
traballar; en referencias bíblicas ou exipcias, así coma en fontes epigráficas. É grazas a estras fontes,
contrastadas co rexistro arqueolóxico, que podemos verificar que a finais do segundo milenio toda a
rexión do próximo oriente vese sacudida a unha serie de cambios, a unha crise, impulsada polo que
unha fonte exipcia calificou como Pobos do Mar. A este cambio sobreviviron as cidades fenicias,
que comezarán a restaurar as súas bases económicas cunha maior liberdade3.
Porén, pese á importancia da actividade fenicia no Mediterráneo e pese ás escavacións que se teñen
levado a cabo dende 19694 non se contan cos suficientes datos para recompoñer a historia das súas
1 SCHUBART, H., “La colonización fenicia” en ALMAGRO, A., et al., Protohistoria de la Península Ibérica, Barcelona: Ariel,
2001. P. 193

2 Na Odisea, por exemplo, aparecen mencionados como sidonios, habitantes de Sidón, a importante cidade fenicia que
perdería o seu papel hexemónico a favor de Tiro nestes cambios producidos a finais do segundo milenio a.C.

3 DOMÍNGUEZ MONEDERO, A. J., “Los fenicios en Occidente” en SÁNCHEZ-MORENO (coord.), E. Historia de España.
Protohistoria y Antigüedad de la Península Ibérica, Madrid: Sílex, 2007. V. 1, p. 81

1
cidades orixinais no Levante, esenciais para o estudo das súas colonias noutras rexións do Mare
Nostrum. Si temos máis información arqueolóxica sobre o Mediterráneo central e occidental no norte
de África, Sicilia, Cerdeña, Malta e o Sur da Península Ibérica, debido ás escavacións recentes. A
isto se lle suma que o interese do mundo grecorromano pola península fora en xeral reducido, que só
unha reducidísima parte da produción literaria antiga sobreviva na actualidade 5 e a escasa
credibilidade das fontes. De aí que exista un prolongado debate historiográfico sobre as cronoloxías
da chegada e asentamento dos fenicios na parte máis occidental do Mediterráneo en base ao relato
das fontes literarias ou pola contra da información proporcionada polo rexistro arqueolóxico.

Causas da colonización fenicia


Porén, un dos debates historiográficos que resultaron máis arduos en relación aos fenicios é sobre as
causas que os levaron á súa expansión ata o Mediterráno Occidental. Con respecto a esta cuestión
temos este interesante fragmento 6 de A Guerra de Iugurta de Salustio (86-34 a.C.), un historiador
latino -contemporáneo de Cicerón, César e que viviu o ascenso de Augusto- que traballou ao servizo
da propaganda de César. O interesante deste texto é que di que os fenicios, para remediar o exceso
de poboación da súa patria e outra por ambición de poder fundaron varias colonias gloria das súas
metrópoles en Hipona (actual Annaba, na costa de Arxelia), Hadrumeto (actual Susa, costa tunecina)
e Leptis (costa arxelina) -xa repararemos na cronoloxía das fundacións fenicias máis adiante-. Polo
tanto, Salustio deixa constancia da expansión dos fenicios cara ao occidente. Como causas apunta ao
exceso de poboación e á ambición de poder. Pero, cabería preguntarnos que podería haber de certo
nestas palabras.
Con respecto ás causas demográficas, algúns autores afirman que a expansión fenicia podería ter sido
impulsada pola presión militar asiria nas cidades-estado fenicias. Para uns investigadores esta
presión podería ter sucedido a partir do reinado de Asurnasirpal II (883-859 a.C.) e os seus
sucesores, que levarán a cabo campañas ou percepción de tributos en múltiples ámbitos do Oriente
Próximo7 e que duraría ata o reinado de Tiglat-Pileser III (754-727 a.C.). Isto podería ter afectado ás
terras fértiles do interior, o que aumentou a presión demográfica sobre as cidades costeiras e a busca
de novas terras de cultivo. Isto explicaría o asentamento das colonias fenicias nas beiras dos ríos,

4 RUIZ MATA, D., “La colonización fenicia” en MONTENEGRO, Á., et al., Historia de España. Colonizaciones y formación
de los pueblos prerromanos (1200-218 a.C.), Madrid: Gredos, 1989. V. 2, p. 79

5 DOMÍNGUEZ MONEDERO, A. J., op. cit., p. 22

6 Texto nº 1 do material das prácticas interactivas

7 DOMÍNGUEZ MONEDERO, A. J., op. cit., p. 85

2
pero resulta improbable que esta fora a causa principal de expansión ata terras tan lonxanas nunha
viaxe tan perigosa. Outros autores matizan que isto aconteceu a partires de Senaquerib (704-681
a.C.) e Asarhadon (680-669)8. Polo tanto, a presión demográfica explicaría a expansión fenicia
orientada cara a un carácter máis agrario.
Cando Salustio apunta á ambición de poder, podería estar facendo referencia á busca por parte das
elites de novas vías económicas coas que prosperar. Isto encaixa perfectamente nun contexto de
presión por parte do Imperio asirio, ao cal estas elites lle rendirían tributo en detrimento da súa
propia riqueza. Ademais, este punto de vista vese reforzado cando a documentación non nos fala de
cidades fenicias depauperizadas baixo esta situación supeditada, así que tamén poderíamos dicir que
contaban con unha ampla independencia9. Desta forma, podemos pensar que os fenicios terían
perdido o acceso á ruta comercial do Mar Vermello e para suplir este baleiro lanzáronse a ultramar.
Numerosas fontes revelan que o principal obxectivo do comercio fenicio era metalúrxico,
especialmente a prata. Nesta liña, atopáronse enxovais arxentíferos en Grecia, preto das minas de
Laurion, na Ática; e en Chipre, como se ve nos achados de Kition, ambos do século IX a.C.
Así que vendo os achados, podemos verificar que Salustio non estaría equivocado sobre as causas da
expansión fenicia. Porén, é importante ter en conta que non trata de facer unha historia científica
senón unha especie de fábula de inspiración histórica coa que obter unha moralexa para os problemas
da Roma tardorrepublicana. Convén ter sempre en conta que non estamos ante unha fonte primaria,
senón ante un autor que relata feitos acontecidos setes séculos antes da súa vida e que non conta con
fontes fiables.

A expansión: xeografía e cronoloxías


Como consecuencia da expansión fenicia cara ao occidente contamos cun rexistro arqueolóxico de
asentamentos dende o século IX a.C. no Mediterráneo máis oriental (Grecia e Chipre), ata o século
VIII a.C. no Mediterráneo central, no norte de África, no sur da Península Ibérica, como podemos
observar na táboa das datacións radiocarbónicas máis antigas atopadas en Andalucía, en Morro de
Mezquitilla.
Pola contra, as fontes literarias, como o Antigo Testamento en Ezequiel (27,12) facendo referencia a
Tarsis10, ofrécennos novas da chegada dos fenicios á rexión máis occidental do Mediterráneo con

8 RUIZ MATA, D., op. cit., p. 82

9 DOMÍNGUEZ MONEDERO, A. J., op. cit., p. 86

10 Aínda que existe debate sobre se Tarsis era na Península Ibérica, si que se sabe que podería ser tamén en Cerdeña,
en calquera caso, no Mediterráneo Occidental.

3
maior anterioridade que a que dá o rexistro arqueolóxico, no primeiro milenio a. C. Exemplo disto
poderían ser as datas que os autores antigos dan para a fundación de Gadir (1100 a.C.), como xa
falarei máis adiante, Útica ou Lixus. Plinio o Vello (23-79 d.C.), un autor tardío, dinos que Lixus é
máis antiga que Gadir11. Por outra banda, Blázquez12 di que existen rexistros arqueolóxicos que
poderían soster esta data, como o Escarabeo de Lixus, de orixe exipcia e datado no século X a.C.
segundo Charles Picard. Porén, Cintas atribúelle unha cronoloxía inferior, no século VI. Isto é o que
está hoxe máis recoñecido.
Porén, hoxe está xeralmente aceptado que Lixus foi fundada por Gadir, e que por tanto non tería
sentido que Lixus fora máis antiga que a súa metrópole 13. Os antigos, ao adquirir constancia da
existencia dun templo a Melqart (o heroe Hércules grego) en Lixus, deron por feito no seu
imaxinario mitolóxico que, cando este foi recoller mazás ás hortas das Hespérides no outro extremo
do seu mundo, chegou ata Lixus xa que deixou constancia da súa estancia en dita cidade coa
consagración deste templo.
A fundación fenicia máis antiga segundo as fontes é Gadir. Isto, claro está, antes de que se estendera
esa idea de que é máis antiga Lixus, como xa nomeei anteriormente. Sobre a fundación de Gadir
contamos cunha das fontes literarias máis ilustrativas, esta é a de Veleyo Patérculo, autor latino do
século I d.C., baseándose en determinados acontecementos históricos ou mitolóxicos propuxo unha
data de fundación no ano 1100 a.C. Porén, isto formula numerosos problemas. Os acontecementos
nos que se basea como punto de partida para darlle cronoloxía á fundación de Gadir son a Guerra de
Troia, a conversión de Heracles en deus, a morte de Codro e a súa sucesión por Medonte así comoa
fundación de Megara. Estas últimas son consideradas como pura mitoloxía e ata a Guerra de Troia
está suxeita a varios debates na actualidade cando se tratan de casar as fontes literarias e a
arqueoloxía. Polo tanto, é a escolla selectiva dunha data –a Guerra de Troia- baseada nun conteo por
xeracións de a saber cantos anos un bo método para saber a data exacta da fundación de Gadir?
Semella que non, tal e como se explica na obra coordinada por Sánchez-Moreno14.
Na mesma liña, autores antigos como Timeo (s. III a.C.), que se serviu de fontes fenicias ou
cartaxinesas15, asegura que a fundación de Útica tivo lugar un ano máis tarde, no 1101 a. C. Esta
11 “En el oppidum de Lixus, […] junto al templo de Hércules, que dicen es más antiguo que el gaditano”. Texto nº 3 do
material das prácticas interactivas de Historia Natural de Plinio, obra dedicada a Tito no ano 77 d.C.

12 BLÁZQUEZ, J. M., Tartessos y los orígenes de la colonización fenicia en Occidente. Salamanca: Universidad de
Salamanca, 1975. pp. 25-26.

13 DOMÍNGUEZ MONEDERO, A. J., op. cit., p. 110

14 Ibídem, p. 108-109

15 RUIZ MATA, D., op. cit., p. 82

4
mesma data a sustenta Plinio (s. I d.C.)16, porén, xusto a continuación tamén fai referencia no mesmo
fragmento (aínda que non aparece no material) á fundación do Templo de Diana en Sagunto
situándoo no ano 1390 a.C17. A maioría dos historiadores hoxe en día non lle prestan credibilidade á
data deste templo, pero si á da fundación de Útica. Outra vez estamos ante unha escolla selectiva en
función dos nosos intereses.
Seguindo coas fontes literarias, Estrabón tamén se fixo eco da fundación de Gadir. É interesante a
visión que nos dá sobre unha etapa de tanteos antes de realizar a fundación da cidade. Primeiro di
que os fenicios chegaron á cidade dos saxitanos ou Sexi (actual Almuñécar), e que fixeron un
sacrificio ao chegar pero este non resultou favorable. Despois di que foron máis alá do estreito e
chegaron a unha illa –Saltés-, fronte a Onoba (Huelva), e realizaron outro sacrificio, pero tampouco
resultou favorable. Vemos plasmado con esta cuestión dos sacrificios a gran importancia que tiña a
relixiosidade para este pobo. Porén, semella que un sacrificio non é suficiente para facer que os
fenicios desestimen un emprazamento despois de percorrer tantos quilómetros nunha viaxe tan
perigosa. É probable que as causas que os levan a proseguir co tanteo sexan de carácter económico.
Se aceptamos que a causa principal que impulsou aos fenicios na súa expansión polo Mediterráneo
foi, esencialmente, a busca de novas riquezas e que estes xa tiñan novas da gran riqueza metalúrxica
existente nas minas do río Tinto, semella que descartaron o asentamento en Sexi por atoparse
demasiado lonxe desta fonte de recursos. Logo probaron a asentarse en Saltés fronte a Ónoba, pero
segundo os datos arqueolóxicos, esta rexión identificada con Tartesos estaba fortemente poboada e
por iso desestimaron asentarse en terras indíxenas. Pero parece que á terceira vai a vencida e
escolleron Gadir por ser un emprazamento que gozaba dunhas moi boas comunicacións tanto cara ao
interior, por estar na desembocadura do río Guadalete e preto da do Guadalquivir, como cara ao
exterior, por contar cunhas magníficas características para un porto moi preto destes lugares de
recursos metalúrxicos18. Ademais, como se pode observar noutras colonias, os fenicios sempre
optaron por emprazamentos achegados ao litoral, pero que se distinguiran pola súa situación illada,
preferentemente en penínsulas ou illas19, como así no lo sinala Veleyo Patérculo para o caso de
Gadir. Isto tamén responde ao esquema de emprazamento de Tiro, cidade á que se apunta como
principal impulsora nestes procesos de colonización segundo a tradición literaria, e como tamén
podemos observar nos fragmentos de Veleyo Patérculo e de Estrabón, cando fala dos tirios.

16 Texto nº 4 do material das prácticas interactivas.

17 DOMÍNGUEZ MONEDERO, A. J., op. cit., p. 110

18 Mapa en RUIZ MATA, D., op. cit., p. 91

19 SCHUBART, H., op. cit., p. 195

5
Ademais, o feito de que haxa diseminados templos dedicados a Melqart, o deus protector por
antonomasia de Tiro, tanto en Cádiz, Lixus e Saltus, podería vir a facer máis fiable esta suposición.
Pero, podemos afirmar que Tiro estivera capacitada no século XII para facer percorridos a tan longa
distancia ata estas rexións? Podemos chegar a pensar que o impulso “estatal” si que puido dar a
capacidade para a financiación destes longos percorridos. As dúbidas veñen con respecto as
infraestruturas coas que contaban os fenicios. Sabemos que son herdeiros dunhas innovacións
técnicas notables e así o demostra a Arqueoloxía (Pecio de Uluburun, 1305 a.C, pero ata o século X
non se pode atestiguar que teñan capacidade para cruzar todo o Mediterráneo20.
Outro problema que se nos engade para a interpretación das cronoloxías é a carencia de rexistros
arqueolóxicos previos ao século VII a.C. para Gadir e ao século IX-VIII a.C. para outros lugares da
baía de Alxeciras. O problema concreto de Gadir é que nin tan sequera se coñecen os estratos máis
antigos da cidade, nin se sabe con certeza onde se podía situar na illa. Como ben se sinala no libro
coordinado por Montenegro21, “a carencia de datos é aínda para algúns a esperanza de achar nos
estratos máis arcaicos as probas dunha cronoloxía en torno a 1100 a.C.”. Para tratar de dar solución a
este problema, dende 1979 se vén realizando unha investigación no denominado Castillo de Doña
Blanca, en Puerto de Santa María, por pensar que este antigo emprazamento fenicio estivo baixo
influencia de Gadir. Atopouse que as cronoloxías do rexistro descenden ata o século VIII a. C. e
incluso recentemente se pensa que son do último cuarto do século IX a.C.
De maneira contemporánea á fundación de Gadir, outras factorías foron asentadas nas costas de
Málaga e de Granada. Aquí contamos coas colonias malagueñas de Toscanos, Chorreras, Morro de
Mezquitilla, Jardín ou Ancipo e coa granadina Almuñécar, cuxas cronoloxías se atopan entre as máis
antigas de colonizacións fenicias na península, como podemos observar na táboa do material
interactivo.
Podemos concluír que aínda que as fontes literarias retrotraian as colonizacións fenicias –entendidas
como asentamentos- ata o século XII a.C., o rexistro arqueolóxico andaluz só pode corroborar a
instalación deste primeiro colonizador histórico da península a partires do século IX a.C. e
especialmente a partires do VIII a.C., data que coincide co asentamento fenicio noutros lugares do
Mediterráneo occidental e central. Precisamente porque non existen datos, o debate entre os que son
partidarios da cronoloxía das fontes literarias e os que só o son das arqueolóxicas sigue sendo
alimentado. De aí que agora se fale dun período precolonial. Trataríase dun período de influencia
fenicia sen que se cheguen a levar a cabo asentamentos, que son os que deixarían un verdadeiro

20 DOMÍNGUEZ MONEDERO, A. J., op. cit., p. 87-89

21 RUIZ MATA, D., op. cit., p. 84

6
rexistro arqueolóxico. Sen embargo, é claro que aínda que os fenicios non leven a cabo o
asentamento de factorías, o contacto cos pobos indíxenas xa deixaría unha profunda pegada, e do cal
si teriamos rexistros. De feito, a arqueoloxía confírmanos unha intensa e temperá presenza fenicia na
cidade indíxena de Huelva, anterior nalgúns decenios ao establecemento en Gadir22 pero en ningún
momento se retrotraería ata o século XII a.C.

2. A fundación de Cartago
Segundo a tradición, Gadir foi a colonia fenicia máis antiga e constituíu a fundación máis importante
do Mediterráneo occidental. Pero como xa sabemos, non foi o único froito da colonización fenicia.
No Mediterráneo central, o asentamento fenicio que nace como parada cara á viaxe a Gadir, e que
logo se convertirá no máis destacado, será Cartago. A continuación tratarei de facer un breve
comentario de texto en base aos fragmentos de obras literarias antigas sobre a fundación de Cartago.
Cabe sinalar que as fontes coas que contamos, ante a falta de fontes literarias púnicas, son as
realizadas polos propagandistas da súa gran inimiga Roma e por iso os cartaxineses son postos como
o pobo imperialista por antonomasia (coma se Roma non o fora). Con todo, aínda que de forma
terxiversada, temos bastante información na fontes literarias antigas sobre a Historia desta cidade-
imperio. Exemplo disto son as fontes respectivas ao relato da súa fundación, coas que contamos no
material interactivo (textos 6, 7 e 8).
Segundo a tradición clásica, os fenicios fundaron Cartago no ano 814 a.C., bastantes anos máis tarde
que Gadir. Disto nos fala Dionisio de Halicarnaso (ca. 60 a.C.-7 a.C.) referíndose ás verbas do grego
do s. V a.C. Timeo 23, cando nos di que a súa fundación foi 38 anos antes da primeira olimpíada. O
motivo central da súa fundación para os púnicos é o do exilio político de Elissa de Tiro e a súa
chegada, xunto cun grupo de tirios fieis ao seu marido asasinado (os “principes”), a este lugar no
norte de África. Os antigos relátannos a historia de Elissa, casada co seu tío Acherbas ou Zakarbaal,
sacerdote supremo de Melqart, segunda figura máis poderosa de Tiro despois do rei Mattan I e co cal
rivalizaba. Mattan I deixoulle o poder ao seu fillo Pigmalión o cal matou a Acherbas e provocou o
exilio en segredo de Elissa e os seus principes. O primeiro lugar onde fixeron escala podería ter sido
Kitión en Chipre, onde recolleron a 80 nenas destinadas á prostitución sagrada e a asegurar a
continuidade da relixión fenicia en Occidente. Dende alí se dirixiron ao lugar onde se atopa Cartago.
Os nativos do lugar, os libios (texto 8) ou africanos (texto 7, de Apiano24) recibíronos de bo agrado,

22 DOMÍNGUEZ MONEDERO, A. J., op. cit., p. 121

23 Texto 6

24 Apiano, s. II d. C., funcionario da administración imperial nado en Alexandría e famoso pola súa Historia Romana.

7
segundo a tradición25, pero como condición para asentarse tiñan que mercar un terreo que se puidera
cubrir coa pel dun boi (non semella que fora de tan bo agrado, hai certa discordancia nas fontes
antigas), así que Elissa puxo en marcha o seu inxenioso plan (texto 7): cortar a pel en tiras moi finas
e ir colocándoas de forma que se delimitara o que logo foi a acrópolis de Cartago, chamada Byrsa
(pel, segundo a tradición grecolatina). Elissa, coñecida como Dido (errante) polos locais, foi
obrigada a casar co rei libio Hiarbas e, para evitalo e ser fiel ao seu marido, tirouse a unha pira e foi
divinizada e conservaron o seu culto durante toda a Historia de Cartago 26. Unha segunda versión da
historia é a que nos ofrece Virgilio na Eneida, na que se relata que Eneas chegou a Cartago onde tipo
un romance con Dido, pero que debido ao seu deber imposto por Xúpiter, debe partir cara ao Lacio
para fundar unha nova cidade (da cal partirá a fundación de Roma). Ante isto, Dido clávase a espada
de Eneas no peito e tírase á pira onde queimara varios obxectos relacionados coa súa ex-relación
sentimental. Isto explicaba para os antigos a conflitividade entre Roma e Cartago. Pero, que pode
haber de certo nesta historia?
As datas ofrecidas polas analíticas radiocarbónicas fan referencia ao século IX a.C., nunha
cronoloxía calibrada nos anos 835-800 a.C.27 Polo tanto, unha cronoloxía moi próxima ao que di a
tradición (814 a.C.). Ademais, tanto Timeo (texto 6) como Flavio Josefo, que consultou fontes
orientais, coinciden na mesma data.
Aubet sostén que non é descartable tampouco un transfondo histórico e, polo tanto, real. Para afirmar
isto baséase en que os autores grecorromanos dificilmente coñecerían e polo tanto inventarían certos
datos: os nomes dos protagonistas desta historia son nomes totalmente fenicios; a prostitución
sagrada é un trazo semita; a autoinmolación de Elissa é algo alleo ao mundo clásico pero si ben
coñecido en Fenicia e Canaán. Sobre as orixes fenicias apunta ás coñecidas ofrendas que cada ano
Cartago lle facía a Tiro. Ademais, Cartago estaría nunha rexión xa coñecida polos fenicios (preto de
Útica) e ao fin e ao cabo nace como colonia deste pobo.28
A pesar disto, o que está claro é que os autores grecorromanos introduciron varias invencións para
facer que a historia tivera pleno sentido. Por exempo, o nome da acrópolis púnica Byrsa (texto 7)
significa “pel de boi” en grego pero probablemente isto foi un erro pola asimilación da palabra
semítica brt que significa “fortaleza”. Ademais, en época tardía introduciuse que os fundadores de

25 Justino di que Elissa recibiu regalos e o saúdo dos de Útica (cidade fundada no 1101 a.C. segundo a tradición)

26 AUBET, M. E., Tiro y las colonias fenicias de occidente, Barcelona: Bellaterra, 2009. p. 232

27 Ibídem. p. 226

28 Ibídem. p. 233-234

8
Cartago foran Zoro e Karkhedon, como aparece no texto de Apiano (texto 7), cando en verdade esas
dúas palabras significan en grego Tiro e Cartago.
Porén, é necesario insistir nas diferenzas entre Cartago e Gadir con respecto ao relato que foi
transmitido polos antigos e a súa comparanza cos feitos históricos (baseándonos no rexistro
arqueolóxico, na filoloxía ou noutros métodos). As fontes semellan estar moito máis acertadas con
Cartago. A cidade, que de maneira tan temperá desenvolveu as súas estruturas políticas e xerou unha
influencia visible en Sicilia, e que se fixo ben coñecida por terse convertido nunha gran potencia do
Mediterráneo a partir da caída da súa nai patria Tiro no ano 573 a.C., disputándolle o territorio do
Mare Nostrum primeiro aos gregos e posteriormente a Roma nas Guerras Púnicas. A gran influencia
que tivo Cartago sobre a área occidental mediterránea podemos observala nos rexistros
arqueolóxicos de numerosas colonias fenicias, como as da Península Ibérica ou nas Baleares, onde a
partires do século VI a.C. os vestixios materiais pasan de ser dun carácter orientalizante a ter uns
trazos marcadamente púnicos. Polo tanto, vemos que Cartago tivo unha gran influencia na Península
Ibérica.29

3. As colonizacións gregas
A continuación realizarei un breve comentario de texto sobre a colonización grega segundo nos
contas as fontes e segundo a arqueoloxía.
Para achegármonos á antigüidade das primeiras colonizacións gregas podemos contar primeiramente
coas fontes literarias. Estrabón de Amasia, xeógrafo grego do Cambio de Era, que escribe cando se
culmina a conquista, é unha das máis importantes fontes para o estudo antigo da Península Ibérica.
Paradoxicamente xamais estivo en Iberia, pero sabemos que debeu de beber de fontes como
Posidonio, do cal era discípulo, Artemidoro, Polibio ou Asclepiades de Myrlea, como nomea no
texto número 9 do material práctico das clases interactivas (III, 4, 3).
Estrabón retrotrae as orixes das colonizacións gregas en Iberia varios séculos antes dos testemuños
arqueolóxicos abundantes cos que contamos a partires do século IV e V a. C. Podemos ver o mesmo
en Heródoto (I, 165) cando nos fala da amizade dos foceos 30 gregos co rei turdetano Argantonio31.
Para algúns autores, isto podería ter certa base real, xa que foron atopados algúns vestixios
arqueolóxicos, Tartessos no norte de áfrica e gregos en territorio tartésico, que poderían facernos
29 RUIZ MATA, D., “El período cartaginés de la colonización púnica” en MONTENEGRO, Á., et al., Historia de España.
Colonizaciones y formación de los pueblos prerromanos (1200-218 a.C.), Madrid: Gredos, 1989. V. 2, p. 112-116

30 Focea. Polis grega á que se lle atribúe ser a primeira en lanzarse polo Mediterráneo en diante cando foi tomada no
século IV a.C. polos persas.

31 A escasa veracidade deste rei xa reside mesmamente no seu nome, que nos recorda á prata.

9
falar da existencia de precolonizacións gregas. Con sendos fragmentos de Estrabón (texto 9 e 10)
podemos explicar as dúas visión das precolonizacións gregas existentes nas fontes literarias: a
precolonización homérica e a rodia.
Numerosos escritores tardíos antigos fixéronse eco da chegada de xefes gregos que combateron na
guerra troiana, como Menelao, Ulises, Diomedes, Amfíloco, Antenor, Mnesteo, Teucro ou outros,
como aparecen en Estrabón III, 4, 3. Porén, autores como García Bellido xa puxo de manifesto a
escasa veracidade histórica destes relatos, xa que sostén que, a medida que aumentou o oikumene, o
coñecemento do mundo coñecido, estes autores antigos foron asociando certos topónimos ou nomes
étnicos a outros topónimos ou nomes da súa patria, o que os puido facer pensar que certos heroes
homéricos ou pólis chegaron ata estes lugares tan alonxados, cando resulta que a evolución
toponímica non ten a mesma raíz 32. Este é o caso destes numerosos nomes de lugares que aparecen
no texto 9 e o caso de Rodo. As orixes da difusión destas novas interpretacións xeográficas dos mitos
debémosllas aos comentaristas dos poemos homéricos.
Retomando o caso concreto de Rodo, vemos que Estrabón (III, 8) xa di algúns afirman que é unha
fundación dos rodios. Porén, en Rodo (a actual Rosas en Girona) non se teñen atopado vestixios de
asentamentos rodios, e menos aínda anteriores ás primeiras olimpíadas do 776 a.C. (como marca a
tradición), como di Estrabón noutro texto33, e ademais carécese de cerámica grega antes do s. IV a.C.
Podería resultar que esta invención literaria non fora máis que propaganda para exaltar á pólis
mediante a súa gran antigüidade e as súas raíces en Rodas.
Hoxe en día a Historiografía, apoiada na Arqueoloxía, afirma que a primeira fundación grega no
mediterráneo occidental é Masalia (Marsella), no tránsito dos séculos VII-VI a.C. como froito das
viaxes de toma de contacto dos foceos. Escóllese esta ubicación por estar preto da desembocadura do
río Ródano e nun lugar ideal de comercio que conecta o Mediterráneo co Atlántico. Como froito da
prosperidade económica de Masalia fúndase Emporión (Ampurias) en torno ao 575 a.C., como
demostra a análise de vestixios materiais. Ademais, todo apunta a que Rode nace baixo a aura de
Ampurias, e polo tanto a súa fundación non é anterior á desta colonia.

32 FERNÁNDEZ NIETO, F.J., "La colonización griega" en BÁZQUEZ, J.M., et al., Historia de España Antigua, Madrid:
Cátedra, 1983, t. 1, p. 533

33 BLECH, M., "Los griegos en Iberia" en ALMAGRO, M., et al., Protohistoria de la Península Ibérica, Barcelona: Ariel,
2001, p. 290

10
Bibliografía
AUBET, M. E., Tiro y las colonias fenicias de occidente, Barcelona: Bellaterra, 2009

BLÁZQUEZ, J. M., Tartessos y los orígenes de la colonización fenicia en Occidente. Salamanca:


Universidad de Salamanca, 1975.

BLECH, M., "Los griegos en Iberia" en ALMAGRO, M., et al., Protohistoria de la Península Ibérica,
Barcelona: Ariel, 2001

DOMÍNGUEZ MONEDERO, A. J., “Los fenicios en Occidente” en SÁNCHEZ-MORENO (coord.), E.


Historia de España. Protohistoria y Antigüedad de la Península Ibérica, Madrid: Sílex, 2007

FERNÁNDEZ NIETO, F.J., "La colonización griega" en BÁZQUEZ, J.M., et al., Historia de España
Antigua, Madrid: Cátedra, 1983, t. 1

RUIZ MATA, D., “El período cartaginés de la colonización púnica” en MONTENEGRO, Á., et al.,
Historia de España. Colonizaciones y formación de los pueblos prerromanos (1200-218 a.C.), Madrid: Gredos,
1989

RUIZ MATA, D., “La colonización fenicia” en MONTENEGRO, Á., et al., Historia de España.
Colonizaciones y formación de los pueblos prerromanos (1200-218 a.C.), Madrid: Gredos, 1989

SCHUBART, H., “La colonización fenicia” en ALMAGRO, A., et al., Protohistoria de la Península Ibérica,
Barcelona: Ariel, 2001

11

You might also like