You are on page 1of 4

A historiografía

A palabra historia significa algo como “coñecemento adquirido mediante a observación”.


Orixinalmente este termo aplicábase ás anotacións dos viaxeiros, logo ampliadas con
descricións locais. No s. VI a.C., durante o proceso do asentamento das poleis gregas, na
Xonia xurde a prosa como vehículo para expresar o pensamento filosófico, científico e
xeográfico-historiográfico. Nesta época, os cidadáns non tiñan conciencia nacional de
Grecia como colectivo, centrándose só na historia da súa polis. Porén, coa Segunda
Guerra Médica (480-478 a.C.) xurde o panhelenismo e o concepto de Grecia como
entidade, o que posibilita unha análise conxunta dos feitos sucedidos na Grecia antiga.

1.- Heródoto
Nado en Halicarnaso, unha cidade de Asia Menor con moito movemento cultural, no 484
a.C. Proviña dunha familia acomodada oposta á tiranía que rexía a cidade: eventualmente
unha conspiración errada obrigou o autor a exiliarse en Samos, onde aprendeu o dialecto
xonio e comezou a viaxar por Exipto, Fenicia, Mesopotamia, Sicilia… Estes viaxes
permitíronlle obter unha visión moi ampla do mundo grego e a súa contorna. Finalmente
aséntase en Turios, onde conclúe a súa ampla obra e morre entorno ó 420 a.C.

Na labor historiográfica, foi precedido e influenciado polos escritores de periplos


(descricións xeográficas acompañadas de anécdotas curiosas) e os logógrafos (autores de
pequenas historias locais). Heródoto desenvolve unha metodoloxía baseada na obtención
de información de distintas fontes: a visión persoal, as fontes escritas e orais (datos de
poetas, inscricións, documentos oficiais, oráculos, entrevistas, testemuñas…) e as
apreciacións persoais (apelación ó sentido común no referido á verosimilitude e a
interpretación subxectiva dos feitos).

Non tardou de recibir un recoñecemento xeral, aínda que autores posteriores como
Aristóteles, Plutarco, Luciano ou Estrabón o trataron de fabulista e mentirán. Foi moi
estudado nas escolas de retórica do s. I a.C., e elevado por Cicerón á categoría de pater
historiae. Hoxe é considerado o creador da Historia Universal, por ser o primeiro en
trascender os límites locais da historia e pasar dunha visión arcaica baseada en crenzas
tradicionais a unha baseada na verosimilitude e a razón.

1.1.- Obra

Coñecida como Historias. A súa obra sigue un patrón específico: comezan cunha
descrición xeográfica do lugar, logo a descrición das costumes dos seus habitantes e por
último a narración dos seus feitos destacados. Adoita reflexar o seu pensamento político,
oposto á tiranía e partidario da moderación, a liberdade e a piedade. En canto á lingua e
estilo, as obras están escritas en dialecto xónico pero salpicadas de aticismos e
homerismos, sendo a influencia deste autor especialmente notoria nos termos referidos ó
combate, as valoracións morais e as repeticións. A sintaxe e o léxico son sinxelos, pero
épicos.

Os filólogos alexandrinos dividen as Historias en nove libros.

● Libros I a V: descricións de Lidia, Persia, Babilonia, Escitia, Libia e Exipto. Destaca


este último, cunha longa descrición da súa xeografía, etnografía e historia.
● Libro V: narra o avance imparable dos persas e as sublevacións das cidades gregas
da Xonia, así coma a historia de Esparta e Atenas.
● Libros VI a IX: narracións das Guerras Médicas.
○ Libro VI: vitoria de Maratón.
○ Libro VII: Segunda Guerra Médica, morte de Darío, batalla das Termópilas.
○ Libro VIII: vitoria de Salamina, retirada de Xerxes.
○ Libro IX: vitorias de Platea e Mícala.

2.- Tucídides
Tucídides naceu entorno ó 460 a.C. nunha familia aristocrática. Participou como estratega
na defensa de Anfípolis, pero o seu escaso éxito costoulle un desterro de vinte anos,
cruciais para que puidera narrar con certa imparcialidade os acontecementos da Guerra do
Peloponeso. Os seus obxectivos eran buscar a verdade mediante a observación directa e o
exame minucioso dos feitos, aportar algo útil para o conflito e perdurar para a posteridade,
polo que explicaba os feitos para que puideran ser comprendidos a futuro. Influenciado pola
nova ciencia médica do s. V a.C., non admitía explicacións relixiosas ou supersticiosas,
senón que prefería coñecer a causa dos feitos, diferenciando entre os conceptos de causa
e pretexto. A súa obra tamén recolle discursos de políticos, estrategas ou embaixadores, a
meirande deles en estilo directo e presentados cun discurso contraposto.

Estivo moi influído polo pensamento sofista, racionalista e crítico, polo que a súa obra
considérase científico-política. Tucídides entendía que os aspectos racionais do ser
humano operan nos feitos históricos, pero tamén o fan o azar e a sorte. Non se interesou
nas vidas privadas dos personaxes, xa que intentaba ser rigoroso e obxectivo, aínda que
nos episodios dolorosos evocaba o estilo dos poetas tráxicos para reflictar a dexeneración
moral da Hélade da época. Emprega unha linguaxe concisa e directa en dialecto ático, con
algúns arcaísmos e termos poéticos. Abusa das expresións nominais, os termos abstractos,
a substantivación e as oracións subordinadas, polo que é difícil de traducir. Considérase
inventor da historia racional e científica, e aínda que o seu método científico foi moi
admirado e tivo unha gran popularidade no Renacemento e o s. XIX, foi moi criticado por
outros historiadores pola complexidade sintáctica e a dificultade de comprensión da súa
obra.
2.1.- Obra

Titulada A Guerra do Peloponeso, recolle este episodio histórico, agás os últimos anos da
guerra (411-404 a.C.), que serán narrados por Xenofonte. Consta de oito libros:

● Libros I a V: primeira fase da guerra (431-421 a.C.), guerra arquidámica, paz de


Nicias.
● Libros VI e VII: expedición a Sicilia, derrota ateniense (415 a.C.).
● Libro VIII: segunda fase da guerra (414-411 a.C.), abolición da democracia,
reaparición de Alcibíades, avances espartanos.

3.- Xenofonte
Naceu no 428 a.C. nunha familia distinguida, formando parte do círculo de aristócratas
mozos en contacto con Sócrates. A revolución oligárquica posterior á Guerra do Peloponeso
forzárono a abandonar a cidade no 401 a.C., dende onde foi a Esparta e Persia,
desenvolvendo moi boa relación cos espartanos. Eventualmente estableceuse en Corinto,
onde morreu no 354 a.C.

Escribiu nun dialecto ático puro con algunhas palabras poéticas, que anticipa a posterior
koiné. Na primeira parte das Helénicas trata de imitar o estilo de Tucídides, abandonándoo
na segunda metade para presentar un estilo propio, claro e sinxelo. Caracteriza moi ben ós
personaxes, introducindo diálogos e observacións persoais. A variedade temática de
Xenofonte anticipa o gusto helenístico polas historias de viaxes e aventuras, especialmente
no referido ó oriental. Non emprega un método rigoroso e científico, enfocándose máis en
detalles anecdóticos que en asuntos historiográficos importantes, pero amosa un gran
entusiasmo na narración.

A súa obra foi moi lida e admira dende a propia Antigüidade debido á súa sinxeleza e
claridade de pensamento, acadando grande fama nos últimos anos do helenismo e na
época romana, e influenciando directamente a Cicerón, Escipión, Séneca e Maquiavelo. A
partir da súa Ciropedia xurde o xénero biográfico.

3.1.- Obra

É bastante ampla e variada, e a grandes trazos podería clasificarse en:

● Tratados relacionados con Sócrates: Memorabilia, Apoloxía e Simposio, tres obras


de reducido tamaño onde establece un perfil moi diferente de Sócrates ó definido por
Platón.
● Obras relacionadas con Persia: a Ciropedia, unha novela pedagóxica con
elementos reais e fantasiosos onde Xenofonte emprega a Ciro o Vello como
paradigma dun bo gobernante, destacando a importancia da educación e as
habilidades naturais, e Anábase ou A retirada dos 10 000, que narra a expedición
de Ciro o Xoven contra o seu irmán Artaxerxes, na cal participou o propio Xenofonte.
Trala batalla de Cunaxa, Ciro morre e os gregos volven con enormes dificultades a
terras gregas.
● Obras relacionadas con Esparta: A Constitución dos Lacedemonios, onde resalta
as calidades do pobo espartano, e o Axesilao, onde expoñe os feitos máis
destacables protagonizados por este rei e sinala as súas calidades de xeito
idealizado.
● Obras historiográficas: as Helénicas, continuación da obra de Tucídides, narran os
feitos acontecidos en Grecia entre 411 a.C. e 362 a.C., dende a instauración do
goberno dos Trinta Tiranos ata a hexemonía beocia trala batalla de Leuctra. O autor
foi testemuña destes feitos, e a súa proximidade no tempo fai que parezan un pouco
desestruturados.
● Obras didácticas: Hipárquico, Sobre a equitación, Cinexético, Hierón,
Económico e As finanzas, tratados sobre caza, equitación e temas variados.

You might also like