You are on page 1of 10

A literatura da Idade Media

Denomínase Idade Media a un período comprendido entre o século V (caída do Imperio romano de
Occidente) e o século XV. Trátase, polo tanto, dun período histórico moi extenso no que distinguimos
dúas etapas: Alta Idade Media (s. V – X) e Baixa Idade Media (s. XI –XV).

Contexto sociopolítico e cultural

 Fragmentación do poder: a crise económica do Imperio romano coincidiu coa inestabilidade política
provocada polas invasións dos pobos bárbaros. Para frear o seu impacto, dividiuse o imperio en dous:
imperio romano de Oriente (logo imperio bizantino) e imperio romano de Occidente. No ano 476 os
bárbaros depuxeron o derradeiro emperador. Este feito marca o inicio da Idade Media. A
desintegración do imperio romano propiciou a aparición de numerosos estados feudais.

A partir da data indicada os pobos xermánicos expandíronse polo suroeste de Europa e fundaron
novos reinos. O pobo suevo chega á Gallaecia no ano 409 e funda o primeiro estado independente do
poder de Roma en Europa. Os suevos dominarán o Reino de Galicia durante 175 anos (410-585). Os
anglos e saxóns instálanse en Inglaterra, os francos ocupan a actual Francia e parte de Alemaña
(Imperio carolinxio), os ostrogodos e lombardos dominaron a península itálica.

Dous acontecementos pechan a denominada Idade Media: a toma de Constantinopla, capital de


Bizancio, a mans dos turcos en 1453 e o “descubrimento” de América en 1492.

 Fragmentación lingüística. Aparición das linguas vernáculas: co paso dos séculos e gradualmente, o
latín vulgar falado nos territorios romanizados vaise transformando e xerando novas linguas, cada vez
máis afastadas do latín escrito e que se van diferenciando entre si de xeito progresivo. Aínda que o
latín seguirá sendo a lingua de prestixio e internacional, ademais da lingua da igrexa, as linguas
vernáculas irán desprazando progresivamente o latín como lingua de cultura, penetrarán nos ámbitos
de uso ata agora só reservados ao latín: converteranse en linguas literarias, de uso escrito e presentes
en rexistros formais.

 Sociedade estamental e feudalismo: sociedade xerarquizada e dividida en estamentos sociais


inamovibles. O feudalismo era un sistema socioeconómico baseado na vasalaxe, relación de
dependencia e submisión entre o señor e o vasalo. O señor era o posuidor da terra e ofrecía protección
a outros nobres de menor rango e a campesiños. O vasalo traballa as terras do señor e comprométese
a obedecelo e servilo.

Sociedade piramidal
O rei, representa o poder a todas as escalas, e exerce como señor
feudal.

O clero, os oratores, os que rezan. Representa o poder relixioso e


tamén é posuidor de terra.

A nobreza, os bellatores, os que loitan. Os nobres son tamén señores


feudais, posuidores de terra.

O campesiñado, os laboratores, colectivo que traballa a terra da


nobreza civil e eclesiástica. É o vasalo.
 Sociedade teocéntrica. O poder unificador da igrexa: período de protagonismo das relixións
monoteístas, cristianismo e islam, propiciado polo cambio de mentalidade en que prima a
espiritualidade e o transcendente. A sociedade caracterizada polo teocentrismo, é dicir, rexida pola
relixión, que ocupa a centralidade. O cristianismo convértese en relixión oficial do imperio romano a
finais do século IV e mantén a unidade dos diferentes pobos de Occidente.

 Analfabetismo: a maioría da poboación era analfabeta, condición que propiciou a ausencia de textos
escritos. Cómpre lembrar que ata o século XI a literatura transmitiuse fundamentalmente de maneira
oral. A partir dese século comezou a fixarse por escrito.

 Cultura monacal: Na Alta Idade Media os mosteiros foron os principais centros culturais: os monxes
conservaban e copiaban manualmente os documentos e as bibliotecas dos mosteiros foron
fundamentais na conservación da cultura clásica. A partir do imperio carolinxio (século IX) creáronse
institucións educativas urbanas: escolas catedralicias para formar o clero e escolas para laicos. Estas
últimas son o xermolo das primeiras universidades.

 A escolástica: foi unha corrente de pensamento dominante da Idade Media. Representa a unión entre
filosofía e teoloxía: a razón emprégase para explicar a fe. A principal figura foi Tomás de Aquino. A partir
do século XII o pensamento filosófico comezou a liberarse da impronta relixiosa.

La literatura medieval

A literatura medieval reflicte as preocupacións da época. Algúns dos temas máis frecuentes son os propios
dese momento histórico –o espírito cabaleiresco, as guerras, as cruzadas, etc.–, mentres que outros, como o
amor ou a morte, son universais.
Aínda que durante a Idade Media seguiu utilizándose o latín como lingua literaria, non gozou do esplendor
acadado na época clásica. A partir do século XI prodúcese un feito transcendental: aparecen as primeiras
manifestacións escritas en linguas modernas (galego, castelán, francés, alemán, inglés…).

As obras máis importantes da literatura europea medieval son:

 Poesía épica
- Épica anglosaxoa: Beowulf
- Épica nórdica: eddas, sagas e elexías
- Épica alemá. Cantares de xesta alemáns: O Cantar dos nibelungos
- Épica francesa. Cantares de xesta franceses: O Cantar de Roldán
- Épica española. Cantares de xesta españois: O Cantar de Mío Cid

 Poesía lírica

Popular: kharxas mozárabes, os vilancicos casteláns, as cantigas de amigo galegoportuguesas

Culta
- A poesía dos trobadores provenzais.
- A poesía xermánica: os Minnesänger.
- A poesía galaico-portuguesa: as cantigas de amor, de escarnio e maldicir…
- A poesía goliardesca: cancioneiro Carmina Burana.
 Prosa:
- Narración cabaleiresca: o ciclo artúrico. Tristán e Iseo, O conto do Grial…
- Coleccións de contos: O Decamerón de Bocaccio, os Contos de Canterbury de G. Chaucer, O conde
Lucanor de don Juan Manuel, o Roman de Renart, os fabliaux
 Teatro
- Relixioso: os tropos, milagres e misterios
- Profano: as danzas da morte ou danzas macabras.

A poesía épica

Os poemas épicos medievais, coñecidos tamén como cantares de xesta, son longas composicións que
enxalzan as fazañas guerreiras de heroes. Caracterízanse por teren como protagonista un heroe
idealizado que aglutina todos os valores apreciados na época. Este destaca polo espírito guerreiro, a
defensa do sistema feudal, o fervor relixioso e o seu impecable código de conduta. Serven de exemplo
para o pobo.

Estas obras transmitíanse oralmente a través da recitación e o canto a cargos dos xograres, artistas que
percorrían cidades, vilas e feiras recitando os seus versos. Con todo, é imposible determinar un autor
individual, son anónimos.

No estilo destaca a asonancia e a repetición dos epítetos épicos e de fórmulas fixas, recursos que
facilitaban a memorización do texto. Aínda que a linguaxe era compresible para o público, a narración
revestíase dun ton transcendente e empregábanse recursos como a hipérbole, pois busca enfatizar a
heroicidade e a loita entre o ben e o mal.

Épica anglosaxoa

Destaca Beowulf, poema épico composto en Inglaterra arredor do ano 800. Narra a lenda do rei histórico
godo, Beowulf, que loitou contra os francos no século VI. A composición consta de 4000 versos e mestura
fantasía e historia, de feito, o protagonista morrerá loitando cun dragón para salvar o seu pobo.

Épica nórdica

As primeiras mostras datan do século VII. Destacan:


 Os edda, narracións breves de Islandia e Escandinavia de asunto mitolóxico e centradas nas lendas de
heroes.
 As sagas: series de narracións lendarias en prosa baseadas na tradición oral de Islandia e Noruega.
Comezan a fixarse na escrita arredor do século XIII.
 As elexías, poesía de loanza a soberanos falecidos. Eran compostas polos escaldas, poetas que vivían
nas cortes norueguesas medievais. Incluían tamén elementos mitolóxicos.

Épica alemá

O poema épico alemán máis importante é o Cantar dos nibelungos. Escrito contra o ano 1200 en alto
alemán medio, conta con 2400 estrofas regulares de catro versos repartidas en 39 cantos. En realidade
son un conxunto de textos (aprox. 37), achados en estado moi fragmentario, porén hai tres documentos
que se consideran as versións principais. A narración funde mitoloxía e historia, as lendas mestúranse con
algúns feitos e personaxes históricos. A inclusión de elementos fantásticos e míticos aproxímao á épica
grecolatina. O protagonista é Sigfrido, un heroe prototípico que recorda a Aquiles en varios aspectos.
Sigfrido é un cazador de dragóns que, logo de conquistar o tesouro dos nibelungos, consegue facerse
invulnerable bañándose con sangue dun dragón. Con todo, unha zona das súas costas queda desprotexida
ao cubrirse accidentalmente por unha folla de tileiro.

 Na primeira parte da obra, Sigfrido namórase de Krimilda, irmá de Gunter, príncipe dos burgundios.
Gunter está disposto a acceder ao casamento da parella se a cambio Sigfrido o axuda a conquistar a
Brunilda, raíña de Islandia, quen esixe aos seus pretendentes superar tres probas de forza. Gunter fai
crer a Brunilda que Sigfrido é o seu vasalo e consegue saír vitorioso da primeira das probas facendo
trampas, pois é Sigfrido quen a supera. Celébranse ambas as vodas, pero Brunilda négase a consumar
o matrimonio e emprega o seu cinto para atar o esposo. De novo, Sigfrido axúdao; usa a súa capa de
invisibilidade para que Gunter poida durmir coa raíña e ademais leva o cinto e un anel da raíña.
Posteriormente, prodúcese un enfrontamento entre as dúas esposas porque Brunilda cre que é
superior a Krimilda, a quen considera esposa dun vasalo. Brunilda acaba descubrindo o engano,
móstrase traizoada e tamén celosa de Krimilda. Co fin de vingarse de Sigfrido, busca axuda dun
guerreiro, Hagen, para que o mate. Este home gaña a confianza de Krimilda e descobre cal é o punto
vulnerable do heroe. Nunha cacería organizada, Hagen aproveita a ocasión para matalo apuñalándoo
nese lugar letal do seu corpo.
 Na segunda parte relátase a vinganza de Krimilda que termina por cortarlle a cabeza ao asasino do
seu esposo. A obra destaca pola crueldade e a ansia de vinganza dalgúns dos personaxes.

Épica francesa
A obra máis destacada é o Cantar de Roldán e relata a batalla de Roncesvalles, lugar de paso entre
Francia e España situado no Pireneo navarro. A acción comeza cando as tropas de Carlomagno abandonan
España, logo de firmaren un tratado de paz co rei mouro de Zaragoza, Marsilio. Con todo, ao pasar polo
desfiladeiro de Roncesvalles, a retagarda francesa, capitaneada polo valente Roldán, é atacada polos
mouros coa colaboración dun traidor, Ganelón, cuñado de Carlomagno. Roldán resístese a facer soar o
seu corno (olifante) para pedir axuda. O heroe loita desesperadamente contra un incalculable número de
mouros que o cercan. Cando por fin decide facer soar o olifante, xa é demasiado tarde. Queda só na
batalla e morre tras romper a súa espada. Ao chegar Carlomagno, lamenta a morte do seu sobriño,
persegue os mouros e derrótaos.

 Roldán é o heroe do poema. O seu valor é tan notable como a súa soberbia, esta última causante
do fatal desenlace.
 Oliveros é o compañeiro fiel de Roldán. Representa a lealdade e ofrece un contrapunto xuízoso ao
carácter impetuoso do heroe.
 Carlomagno é un personaxe idealizado como caudillo militar e xefe da cristiandade. Destaca
tamén a súa humanización no amor que sente polo seu sobriño.
 Ganelón é un nobre franco que traizoa a Carlomagno, porén explícasenos os seus motivos, non
cae no maniqueísmo.

Épica castelá
O único cantar de xesta que se conserva case completo é o Cantar de Mío Cid. Trátase dunha obra
anónima, escrita arredor do ano 1200. En canto á forma, conta con 3735 versos de métrica variable, se
ben predominan os de arte maior divididos en hemistiquios e separados estes por unha cesura.
O poema conta as aventuras de Rodrigo Díaz de Vivar, o Cid campeador, un infanzón castelán que é
desterrado inxustamente polo rei Afonso VI. A obra desenvolve o tema da recuperación da honra do
heroe, cuxa restitución supón unha maior gloria que a que tiña inicialmente. A diferenza doutros cantares
de xesta non se incorporan elementos sobrenaturais e o heroe presenta trazos máis humanos.

O Cid despídese da esposa, dona Ximena, e das fillas e parte cara a terra de mouros, onde vai
conquistando territorios ata apoderarse de Valencia. Debido ás súas fazañas, o rei perdoa a tan fiel vasalo
e, como mostra de agradecemento, concerta a voda das fillas do Cid cos infantes de Carrión,
representantes da nobreza leonesa. Mais, tras o casamento, os infantes revelan a súa verdadeira cara,
homes crueis que maltratan e abandonan as súas esposas. O Cid, agraviado, esixe xustiza e convoca
Cortes. A honra do Cid restitúese coa morte dos infantes e as novas vodas para as fillas, moito máis
vantaxosas ca as anteriores.

A poesía lírica popular

Cómpre diferenciar entre poesía popular e culta.


A poesía lírica de carácter popular é anónima e a súa transmisión é oral. Destacan as kharxas, breves
poemas escritos en lingua mozárabe e incluídos como estrofa de peche nas moaxajas –poemas cultos
árabes–. Nas kharxas unha muller lamenta a ausencia do amado. Este tema aparece nas cantigas de
amigo galego-portuguesas, porén mantén diferenzas notables coas kharxas, e mais na lírica popular
posterior, como os vilancicos casteláns dos século XIV e XV, tamén chamados cancións de viláns.

A poesía lírica culta

A poesía provenzal
Este tipo de poesía xorde na Occitania, zona que abrangue desde a rexión do Poitou ata a Provenza, a
partir do século XI. Nela aparece unha nova concepción do amor denominado amor cortés. A
prosperidade económica que experimenta a zona propicia o florecemento das artes e as letras. Esta lírica
culta foi escrita en occitano por trobadores, autores cultos que pertencían xeralmente á nobreza. O
trobador máis antigo do que se ten referencia é Guilhem de Peitieu (1071-1126), duque de Aquitania e
conde de Poitiers, guerreiro e home de vida libertina. Os textos, acompañados de música, reproducen os
principios do amor cortés:

 No amor cortés trasládanse as relacións de vasalaxe ao amor, hai unha transposición do feudalismo
social ás relacións persoais, así, o poeta é un vasalo da súa amada, e ela é o señor feudal.
 A muller é designada cunha palabra masculina midons (meu señor). O poeta mostra unha absoluta
submisión á dama, sométese ao seu capricho e ao servizo do amor, sen esperar recompensa.
 A dama adoita ser unha muller casada e de status social superior. O aspecto físico é idealizado,
encarna a perfección e o seu retrato difumínase en abstraccións case místicas.
 A dama móstrase distante, inaccesible, incluso cruel. Porén, a relación entre ela e o seu vasalo pode
pasar gradualmente por diferentes estados de correspondencia ou aceptación, desde o fenhedor
(suspirante), precador (suplicante), entendedor (amor tolerado) ao drutz (amante). O rexeitamento
da dama non é motivo de desánimo, senón que enxalza a paixón do poeta.
 A relación é prohibida, non aceptada socialmente. Este aspecto determina a importancia da reserva
da dama (preservar o anonimato dela) e a mesura (prudencia na expresión do sentimento). Outro
elemento característico desta poesía é a presenza do senhal, pseudónimo que serve para ocultar a
identidade da dama, mais coñecido por ela.
 Nesta poesía adoitan aparecer personaxes que obstaculizan a relación, así: os laussengiers
(murmuradores ou calumniadores), que espían a dama para contarlle ao marido a infidelidade e mais
o gilós, o marido celoso.

Dentro da poesía trobadoresca provenzal destacan dous xéneros: a cançó e o sirventés. A cançó é a
modalidade escollida para as composicións de amor cortés en que o poeta expresa o seu sentimento
amoroso á dama. Ten elaboración culta e de estilo refinado. O sirventés é unha xénero satírico ou
burlesco de temática diversa en que se censuran persoas, costumes, clases sociais, aspectos da vida cotiá.

A poesía xermánica: o Minnesinger


Influencia directa da poesía provenzal son os Minnesinger, cantos ou composición líricas que celebran o
Minne, o amor, elaboradas entre os séculos XII e XIV por trobadores alemáns que seguen os principios do
amor cortés provenzal.
A poesía galego-portuguesa
A era compostelá do século XII, protagonizado polo arcebispo Xelmírez, reunía unhas condicións
sociopolíticas e culturais óptimas para que florecese no noso territorio unha prestixiosa literatura.
Compostela, situada lonxe dos conflitos bélicos, era centro de peregrinación e referencia dos reinos
cristiáns de Occidente. Ademais da lírica provenzal, na creación do corpus medieval galego-portugués
inflúe a rica literatura popular, a lírica latina e a literatura relixiosa dos himnos. Na lírica profana
distínguense tres xéneros:

Cantigas de amigo: composicións xenuinamente galegas, beben da poesía popular autóctona.


- Poemas de temática amorosa con voz poética feminina: unha muller diríxese ao seu amado, ao que
denomina amigo. A presenza desta palabra é unha marca distintiva que permite identificar o xénero.
- A muller é unha dona virgo, unha doncela nova que ansía o encontro co seu namorado. Hai diferentes
tipos psicolóxicos de moza: a inxenua, a narcisista, a rancorosa, a desconfiada, a leda... A descrición
física é escasa. Incídese no sentimento amoroso.
- Presenza da natureza: ambientación rural e idealizada. Con todo, a paisaxe non é apenas un decorado,
os elementos da natureza adquiren valores simbólicos e ás veces son interlocutores e receptores do
sentimento amoroso da moza.
- Presenza do diálogo (ás veces, monólogo). A muller pode dirixirse ao seu amigo, mais tamén a unha
serie de personaxes que actúan de intermediarios, confidentes ou mensaxeiros: a nai, a amiga, a irmá,
a propia natureza...
- Estas cantigas poden ser de refrán (que se repite ao final de cada estrofa) ou de mestría (ausencia de
refrán, tres ou catro estrofas, xeralmente de sete versos). Abunda o uso dos recursos de repetición
como o paralelismo e o leixaprén.

Cantigas de amor: É o xénero en que máis se percibe a influencia da lírica provenzal. Con todo, non son
simples imitacións, houbo un proceso de adaptación da concepción do amor cortés provenzal á sociedade
galega. Estas composicións adquiren características de seu e distáncianse do modelo occitano en
determinados aspectos formais e temáticos.
- Poemas de elaboración culta e formal. A temática é amorosa e presenta unha voz poética masculina
que expresa o amor que sente pola dama, á que denomina senhor. A presenza desta palabra é unha
marca identificativa do xénero.
- O amor é idealizado e máis espiritual ca carnal. Nas cantigas de amor non se alcanza o estado de drut
provenzal (amante correspondido).
- A descrición da dama é moi abstracta. Apenas se destacan trazos físicos, saliéntanse calidades máis
psicolóxicas. O retrato da dama é esquemático, sinxelo e pouco detallado.
- A ausencia de correspondencia conduce á coita, condición de sufrimento e queixa do eu poético.
- Estas cantigas presentan procedementos formais máis elaborados e un uso de recursos maior: dobres,
mordobres, fiinda, ata-fiinda, polisíndeto, sinonimia, hipérbole...

Cantigas de escarnio e maldicir: Xénero profano de carácter satírico. Aínda que na práctica non é fácil
percibir distinción ou non sempre existe, tende a diferenciarse entre cantigas de escarnio, aquelas en que a
crítica é indirecta e se empregan recursos que conducen ao equícovo ou o dobre sentido, e cantigos de
maldicir, en que a crítica é directa e explícita. Nestes poemas burlescos hai unha clara influencia do
sirventés provenzal. A temática é moi ampla: sátira política, sátira social (crítica a estamentos sociais,
ningún se libra da burla), sátira persoal e de vicios e costumes... Tamén hai sátiras literarias e mesmo
parodias ás cantigas de amor.

As cantigas conforman un extenso corpus de 1685 textos, conservados e recompilados en grandes libros
chamados Cancioneiros, dos que destacan tres códices: Cancioneiro de Ajuda (século XII), Cancioneiro da
Vaticana e Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa. Ademais consérvanse textos menores como o
Pergamiño Vindel do século XIII, que reúne as sete cantigas de amigo de Martín Códax, seis delas coa
notación musical, e o Fragmento Sharrer, que contén sete cantigas de amor do rei Dinís. A isto cómpre
sumarlle as 420 cantigas de carácter relixioso que conforman as Cantigas de Santa María, a obra mariana
máis importante da literatura medieval.

A poesía goliardesca

Os goliardos, tamén chamados «clérigos vagantes», foron estudantes que abandonaban os estudos
eclesiásticos, monxes fuxidos ou expulsados dos seus conventos e clérigos pobres ou sen parroquia.
Percorrían os camiños de Europa entre os séculos XI e XIII, parando nas tabernas e levando unha vida
disoluta e vagabunda. Non tiñan recursos suficientes e exercían como poetas e xograres, cantando as súas
composicións a cambio de comida, aloxamento ou diñeiro.

A súa escrita evidencia a enorme erudición dos autores goliardescos. Son escritores moi doutos, cultos, cun
amplo coñecemento da retórica latina e dos clásicos. A súa literatura, composta inicialmente en latín, é de
carácter burlesco e satírico. Os seus poemas presentan unha temática moi variada: exaltan a vida
pracenteira, o viño, o xogo e o erotismo; mais tamén hai composicións de carácter social en que critican o
ambiente que os rodea; atacan sen piedade ao alto clero, denuncian a corrupción eclesiástica e ridiculizan
os himnos litúrxicos.

A poesía goliardesca cultivouse por toda Europa na Idade Media. Os poemas, a maioría anónimos,
agrupáronse en cancioneiros, dous dos máis coñecidos son o Cancioneiro de Ripoll e o famoso Carmina
Burana.

A prosa medieval. A narrativa cabaleiresca

Xorde un novo xénero, o roman (novela), falamos do que se coñecerá como novelas de cabalería. Estas
recollen os valores feudais da lírica trobadoresca e a figura do heroe dos cantares de xesta. As novelas de
cabalería deben diferenciarse dos cantares en varios aspectos: hai un autor coñecido, fronte ao anonimato
dos cantares; hai unha maior complexidade narrativa e, ao igual ca os cantares, escríbense en verso, están
concibidas para ser lidas, non recitadas. Os cantares baseábanse en feitos coñecidos polo público, mentres
que a novela baséase en feitos de ficción. O elemento marabilloso e irracional aparece con frecuencia na
trama e intégranse no relato con normalidade. O heroe posúe as calidades habituais: a forza, a lealdade, a
valentía, a fidelidade, o culto ao amor, o espírito de sacrificio... O amor tamén está presente e segue o
modelo do amor cortés en que o cabaleiro sente unha adoración case mística pola dama, motor das súas
fazañas en aras de lograr a perfección moral.

Baixo as denominacións de ciclo artúrico ou materia de Bretaña agrúpanse numerosas obras que toman
como materia lendas de orixe celta. Relatan as aventuras protagonizadas polo lendario Artur, rei de
Camelot, quen coa protección do mago Merlín e a compaña dos cabaleiros da Mesa Redonda, vai na
procura do Santo Grial, un poderoso cáliz máxico.

A primeira obra documentada data de 1135 e é a Historia dos reis de Bretaña escrita por Geoffrey de
Monmouth. Nela nárranse as desventuras do rei Lear e o nacemento de Artur. En 1155 aparece o Roman
de Brut, obra francesa de Wace que introduce un novo elemento: a Táboa Redonda.

As obras do ciclo artúrico tiveron un enorme éxito, especialmente nos séculos XII e XIII. O mérito destes
autores foi a capacidade de adaptar e integrar as lendas célticas ao ambiente cortesán e á estrutura feudal
da época. Incorporaron novos elementos e personaxes (por exemplo, o obxecto máxico, o Santo Grial, cáliz
místico, ou o personaxe de Galahad). Introdúcese unha dimensión sobrenatural e un simbolismo máxico
no relato.
Entre 1160 e 1190, Chetrien de Troyes escribe, entre outras, o Conto do Grial e O cabaleiro da carreta,
algunhas das mellores narracións sobre o tema. Este autor francés terá numerosos continuadores, entre os
que destacan Wolfran von Eschenbach quen escribe Parzival. Arredor de 1225 aparece a chamada
Vulgata, narración que consta de cinco partes: “A historia do Saint Graal”, “Merlín”, “Lancelot”, “A cuestión
do Saint Graal” e “Morte de Artur”. No século XIII prodúcese unha cristianización do ciclo coa introdución
do personaxe de Galahad, prototipo do heroe cristián, que procura insistentemente o Santo Grial. Neste
século aparece a obra coñecida como Post-Vulgata e tamén a obra do escritor Robert de Boron, o Xosé de
Arimatea.

Principais obras e autores

Tristán e Iseo: a historia en si non pertence ao ciclo artúrico, pero os seus personaxes si se vinculan a este.
Trátase dun dos romances máis tráxicos e populares no período medieval. Inspírase en antigas lendas
célticas e existen numerosas versións da obra. As máis coñecidas datan da segunda metade do século XII e
son as escritas por Béroul (poeta normando) e por Thomas de Inglaterra.

O rei Marco de Cornualles encomenda ao seu sobriño Tristán ir buscar a Irlanda a Iseo a Loira, a súa
prometida. De regreso a Inglaterra, Tristán e Iseo beben por erro un filtro de amor, destinado a garantir o
amor eterno entre a moza e o rei Marco. Incapaces de evitar o efecto amoroso que xorde entre eles, os
amantes deciden separarse. Aínda que Iseo e Marco casan, ela e Tristán, presos do amor que senten, teñen
encontros furtivos ata que o rei os descobre. Os amantes viven solitarios no bosque ata que un día o rei os
sorprende durmidos coa espada de Tristán entre os seus corpos. Avanzada a historia, Iseo regresa co seu
esposo, mentres que Tristán marcha a outro reino, onde casa sen amor con Iseo a das Brancas Mans, que
polo nome e o aspecto lle recordan á outra. Tristán, ferido mortalmente, envía buscar a súa amada, pero
unha tempestade impídelle a esta chegar a tempo e, á beira do cadáver do amado, acaba por morrer de
pena. Outras versións presentan un desenlace diferente: a nave erguerá as velas brancas se Iseo vai nela,
pola contra, se a moza decide non aparecer, as velas serán negras. A esposa de Tristán, celosa, engánao e
dille que o navío trae as velas negras. Desesperanzado, Tristán morre. Ao chegar Iseo a Loira encontra só o
seu cadáver e, tendida canda el, morre.

Os lais de María de Francia


Os lais son poemas narrativos escritos en lingua anglonormanda. A poeta María de Francia, de cuxa vida
apenas de teñen datos, dedicou no século XII á lenda de Tristán, o seu lai A madreselva. No poema a unión
inquebrantable dos amantes represéntase coa madreselva, símbolo do feminino, que se entrelaza na
abeleira, igual que o fixeron os brazos da parella. A historia constituíu unha verdadeira revolución, pois
presentaba un amor transgresor, que rompía coas regras do amor cortés, as convencións e o feudalismo
social da época. Por esa razón a paixón entre os amantes é inviable e a única saída factible é a morte.

As novelas de Chretien de Troyes


Chretien de Troyes substitúe habilmente a figura do poeta namorado polo cabaleiro amante. Apóiase nas
lendas artúricas para crear un conxunto de novelas das que só se conservan cinco: Erec e Enide, O
cabaleiro da carreta, Cligés, O cabaleiro do león e o inacabado Conto do Grial. Nelas hai dous motivos que
se converten nun ideal: o amor, apaixonado, pero xa non tráxico, e a perfección cristiá. Xunto a estes,
integran os piares do seu mundo novelesco a lealdade, a fidelidade e o honor.

Dúas das novelas citadas, O cabaleiro da carreta e O cabaleiro do león, céntranse no amor que un dos
cabaleiros máis valentes ao servizo do rei Artur, Lanzarote do Lago, sente pola raíña Xenebra. Mais o amor
non se opón á proeza, senón que é o motor desta. O autor conxuga a devoción á dama e o altruísmo cara
aos oprimidos, o amor e o deber, o real e o fantástico.
Ao final da súa obra, o amor cortés derivou nun amor espiritual e o ideal de cabalería transformouse no
ideal místico. Os seus frecuentes finais abertos ou a inconclusa Perceval, propiciou que outros autores
fosen continuadores da materia de Bretaña.

O ciclo artúrico tivo unha extraordinaria difusión e propiciou a súa tradución ás principais linguas
vernáculas de prestixio. Así, na literatura galega realizáronse no século XIV copias manuscritas dalgunhas
destas obras. Conservamos en galego o primeiro libro do Livro de Xosé de Arimatea, o terceiro da
Demanda do Santo Graal e fragmentos do Libro de Tristán e do Merlín.

No contexto da literatura española tamén serán o xermolo doutras narracións cabaleirescas que xurdirán
nos séculos XIV e XV, como Amadís de Gaula, Tirant lo Blanch ou O cabaleiro Zifar.

A prosa medieval. Os contos


Moi distanciados do ideal aristocrático e do cantar de xesta xorde unha literatura de carácter satírico e
cómico a través do conto. Escritos en verso e en prosa, a súa finalidade é crítica e didáctica.

O Roman de Renart: é un extenso poema de versos octosílabos, escrito en francés e conformado por 26
relatos independentes. Foi composto por diferentes autores pertencentes ao clero entre o último terzo do
século XII e a primeira metade do século XIII.
Os personaxes, ao igual que nas fábulas, son animais. Cada un representa un tipo diferente de ser humano
e todos os estratos sociais se ven reflectidos a través de cadanseu animal. O raposo (renart en francés) é o
que dá cohesión e articula os diferentes relatos.
A obra pretende ser un retablo da sociedade medieval, mais cun ollar malicioso e crítico que busca parodiar
os valores vixentes. Os xéneros literarios imperantes son ridiculizados e cuestiónanse, por primeira vez, os
ideais medievais. A grandeza cabaleiresca dos cantares de xesta e do roman esfumarase ao evidenciar o
verdadeiro móbil humano: o egoísmo e o engano; a visión sublime do amor da lírica verase ensombrecida
polas pulsións máis desvergonzadas. Nos primeiros relatos predomina a comicidade, mentres que nos
últimos hai unha maior intención moralizante.

Os fabliaux: son relatos curtos, escritos en versos octosílabos, a maioría de autor descoñecido. Estes contos
teñen unha intención cómica, buscan a risa do lector, e carecen de pretensións morais e relixiosas.
O período de maior auxe dos fabliaux abrangue desde finais do século XII ata mediados do século XIV. Os
personaxes son persoas desfavorecidas e esquecidas da sociedade: marxinados, campesiños... A estrutura é
sinxela e responde sempre ao mesmo esquema: burla cara a un personaxe poderoso, mais antipático.

O teatro medieval

Ao igual que na Grecia antiga, o teatro medieval ten unha orixe relixiosa, porén en temas e formas o
medieval é moi diferentes do grecolatino.

Teatro relixioso: A comezos do século X comezan a representarse no interior das igrexas pezas breves
chamadas tropos. Son dramas litúrxicos en latín, de finalidade pedagóxica, que escenifican pasaxes
bíblicas: a adoración do neno Xesús, a paixón de Cristo, milagres etc.
No século XII as representacións comezan xa a facerse en lingua vulgar, fóra do templo e cun decorado
máis elaborado. O texto é cada vez máis extenso e tamén o número de actores participantes. A
representación complícase e incluso se introducen episodios divertidos e pasaxes grotescas.
Outra modalidade son os xogos ou milagres que levan a escena episodios dos xogos dos santos e milagres
da Virxe. Progresivamente estas pezas foron concedendo maior importancia ao desenvolvemento profano
do argumento e desprazaban o elemento relixioso ao desenlace da obra.
No século XV o teatro relixioso complícase máis cos misterios, grandes representacións que organizaba
toda a comunidade, dada a súa complexidade. Os textos eran moi extensos e incluso esixía a
representación en varios días. Destacan autores como Arnoul Greban ou Jena Michel con cadanseu
Misterio da Paixón.

Teatro profano destaca a farsa, obra cómica de pouca extensión interpretada por tres ou cinco personaxes.
A comicidade procede dos enxeñosos xogos de palabras e situacións previsibles de intención caricaturesca.
Unha das máis coñecidas foi a Farsa do mestre Pathelin (1464), en que se escenifica un divertido proceso
xudicial.
No século XIV esténdense por toda Europa as danzas da morte ou danzas macabras, subxénero dramático
que presentaba a Morte como personaxe. Esta ía chamando perante dela a personaxes de diferentes
estratos sociais. A mensaxe é clara: a supremacía da Morte e o seu poder igualatorio, un recordatorio de
que os gozos da vida son perecedoiros.

You might also like