You are on page 1of 11

O GRUPO NÓS

O Grupo Nós estaba formado por varios mozos escritores nacidos en Ourense entre 1880 e
1890 que evolucionaron desde un cosmopolitismo elitista a un galeguismo universal. O seu
núcleo era o tamén chamado Cenáculo Ourensán: Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo e
Florentino Cuevillas.

O seus integrantes deron moitas voltas antes de chegar ao


galeguismo. Como querían ser orixinais e cosmopolitas, rexeitaron o que tiñan máis á man, a
cultura e a sociedade galegas, e só lles servía o que viña de fóra, a cultura europea, os mundos
afastados e exóticos... Pero, ao ingresaren nas Irmandades da Fala en 1918, acabaron por se
decatar de que o que había na casa tamén podía ser orixinal e comezaron a traballar xuntos
a prol da cultura galega, coa intención de actualizala e poñela á altura da europea. Desde
Galicia e en galego tamén se podía ser orixinal e universal.

A evolución cara ao nacionalismo aparece reflectida nas obras do grupo, principalmente en


tres:
▪ Nós, os inadaptados, ensaio de Vicente Risco;
▪ a novela Arredor de si de Otero Pedrayo;
▪ e Dos nosos tempos de Florentino Cuevillas (artigo).

Esta etapa remata co estalido da guerra en 1936: Risco acabaría renunciando ás súas
conviccións galeguistas, e Pedrayo e Cuevillas víronse obrigados ao silencio intelectual e
político.

Os estilos literarios dos membros do grupo non teñen moito en común senón que presentan
particularidades que os diferencian de xeito evidente. Non obstante, como grupo comparten
as seguintes características:

● Pertenza a unha clase social acomodada, o que lles permite acceder a unha rigorosa
formación universitaria.

● Participación no galeguismo desde unha ideoloxía conservadora, que rexeitaba a sociedade


burguesa industrial e idealizaba a sociedade tradicional labrega e fidalga.

● Creación da revista Nós.

1
Algúns estudosos inclúen no grupo a Castelao por compartir, aínda que de esguello, algunhas
características (participar na revista Nós, nacer na mesma década...). Outros inclínanse por
estudalo á parte, pois consideran que son máis as diferenzas:

▪ a súa orixe é popular → Castelao naceu nunha familia mariñeira e o pai foi emigrante;

▪ os personaxes e as situacións presentes nas súas obras están tomados da sociedade galega
máis humilde;

VICENTE RISCO (Ourense, 1884-1963)

Vicente Martínez Risco naceu en Ourense no seo dunha familia acomodada. Estudou Dereito
e Maxisterio e exerceu como funcionario de Facenda e profesor de historia. Desde moi novo
interesouse polas vangardas literarias e filosóficas da época e participou activamente nos
ambientes culturais da cidade (faladoiros, asociacións, xornais...).

Formado no individualismo e no elitismo intelectual, no irracional e na crítica da ciencia, a súa


máxima era “ser diferente é ser existente”. Entendía que o espírito dos pobos é o verdadeiro
elemento configurador da súa cultura e defendía o mito como a auténtica forma de

2
coñecemento. A súa visceral oposición á modernidade e ao capitalismo está presente en toda
a súa obra.

TRES ETAPAS NA EVOLUCIÓN INTELECTUAL DE RISCO:

1. Etapa pregaleguista. Nunha primeira etapa amosa un grande interese polo


orientalismo, polo ocultismo e polo budismo; rexeita o vulgar ou común e adora todo
o que lle resulte raro ou extravagante. Esta etapa péchase coa experiencia da revista
La Centuria (1917).
2. Etapa galeguista ou nacionalista. A partir do seu ingreso nas Irmandades en 1918,
igual que outros membros da súa xeración, descobre Galicia. Nesta etapa escribe o
ensaio Teoría do nacionalismo galego (1920), unha defensa da lingua, da terra e da
raza como elementos configuradores da nación galega. Convértese, así, no líder
teórico do nacionalismo galego.
Risco desempeñou tamén un importante papel como director da revista Nós e da
sección de etnografía e folclore do Seminario de Estudos Galegos. En 1930 viaxa por
Alemaña para estudar etnografía e folclore e publica en Nós unha serie de crónicas
desta viaxe, que máis tarde recolle en Mitteleuropa (1934).
Esta etapa conclúe coa Guerra Civil (1936).
3. Etapa de nacional-catolicismo. A medida que avanza a década, o seu pensamento vai
evolucionando cara a posturas cada vez máis conservadoras. Abandona a causa
nacionalista cando o Partido Galeguista se integra na Fronte Popular e, tras a Guerra
Civil, mesmo fai público o seu apoio ao réxime franquista. O medo, a súa relixiosidade
e a defensa que sempre fixo da tradición deberon pesar moito na súa decisión, xunto
co rexeitamento do materialismo e do marxismo.
Nesta etapa prodúcese un afastamento definitivo do galeguismo e da literatura
galega; identifícase coas ideas da ditadura franquista.

A OBRA LITERARIA DE RISCO

a) NARRATIVA

A obra narrativa de Risco caracterízase por un marcado carácter intelectual e didáctico. Nela
expón as súas ideas, o seu pensamento filosófico e os seus profundos coñecementos sobre

3
etnografía e outras disciplinas. Isto explica que as digresións e reflexións ocupen nas súas
narracións máis espazo que o argumento.

Mais tamén manexa a ironía e o humor sarcástico, cos que pretende espertar no lector,
ademais do riso, o sentido crítico. O principal obxectivo da súa obra é criticar a sociedade
consumista e burguesa, que el desprezaba desde un individualismo e tradicionalismo elitistas.

▪A súa atracción polo esoterismo e o mundo de ultratumba está presente no seu primeiro
relato, Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros (1919). O protagonista, Bieito Alveiros,
médico algo misántropo e afeccionado aos saberes ocultos, entra en contacto co mundo dos
mortos e libera a momia de Tutankhamon das vendas.

▪Risco defende, no relato “A velliña vella” de 1924, o valor da tradición na reivindicación da


identidade nacional. A protagonista, a velliña, é unha personificación de Galicia.

▪Nos relatos “O lobo da xente” e “A trabe de ouro e a trabe de alquitrán”, publicadas en


1925, inspírase en lendas e crenzas populares galegas: o lobishome as covas dos mouros.

▪Escribiu tamén tres novelas:


A Coutada (1926): Eladio, o protagonista, trae o firme propósito de cambiar de vida,
abandonar a cidade e instalarse para sempre na Coutada, que simboliza unha Galicia fiel a si
mesma, organizada cun modelo social precapitalista. Fronte a ela, a cidade é a antítese do
país, como lugar de despersonalización do individuo e dominio das aparencias e do diñeiro.
Os europeos en Abrantes (1927): novela inacabada onde fai burla dos hábitos
modernos e satiriza moitas figuras da intelectualidade ourensá.
O porco de pé (1928): é a súa obra principal. Está protagonizada por don Celidonio,
comerciante de orixe castelá que chega a ser alcalde no tempo da ditadura de Primo de Rivera
só porque ten moitos cartos, gañados non sempre de forma lícita. Como representante da
burguesía daquel tempo, inculta e ignorante, o diñeiro é a súa única preocupación. En fronte
temos ao doutor Alveiros, intelectual espiritualista que termina vendéndose aos praceres da
vida burguesa. Ao seu carón, toda unha serie de personaxes representativos da sociedade
ourensá da época. Como apoteose, a novela conclúe co incendio da biblioteca municipal,
mentres se celebra unha homenaxe a don Celidonio.

4
Na obra está moi presente o humorismo satírico, conseguido a través de recursos
estilísticos como imaxes degradantes dos personaxes, parodias de diversos rexistros
lingüísticos, hipérboles e longas enumeracións.

b) ENSAIO

Especializouse en temas de etnografía, mitografía e historia e foi, así mesmo, o principal


teórico do nacionalismo.
◦ Publica en 1920 a Teoría do nacionalismo galego.
◦ O ensaio “Nós, os inadaptados”, publicado en 1933 na revista Nós, explica a súa traxectoria
e evolución ideolóxica, desde o individualismo da mocidade ata o compromiso co galeguismo.
◦ Mitteleuropa (1934) é un diario persoal que escribiu cando viaxaba por centro Europa cunha
bolsa de estudos para ampliar os seus coñecementos de etnografía. Nel expresa o seu temor
ante o marxismo, que supón a negación do espírito e da transcendencia. Contra el chega
incluso a xustificar a cruzada nazi.

c) TEATRO

Risco escribiu a peza de carácter tráxico O bufón d-El Rei (1928), que foi estreada en Bos Aires
en 1933. Trátase dunha obra, ambientada na época medieval, na que o protagonista é un
personaxe deforme, tanto física como moralmente.

RAMÓN OTERO PEDRAYO (Ourense, 1888–Trasalba, 1976)

O ourensán Ramón Otero Pedrayo, fillo dun médico liberal, procede dunha familia fidalga con
pazo en Trasalba, lugar onde pasará moitas tempadas ao longo da súa vida e onde morrerá.
Licenciado en Dereito e doutorado en Filosofía e Letras, exerceu como profesor de historia
nun instituto da súa cidade natal.

Amigo de Vicente Risco e Florentino Cuevillas desde a infancia, tras ingresar con eles nas
Irmandades da Fala en 1918, militará activamente no galeguismo político (foi un dos

5
fundadores do Partido Galeguista e deputado polo Partido Nacionalista Republicano entre
1931 e 1933) e cultural: colaborou coa revista Nós, coas Irmandades e co Seminario de
Estudos Galegos.

Tras a Guerra Civil, Otero Pedrayo permaneceu fiel ás súas ideas galeguistas e, por iso,
abríronlle un expediente e foi expulsado do seu posto de profesor no instituto. En 1950
oposita á universidade e gaña a cátedra de Xeografía en Santiago, posto que ocupará ata a
súa xubilación.

A OBRA LITERARIA DE OTERO PEDRAYO

a) NARRATIVA

A súa extensa obra narrativa está formada por novelas e relatos. Adóitase clasificar en dous
grupos: narrativa realista e narrativa culturalista.

● Na narrativa realista, caracterizada polo emprego dun narrador omnisciente, relátase con
nostalxia a decadencia económica, física e moral da antiga clase social dominante na Galicia
rural, a fidalguía, e o ascenso da burguesía urbana. Reflicte a transición do século XIX ao XX:
as transformacións económicas e sociais e o cambio de valores que implica a desaparición da
sociedade tradicional rural, baseada nunha explotación intensiva do campo, na que
desempeñaba un papel fundamental o pazo. Otero cría que, coa morte desa sociedade,
desaparecería a esencia de Galicia e, con ela, a súa característica primordial: a lingua.

A súa principal novela realista é Os camiños da vida (1928). A acción transcorre en Trasouto
(Trasalba), Ourense e Santiago entre a desamortización de Mendizábal (1837) e a revolución
de 1868, previa á I República. É o tempo das guerras carlistas, cos monxes expulsados dos
mosteiros botados ao monte e cos sucesivos alzamentos de militares liberais que pretenden
facer caer a monarquía absolutista. As transformacións que ocasionan estes cambios
históricos relátansenos a través da historia de dúas familias fidalgas veciñas, os Puga e os
Doncos. Esta primeira gran novela de Pedrayo consta de tres partes: “Os señores da terra”,
“A maorazga” e “O estudante”.

Forman parte tamén da narrativa realista O mesón dos ermos (1936) e os relatos de Contos
do camiño e da rúa (1932).

6
● Na narrativa culturalista o narrador adopta o punto de vista dun personaxe e son frecuentes
as evocacións e sensacións dos protagonistas. Podemos distinguir entre:

→novelas históricas: A romería de Xelmírez (1934);


Fra Vernero (1934).

→novelas psicolóxicas, de carácter autobiográfico:

◦ Arredor de si (1930): é a máis lograda e significativa entre as novelas


psicolóxicas de Otero. Nela, o autor narra o proceso de evolución cara ao galeguismo do
Grupo Nós a través do mozo protagonista, Adrián Solovio, que representa o propio autor. A
acción é unha viaxe interior de Adrián cara á conciencia galeguista, que transcorre paralela a
outra viaxe real por España e Europa. Adrián, xa maduro, acabados os estudos e tras unha
mocidade despreocupada e bohemia, sente a necesidade de buscarlle un sentido á súa
existencia. Abandona o pazo, onde a súa nai loita por manter en pé o patrimonio familiar,
para procurar primeiro en España e máis tarde en distintas cidades europeas (París, Berlín...)
a súa identidade. Mais tampouco aí ve colmada a súa procura. Estando en Antuerpen, os
cantares duns mariñeiros galegos provócanlle unha súbita revelación. Entende que a súa
identidade é a mesma que a daqueles mariñeiros. Galicia preséntaselle entón como unha
descuberta que enche definitivamente de sentido a súa vida: dedicará os seus días a
comprendela e a loitar pola súa liberación.

◦ Devalar (1935): a temática, en síntese, resulta un complemento de Arredor


de si. Martiño Dumbría e Pauliños Fontela, dous dos protagonistas, identifícanse cos mozos
galeguistas que nos anos inmediatamente anteriores á guerra traballaron no Seminario de
Estudos Galegos, pescudando as realidades e personalidade cultural do país. Na novela, da
man desa mocidade activa e comprometida, dásenos unha visión dinámica e optimista da vida
de Galicia.

7
b) ENSAIO

O ensaio é , coa novela, o núcleo fundamental da produción literaria de Otero. Cultivou as


máis diversas temáticas, entre as que resaltan:

□ O ensaio xeográfico, que desenvolve en varios manuais de xeografía e guías de Galicia,


sendo a súa obra magna o tomo dedicado á Xeografía física da Historia de Galicia (Bos Aires,
1962) que el mesmo coordinou.

□ Os libros de viaxes, como Pelerinaxes (1929), onde relata a romaxe emprendida con Risco
e outros galeguistas desde Ourense ata o santuario de Santo André de Teixido.

□ A evocación biográfica, representada polo Libro dos amigos (1953), en que con emoción e
dor apaixonada vai recordando a trinta e nove personaxes xa falecidos que deixaron fonda
pegada na súa vida, sen que falten as lembranzas de compañeiros galeguista asasinados no
36 (Alexandre Bóveda, Ánxel Casal, Roberto Blanco Torres) ou condenados ao exilio
(Castelao).

c) TEATRO

O teatro de Otero presenta innegables valores dramáticos e unha expresa vontade


renovadora. Das súas obras máis importantes imos destacar A lagarada (1928).

Ramón Otero Pedrayo publica A lagarada en 1928. O seu argumento xira arredor dun drama
rural: o asasinato dun labrego vello e rico, o señor Vences de Alén, como resultado dun enredo
de amores e promesas incumpridas.

d) POESÍA

Finalmente, como poeta Otero Pedrayo publicou xa ancián Bocarribeira. Versos pra leer e
queimar (1958). En 2010 a editorial Galaxia xuntou nun só volume toda a súa poesía coñecida.

8
TEXTOS

VICENTE RISCO

Nós, os inadaptados (1933)

Ora, o probrema é coma sendo coma eramos e coma somos, individualistas, inadaptados,
antisociás, antigregarios, introvertidos, poidemos vir parar nunha cousa que semella tan
cotián e gregaria coma é o nacionalismo galego, que na esencia é a afirmanza teimosa e forte
da grei galega.
A resposta está dada, moito millor do que eu poidera facelo, por Ramón Otero Pedraio na súa
novela Arredor de si.
Arredor de si, máis que unha novela, é a autobiografía non dun soilo home, senón dun
agrupamento, case dunha xeración. É a autobiografía do cenáculo do autor ao que eu
pertencín tamén. Polo seu mesmo individualismo, polo seu por min confesado egocentrismo,
o noso agrupamento andivo todo o tempo dando voltas arredor de si –e cada un arredor de
si mesmo– sen atoparse endexamais de todo.
Xa dixen coma pelengriñamos polas cosmogonías, polas metafísecas e polas estéticas. Pois
ben, como aquil inglés de Chesterton que despoixas de moitas viaxes polo mundo, atopou
unha terra descoñecida que resultou ser a fin de contas a Gran Bretaña, igual nos pasou a
nós. Despois de tantas voltas e revoltas, despois de tantas viravoltas e trasvoltas polas
lonxanías do espazo e do tempo, en precura de algo inédito que nos salvara do habitual e
vulgar, viñemos dar na solprendente descoberta de que Galiza, a nosa Terra, oculta ao noso
ollar por un espeso estrato de cultura allea, falsa e ruín, vulgar e filistea, ofercíanos un mundo
tan esteso, tan novo, tan inédito, tan descoñecido, coma os que andabamos a precurar por aí
adiante.
Pra salvármonos do vulgar, para evadírmonos do filisteísmo, para redimírmonos do habitual,
non cumpría ollar ao lonxe; cumpría ollar ben perto, arredor de nós, en nós mesmos, adentro
de nós mesmos.
1. Sintetiza a evolución intelectual e ideolóxica do grupo Nós que explica Vicente Risco neste texto.
SOLUCIÓN: Os integrantes do grupo Nós evolucionan desde unha actitude cosmopolita, individualista
e de aristocratismo intelectual ata unha identificación con Galiza, comprometendo con ela o seu
quefacer intelectual e organizándose politicamente.
2. Cales son as outras obras do grupo que tratan esta mesma temática?
SOLUCIÓN: Ademais de Nós, os inadaptados (1933) de Vicente Risco, a evolución do grupo Nós
aparece reflectida na novela de Otero Pedrayo citada no texto, Arredor de si (1930), e no artigo de
Florentino Cuevillas titulado “Dos nosos tempos” (1920).

“Da medida das cousas”, Leria (1925)

Ti dis: Galiza é ben pequena. Eu dígoche: Galiza é un mundo. Cada terra é como se fose o
mundo enteiro. Poderala andar en pouco tempo do norte para o sur, do leste para o oeste
noutro tanto; poderala volver andar outra vez e máis: non a has dar andado. E de cada vez

9
que a andes, has atopar cousas novas e outras has botar de menos. Pode ela ser pequena en
extensión; en fondura, en entidade, é tan grande como queiras, e dende logo, moito meirande
de como ti a ves. ¿Non din os filósofos que o home é o microcosmos, o compendio, o resumo
do universo todo? Para canto máis unha terra con todos os homes que nela viven [...]. Do
grandor do teu espírito depende todo; canto máis pequeno sexa, máis terra precisará. Se o
teu pensar é fondo, a túa terra, para ti, non terá cabo; nela estará o mundo con todos os seus
climas. Se o teu pensar se detén na codia das cousas, non digas tampouco: Galicia é ben
pequena; es ti, que endexamais poderás concibir nada grande.
1. A que clase de opinións ou posturas intelectuais replica Risco neste texto?
SOLUCIÓN: Risco replica a quen valora a importancia, o interese e a riqueza cultural dun país sobre
todo pola súa extensión territorial.

O porco de pé (1928)

Don Celidonio é gordo e artrítico. O carrolo sáelle para fóra; na calva ten unha que outra
serda; ten as fazulas hipertrofiadas, da cor do magro do xamón, e tan lustrosas, que semellan
que botan unto derretido; as nádegas e o bandullo vánselle un pouco para baixo.
O lardo rezúmalle por todo o corpo, e no vran súdao en regueiros aceitosos e en pingotas
bastas, coma as que deitan os chourizos cando están no fumeiro.
Así como é graxento o corpo, tamén o miolo de D. Celidonio. Se lle escachasen a testa, que
tiña que ser con pau-ferro e picaraña, en lugar dunha sesada habían atopar un unto. Corpo e
alma, tanto ten, todo é graxa e manteiga. Don Celidonio é igual por dentro ca por fóra: carne
e espírito son a mesma zorza, misturada e revolta, co mesmo adubo de ourego e pemento.
Pois, don Celidonio veu de Castela, de mancebo do Baldomero García, onde botou moitos
anos curtindo sabañóns, enzoufado no aceite e no bacallau.
Tamén Baldomero viñera de Castela, vendendo queixo de pé de mulo polas portas, cunha
blusa azul curta, cirigolas e chapeo coma o dos charros de Salamanca. Era pequeno, feito de
cordas e sarmentos, e tiña a gadoupa enguruñada, adoito para apaña-las cadelas.
A poder de pasar fame, puxo unha tenda nun buraco cheirento e escuro; alumado con vela
de sebo, e durmía na trastenda. Despois gañou e chegou a merca-la casoupa na que vivía.
Logo gañou máis, alugou a tenda e mudouse para outra meirande, e trouxo da súa terra a
Dona Emerenciana, co seu capacho e o seu periquito no cume do peinado, que metía na praza
moeda falsa e rifaba coas regateiras e cos parroquianos, e á Nicasia, a filla, a quen non deixaba
medra-la nai, que tiña un xenio coma un can adoecido.
Os tres cheiraban a bravío, coma as cabras. Mais a forza de fame, aforraban e daban réditos.
E chegaron a mercar outra casa na Praza Maior. E despois gañaron máis, e mercaron a casa
na que vivían e tiñan a tenda e as rendas dun señor velliño que alí morreu e que lle debía
cartos.
E fóronse achinando. A larota era boa, mais o negocio ía para diante, e por fin arriscáronse a
leva-la tenda para a Praza Maior, xa que non tiñan que pagar o aluguer. Daquela foi cando
trouxeron a Celidonio.

10
1. Como aparece descrito o protagonista? Que elementos o animalizan?
SOLUCIÓN: O protagonista aparece caracterizado como unha persoa desagradable tanto física (gordo,
calvo, artrítico...) como intelectualmente, polo que está descrito como se fose un porco.
Para describilo, Risco caracteriza a don Celidonio con elementos relacionados co porco:
•Ten fazulas hipertrofiadas da cor do magro do xamón e carrolo.
•No canto de cabelo ten serdas.
•As nádegas e o bandullo vánselle un pouco para abaixo.
•En vez de suor, bota lardo en pingas como as que deitan os chourizos cando están no fumeiro.
•No canto de cerebro ten unto.
•Carne e espírito son zorza, mesturada e revolta, co mesmo adubo de ourego e pemento.
•Todo é graxa e manteiga.
2. Neste fragmento nárrase a ascensión dunha burguesía urbana de orixe castelá. Que defectos lle
achaca Vicente Risco a esta clase social?
SOLUCIÓN: Son persoas de procedencia social baixa que fixeron a súa riqueza a base de levar unha
vida miserable chea de privacións e de enganar e roubar aos clientes, obsesionadas por gañar e aforrar
cartos e que se aproveitaron da decadencia das clases acomodadas tradicionais.

11

You might also like