You are on page 1of 2

5.

O século V, o esplendor de Atenas


No século V a.C., o centro da especulación filosófica trasladouse a Atenas. O réxime
democrático que existía nesta cidade favorecía o intercambio de opinións e a libre
discusión entre os cidadáns. Neste ambiente resultaba crucial o dominio da palabra, o que
atraeu un gran número de filósofos que comezaron a impartir clases de retórica.

Atenas, no século V a. C., ofrece un gran florecemento comercial tras o triunfo grego sobre
os persas. A figura de Pericles enche este século no político, e supón unha transformación
e un esplendor para a Metrópole que non atopará xa parangón. A instauración da
democracia en Atenas fai que a retórica, é dicir, a arte de falar con elocuencia, beleza e
poder de convicción, cobre un gran auxe, xa que os asuntos públicos son debatidos entre
os representantes dos demos, ou barrios da cidade.

A importancia que se atribúe á arte de falar en público fai que interese coñecer os
argumentos que permitan vencer nos debates públicos, e formarse nas habilidades
dialécticas, a negociación e a arte de conmover e gañar o beneplácito dos auditorios. O
brillo e o triunfo político mediante a arte da palabra fanse un valor moi prezado.

5.2. Aspasia de Mileto e o papel das mulleres na cultura e na filosofía


gregas
As mulleres gregas estaban excluídas de toda participación na vida pública.
Considerábanas como menores de idade e, por iso, necesitaban un titor: primeiro o seu
pai, logo o seu marido e se quedaba viúva, o seu fillo maior. Igual que aos metecos ou
estranxeiros, aos escravos ou aos homes moi novos, negábaselles o dereito á plena
integración social e política.

Os matrimonios eran acordados directamente polo pai da noiva e o futuro marido, aínda
que non houbese amor entre eles. As rapazas adoitaban ser entregadas en matrimonio
cando entraban na puberdade, mentres que os homes casaban a miúdo pasados xa os
trinta anos. A función da esposa quedaba relegada ao mantemento da casa (onde había
un espazo específico para as mulleres, o xineceo), o coidado dos nenos e a supervisión das
tarefas domésticas, que quedaban ao cargo das escravas.

Con todo, na antiga Grecia destacaron algunhas mulleres filósofas, aínda que os seus
nomes quedaron relegados nun segundo plano. Aspasia de Mileto e Hiparquia de
Maronea son dous dos exemplos máis coñecidos. O que sabemos destas dúas mulleres
chegou a nós polos seus vínculos con homes famosos ou con importantes círculos
intelectuais: Pericles e os seus achegados, no caso de Aspasia, e a escola cínica, no de
Hiparquia.
Ademais, na Antigüidade, moi probablemente non era frecuente a presenza de mulleres en
ambientes intelectuais e políticos, e este feito mantívose ao longo do tempo, xerando un
certo prexuízo de xénero no estudo da historia da filosofía. Porén, o feito de ser excepcións
concede valor a estas mulleres.

Así pois, aínda que a maioría das mulleres estaban excluídas da educación intelectual, cabe
destacar dúas excepcións:

• As sacerdotisas. Numerosos cultos da antiga Grecia estaban a cargo de


sacerdotisas. Isto confería a algunhas mulleres unha autoridade e uns
coñecementos moi apreciados na sociedade por estaren relacionados co sagrado.

• As hetairas. Eran mulleres que exercían de cortesanas ou concubinas. En contra do


que puidera parecer, a súa situación lles concedía unha serie de vantaxes sociais e
de liberdades das que carecían as demais mulleres, precisamente por non teren
vínculos familiares e non estaren atadas ás regras e normas que ordenaban a vida
familiar. As hetairas podían dedicarse ás artes, e esperábase delas que fosen cultas e
refinadas, de maneira que puidesen participar en conversas sobre temas variados.
Ademais, podían atesourar de maneira discreta pequenas fortunas que lles
permitían vivir de xeito acomodado. Unha das máis afamadas foi Aspasia de Mileto.

Aspasia naceu cara ao 470 a.C. e aos vinte anos marchou a Atenas onde exerceu de mestra
de retórica. Tanta foi a fama que foi adquirindo pola súa beleza, intelixencia e dotes
pedagóxicos, que Pericles, máxima autoridade da polis, quixo coñecela. Ben pronto se
converteron en amantes, situación que perdurou ata a morte del.

Dado que Pericles valoraba moito a súa intelixencia e tiña moi en conta as súas opinións
(sospéitase que mesmo lle escribía algúns dos seus discursos), Aspasia pasou a converterse
nunha das persoas con maior influencia na vida política ateniense, o cal non sempre foi
ben visto por parte dos inimigos de Pericles. Porén, soubo gañar o respecto e admiración
de Anaxágoras, Sócrates ou Platón, que lle recoñecían a súa condición de mestra.
Igualmente, cabe destacar o seu papel no ámbito da investigación científica, sobre todo en
xinecoloxía, ao descubrir como detectar e previr embarazos de risco, e remedios naturais
para o posparto.

A Aspasia se lle atribúen tamén dous discursos fúnebres, un deles dedicado a Pericles,
onde destaca o eloxio da democracia e a polis ateniense.

En resumo, Aspasia e a súa escola así como outras figuras femininas da Ilustración
ateniense, protagonizaron un certo movemento de emancipación intelectual das mulleres
fronte á tradición conservadora que lles negaba o dereito de participación na vida pública
e que as condenaba a dedicarse á vida privada nos seus fogares.

You might also like