You are on page 1of 9

Rara temporum felicitas, ubi sentire, quae velis; et quae sentias dicere licet

( Rara felicidade dunha época na que pode pensarse o que se queira e dicir o que se
pensa) Tácito. Anales.
1- QUE É A ILUSTRACIÓN?
Así titula Kant un dos seus pequenos traballos sobre temas históricos e políticos. O principio
do ensaio xa aparece a súa definición: “ A Ilustración é a liberación do home da súa
culpable incapacidade” de non utilizar o seu valor para servirse da súa intelixencia con
autonomía, sen a guía doutro. E seguidamente mostra o seu lema: “ Saepere aude ! “,
Atrévete a pensar !. Para Todorov este sería un dos riscos principais da Ilustración.
Remataron os dogmas e as institucións sagradas. O que debe guiar ás persoas xa non é a
autoridade ,e moito menos a autoridade do pasado, senón a razón e o seu proxecto de
futuro. O coñecemento ten dous únicas fontes, a razón e a experiencia. Este principio de
autonomía cambia tanto a vida dos individuos como da sociedade. As persoas, libres da
tradición, danse a se mesmas as leis e normas sen recorrer a tutela relixiosa. En xeral os
ilustrados piden que a relixión quede fóra do Estado, mais non do individuo. As principais
correntes Ilustradas non son ateas. Soen reivindicar a relixión natural, o deísmo ou unha
das súas múltiples variantes. A relixión debe tamén servir para acadar a tolerancia e
defender a liberdade de conciencia. Todos os sectores da sociedade tenden a converterse
en laicos, aínda cas persoas sexan crentes. A esixencia de autonomía propicia a separación
do temporal respecto do espiritual. A Ilustración acelera o proceso de secularización do
Renacemento, que tomará un carácter anticlerical , sobre todo, en Francia e Inglaterra.
Fronte a relixión institucionalizada, os ilustrados prefiren unha relixión espontánea e natural
como o deísmo.
A liberación do coñecemento abre o camiño ao desenrolo da ciencia . Así Newton será
glorificado polos ilustrados. A física ten un desenvolvemento espectacular, mais tamén as
demais ciencias, incluso a socioloxía e a psicoloxía. Ademais o coñecemento e liberador, de
aí a gran importancia que lle dan os ilustrados á educación. Calquera forma é valida:
escolas, asociacións culturais e difusión do saber mediante publicacións especializadas,
dicionarios e enciclopedias destinadas ao gran público. A Ilustración vai consagrar aos
idiomas nacionais como forma de expresión cultural ou científica ( os enciclopedistas
franceses son un bo exemplo-Diderot, D`Alembert, Voltaire, etc. que levan a cabo un
compendio do saber na súa obra colectiva da Encyclopédie). Xunto con esta admiración
pola ciencia xurde o culto a natureza . O home debe admirala, mais tamén coñecela e, en
moitos casos, dominala . O mundo sensible, xunto ca natureza, son un dos principais
centros da experiencia humana , nun sentido amplo. Así o século XVIII, o século ilustrado, e
un continuador do século XVII, de Bacon e de Descartes. Experiencia e ideal matemático do
saber.
Máis alá do despotismo ilustrado ( Todo para o pobo, mais sen o pobo), a soberanía toma
un novo fundamento, xa proclamado con anterioridade por autores como Locke: a orixe de
todo poder está no pobo e nada é superior a vontade xeral (Rousseau). Para garantir a
liberdade da persoa deféndese o pluralismo e o equilibrio entre os diferentes poderes. A
xustiza debe reprimir o delito, mais non o
pecado. A prensa tamén debe ser libre, pois a súa función sería mostrar o debate público(
para Kant a prohibición da publicidade- prensa, en xeral- impide o progreso dun pobo cara o
mellor. De aí tamén a súa defensa dos enciclopedistas ). E tamén a economía que debe
liberarse de normas e leis arbitrarias e permitir a libre circulacións de bens, como din os
fisiócratas . Ademais debe basearse no esforzo persoal e non en privilexios e xerarquías do
pasado. O lugar máis apropiado para que se dean todos estes cambios é a gran cidade,
que favorece a liberdade dos individuos e o mesmo tempo ofrécelles a posibilidade de
reunirse e de debater. Kant vai tematizar todas estas cuestións nos seus últimos escritos
mostrando como o fin supremo da Natureza sería un estado de cidadanía mundial ou
cosmopolita. É se a súa construción é difícil e para algúns imposible, Kant o ve como un
ideal que pode levar a unha elevación moral da humanidade no seu conxunto. Partindo da “
sociable insociabilidade” da persoa e precisamente grazas a este antagonismo, chegar a
unha constitución “republicana”, no sentido de ben público, que garantira a liberdade da
vontade, fundamento da moralidade. A liberdade da vontade ,que trae a petición ilustrada
de autonomía, non significa que esta vontade non teña límites. Así as accións humanas
liberadas xa non apuntan a Deus senón ás persoas. A persoa debe dar sentido, sobre todo,
a súa existencia terreal. Basta amar aos demais seres humanos. Neste sentido o
pensamento da Ilustración é un humanismo ou un antropocentrismo. Esta preocupación
pola persoa, que recolle da tradición humanista, vai salientar os aspectos prácticos: facer
máis feliz a persoa, mellorar a súas condicións de vida. Esta vai a ser unha preocupación de
case todos os filósofos ilustrados ( como Hume e Adam Smith, o creador da ciencia da
economía). A busca da felicidade substitúe á busca da redención. O Estado non está o
servicio do designio divino, senón que o seu obxectivo será o ben dos seus cidadáns.
Ademais a liberdade está limitada pola esixencia de

universalidade , que se materializará nos dereitos humanos que agora empezan a


recoñecerse. Recollendo as ideas do dereito natural do século XVII, a Ilustración afirmará
que todos os seres humanos, polo mero feito de selo, posúen dereitos inalienables. Todo
persoa ten dereito á vida. A pena de morte non está lexitimada, aínda que sexa un asasino.
Se o asasinato privado é un crime, tamén o tería que ser o asasinato público. Toda persoa
ten dereito a súa integridade física. Polo tanto, a tortura non está lexitimada, tampouco
cando se practica en nome dunha razón de Estado.
A universalidade trae consigo a esixencia de igualdade. Se todas as persoas posúen unha
serie de dereitos idénticos, o dereito é o mesmo para todas. Isto permitirá loitar por unha
serie de dereitos que chegan os nosos días: as mulleres deben ser iguais ós homes ante a
lei; debe abolirse a escravitude, xa que nunca pódese lexitimar a perda da liberdade dunha
persoa; @s nen@s deben ser considerados individuos, etc. Este interese pola
universalidade humana xera o interese polas sociedades diferentes das propias. Empezan a
reunirse datos e facerse análise doutros pobos que, aínda que teñen un carácter
euro-céntrico, mostran a multiplicidade de formas que pode adquirir a civilización é, a
Ilustración, empeza a darse conta que a súa civilización xa non pode confundirse ca orde
natural do mundo. Porén a súa tráxica colonización do mundo intentará facela pasar por
educación do mundo. Aquí a Ilustración mostra os seus riscos máis lóbregos. Así Kant
afirma no seu ensaio “ Idea dunha Historia Universal en sentido cosmopolita” , un
melloramento da constitución estatal na nosa parte do mundo “ que , probablemente, algún
día dará leis ás outras “.
2- A FILOSOSOFÍA DA ILUSTRACIÓN
Moitas veces dise que a Ilustración non é unha cultura moi orixinal. Estaría máis
preocupada polo rigor que pola orixinalidade. Organiza e difunde máis que crea. Consolida
logros anteriores. Porén está etapa cultural desenrolase entre dúas revolucións. Ábrese ca
revolución inglesa de 1688-89 e péchase ca revolución francesa de 1789 e o longo das
dúas etapas a filosofía foi motora, en gran medida, dos cambios. Como sinala Sergio
Rábade , nese momento, home culto e filósofo eran sinónimos. As ideas dos filósofos
impulsan á Ilustración. Estas ideas son variadas e incluso contraditorias, mais tamén de
continuidade ca cultura e a ciencia do século XVII. A razón e o rigor metodolóxico ( Bacon e
Descartes ) estarán plenamente vixentes, dando lugar o que se podería chamar un ideal
matemático do saber. Mais respecto ao concepto anterior de razón, agora séntese forte
para eliminar as trabas de tradición, autoridade e relixión. Diderot formulará este ideal na
Encyclopédie: “ O ecléctico , é un filósofo que , pondo nos pés o prexuízo, a tradición, a
autoridade... atrévese a pensar por si mesmo... a non admitir nada que non se basee na
testemuña da súa experiencia e da súa razón”. A razón ten límites , mais estes non veñen
do exterior, senón de si mesma, da súa propia natureza e funcionamento.
Se podería dicir que a filosofía que impulsa ao pensamento ilustrado é o empirismo inglés
que se adianta unha xeración en relación a Francia. De aí a importancia excepcional da
obra de Locke e de Newton que foron os verdadeiros mestres do século XVIII. Descartes e
o racionalismo van perdendo forza. Os autores franceses admiran e estudian aos seus
colegas ingleses. Esta influencia do empirismo inglés explica os dous grandes intereses da
filosofía ilustrada: a epistemoloxía e a moral. Esta última será a meta da filosofía ilustrada. A
Ilustración desenvolve unha moral entendida como o estudio da persoa que lle poden
permitir levar unha conducta que faga a súa vida máis feliz. Esta felicidade xa non é
transcendente, senón mundana, unha felicidade secularizada. Este interese pola moral leva
tamén a un interese pola psicoloxía e outras disciplinas moi cultivadas como a pedagoxía, a
estética, etc. O estudio de estas disciplinas faise de forma pouco sistemática. Hai que
observar e analizar os problemas, mais sen sometelos a ningún sistema que os anquilosa e
os petrifica. O gusto polos sistemas practicamente desaparece. O resultado é unha filosofía
moi aberta e moi preocupada sempre polos problemas das persoas que celebra a chegada
do espírito da filosofía á terra.
Se ben a gran influencia da Ilustración ou século das luces foi inglés, o seu idioma será o
francés. Os ilustrados adoptaron como lingua de comunicación a lingua de maior difusión
que era o francés, pois era a lingua diplomática e converteuse, agora, na lingua literaria e
científica de Europa. Relacionada polo uso universal do francés, unida o redor dunhas
poucas grandes ideas como liberdade, progreso, virtude ou felicidade, a Europa ilustrada
presenta, porén, fisionomías nacionais diversas:
1- En Inglaterra a Ilustración beneficiouse do liberalismo moi afianzado na vida social. O
Estado puxo menos trabas ao pensamento. Montesquiue ve a Inglaterra como o país máis
libre que existe. Porén as luces inglesas foron menos radicais que as francesas, por
exemplo. O orde establecido tivo moi pouca contestación e caracterízase polo equilibrio e a
moderación. A gran figura da ilustración inglesa foi Locke. En Escocia a ilustración presenta
formas orixinais e brillantes ( universidades, clubs e sociedades) e no seu desenvolvemento
destacan Hume, Hutcheson ou Adam Smith.. En xeral defendían o bo sentido e a utilidade e
uniron a reflexión filosófica ca crítica histórica e social. En América encarnáronse por
primeira vez os ideales do mundo ilustrado. Ca Declaración da Independencia as ideas
ilustradas pasaban a practica política. A filosofía parecía realizarse no Novo Mundo e a
Revolución americana tomou un valor

exemplar. Afirmouse entón a primacía da política e a economía liberais na obra de Franklin


ou de Jefferson.
2- A ilustración francesa estivo marcada por un radicalismo crecente o longo do século. De
Voltaire a Diderot e de D`Holbach a Rousseau pasando por Helvetius ou D`Alembert, a
filosofía quere servir á transformación da sociedade e á felicidade das persoas, papel que
foi asignado a Enciclopedia. De aí a gran importancia dada á educación multiplicando os
proxectos de educación pública. O arcaísmo das institucións, o inmobilismo político(
absolutismo) ou a posición privilexiada da igrexa explican a súa radicalidade e as tensións
entre intelectuais e institucións.
3- En Alemania, moi dividida no século XVIII, a Ilustración ( Aufklärung) foi un fenómeno
urbano ligado ás universidades e á burguesía protestante. Onde mellor manifestáronse os
valores racionais e utilitarios da Aufklärung foi na Prusia de Federico II. Os autores máis
destacados serán Wolff e Kant.
4- A Ilustración española foi tardía e sen moito brillo, pois a Inquisición dominaba a vida
intelectual. A igrexa a consideraba como unha especie de heterodoxia. O seu precursor foi
Feijoo, nado en Pereiro de Aguiar , beneditino de espírito enciclopédico, chamado ás veces
o Fontenelle español. Os ilustrados eran un pequeno número se pensadores e escritores
liberais que intentaron modernizar España mellorando as condicións da existencia. Foron
estigmatizados chamándolles afrancesados, como Pedro de Olavide. A figura que mellor
encarna a Ilustración en España quizais sexa Goya.
As ideas ilustradas espalláronse por toda Europa con maior ou menor repercusión e o
século XVIII será chamado o século da filosofía. O século da Enciclopedia tivo a ambición
dunha reflexión global e un saber total. Como dixo D`Alembert: “ dende as cuestións que
máis nós afectan, ata aquelas que menos nós interesan, todo foi discutido, analizado ou,
polo menos, axitado”. O obxecto da filosofía no século XVIII non era só o mundo ou Deus,
senón especialmente a persoa e a sociedade. Foi diversa e a- sistemática, aínda que
remata cas grandes construcións filosóficas de Kant.
3 RAZÓN E PROGRESO
Non é que a Ilustración apartara a posibilidade da metafísica, e se ben D`Alembert excluíu
da filosofía á metafísica, Kant sistematizará as afirmacións esenciais do século, para el o
home é un ser metafísico. A filosofía non é outra cousa que a aplicación da razón aos
diferentes obxectos sobre os que pode exercitarse, como di D`Alembert. Polo tanto a razón
guía ao filósofo e constitúe a esencia mesma da filosofía. A razón debe recobrar os seus
propios dereitos e quitarse o xugo da opinión e da autoridade. O mesmo Kant fala
diferencia, dentro da razón, entre un uso público e un uso privado. O uso privado da razón
refírese ao seu uso profesional e aquí a razón ten os seus límites, pois como funcionario o
cidadán ten que obedecer as ordes dos seus superiores. Mais este mesmo funcionario,
cando fai un uso público da súa razón, entendido como o uso que se pode facer da propia
razón ante o gran público do mundo de lectores , ten que gozar dunha liberdade ilimitada
para servirse da súa propia razón e falar en nome propio. Para Kant a Ilustración non
necesita máis que unha cousa: a liberdade; a liberdade de facer uso público da súa razón
integramente.
Agora a razón rexeita toda metafísica, declárase incapaz de coñecer a sustancia e a
esencia das cousas, de elaborar sistemas. A razón xulga, compara, quere discernir a
verdade do erro. No lugar de partir de principios a priori, observa, analiza o real. A razón
basease na observación e na experiencia. Rexeita a autoridade, que é o seu oposto, e a
tradición. Ademais é universal, idéntica en todas as persoas. Esta concepción da razón
impúxose en todo o século( Locke) e se aínda pode parecer un tanto cartesiano, no seu
paso do século XVII ao XVIII fíxose menos xeométrica e integrou tamén as < razóns do
corazón >. Por iso a Ilustración, sendo unha idade da razón, pode ser unha rebelión fronte o
racionalismo; incluso chegarase a arrebatarlle á razón a primacía das facultades e darlla ao
sentimento ou ao instinto( Rousseau).
Tamén afírmase a función crítica da razón que, en contraposición á fe, non admite a
revelación nin a tradición. Mais a razón non só ten unha función crítica, senón tamén unha
función positiva. A razón non só guía ao filósofo na súa vida persoal e social, senón que
pretende, igualmente, a través do coñecemento científico, cambiar o mundo. E se o tema da
razón e o tema principal dun século que se auto-denomina século das luces, outro dos seus
grandes temas e o da natureza. Ela é sabedoría e bondade. Escoitar a natureza e
someterse a ela, iso é o que ten que facer a persoa ilustrada . E isto en todos os planos: no
relixioso, co deísmo naturalista; en educación deixando de lado unha sociedade artificial( o
Emilio de Rousseau) ou en dereito, pondo na natureza mesma as normas fundamentais da
conduta( ius-naturalismo) . A natureza é continua, uniforme e coherente. Nela non se trata
de esencias, senón de feitos. A meta é descubrir as leis que a rexen, mais sen penetrar nas
causas últimas. Só cabe

comprendela, mais non xustificala, pois é un feito último é irredutible. Os dous conceptos de
natureza e razón encóntranse indisolublemente unidos: a natureza é racional e a razón é
natural. Por iso non pode darse un conflito entre a razón e a natureza. Están feitas a unha
para a outra. Así tamén o optimismo no valor da razón.
A razón ilumina a todas as persoas, é a luz, ou mellor, as luces, xa que non é un raio senón
un feixe, un conxunto deles. As persoas tocadas polas luces son ilustradas. O primado da
razón, a confianza na observación e na experiencia, a importancia das ciencias e das
técnicas, axudaran a que xurda un novo sentido da vida humana coa súa esixencia de
liberdade e de felicidade na terra. Isto virá acompañado dunha nova visión da historia
baseada na perfectibilidade humana e no progreso social. O mesmo que o sistema do
mundo está rexido por leis simples e eternas, a natureza humana ten as súas leis xerais e
inmutables. As leis que gobernan a natureza humana tenden á conservación e á felicidade
dos homes. Rexeitando as trabas da relixión revelada, desvelando, mediante a ciencia, o
sistema do mundo e a súa propia natureza, a Ilustración quere liberar ó home e reconcilialo
consigo mesmo. Así o século XVIII ten paixón pola historia. A Providencia xa non regula o
desenrolo das sociedades humanas. Hai que buscar ideas xerais e causas explicativas.
Voltaire con O século de Luis XIV e o Ensaio sobre as costumes foi o mestre da historia e,
para moitos, o fundador da historia moderna, xunto con Vico e Herder. Este último ve a
historia como un desenrolo continuo debido ao esforzo colectivo da humanidade enteira. A
esta concepción do progreso histórico asóciase unha concepción optimista do mundo e da
sociedade: o progreso das luces traería a felicidade ca convicción de que bastaría con
cambiar as leis para cambiar ás persoas. A noción de progreso implicaba a disociación do
orde humano do mundo físico. Este está sometido a leis constantes, mentres que aquel
evoluciona de xeración en xeración, de século en século. Este progreso móstrase tamén no
terreo material. O desenvolvemento das artes mecánicas e a abundancia que traen consigo
ensinaban a superioridade do estado civilizado sobre o primitivo, caracterizado pola penuria.
Se ben se durante todo o século defendeuse a idea xeral de progreso, Hume, como
Montesquiue, rexeita a tese dun progreso continuo. Tamén Voltaire cre que a
perfectibilidade da persoa parece limitada e este límite ben dado pola natureza.
Porén segundo avanza o século pásase dun concepto de progreso dis-continuo a outro
continuo, como en Turgot e a súa idea da perfectibilidade indefinida da especie humana; en
Lessing que na Educación da humanidade afirmará a idea de progreso ou Condorcet que
pensa que a humanidade, pese ós retrasos e as lentitudes, poderá chegar a súa maioría de
idade grazas a difusión da cultura e do saber. Porén Rousseau oporase a esta concepción.
Para el o risco distintivo da especie humana non é o avance cara o progreso, senón só a
perfectibilidade, é dicir, a capacidade de facerse mellor e de mellorar o mundo. Esta
calidade xustifica o esforzo, mais non asegura o éxito. A propia condición humana, a súa
liberdade, é a que lle leva a facer tanto o ben como o mal. A perfectibilidade, responsable
dos seus maiores logros, é tamén a fonte das súas desgrazas.
Dende a época na que se formulou, no século XVIII, o pensamento Ilustrado foi obxecto de
moitas críticas. Para uns , a Ilustración, ó colocar ó home no lugar de Deus posibilitou,
aínda que indirectamente, os totalitarismos e fascismos do século XX, pois a persoa
sentiuse libre para fundamentar os estados modernos, e os conceptos de ben ou mal, sobre
bases exclusivamente humanas, substituíndo a busca da redención pola busca da felicidade
e todo o proceso nado na Ilustración desembocaría nas cámaras de gas e nos exterminios
masivos de seres humanos. Tamén un dos reproches á Ilustración e o de que ela
proporcionaría os fundamentos ideolóxicos do colonialismo do século XIX e parte do XX.
Pola súa parte Adorno e Horkheimer ven a Ilustración como o momento no que a razón
transformouse en razón instrumental ( manipulamos ó mundo e a nós cun poder omnívoro )
, cuxa crítica é necesaria para superar os seus desastres. O post-modernismo pretende
superala, mais defínese en relación a ela. No século XX hai unha forte creses da
racionalidade que anunciaría a desaparición do longo relato da Ilustración e a súa
substitución por outro, que precisamente sería a post- modernidade. Para Foucault hai que
facer un exercicio de crítica en relación á fe ilustrada no progreso e na razón e mostrar a
súa influencia na domesticación violenta dos corpos e nos procesos de dominación
implicados nas sociedades disciplinarias modernas: “ as “ Luces” que descubriron as
liberdades, inventaron tamén as disciplinas”.
4- A ILUSTRACIÓN E AS MULLERES
Coa Ilustración e sobre todo despois da Revolución Francesa aparece o que se denomina
feminismo propiamente dito, é dicir, o pensamento da igualdade entre os sexos, aínda que
serían necesarios dous séculos para afrontar con éxito o discurso que desde a relixión, o
dereito e a Ciencia insistían na inferioridade das mulleres. Así, neste momento, prodúcese o
xerme do feminismo e o inicio dos movementos de mulleres que marcaron a historia política
e social de Occidente ata hoxe.No seu conxunto, as mulleres poucas veces participaban
directamente en asembleas e institucións representativas, pero a pesar da escasa
experiencia política que as instrucións representativas e consultivas deron ás mulleres, este
expandiuse grazas ao desenvolvemento da prensa periódica e ao aumento da
alfabetización feminina. Ao comezo do século XVIII, as publicacións políticas de mulleres
multiplicáronse tanto en Francia como en Inglaterra.

A mediados do século XVII, o xornalismo estaba nos seus inicios, e case desde o principio
as mulleres tiveron unha escasa pero nada desprezable presenza no mundo da prensa
periódica, cuxa capacidade de influencia na opinión pública foi inmediatamente percibida.
Os xornais editados por mulleres. , aínda que moi raros, apareceron esporádicamente
durante o século XVIII. Moitos deles só tiveron unha existencia efémera. Porén, en 1759
púxose en marcha o Journal des Dames, que foi o xornal máis lonxevo que Europa
coñecería antes da Revolución Francesa. En xeral, as mulleres europeas parece que
estiveron relativamente pouco implicadas no xornalismo ata finais do século XVIII, pero en
Inglaterra e en Francia o xornalismo tivo unha compoñente feminina constante durante todo
o primeiro período moderno.
Ademais, hai que ter en conta o fenómeno dos salóns que no século XVIII se estendeu por
moitos países europeos. O salón consistía nun encontro de homes e mulleres cuxa principal
ocupación era a conversa.Sen dúbida, as princesas sempre tiveran a posibilidade de manter
un círculo de xuntanza ao seu redor; homes e mulleres que tiñan como principal ocupación
a conversación, pero non hai salón se non é desde o momento no que eses focos de cultura
emigraron fóra do recinto do palacio, para dispersarse pola cidade, nas casas particulares e
o salón nos séculos XVI-XVII-XVIII constitúe un feito civilizador. É ben sabido que incluso
nas grandes cidades apenas a metade das mulleres eran capaces de asinar pero nos
salóns é onde a minoría desta minoría convértese en elite. Os salóns son lugares
eminentemente pedagóxicos e o son dobremente porque cando alí se forman as mulleres
tamén se forman os homes.
O modelo dos salóns de estilo francés foi marcado pola marquesa de Rambouillet, o
arquetipo das anfitrionas mundanas. Na segunda metade do século, os salóns
multiplicáronse, polo menos en Francia, coa moda e o auxe da burguesía adiñeirada. Aínda
que non mudaron de natureza ao seguir sendo lugares de encontro entre homes e mulleres,
o certo é que os o progreso da ciencia espertou un grande interese por estas curiosidades,
sumado á atracción que as mulleres experimentaban por un froito prohibido, xa que todas
as disciplinas propiamente científicas quedaban totalmente excluídas da educación que
puideran recibir, así a partir deste momento os xeómetras foron tamén recibida nos salóns,
como os médicos, físicos e astrónomos e a química tampouco repugnaba ás damas.
Ademais, agora comezan a escribir sobre diferentes temas, a pesar de que as que
conseguen facelo son vistas como bechos raros. Para poder publicar non debían ter a
ninguén a que cuidar, ningunha situación social que salvaguardar. E se lles permite escribir
o que se lles permite ler, isto era literatura barata e moralizadora. Certo que as mulleres
escriben cartas pero estas cartas non estaban destinadas á publicación. Que hoxe podamos
ler as cartas de Madame de Sévigné. ou a da Monxa portuguesa é unha especie de milagre.
Así Madame de La Fayette deixará unha obra e gozará na vida da alegría, aínda que
secreta, de saber que esta obra era valorada polos mellores espíritos. Jane Austen non tiña
estas dificultades pero tivo outras e é incrible que puidera rematar con éxito a obra que
coñecemos, unha obra que hai que destacar do conxunto da produción feminina do século
XVIII.Así, no salón de Madame Necker había tanto teóricos económicos como políticos,
sabios filósofos, publicistas e un bo número de estranxeiros que exemplificaban o
cosmopolitismo que constitúe un dos trazos máis característicos do século. A súa filla,
coñecida como Madame Staël, foi unha dos grandes intelectuais dunha época de grandes
persoeiros.
As revolucións liberais americana e francesa inauguraron a aspiración colectiva á igualdade
de todos os individuos, ben como grupo nacional de cidadáns ou como persoas libres.
Porén, aqueles revolucionarios só falaban de homes, non de todo o xénero humano. O
mesmo aconteceu con a Revolución Francesa: non había contradición ao predicar a
igualdade universal e ao mesmo tempo excluír ás mulleres dos dereitos civís e políticos. O
propio Rousseau escribira en “Emilio ou Da Educación” que as mulleres eran diferentes por
natureza, reforzando vellos estereotipos e, polo tanto “ toda a educación das mulleres debe
ser relativa aos homes”, por iso había que educalas para “agradalos, para ser útiles aos
homes, máis aínda para educalos de pequenos, para coidalos cando fosen maiores, para
aconsellalos, para consolalos, para facilitarlles a vida”. Esas eran as obrigas que Rousseau
sinalaba para as mulleres;era o modelo de familia burguesa que se expandiría ao longo do
século XIX nun novo formato de misoxinia e subordinación, aínda que cuberto de halos de
adoración romántica de a nai, muller e amante. É certo que, en xeral, os ilustrados deixaron
á muller fóra desta premisa de igualdade salvo en determinadas excepcións,como o caso
de Condorcet que en 1790 publicou o seu folleto “ Sobre a admisión das mulleres ao dereito
de cidadanía “. Partía do principio de que o progreso moral e material do home foi producido
polo coñecemento racional, que a felicidade basearíase na igualdade e de que, polo tanto, o
maior obstáculo para o progreso da felicidade eran tanto as desigualdades individuais como
nacionais. Para Condorcet ou ningún individuo da especie humana tiña dereitos ou todos
tiñan os mesmos dereitos sen diferenciar sexo porque, segundo el, as mulleres tiñan as
mesmas calidades que os homes.
No período de 1789 a 1793 aparecen as mulleres como parte do pobo soberano e a súa
experiencia pode considerarse como un punto de partida para a loita pola igualdade dos
sexos. Se houbera unha

ruptura co Antigo Réxime, se foi executado o mesmo rei, como non romper o poder
patriarcal e dar paso á igualdade das mulleres e mesmo que esa igualdade entre no mundo
doméstico?
En semellante contexto revolucionario a voz que formulou con máis forza a ruptura coa orde
patriarcal foi a de Olimpia de Gouges, quen pode considerarse a primeira feminista da
historia. Enfrontouse ao dominio do home como protagonista exclusivo do novo dereitos
civís e políticos. Defensora da libre unión e do divorcio, tivo que sufrir calumnias de todo
tipo. Foi incluída na lista de prostitutas de París. Tamén foi acosada de analfabeta cando
deixou escritas moitas páxinas, ben panfletos revolucionarios. ben novelas e obras teatrais
e textos de todo tipo. En resposta á Declaración dos Dereitos do Home, de 1789, en 1791
elaborou a Declaración dos Dereitos da Muller e da Ciudadana, en cuxo primeiro artigo
expresaba claramente que:” a muller nace libre e permanece igual ao home en dereitos, as
distincións sociais só se poden fundar baseándose na utilidade común “, formulou
claramente unha linguaxe feminista porque ademais de expresar que as mulleres eran o
sexo superior tanto en beleza e coraxe como no sufrimento materno, formulou no artigo
cuarto: “que o exercicio dos dereitos naturais da muller só teñen os seus límites na tiranía
perpetua que o home lle opón “ para esixir no artigo sexto: “ que todos os cidadáns, por ser
iguais, sexan igualmente admisibles a todas as dignidades, cargos e empregos públicos
segundo as súas capacidades e sen máis distinción que as das súas virtudes e dos seus
talentos “. No artigo 10 dicíase que se “ a muller ten dereito a subir á guillotina, tamén debe
ter dereito a subir á tribuna “.
Olimpia tamén esixiu unha nova educación nacional. Opoñíase ao matrimonio e esixiu non
só o divorcio senón tamén novas leis para que todos os nenos, lexítimos ou non, tivesen
dereito ao nome e á propiedade do seu pai. Tamén propuxo a organización de escolas,
dereitos maternos para protexer a nenos desfavorecidos e avanzou a idea de crear
obradoiros nacionais para desempregados. Todo iso parte dun programa social máis amplo
de apoio aos sectores máis afectados pola desigualdade, entre os que, xunto cas mulleres,
estaban os escravos negros, os nenos, os desempregados e os pobres. Ao final, Olimpia de
Gouges, por criticar duramente a ditadura de Robespierre, foi acusada de defender aos
xirondinos e tras un proceso moi detallado no que tivo que exercer de avogada defensora,
foi guillotinada en 1793. Ademais, ese mesmo ano pecháronse os clubs de mulleres e ao
ano seguinte prohibiuse drasticamente que as mulleres tivesen presenza na vida política. As
dirixentes máis destacadoa sufriron a guillotina e o exilio e quedaron así excluídas da
universalidade dos dereitos. Cando se asentou a revolución e pasouse ao imperio
napoleónico, o racionalismo do novo réxime liberal converteu o destino da muller como
esposa e nai nunha lei natural.
En Inglaterra e no ano 1792 Mary Wollstonecraft publicou unha obra que, xunto coa de
Olimpia de Gouges, pode considerarse a partida de nacemento do feminismo porque na súa
“ Vindicación dos dereitos das mulleres “ afirmaba que as calidades que se aplicasen como
naturais ás mulleres non eran máis que resultados ou construción da propia adecuación, por
iso defendeu sobre todo a educación conxunta de nenos e nenas co mesmo método e
criterios porque se pretendía formar persoas racionais. A súa principal contribución, como
destacou Amelia Varcárcel, foi clasificar como un privilexio o poder que exercían os homes
coma se fose a súa responsabilidade dominar por natureza. En consecuencia, esbozou
dúas ideas fundamentais do feminismo: a primeira era que o xénero non era natural, senón
o froito da educación e da aprendizaxe e a segunda foi que habia que establecer medios
para compensar a suposta inferioridade atribuída ás mulleres, é dicir, poñer en marcha
mecanismos do que hoxe se chama discriminación positiva. Mary Wollstonecraft morreu en
1797, despois do nacemento da súa segunda filla, a futura Mary Shelley autora de “
Frankestein ou o moderno Prometeo”.
Dentro destas manifestacións do pensamento da Ilustración en toda Europa, con máis ou
menos intensidade segundo os países, hai que subliñar que España non foi unha
excepción. Ao contrario do que se repite con frecuencia, a Ilustración tivo unha sólida forza.
Neste sentido, unha primeira proba da forza das novas ideas foi a publicación en 1726 do
escrito de Benito J Feijoo sobre a Defensa das mulleres, dentro do voluminoso traballo que
baixo o título de Teatro Crítico Universal realizou para refutar prexuízos e presupostos
contrarios ás luces de razón. Neste escrito combatía o dano da inferioridade da muller para
defender, como era habitual entre os ilustrados, que a razón non tiña sexo e, polo tanto,
reclamar a educación como vía para desenvolver as súas calidades. Así hai que lembrar a
dúas mulleres que expresaron o discurso ilustrado da igualdade intelectual entre homes e
mulleres coa conseguinte esixencia de acceso á educación ou “ Ilustración “, porque
pensaban que a orixe das diferenzas estaba na “ instrución “ imposta polo home que as
deixaba na ignorancia absoluta. Así
Josefa Amar publicou en 1786 un Discurso en defensa do talento feminino,plantexando a
necesidade dunha educación igual para ambos sexos, mesmo nun mesmo espazo, que na
práctica era unha coeducación. Xa a finais do século XVIII, destacou unha segunda muller
no tocante ás reivindicacións da igualdade. Foi Inés Yoyes Blake quen na súa Apoloxía das
mulleres, publicada en 1798, rexeitaba esas exaltacións románticas por parte dos homes
porque na práctica supoñían negar ás mulleres o acceso ao coñecemento e á igualdade.
Como sinala Juan Sisinio na súa Historia do feminismo, non podemos esquecer que
mentres se producían estas transformacións sociais e políticas, o cristianismo mantivo en
toda Europa unha

primacía ideolóxica crucial no que respecta á condición da muller. Nos países protestantes
había máis espazo e posibilidades para que xurdisen voces feministas. non houbo santas
para imitar ou ordes relixiosas de monxas dedicadas á educación; porén, nas zonas e
países onde a Igrexa católica se aferraba ás tradicións do antigo réxime e se opoñía a todos
os cambios liberais, os valores de obediencia e sacrificio eran a norma inculcada ás nenas
na súa educación.

You might also like