You are on page 1of 5

TEMA 7: RENACEN AS CIDADES

1.Que importantes cambios se producen na Baixa Idade Media?

A) A fin das grandes invasións: A finais do século XI finalizaron en Europa as


invasións normandas (viquingos) coa conquista de Inglaterra e a implantación
de dinastías normandas nese país e no norte de Francia.
Pouco a pouco recupérase a circulación de persoas e mercadorías en Europa
Occidental.

B) A expansión agraria: A partir do século XI, en Europa occidental introducíronse


unha serie de innovacións técnicas na agricultura que deron como resultado un
grande aumento da produtividade. Os principais cambios foron:
 Novos métodos de cultivo: rotación trienal (só un terzo da terra queda
en barbeito) e o uso de esterco como fertilizante.
 Novos instrumentos agrícolas: arado de veso e coleira para os animais.
O arado de veso fai uns sucos na terra máis profundos e aumentaba a
fertilidade. A coleira facilitaba o arrastre do arado e a utilización de
cabalos.
 Utilización de muíños de vento e muíños de auga para moer o gran.

O campesiñado, ao producir máis do que necesitaba para o seu


consumo, xerou un excedente ou sobrante, que podía vender.

C) Crecemento da poboación: Ao mellorar a alimentación da poboación


aumentou a súa resistencia ás enfermidades. Desta maneira aumentou a
poboación: Europa pasou de 45 millóns de habitantes no século XII, a uns 75
millóns no século XIV.
Así, buscáronse novas terras para aumentar os cultivos.

D) O renacemento do comercio e das cidades: Os castelos e os mosteiros posuían


moitas terras, e estas terras producían excedentes (sobrantes), que se podían
vender. Deste xeito, ao pé dos castelos e dos mosteiros naceron mercados.
Xunto a estes mercados foron construíndo as súas casas os vendedores
(artesáns e comerciantes), dando lugar ao nacemento dos burgos (cidades).
2.Que foron as Cruzadas?
Para a Europa cristiá, os lugares onde vivira Cristo, especialmente Xerusalén
(Terra Santa), convertéronse en centros de peregrinación. Os turcos ocuparon
Xerusalén no século XI e prohibiron o acceso aos peregrinos cristiáns.
Para recuperar Terra Santa, en 1095, o papa Urbano II fixo unha chamada a
toda a cristiandade para participar nunha campaña militar e prometeulles a salvación a
todos os que acudisen.
Foron as chamadas Cruzadas, que se realizaron entre os séculos XI e XIII para
reconquistar os lugares sagrados. Nelas participaron campesiños, soldados e cabaleiros
desexosos de conseguir terras e poder, e tamén aventureiros e mercadores
interesados en comerciar cos portos de Oriente Próximo. A partir deste momento,
produtos de Oriente chegaron a Europa a través do Mediterráneo.

3.As cidades medievais:


Estaban completamente rodeadas por murallas, que se ían ampliando segundo
a cidade medraba. O plano urbano era moi irregular.
No centro da cidade adoitaba haber unha praza, ao redor da cal se situaban os
edificios máis importantes: a casa do concello, o mercado, a lonxa e a catedral.
Os nobres, e en ocasións tamén os monarcas, fixéronse construír luxosos
palacios nos centros urbanos.
A maior parte do espazo ocupábano as vivendas, pero tamén había hospitais,
escolas, hospedarías e numerosos edificios relixiosos (igrexas e conventos). As casas
agrupábanse por barrios, que reunían a poboación en función da súa procedencia, da
súa relixión (xudaría, mouraría) ou a súa actividade artesanal.
As rúas eran estreitas, sucias e a maioría non tiña rede de sumidoiros. A pouca
hixiene urbana e a proliferación das pulgas e das ratas favorecían a difusión de
enfermidades.
Fóra da cidade foron medrando arrabaldes, barrios que agrupaban xente
humilde cando xa non quedaba espazo dentro dos seus muros.

4.Os grupos sociais:


a) A aparición da burguesía: O crecemento das cidades transformou a sociedade
feudal e fixo xurdir un novo grupo social, a burguesía, que son os habitantes dos
burgos, é dicir, das cidades. Os burgueses eran as persoas dedicadas ao traballo
artesanal e ao comercio, que non dependían dos señores feudais, eran libres.
A base da riqueza da burguesía era o diñeiro que cobraban pola venda dos seus
produtos ou polos beneficios que xeraban os seus negocios. Podemos distinguir entre:

 Alta burguesía: grandes comerciantes e banqueiros.


 Pequena burguesía: pequenos comerciantes e artesáns.
b) Outros grupos sociais: Nas cidades medievais tamén vivían nobres e eclesiásticos.
Tamén habitaba na cidade multitude de xente humilde, como por exemplo criados,
xentes sen oficio e mendigos. Por último, adoitaban asentarse minorías, como os
xudeus, que vivían en comunidades independentes.

5. Os xudeus na Europa medieval:

Os xudeus son orixinarios de Oriente Medio (Palestina). No ano 135 d.C., tras
unha rebelión dos xudeus contra Roma, foron expulsados de Palestina e dispersáronse
por todo o Imperio romano.
Na Europa medieval, a hexemonía do cristianismo significou numerosas
persecucións contra o pobo xudeu.
As comunidades xudías nos reinos cristiáns vivían nas cidades e dedicáronse
principalmente ao comercio, á artesanía, á medicina, á ciencia e tamén á banca.
Debían usar roupas que os distinguisen e vivían en barrios chamados xudarías.
A sinagoga é o centro da oración dos xudeus, onde o rabino (xefe espiritual)
interpreta a Tora, o seu libro sagrado, formado polos cinco primeiros libros da Biblia.
No Reino da Galiza destacaba a comunidade xudía de Ribadavia, dedicada
principalmente ao comercio de viño do Ribeiro.

5.Os gremios:

Os gremios eran agrupacións de artesáns que trataban de protexerse da


competencia. O gremio obrigaba a cumprir unhas normas:
 Non se podía traballar na cidade sen permiso.
 Todos os artesáns debían traballar as mesmas horas co mesmo tipo de
ferramentas.
 O gremio controlaba a calidade e o prezo dos artigos.
Nos obradoiros dos artesáns cada traballador cumpría unha función:

 O oficio apréndese dende pequeno como aprendiz.


 Despois de aprendiz pásase a oficial.
 O dono do obradoiro é o mestre artesán. Chegar a mestre é difícil, necesítase
diñeiro e pasar un exame. O obradoiro adoita estar no baixo da súa casa.

6.A expansión comercial:

a)As grandes feiras: A partir do século XII, os camiños fixéronse máis seguros e
trazáronse e construíronse novas vías. Os comerciantes de toda Europa empezaron a
viaxar e reunirse nas grandes feiras, mercados periódicos de dimensións
considerables.
Así, algunhas cidades sinalaron uns días especiais para realizar estas feiras, das
que as máis famosas eran as de Champagne (Francia).

b)As rutas marítimas de longa distancia: Para as longas distancias o comercio


marítimo era o máis importante, debido á maior capacidade e velocidade dos barcos.
A primeira gran ruta marítima abriuse no Mediterráneo. Cidades como
Venecia, Xénova, Marsella, Barcelona e Valencia comerciaban cos portos de Oriente
Próximo e co Imperio bizantino. Importaban produtos de luxo (seda e especias) e
exportaban tecidos, armas e ferramentas.
Unha segunda ruta foi a do Atlántico e o Báltico, que ía desde Lisboa e os
portos do Cantábrico até os do mar Báltico. Transportábanse las, viños, peles,
madeiras e trigo.

c)A importancia da moeda: Moitas cidades volveron acuñar moeda propia. Para
facilitar os intercambios creouse a letra de cambio, un recibo que se podía utilizar
como moeda e así non era preciso viaxar con cartos. Cada cidade podía acuñar a súa
moeda, polo que era necesario para os mercadores cambiar a moeda dun lugar polo
doutros. Iso facíano os cambiadores.

7. A alianza entre a monarquía e a burguesía:


Os monarcas viron na burguesía¸ cada vez máis rica, o grupo social que lles
podía ofrecer axuda económica a cambio de protección. Así, ofrecéronlles privilexios
que os facían libres, isto é, non sometidos a ningún señor feudal. Tamén lles deron
monopolios comerciais, permisos para abrir mercados e garantías para circular por
todo o reino.
Deste xeito, a burguesía apoiou á monarquía, pois necesitaban liberdade
persoal e seguridade para desenvolver a súa actividade comercial por camiños, mares
e cidades. Así mesmo, aspiraban tamén a gobernar as súas cidades e ditar as súas
propias leis. A cambio, a burguesía facilitou aos monarcas recursos económicos para
loitar contra a nobreza e impoñer a súa autoridade.

Cortes e parlamentos: Acéptase agora a presenza de representantes da burguesía nas


reunións do Consello (até o de agora constituídas polo rei, a nobreza e o clero). Polo
tanto, denominamos como Cortes ou Parlamentos as reunións do rei cos tres
estamentos: nobreza, clero e burguesía.
A burguesía fixo importantes achegas económicas, pero o rei tamén debía
satisfacer as súas peticións ou queixas.

8.O século XIV, a gran crise:


Desde principios do século XIV produciuse en Europa unha crise agraria. O
aumento de poboación dos séculos anteriores fixera que se cultivasen terras pouco
produtivas, que deixaron de render. Ademais, os cambios climatolóxicos deron lugar a
unha sucesión de malas colleitas. O resultado foi que a produción de trigo e doutros
cereais diminuíu moito e a fame expandiuse por todo o continente.
Ademais, a mediados do século XIV, unha gravísima epidemia de Peste Negra
provocou unha enorme mortalidade en toda Europa.
Por último, as guerras entre as monarquías europeas por afianzar o seu poder deron
orixe a saqueos, morte e destrución. A guerra dos Cen Anos foi o conflito máis grave
deste período, que enfrontou a Francia e Inglaterra entre 1337 e 1453. A guerra
iniciouse por un problema sucesorio da coroa francesa e pola pretensión do monarcas
inglés, que posuía unha serie de territorios en Francia, de ser recoñecido como rei de
Francia, ao ser un señor feudal máis forte que o propio monarca francés. O conflito
finalizou coa vitoria de Carlos VII de Francia, que recuperou todos os territorios en
mans inglesas, agás a cidade de Calais. O seu triunfo significou o inicio da fin da
monarquía feudal.
Deste xeito, o século XIV foi un século de crise que anunciaba a fin da Idade
Media, pero tamén o nacemento dunha nova era, a Idade Moderna.

You might also like