You are on page 1of 2

NA NOITE ESTRELECIDA (1926).

(RAMÓN CABANILLAS)
ESTRUTURA E TEMÁTICA
Na noite estrelecida é unha obra poética de Ramón Cabanillas, publicada en 1926. Está
conformada por tres longos poemas escritos en series de pareados alexandrinos e ten como
tema principal a materia de Bretaña.

Dúas das sagas xa foran publicadas (con algunhas variantes) antes de 1926, mais foi nese
ano de 1927 cando apareceron as tres reunidas nunha publicación.

Na noite estrelecida estrutúrase en tres poemas, chamados sagas polo autor: A espada
Escalibor, O cabaleiro do Sant Grial e O soño do Rei Artur. Estabelece varios paralelismos
e galeguiza o tema artúrico: o cáliz identifícase co escudo que representa a identidade de
Galiza, os cabaleiros da Táboa Redonda coas Irmandades da Fala, e a procura do Graal,
coa arela de redención e liberdade da Nosa Terra.

Cabanillas levou adiante na súa obra unha verdadeira exaltación mítico-patriótica de Galiza.
Para tal labor, botou man, canto aos elementos narrativos, das tradicións artúricas que non
puido coñecer desde o legado medieval galego-portugués por seren descoñecidos os textos
que as conteñen naquelas datas. Ao mesmo tempo, Cabanillas reactualizou tamén os mitos
célticos e asemade incorporou elementos xeográficos, literarios, históricos... procedentes
dos espazos escoceses, galeses ou irlandeses. Porén, todo ese conglomerado de
elementos artúricos, célticos, atlánticos... aparece nitidamente galeguizado nos versos
de Na noite estrelecida. Deste xeito, Galiza aparece como a verdadeira "Terra Prometida",
o lugar dos Cabaleiros da Táboa Redonda e o territorio onde se han de cumprir,
actualizadas, as vellas profecías que auguran para a "raza" celta un porvir glorioso.

ESPAZOS
Sobresaen dous espazos galegos: a illa de Sálvora, onde aparece a espada mítica
Excalibur, e as montañas do Cebreiro, onde se sitúa o mítico vaso do Santo Graal. É unha
obra de clara intención cívica en directa conexión con aquilo que xa procurara levar
adiante Pondal nos seus versos. En realidade, os cabaleiros da Táboa Redonda aparecen
como un verdadeiro precedente desoutros novos das Irmandades da Fala; os uns e os
outros na procura do Santo Graal, isto é na procura dun ideal no que o triunfo da fe cristiá
aparece unido á vitoria dos "bos e xenerosos", aos ideais de xustiza e liberdade e, desde
logo, á redención do país galego.

You might also like