You are on page 1of 3

COLEXIO PLURILINGÜE LINGUA GALEGA E LITERATURA

( 2º BACHARELATO)
COMPAÑÍA DE MARÍA
A CORUÑA

TEMA 2: A POESÍA DE VANGARDA. CARACTERÍSTICAS, AUTORES E


OBRAS REPRESENTATIVAS
Nas primeiras décadas do s. XX, un movemento de renovación estética
revolucionou todos os aspectos da arte; é o que se denominou co apelativo xenérico
de “vangardas”. As vangardas responden a un reformulamento teórico das artes, e
as diferentes solucións reciben o nome de ismos: futurismo, cubismo, dadaísmo,
creacionismo, surrealismo...
En Galicia introdúcese a vangarda a partir de 1918 a través, principalmente, de
Vicente Risco e tamén grazas a outros autores como Euxenio Montes ou Evaristo
Correa Calderón, que publican os seus poemas e textos vangardistas nas páxinas da
revista A Nosa Terra e tamén en revistas españolas. Na correspondencia de Manuel
Antonio (poeta vangardista) móstrase a grande influencia de Risco en todos os poetas
novos do momento e en concreto no poeta de Rianxo, que accedeu aos grandes
autores europeos da vangarda guiado polos consellos e recomendacións do escritor
ourensán.
Polas especiais características da literatura galega é difícil falar da vangarda tal
e como podemos facelo noutras literaturas. Mentres que na literatura europea xurdían
manifestos poéticos vangardistas (e non só poéticos, artísticos en xeral) que buscaban
renovar radicalmente a arte de comezos do século XX, a literatura galega loitaba por
ter unha presenza normalizada no mundo das letras. O grande poeta daquelas dúas
primeiras décadas do século XX era Ramón Cabanillas que mostraba nos seus versos o
seu compromiso coa terra e continuaba unha poesía arraigada na tradición, de corte
social, tan cultivada polos escritores do século XIX, á par de dar cabida nos seus
versos a influencias modernistas.
Fronte a esta maneira de entender a poesía xurdiron nos anos vinte uns poetas
que intentaron que a poesía galega se abrise a novos temas e novas formas de
escribir fóra dos moldes clásicos. Esta xeración de novos escritores de vangarda é
denominada de varias maneiras:
- Xeración do 25 porque se constitúe en volta dese ano, cando publican as súas
obras máis representativas.
- Novecentistas por estar formada por escritores nados arredor de 1900.
- Xeración do 22 porque neste ano se publica o único manifesto vangardista da
literatura galega: Máis alá! (Manuel Antonio e pintor Álvaro Cebreiro), no cal se
sentan as bases literarias destes novos escritores:
 A radical ruptura coa tradición que se vencella aos mestres do
Rexurdimento.
 A influencia de varios movementos da vangarda, non dun só.
 O desexo de orixinalidade da súa obra. O artista convértese no creador
dunha realidade autónoma.
 As raíces fondamente galegas da súa arte.
 O afastamento do sentimentalismo romántico e a procura de novos sistemas
expresivos.

Este manifesto é un claro exemplo desta pugna xeracional cos “vellos”


(Xeración Antre dous séculos e Xeración Nós). Trátase dun breve folleto escrito desde
un punto de vista estético e político no que fan un chamamento ás novas xeracións de
intelectuais galegos para romper co pasado e buscar o seu propio camiño.
Outro elemento claramente caracterizador desta época é a importancia que
acadan as publicacións periódicas, que van ser, xunto cos manifestos, documentos de
grande valor para poder comprender como se desenvolveu a vangarda galega. Así,
revistas como Alfar, Ronsel, Yunque ou Cristal van ser medios privilexiados de difusión
das novas ideas estéticas e de popularización da poesía dos autores chamados
“novecentistas” ou “Xeración do 25”.
Así, ao longo dos anos vinte e trinta a poesía galega renóvase e acada unha
modernidade como nunca antes acadara e deu orixe a varias correntes poéticas
vangardistas, unhas aínda ligadas en certos trazos á tradición (neotrobadorismo ou
hilozoísmo ), outras máis plenamente vangardistas, caso da poesía creacionista.

NEOTROBADORISMO
A pesar da aparición no ano 1886 en Galicia do libro El idioma gallego de Antonio
de la Iglesia no que había unha referencia ás cantigas medievais, estas só eran
coñecidas naquel momento polos estudosos. Tiveron que pasar corenta anos para que
os poemas medievais acadaran plena difusión, cando no ano 1928 o portugués José
Joaquim Nunes publicou unha edición das cantigas de amigo e amor galego-
portuguesas da Idade Media. O coñecemento da existencia dunha tradición clásica tan
rica leva aos escritores galegos a reutilizar como material poético o corpus das
cantigas, desde un punto de vista estético. Por iso hai quen non considera a este
movemento poético propiamente vangardista, agás o caso de Cunqueiro.
Aínda sendo un movemento mimético (imita sobre todo a cantiga de amigo e a de
amor), supón, fronte á poesía que mantiña a tradición decimonónica ou á combativa
das Irmandades, unha renovación diferente á levada a cabo polos ismos. A poesía
neotrobadoresca caracterízase por:
a) A presenza de temas e lugares comúns das cantigas: amor, ausencia amorosa, a
alba, a fonte...
b) Os recursos estruturais medievais de paralelismo ou refrán.
c) Mais nesta reelaboración hai tamén unha vontade de ruptura e de novidade con
respecto ao poema, sobre todo na elaboración das imaxes que os textos
presentan.
Os principais representantes desta corrente poética, que se prolongou durante
décadas, son: Fermín Bouza Brey que iniciou a corrente co seu libro Nao senlleira
(1933) e Álvaro Cunqueiro, que é o representante máis destacado, pola mestría con
que combina a imaxe vangardista cos esquemas métricos tradicionais no seu
poemario Cantiga nova que se chama riveira (1933).
Esta corrente poética non só se dá nos anos de preguerra que estamos a estudar,
senón que continúa na posguerra, impóndose como unha actitude evasiva que
adoptan os poetas diante da dura realidade, representando a fórmula menos
comprometida da reanudación do cultivo literario do galego na ditadura franquista.
Xosé Mª Álvarez Blázquez pon fin a esta tendencia en 1953 coa publicación do seu
Cancioneiro de Monfero, que fai pasar por un auténtico cancioneiro do século XIII,
levando ao extremo o xogo literario da imitación poética.

HILOZOÍSMO
Esta denominación débese a Carballo Calero, aínda que esta corrente poética
recibiu tamén o nome de "Imaxinismo" dado por Ferrín, ou "Impresionismo" dado por
A. López Casanova. O seu creador foi o poeta pontevedrés Luís Amado Carballo, que
nos seus poemarios Proel (1923) e O Galo (editado postumamente), mostra
influencias de Cabanillas. A grande achega deste movemento á lírica galega ha vir
dada pola sabia combinación das novas correntes das vangardas coas formas
tradicionais da nosa poesía.
a) O motivo central do poema é a paisaxe galega, que se pretende captar en toda
a súa esencia.
b) Presenta nos seus poemas unha natureza viva, humanizada.
c) Gusto polo neopopulismo, referencia nos textos a motivos campesiños, aldeáns,
folclóricos.
d) Mantemento da rima, case sempre asonante, en metros populares.
e) Entrada de elementos procedentes das vangardas: estranxeirismos, léxico e
imaxes vangardistas.
O influxo de Amado Carballo na literatura galega foi moi grande; non só marcou os
autores da súa época, senón que se prolongou ata os anos 60, cando a poesía de
denuncia fai presenza na literatura galega.

CREACIONISMO
A liña poética que máis se adscribe á vangarda é a que representaría a poesía do
poeta rianxeiro Manuel Antonio. Este autor ofrece unha lectura persoal do
Creacionismo do poeta chileno Vicente Huidobro e das características da vangarda
europea a través do ultraísmo español. Este ismo, a diferenza dos dous anteriores, non
creou unha escola; a súa poesía representa case un fito illado dentro da nosa
literatura.
Máis revolucionario que o hilozoísmo, rompe totalmente coa tradición anterior, e
procura a orixinalidade evitando o localismo. Manuel Antonio é un dos primeiros
autores que pretende a universalidade escribindo en galego. Para acadar isto,
adscríbese ás vangardas europeas, pero inclínase polo Creacionismo, movemento
poético que prescinde de toda referencia ao real, pois o poeta creacionista crea unha
realidade autónoma: "o poeta é deus".
A xustaposición de imaxes é o centro, a armazón do poema: a técnica creacionista
xira arredor da imaxe como recurso case exclusivo. Exclúe polo xeral o
sentimentalismo, a musicalidade modernista e case prescinde da rima. No centro da
temática de Manuel Antonio está o mar e o eu do poeta, e a súa profunda vivencia do
mar e da soidade o que humaniza esta poesía elaborada coa técnica deshumanizadora
das vangardas poéticas: o poema non é un xogo, como sucede con frecuencia nos
poetas ultraístas, senón a expresión dunha vivencia.
A única obra que publicou en vida foi De catro a catro (1928). Nela a súa poesía
baséase na superposición de imaxes que teñen como núcleo temático a interiorización
da paisaxe mariña e a reflexión sobre o propio eu poético. É un poemario arredor do
tema da viaxe, escrito como un caderno de bitácora, no que Manuel Antonio utiliza
trazos marcadamente vangardistas como a disposición irregular dos versos, o uso de
espazos en branco, a tipografía, a xustaposición de imaxes, o multilingüismo, os
tecnicismos léxicos...

SURREALISMO
Cunqueiro, á parte da súa achega ao neotrobadorismo, é o que introduce o
surrealismo nas nosas letras. Poemas do si e non (1933) é o seu libro surrealista. O
seu surrealismo é un surrealismo inxenuo, sentimental, sen chegar ao automatismo
poético e libre de todo patetismo e forma dramática que caracteriza a un bo número
de textos deste movemento.

You might also like