You are on page 1of 1

EDUCACIÓN LITERARIA EXAME ABAU 2022

Modelo de resposta

A nosa narrativa que tanta calidade acadara na preguerra coa Xeración Nós, vese interrompida dende o
comezo da Guerra Civil ata os anos 50. Será nestas datas cando o galeguismo interior, agrupado arredor
de Galaxia, artellará un proxecto cultural que permitirá a recuperación paulatina da literatura galega.
Nesa década cómpre encadrar a Fole que será xunto con Blanco Amor, Cunqueiro e Neira Vilas un dos
renovadores da prosa. Este autor desenvolve un realismo popular, tanto en Á lus do candil coma en
Terra brava, que se caracteriza por:
• O naturalismo lingüístico, presente no uso de marcas dialectais propias do Bloque Central:
maos, cas, lus... e da Área Lucu-auriense: dil, il.
• A predilección polo conto popular de carácter oral, que o leva a empregar a técnica do conto
contado. Vense neste texto as referencias ao eu narrador (“coma min”) e a un destinatario
supostamente presente (“todos coñecedes”, “xa sabereis”, “atendede ben”).
• O realismo narrativo que reflicte a vida cotiá na Galiza rural do interior en pleno inverno na
montaña luguesa: a convivencia do home co lobo nunha época xa case remota pero real.
• O emprego de historias encaixadas con diferentes narradores. Hai un narrador (o EU que fala) a
quen outro narrador contaría ese episodio cos lobos (o capador).
Outra das tendencias narrativas é o realismo fantástico de Álvaro Cunqueiro e un dos exemplos
emblemáticos é Merlín e familia (coa materia de Bretaña trasladada a unha aldea de Lugo) ou Os
outros feirantes, un dos seus libros de “semblanzas”.
Nesta época tamén escribe Blanco Amor, cuxa narrativa responde ao chamado realismo social. As súas
dúas obras máis importantes son A esmorga, publicada na Arxentina por mor da censura, e Xente ao
lonxe (1972), que reflicte os problemas obreiros de principios do XX.

You might also like