You are on page 1of 28

Vincent Willem van Gogh 

(en neerlandés   Vincent van Gogh (axuda · info) [ˈvɪnsɛnt


fɑn'xɔx]), nado en Zundert o 30 de marzo de 1853 e finado en Auvers-sur-Oise o 29 de
xullo de 1890, foi un pintor neerlandés e figura destacada do postimpresionismo.[3] Pintou
uns 900 cadros (deles 27 autorretratos e 148 acuarelas) e 1.600 debuxos. A figura central
na súa vida foi o seu irmán máis novo Theo, quen lle prestou apoio financeiro continua e
desinteresadamente. A grande amizade entre eles está documentada nas
numerosas cartas que intercambiaron desde agosto de 1872; das 800 cartas conservadas
do pintor, unhas 650 están dirixidas a Theo e as outras a amigos e familiares.[4]
Xa desde moi novo tivo inclinación cara ao debuxo e o seu primeiro traballo foi nunha
empresa de marchantes de arte, viaxando entre A Haia, Londres e París. Despois ensinou
durante un tempo en Inglaterra, en Isleworth e Ramsgate. Máis tarde converteuse en
pastor protestante e en 1879, á idade de 26 anos, marchou como misioneiro a unha rexión
mineira de Bélxica, onde comezou a debuxar á xente da comunidade local. En 1885 pintou
a súa primeira grande obra Os comedores de patacas; nese momento a
súa paleta compoñíase de tons sombríos de terra. A luz de cores vivas pola que é
coñecido xurdiu en obras posteriores, cando se trasladou ao sur de Francia conseguindo a
plenitude durante a súa estadía en Arles en 1888. Malia a calidade da súa obra, esta só foi
recoñecida logo da súa morte e hoxe é considerado un dos grandes mestres da pintura.
Tivo unha grande influencia na arte do século XX, especialmente entre os fauvistas e
os expresionistas alemáns.[5] A súa arte foi seguida por Derain, Vlaminck e Van Dongen.[6]
Sufriu frecuentes gromos dunha enfermidade mental ao longo da súa vida, o que o levou a
se producir unha ferida de bala que acabou coa súa vida á idade de 37 anos. Malia que
existe unha tendencia xeral a especular que a enfermidade mental influíse na súa pintura,
o crítico de arte Robert Hughes cre que as obras do artista están executadas cun completo
control.[7]

Traxectoria[editar | editar a fonte]
Familia e primeiros anos (1853-1869)[editar | editar a fonte]

A familia de Vincent van Gogh:


Arriba: seus pais Theodorus e Anna Cornelia.
Abaixo, de esquerda a dereita: Vincent Willem, Anna Cornelia, Theo, Elisabetha Huberta, Wilhelmina
Jacoba e Cornelius Vincent.

Vincent van Gogh naceu na localidade de Zundert, preto de Breda, na provincia


do Brabante Setentrional, nos Países Baixos. Fillo dun austero e
humilde pastor protestante neerlandés chamado Theodorus van Gogh e da súa muller
Anna Cornelia, Vincent recibiu o mesmo nome que lle puxeran a un irmán que nacera
morto exactamente un ano antes. O 1 de maio de 1857 naceu o seu irmán Theo e amais
tiveron outros catro irmáns: Cornelius Vincent, Elisabetha Huberta, Anna Cornelia e
Wilhelmina Jacoba.
Durante a infancia acudiu á escola de xeito descontinuo e irregular, pois os seus pais
enviárono a diferentes internados. O primeiro foi en Zevenbergen en 1864, onde
estudou francés e alemán.[8] Dous anos despois matriculouse no Instituto Hannik (Tilburg)
onde permaneceu ata deixar os estudos de xeito definitivo aos 15 anos.[9] Alí xurdiu a súa
afección pola pintura, aínda que durante o resto da súa vida presumiría de ser autodidacta.
Sobre a súa infancia, Vincent van Gogh comentou: «A miña mocidade foi triste, fría e
estéril.»[10]

Primeiros traballos[editar | editar a fonte]


Marchante de arte[editar | editar a fonte]

Vincent van Gogh en 1866.

Quenlla (1872-73, A Haia), debuxo xuvenil de Van Gogh.

Desde moi novo mostrou un carácter difícil e un temperamento forte. Tras abandonar os
estudos e logo dun ano en Zundert, van Gogh empezou a traballar en 1869, á idade de 16
anos, como aprendiz en Goupil & Co. (máis tarde Boussod & Valadon), unha importante
compañía internacional de comercio de arte da Haia da que o seu tío Vincent foi socio.
[11]
 Adaptouse bastante ben a esta nova vida, chegando a escribir:
É un negocio marabilloso. Canto máis tempo se traballa nel máis ambicioso se volve un.

Catro anos despois foi trasladado a Londres para fornecer obras de arte os comercios da
cidade. Na capital británica namorou de Eugénie, a filla de Ursula Loyer, a patroa da
pensión onde se hospedaba, pero a moza estaba comprometida e rexeitouno.[12] En 1874,
un ano despois da súa estadía en Londres, pasou as vacacións en familia en Helvoirt e
confesou o seu malestar por mor de Eugénie. Viviu illado, lendo libros relixiosos e
perdendo o interese polo traballo.[8]
En maio de 1875 foi destinado a París, onde creceu o seu amor pola arte. Nunha
exposición de debuxos de Jean-François Millet comentou:
Cando entrei na sala do hotel Drouot, onde estaban expostos, sentín algunha cousa como:
descálzate porque o chan que pisas é sagrado.[13]

O 10 de xaneiro de 1878, nunha carta dirixida ao seu irmán Theo, comunicou que fora
despedido da galería de arte e que se tería que ir o 1 de abril.[14] O despedimento foi debido
a que antepuña os seus gustos persoais sobre as vendas que debía facer. En Boussod
Valadon quedou, aínda así, o seu irmán, catro anos menor ca el, que traballaría alí desde
1873 ata a súa morte e sen cuxa abnegación nunca seria posible a curta e intensa carreira
artística do seu irmán máis vello. A súa familia propúxolle que abrise el mesmo unha
galería, onde podería ofrecer a clase de pintura que el escollese. Rexeitou a idea e máis
tarde insistiu ao seu irmán, tamén marchante de arte, para que deixase o seu traballo xa
que «o comercio de arte era unha farsa».[15]
Relixión[editar | editar a fonte]
O seu amigo o escritor Albert Djemal tratou de axudalo. A finais de marzo de 1876
regresou a Inglaterra, onde permaneceu dous anos. Por aquel tempo Van Gogh aumentou
o seu fanatismo relixioso. Entusiasmáballe a lectura da Biblia, e De imitatione Christi (A
imitación de Cristo (en galego)) de Tomás de Kempis. Logo de estar un tempo como
mestre auxiliar en Ramsgate, empezou a traballar en Isleworth como axudante do
predicador metodista Jones, onde chegou a subir ao púlpito da igrexa e ler un sermón que
preparara escrupulosamente. Sobre este primeiro sermón existe unha copia que enviou ao
seu irmán Theo con frases como:
Cando me atopaba no púlpito, sentíame como quen desde unha escura cova subterránea volve saír
á plena luz, e é marabilloso pensar que, desde agora, predicarei o Evanxeo por todo o mundo.

Pasou uns seis meses en Dordrecht como empregado dunha librería, e en maio de 1877
trasladouse a Ámsterdam onde se quixo facer teólogo. Tivo que desistir e tamén
abandonar os seus desexos de entrar nunha escola metodista. Foi rexeitado por non saber
nin latín nin grego e a súa dificultade para falar en público, aínda que realmente o motivo
era a súa falta de subordinación. Cada vez éralle máis difícil adaptarse a unha certa orde e
someterse a alguén que o dirixira.[16]
En 1878, compadecidos polo seu profundo fervor, os seus superiores enviárono como
misioneiro ás minas de carbón de Borinage, na rexión de Mons en Bélxica, onde en
condicións extremadamente duras realizou durante 22 meses un traballo evanxelizador
entre os mineiros da zona. Pero co seu fanatismo o que conseguía era que lle chegasen a
temer. Durmía nunha pequena barraca e o seu estado degradábase máis cada día.
Ademais repartía entre os pobres o pouco que tiña. Dicía que estaba obrigado a crer
en Deus para poder soportar tantas desgrazas. Os superiores decidiron entón envialo
a Cuesmes, na provincia de Hainaut, onde permaneceu un ano completo nunha absoluta
pobreza e en contacto cos mineiros, polos que sentía unha gran simpatía:[17] «Os
carboeiros e os tecedores seguen constituíndo unha raza separadamente dos demais
traballadores e artesáns e sento por eles unha gran simpatía e sentiríame feliz se un día
puidese debuxalos, de modo que estes tipos aínda inéditos ou case inéditos fosen
sacados a luz.(...)». Despois suprimíronlle o pequeno soldo que recibía. Ante todo isto,
seguiu os consellos de Theo, do que xa estaba recibindo axuda económica, e decidiu dar
un cambio á súa vida e dedicarse á pintura.[18]

Pintura e aprendizaxe[editar | editar a fonte]


O sementador (1881, debuxo a pluma) Museo Van Gogh.

Establecido en 1880 en Bruxelas fixo amizade co pintor neerlandés Anthon van Rappard.
Inscribiuse na Academia de Belas Artes onde estudou debuxo e perspectiva. Nesta época
realizou esbozos e debuxos baseados nas pinturas de Jean-François Millet, representando
personaxes de campesiños e mineiros, modelos da vida cotiá, e pintándoos moi realistas e
con tonalidades escuras.[19]

Etten[editar | editar a fonte]
O 12 de abril de 1881 Vincent chegou a Etten a visitar ao seu irmán. Durante este período
foi á casa do seu primo, o destacado pintor realista Anton Mauve,[1] e volveu namorar, esta
vez dunha das súas curmás, Cornelia Adriana Vos-Stricker, alcumada Kee, que viña
de enviuvar, e á que propuxo rapidamente matrimonio; a resposta de Kee foi: «Xamais,
non, nunca» ("Nooit, neen, nimmer").[20] Malia esta negativa, insistiu mediante cartas que a
viúva non contestaba, ademais de negarse a velo. Vincent insistiu cos pais dela, foi á súa
casa a intentar mirala de novo, e os familiares chegáronlle a dicir que a súa insistencia era
«noxenta». En decembro de 1881, escribiu ao seu irmán contándolle a historia e as
disputas co seu pai: «Pero como podes ver, estou novamente na Haia; por Nadal tiven
unha disputa bastante grave co noso pai, que chegou ao extremo de dicirme que sería
mellor que abandonase a casa. Díxoo tan enérxico que me fun aquel mesmo día».[21]

A Haia[editar | editar a fonte]
Debuxos da súa época na Haia

Dor (1882) Posiblemente a modelo foi Sien Hoornik. Nena de xeonllos diante dun berce (1883)
Na Haia, o seu primo Antón Mauve aconselloulle e insistiu na importancia de que
aprendese perspectiva e debuxo. Vincent fixo entón as súas primeiras acuarelas e
naturezas mortas, utilizando tons apagados, como se ve en Os pobres e o diñeiro (1882)
e Natureza morta con col e zocos (1881).
Mentres, a súa vida amorosa tomou un novo rumbo. Desesperado tralo rexeitamento da
súa curmá Kee, ou quizais por compaixón, Vincent recolleu da rúa a Clasina María
Hoornik, alcumada "Sien", unha prostituta alcohólica, embarazada e cunha filla, coa que
viviu durante un ano; tanto a nai coma a filla servíronlle de modelos.[22] No debuxo Dor, na
marxe inferior, citou as palabras de Jules Michelet do tratado La Femme (1860): «Como é
que hai na terra unha muller soa?» Sien, pola falta de recursos económicos, volvera a
exercer a prostitución e isto, unido á gran presión que padecía Van Gogh por parte do seu
pai, do seu irmán Theo e o seu primo Mauve (con quen chegaría a discutir e romper a súa
amizade), fixo que este intento de vida familiar tamén fracasara.[23]
Concluída esta relación, trasladouse a Drenthe, no norte dos Países Baixos, onde
permaneceu durante tres meses e pintou paisaxes ao óleo nos que se pode apreciar a
diferenza cos debuxos realizados anteriormente. Como quería plasmar todos os detalles,
realizou os óleos con trazos grosos e pinceladas espesas. Esta tempada sentiu máis que
nunca a soidade; nas cartas dirixidas ao seu irmán, insistíalle en que abandonase o seu
traballo de marchante e seguise o camiño da pintura. En decembro de 1883 regresou
novamente á casa paterna, esta vez en Nuenen, onde o seu pai fora trasladado.[24]

Nuenen[editar | editar a fonte]

O tecelán no tear (1884, 70×85 cm)

En Nuenen, foi ben recibido pola súa familia, que lle acondicionou unha habitación como
taller. Neste período dedicouse a debuxar e pintar o traballo nos teares. Coincidiu cun
amigo seu, Anthon van Rappard, ao que coñecera en Bruxelas e que fora pasar uns días
en Nuenen, e os dous xuntos estudaron e pintaron os teceláns rurais. Nestas obras Van
Gogh non conseguiu a mesma técnica que o seu amigo, pero este serviulle de exemplo.[25]
A pintura O tecelán no tear, de maio de 1884, expresa a dureza e o esforzo deste oficio,
pero tamén a dignidade do personaxe; aquí Van Gogh amosa a súa solidariedade e
identificación co protagonista, intentando representar o ideal dunha sociedade libre da
industrialización e fai unha gabanza do traballo artesanal. A composición consegue o
efecto de enmarcar o tecelán no mecanismo do tear, dentro dun enreixado horizontal e
vertical que parece integrar o personaxe ata conseguir que chegue a formar parte da
máquina. A claridade do fondo fai resaltar todo o debuxo.[26]
No outono de 1884, namorou de novo, agora da filla dun veciño, Margot Begemann, dez
anos maior ca el, que o acompañaba nas súas saídas pictóricas polo campo. Pensaron en
contraer matrimonio, pero atopáronse coa firme oposición da familia de Margot, quen
chegou a intentar suicidarse. Pouco despois o 26 de marzo de 1885, morreu
repentinamente o pai de Vincent. As disputas pola herdanza entre a súa nai e as súas
irmás, fixeron que marchase da casa para ir vivir a un lugar máis amplo que lle ofrecera o
sacristán da Igrexa católica; na súa familia, que era protestante, este feito foi considerado
como unha ofensa.[27]
Os comedores de patacas (1885, pintura ó óleo, 82×114 cm) Museo van Gogh, Ámsterdam.

Durante a primavera de 1885 pintou a que se considera unha das súas grandes obras
primeiras, Os comedores de patacas. Ata entón os seus esforzos centráranse sempre na
representación dunha figura; nesta obra atopouse coa dificultade de ter que coordinar
cinco personaxes e conseguir relacionalos. Para realizala contratou modelos e realizou
diversos esbozos de debuxos das figuras e estudos sobre detalles, coas mans suxeitando
o garfo, a cunca ou a teteira. As cores empregadas, de tons terrosos, non contribuíron a
unha fusión harmoniosa co fondo.[28]
Vincent, por carta, explicoulle ao seu irmán:[29]
(...) quixen dedicarme conscientemente a expresar a idea de que esa xente que, baixo a lámpada,
come as súas patacas coas mans que meten no prato, traballou tamén a terra, e que o meu cadro
exalta, pois, o traballo manual e o alimento que eles mesmos gañaron tan honestamente(...)

Coa axuda de Theo imprimíronse vinte litografías de Os comedores de patacas que a


xente dos arredores puido comprar a prezos accesibles.[30] Nun só día trasladou
directamente á pedra, de memoria e sen debuxos previos, a imaxe de Os campesiños
comendo patacas (obviamente, na impresión en papel as figuras están invertidas). Das
vinte litografías, Juliana Montford logrou localizar oito, entre as que se atopa a do Museo
Thyssen-Bornemisza:

Campesiños comendo patacas (1885, litografía sobre papel xapón). Museo Thyssen-Bornemisza.

Esta pintura provocou a ruptura co seu amigo Rappard, xa que o hipersensible e


vulnerable Van Gogh non aceptou os seus comentarios. Rappard fíxolle esta crítica
baseada nunha das 20 litografías:
Estarás de acordo comigo en que este traballo non se pode tomar seriamente. Por fortuna es capaz
de moito máis. Pero, por que todo o observas e o tratas superficialmente, do mesmo xeito? Por que
non estudas minuciosamente os movementos? Neste cadro os personaxes posan. A man da muller
do fondo... que pouco real! E que relación hai entre a cafeteira, a mesa e a man que toca a asa?
Que función fai esta cafeteira? Non se mantén, tampouco a suxeitan, entón, que? E por que o home
da dereita non ten xeonllos, nin ventre, nin pulmóns? Ou quizais os ten nas costas? Por que ao seu
brazo lle falta un metro de longo, por que lle falta a metade do nariz? Por que a muller da esquerda
ten por nariz un mango de pipa acabada nun dado? E atréveste aínda, con esta forma de traballar, a
citar a Millet e a Breton? A arte é demasiado elevada para podela tratar con tanta neglixencia.[31]

Hai que aclarar que a dureza da crítica por parte de van Rappard, debíase tamén ao
propio enfado que este tiña con Van Gogh, polo feito de non ter noticia directa da morte
repentina do pai de Vincent. Ao principio desta mesma carta queixábase Rappard,
ofendido de recibir unha simple nota malia a súa amizade: «Pensaches que tiña tan pouco
interese no teu pai e a túa familia?»[32]
Á vista desta pintura en París, Camille Pissarro quedou profundamente impresionado pola
forza expresiva do cadro. Tamén Émile Bernard escribiu nun artigo:
Quedei desconcertado, nesta confusión, pola comida dos pobres nunha barraca inquietante baixo
unha mísera luz. Era grandioso na súa fealdade e estaba cheo dunha vida inquietante.

Natureza morta con Biblia (1885, 65×78 cm)

Seguramente cando Bernard falaba da grandiosa fealdade, referíase ás cores xa que el


tiña un sentido da cor moito máis luminoso.[33]
Durante estes dous anos en Nuenen completou numerosos debuxos e acuarelas, e preto
de duascentas pinturas ao óleo. As cores usadas continuaban sendo escuras. Cando se
queixou de que Theo non estaba a facer suficiente esforzo para vender as súas pinturas
en París, o seu irmán contestoulle que eran demasiado apagadas e non estaban na liña do
estilo do momento, onde destacaban as pinturas brillantes dos impresionistas.[34] Vincent
escribiu respecto diso:
Lin con moitísimo pracer Os mestres de outrora, de Fomentin. Atopei "tratadas" neste libro, en
diversos sitios, as mesmas cuestións que me preocupaban moito nestes últimos tempos (...) tratar
de dar un valor claro por medio de tons relativamente escuros. Nunha palabra, expresar a luz por
oposición á escuridade. Xa sei todo o que pensas do "demasiado negro", pero, con todo, non estou
aínda absolutamente convencido (...).[35]

O cadro Natureza morta con Biblia, foi pintado en outubro de 1885 antes da súa partida
cara a Antuerpen. Apréciase a Biblia como símbolo da casa paterna e de toda unha
educación relixiosa, e como contraste aparece A joie de vivre de Zola, o libro
do naturalismo e, en opinión do seu pai, unha das obras máis nefastas. Na composición,
Van Gogh coloca a candea, un símbolo relixioso, coa idea de situar ámbolos símbolos no
mesmo nivel.[36]

Antuerpen e París[editar | editar a fonte]


Cranio cun cigarro aceso (1885).

Á esquerda, gravado de Hiroshige representando A ponte Ohashi e Atake baixo unha choiva


repentina; á dereita, copia de Van Gogh deste gravado xaponés: Japonaiserie: Ponte baixo a
choiva, 1887, óleo sobre lenzo, 73×54 cm, Rijksmuseum, Fundación Van Gogh, Ámsterdan.

En novembro de 1885 chegou a Antuerpen, onde ocupou un pequeno taller encima dunha
tenda de pinturas; o alugueiro pagábao o seu irmán. Comprou nuns anticuarios
algunhas xilografías xaponesas, e dedicouse a copiar modelos de xeso de esculturas
antigas, expostas na Real Academia, malia o seu desacordo co ensino académico.
Descubriu as pinturas de Rubens, que co seu colorido e as súas formas femininas
abríronlle a alternativa do uso de cores como o carmín e o verde esmeralda. Nesta época
contraeu sífilis, que aínda que foi tratada medicamente, fíxolle perder case todos os
dentes. En febreiro de 1886, comentou en cartas dirixidas a Theo que só se puido permitir
seis ou sete comidas quentes desde o mes de maio anterior.[37]
O ano 1886 mudouse a París, a vivir xunto ao seu irmán, a quen avisou con esta simple
nota: «Estarei no Louvre desde o mediodía, ou antes, se o desexas». Theo, que traballa
en Boussod & Valadon, descubriulle a Vincent as obras do impresionismo, feito que
produciu nel unha paleta máis "luminosa" e onde a cor xogaría un rol fundamental no resto
da súa obra. Durante os dous anos seguintes, os irmáns tiveron múltiples friccións e
sempre tivo que ser Theo o que cedese e perdoase.
Instaláronse en Montmartre e Vincent empezou a relacionarse cos artistas da época que
alí se reunían. Coñeceu a Émile Bernard e a Henri de Toulouse-Lautrec, facéndose grande
amigo deles, así como a Paul Gauguin, Georges Pierre Seurat, Paul Signac, Armand
Guillaumin, Camille Pissarro, Paul Cézanne. Van Gogh, coma moitos pintores da época
admiraba a arte xaponesa: Hokusai, Hiroshige, Utamaro; proba disto son as réplicas que
realizou de gravados xaponeses e algunhas pinturas súas que reproducen o Xapón de
maneira escenográfica. Ás reproducións procedentes do Xapón chamábanas
"japonaiserie". Dúas destas obras realizadas por Van Gogh foron Ciroleira en flor e Ponte
baixo a choiva, copias de obras de Hiroshige.[38] Delas, Van Gogh deixou escrito o seguinte
comentario:
Envexo aos xaponeses pola incrible claridade da que están impregnados todos os seus traballos.
Nunca resultan aburridos nin fan o efecto de seren realizados rápido... O seu estilo é tan sinxelo
coma respirar. Son capaces de facer unha figura con só uns poucos trazos seguros, o que fai que
pareza tan fácil coma abotoar o chaleco.[39]

Muller no Café de Tambourin (1887).

Utilizou as cores complementarias e todo isto fíxolle abrirse a unha expresión na súa arte
que non sospeitara nos Países Baixos. Pissarro tamén lle explicou as novas teorías sobre
a luz e o tratamento divisionista dos tons. O artista conseguiu ir engadindo cores máis
ricas e luminosas a súa paleta, grazas a Signac, con quen traballou en 1887. Practicou
pintando paisaxes urbanas do barrio de Montmartre e naturezas mortas xa con cores máis
vivas; os vermellos, amarelos e azuis cos seus complementarios xa se poden apreciar
case en todas as súas pinturas deste período.[40]
Exaltado pola intensidade do clima artístico de París, Van Gogh conseguiu, coa axuda
de Toulouse-Lautrec, a renovación da súa pintura no que incumbe á investigación
psicolóxica nos retratos. Puido apreciar as pinturas exóticas realizadas
por Gauguin na Martinica. O retrato de Muller no Café de Tambourin é do mes de febreiro
de 1887. Non representa unha bebedora nunha taberna calquera senón que é a imaxe
concreta dunha antiga modelo dos pintores Degas e Corot, Agostina Segaroti, e que nese
momento era a propietaria do bar. O cadro respira un certo atractivo exótico, desde o
peiteado da muller pasando polo seu vestido ata o fondo da pintura onde na súa
decoración obsérvanse láminas xaponesas. Unha das cousas máis importantes que
aprendeu nesta época foi a aplicación do contraste complementario, o contrapoñer as tres
cores básicas (amarelo, vermello e azul) á mestura formada polos outros dous, como
combinación vermello-verde, amarelo-violeta e azul-laranxa que reforzan o seu ton ou se
neutralizan ao mesturarse nun gris deslucido. Así observase a aplicación desta técnica
nos Catro xirasoles onde claramente existe o contraste complementario entre o amarelo e
o azul vivo do fondo.[41]
Retrato de Père Tanguy (1887). Museo Rodin, París

Pouco antes de acabar a súa etapa parisiense Van Gogh realizou o Retrato de Père
Tanguy, isto é, de Julien Tanguy chamado por todos os artistas "Père Tanguy" (Pai
Tanguy), en cuxa trastenda do seu establecemento expuxeran as súas obras Van Gogh,
Gauguin, Cézanne e Seurat. Este retrato considérase a obra representativa da súa etapa
parisiense. Cunha visión frontal, é unha imaxe dunha estrutura simple, que contrasta co
fondo decorado con estampas xaponesas.
O artista holandés estaba disposto a realizar o seu soño mediterráneo en busca da luz
cativadora da Provenza, coa explosión da natureza e as cores puras, cores que estudara
na súa colección de estampas xaponesas. Foi un período moi fértil, no que a súa arte
respecta, inclinouse cara ao impresionismo, pero doutra banda, o consumo de asente e a
fatiga mental agravaron a súa condición física.[42]

Últimos tempos: Arles[editar | editar a fonte]

Pexegueiro en flor (1888).

En 1888 instalouse en Arles ao sur de Francia, coa intención de crear un taller de artistas.


Primeiro instalouse nunha habitación do Hotel-Restaurante Carrel, pola que pagaba cinco
francos diarios; isto excedía as súas posibilidades económicas e ademais o espazo era
moi reducido para ter o seu taller. Pintaba todo o que vía (como Horto en flor con vistas de
Arles) e xa non necesitaba estampas xaponesas, como el mesmo recoñeceu nunha carta
dirixida á súa irmá: «Aquí non me fai falta para nada a arte xaponesa, porque me imaxino
estar no Xapón e nada máis necesito abrir os ollos e ver o que teño diante». Os seus
primeiros cadros en Arles foron tipicamente xaponeses; o cadro Pexegueiro en flor,
realizouno en marzo de 1888.

Os descargadores en Arles (1888) Museo Thyssen-Bornemisza.

Pintou a natureza dos arredores, os campos de trigo, os pantanos do delta do Ródano, a


canle do sur de Arlés que reflectiu en diversas obras como A ponte de Langlois. Durante
este período empezou a utilizar as pinceladas ondulantes e
os amarelos, verdes e azuis intensos que caracterizan a súa obra pictórica dos últimos
tempos.[43] O 24 de maio de cada ano, xitanos de toda Europa acoden en peregrinación
a Saintes-Maries-de-la-Mer para venerar á súa patroa santa Sara Kali. Van Gogh acudiu a
observalo e aproveitou para realizar pinturas durante ese tempo. Entre estes cadros está a
obra Barcas (barcos de pesca) en Saintes-Maries:[44]
Pasei unha semana en Saintes-Maries. Na praia de area había pequenas barcas verdes, vermellas
e azuis, de formas e cores tan belas que facían pensar en flores. Son tan pequenas que case nunca
van a alta mar. Saen cando non hai vento e volven a terra cando sopra con demasiada forza
Vincent van Gogh, xuño 1888.

Posta de sol en Montmajour (1888) Museo Van Gogh.

O Museo Van Gogh o 9 de setembro de 2013 anunciou unha nova obra confirmada como
pintura de Van Gogh: Posta de sol en Montmajour, realizada en Arles.[45] Entre as
evidencias que fixeron detectar a súa autenticidade atópanse dúas cartas de Van Gogh
dirixidas ao seu irmán Theo datadas en xullo de 1888 nas que describe o cadro realizado:
[46][47]

Onte, á tardiña, eu estaba nunha breixeira pedregosa onde crecen moi pequenos e retortos
carballos, no fondo dunha ruína no outeiro, e campos de trigo no val. Era romántico, non podía ser
máis, ao estilo de Monticelli, o sol derramaba os seus raios amarelos moi por encima dos arbustos e
o chan, absolutamente unha choiva de ouro.
Vincent van Gogh, Arlés 5 de xullo de 1888 (Carta 636).

Retratos[editar | editar a fonte]
Ao principio da súa estadía en Arlés dedicouse á realización de retratos. Con todo, tiña
dificultades para conseguir que alguén posase para el, sobre todo se eran mulleres; a
primeira que puido retratar foi unha muller nova a finais do mes de xullo, e púxolle o nome
de La Mousmé, adaptación ao francés da palabra xaponesa "musume" (娘, "filla") que lle
inspirara a lectura do libro Madame Chisanthème de Pierre Loti. Aos homes foille máis fácil
convencelos; a cambio de posaren invitábaos a unha copa na taberna. Podía retratalos
sen ningún problema, e así realizou as obras O campesiño, retrato de Patience Escalier, O
zuavo, O lugartenente Millet e O carteiro Roulin.
Co carteiro de nome Joseph Roulin tivo unha boa amizade;[48][49] estaba casado coa señora
Augustine Roulin coa que tiña tres fillos, Marcelle, Armand e Camille. Vincent fixo un gran
número de pinturas sobre esta familia: o retrato coñecido como "La Berceuse" que mostra
á señora Augustine Roulin, tamén o Retrato de Armand Roulin, o Retrato de Camille
Roulin, e ao carteiro pintouno ata en seis retratos. O Retrato de Eugène Boch realizouno
nunha visita que lle fixo este artista belga no mes de xullo, segundo explica ao seu irmán.
Neste retrato quería captar as ideas románticas do personaxe:
Esaxerei o louro do cabelo, utilicei tamén tons laranxas e amarelo pálido. Detrás da cabeza, en lugar
de pintar a parede ordinaria da habitación, pintei o infinito, un fondo plano do azul máis rico e intenso
que puiden conseguir e con esta sinxela combinación da cabeza brillante sobre o fondo
intensamente azul, conseguín un efecto misterioso, coma se fose unha estrela na profundidade dun
ceo azul.
Vincent van Gogh, xullo 1888

La Mousmé, National Gallery of Art, Washington.


 

O Campesiño, retrato de Patience Escalier, Colección de Stavros Niarchos, Atenas.


 

O zuavo, Colección Lasker, Nova York.


 

Retrato de Eugène Boch, Museo de Orsay, París.

Estadía en Arles[editar | editar a fonte]

O sementador (1888).

Van Gogh pasou todo o verán pintando paisaxes ao aire libre. Para realizar a composición
colocaba no fondo do cadro toda a parte arquitectónica, con campanís de igrexa,
chemineas, casas ou pobos, nunha fina franxa á altura do horizonte, mentres que o
primeiro plano reservábao para os campos e a vexetación. Isto fíxoo co cadro Vista de
Arles con lirios en primeiro plano, Os segadores con Arlés ao fondo, A colleita, Campos
labrados, A viña verde e unha das súas obras paisaxistas máis coñecidas O sementador,
realizada no mes de xuño, cando a colleita estaba case a punto, como se pode apreciar no
campo de trigo maduro que hai detrás do sementador. Coas cores azul e púrpura, e os
amarelos relucentes do sol e o ceo conseguiu un contraste cromático.[50]

Casa amarela (1888).
Van Gogh tiña a intención de crear un taller de artistas, e para isto alugou en maio a "Casa
amarela" (chamada así por ter paredes desa cor) en Place Lamartine situada ao norte da
cidade de Arles.[51] Theo envioulle trescentos francos para poder acondicionar e amoblar
modestamente a casa. O único que atendeu á súa petición de acudir ao taller foi Paul
Gauguin, co que mantivo diversas cartas sobre o tema do "Atelier du Midi" que xuntos
haberían de fundar e no que pedirían a participación de Seurat, Signac e Bernard.[52]
Tamén Theo insistiu a Gauguin para que fixese a viaxe a Arles. Daquela Gauguin vivía
en Pont-Aven, na Bretaña. Estaba cheo de débedas, sentíase incomprendido e soñaba
coa fundación dun círculo de pintores, pero seguramente non pensara en Van Gogh como
compoñente do mesmo. A súa meta era a Martinica, pero a cuestión económica era un
impedimento.[53] Theo van Gogh era o galerista e o marchante de Gauguin e este pensaba
que detrás do carácter estraño de Vincent e as intencións de Theo ocultábase algunha
estrataxema comercial, polo que non se decidía a viaxar a Arles. Así llo fixo saber nunha
carta a Émile Bernard, en outubro de 1888:
Por máis que me aprecie, non creo que Theo se preste a manterme no Midi soamente pola miña
cara bonita. Co seu carácter frío holandés estudou o terreo e proxecta algunha cousa...

Xerra con doce xirasoles (1888).

Autorretrato como un bonzo dedicado a Gauguin.

Atrasou a viaxe, desculpándose por carta, ata que Theo acabou pagando todas as
débedas que tiña Gauguin, e este entón viaxou a Arlés o 23 de outubro.[54] Mentres, Vincent
realizara diversas series de pinturas para decorar a casa, especialmente a habitación
destinada a Gauguin.[55]
A ideoloxía do simbolismo xurdiu a finais do século XIX. Segundo escribiu no ano
1886 Édouard Dujardin, un dos grandes teóricos desta técnica:
O obxectivo da pintura e a literatura é reproducir o sentimento provocado polas cousas cos medios
propios destas artes. O que se debería expresar non é a imaxe senón o seu carácter.

Na obra Xarra con doce xirasoles, pintada en agosto de 1888, Van Gogh buscaba o
espírito do simbolismo. A meticulosidade das flores contrasta coa caótica situación das
follas así como a pastosa aplicación da cor que, diante do fondo azul claro, consegue que
o cadro teña un significado que vai alén da simple reprodución das flores. Expón a
imaxinación do artista e a súa gran forza expresiva e esta forza esixía un gran delirio de
sentimentos.[56]
Durante este mes de agosto realizou catro pinturas sobre xirasoles: primeiro con tres
flores, despois con cinco, ata chegar á dos doce xirasoles sobre un fondo azul, e outra con
quince xirasoles sobre fondo amarelo.
Antes da chegada de Gauguin a Arlés, Van Gogh envioulle un autorretrato, co título
de Autorretrato como un bonzo, no que é evidente a súa identificación co xaponismo, xa
que se retratou coa cabeza rapada ao estilo bonzo.[57]
Diferentes puntos de vista entre Gauguin e Van Gogh

Os Alyscamps (1888) por Paul Gauguin. A avenida dos Alyscamps (1888) por Van Gogh.

Paul Gauguin desprazouse ata alí e pasaron xuntos unha tempada, durante a que as
desordes mentais de Vincent impediron que a relación se mantivese. Gauguin foi o que
impulsou a Van Gogh para que pintase lugares históricos de Arlés e así traballaron xuntos
e pintaron a serie de vistas dos Alyscamps. Escolleron diferentes motivos, e Gauguin
pintou unha paisaxe cun encanto pintoresco e máis ben refinado, mentres que Van Gogh
escolleu un paseo enmarcado por altos álamos que tiñan unha cor amarela pura que
contrastaba coa verde-azul do ceo. En cambio a cor empregada por Gauguin era moito
máis tímida. Tamén se pintaron mutuamente: Gauguin pintou de perfil a Van Gogh e este
pintou a Gauguin de costas.[58]
Corte do lóbulo da orella[editar | editar a fonte]
Nota dun xornal local datada o 30 de decembro de 1888 que rexistra a automutilación de Van Gogh.

Co paso das semanas, a convivencia dos dous artistas foi empeorando, debido ás súas
diferenzas persoais, acentuadas polo carácter moi temperamental de ambos. Logo de
menos de dous meses, na tarde do 23 de decembro de 1888, Van Gogh e Gauguin tiveron
un altercado que orixinou unha das explicacións que se deron verbo da perda da orella
esquerda do primeiro, ou de parte dela. Gauguin nas súas memorias[59] sinala que Van
Gogh ameazouno e perseguiuno cunha navalla e que pola noite o holandés se automutilou
o lóbulo da orella esquerda, non a orella completa. A continuación, Van Gogh envolveu o
lóbulo nun pano e dirixiuse a un bordel de Arlés, onde presentou este "agasallo" a unha
prostituta chamada Rachel e posteriormente regresou á "Casa amarela". Á mañá seguinte
a policía atopouno inconsciente e foi trasladado ao hospital Hôtel-Dieu de Arlés.
[60]
 Avisouse a Theo, e Vincent quedou ingresado durante catorce días. Gauguin deixou
Arlés con rumbo a París e non volveu ter contacto con Vincent, exceptuando algunhas
cartas posteriores.[61]
O xornal de Arlés Le Forum Républicain informou do caso o 30 de decembro de 1888
deste xeito:
"O domingo pasado, ás once e media da noite, o chamado Vincent Vaugogh (sic), pintor, orixinario
dos Países Baixos, presentouse na casa de tolerancia nº 1, preguntou pola chamada Rachel, e
entregoulle… a súa orella dicíndolle: «Garde este obxecto coidadosamente.» Despois desapareceu.
Informada deste feito, que non podía ser máis que obra dun pobre tolo, a policía, foi á mañá
seguinte á casa deste individuo, a quen atoparon deitado na cama, non dando case sinais de vida.
O malpocado foi ingresado de urxencia no hospital."

Gauguin declarou á policía que a perda do lóbulo debérase a unha autolesión. Expúxose a
teoría de que o corte na orella foi unha automutilación do artista como resultado do
desgusto que lle provocara a noticia de que o seu irmán Theo ía casar.[62]

Autorretrato coa orella vendada.

Nunca houbo unanimidade entre os estudosos dos feitos, debido ás poucas fontes
existentes e a que a versión xeralmente admitida baséase nas memorias de Gauguin,
publicadas en 1903. En 2009 Hans Kaufmann e Rita Wildegans, no seu ensaio Van Goghs
Ohr, Paul Gauguin und der Pakt des Schweigens (A orella de Van Gogh, Paul Gauguin e o
pacto do silencio), revisaron o incidente estudando o informe policial, as noticias
publicadas nos xornais da época, a correspondencia dos dous pintores e os poucos
testemuños existentes, moi posteriores aos feitos. Chegaron á conclusión de que foi
Gauguin quen feriu a Van Gogh co seu sabre na disputa (era mestre de esgrima), e que
cando estivo só, Van Gogh terminaría de cortar a orella. Non se atopou ningunha das
armas. Van Gogh non diría nada para protexer ao seu amigo, e Gauguin regresaría
precipitadamente a París debido á súa mala conciencia.[63][64]
Ao regresar á súa casa Van Gogh pintou o Autorretrato con orella vendada, do que existen
dúas versións. Ambos os cadros mostran unha vendaxe na parte dereita da cabeza, e
deberon ser pintados diante dun espello, xa que a orella ferida foi a esquerda.[65] Nun deles
Van Gogh represéntase fumando unha pipa para transmitir unha sensación de acougo,
nunha composición na que predomina tanto o equilibrio cromático coma o equilibrio dos
elementos iconográficos.[65] Logo de catro semanas volveu ser ingresado xa que
presentaba síntomas de teima persecutoria e imaxinaba que o querían envelenar. Durante
uns dez días estivo baixo tratamento do doutor Félix Rei. En marzo, atendendo unha
petición de trinta veciños de Arlés, que o alcumaban le fou roux ("o tolo rubio"), e que
avisaran á policía, foi ingresado unha vez máis, permanecendo seis semanas no Hospital
Hôtel-Dieu de Arlés.
O 17 de abril, Theo contraeu matrimonio con Johanna Bonger en Ámsterdan. Pouco
despois, Vincent decidiu internarse voluntariamente no hospital mental de Saint-Paul-de-
Mausole, un antigo mosteiro en Saint-Rémy-de-Provence, a trinta e dous quilómetros de
Arlés.[66]

O sanatorio Saint-Rémy-de-Provence[editar | editar a fonte]

A noite estrelada.

Os derradeiros anos de Van Gogh estiveron marcados polos seus permanentes problemas
mentais, que o levaron a ser recluído de forma voluntaria en sanatorios mentais, entre eles
o manicomio de Saint-Rémy. Neste sanatorio tiña dúas habitacións, unha delas habilitada
para servir de taller,[67] e cando non podía pasear, pintaba cadros de interior, como Xerra
con lirios. Un dos primeiros cadros que pintou alí foi Iris, onde amosa unha gran vitalidade
rítmica e unha gran conxunción de cores. Nesta época a súa pintura caracterízase pola
presenza de remuíños, como se pode observar nunha das súas obras máis coñecidas, A
noite estrelada.[68]

A Piedade (segundo Delacroix), versión de Van Gogh.


Cando deixou de saír a dar paseos polos arredores da clínica, empezou obras onde os
temas eran piñeiros, cipreses e oliveiras. Durante o mes de xuño foi cando desenvolveu os
efectos pictóricos das árbores. Das oliveiras cos seus troncos sinuosos, fixo varios
cadros: Alpilles con oliveiras en primeiro plano, Oliveira e Recolección da oliva. Os piñeiros
tíñaos como modelos no mesmo xardín do hospital. Un dos primeiros cadros foi Maleza,
onde só aparece a parte inferior dos troncos con tons constituídos por azuis fríos. Máis
tarde pintou os piñeiros que se aprecian nos cadros O xardín do hospital de Saint
Paul e Piñeiros no ceo da tarde. Pero foron os cipreses, coa súa forma triangular, os que
lle serviron para crear unha magnífica serie de paisaxes. Incorporaba a mancha escura do
ciprés en moitas das súas grandes composicións, como en A noite estrelada e, entre
outras, en Campo de trigo con ciprés, Cipreses con dúas mulleres e Ciprés no ceo estelar.
[69]

En Sant Remy volveu ter a necesidade de copiar a pintores que admiraba, polo que pediu
ao seu irmán Theo que lle enviase láminas de reproducións, a partir das que el
interpretaba a cor ao seu xeito. Desta forma explorou temas relixiosos como A
Piedade (Delacroix), onde pintou a Cristo co cabelo e a barba de cor vermella e A
resurrección de Lázaro (Rembrandt). Tamén volveu copiar algunhas das súas pinturas
favoritas, as de Millet: a Campesiña batendo o liño e A Noite (a partir de La Veillée de
Millet). Todas se conservan no Museo van Gogh de Ámsterdam.[70]

Exposicións en vida[editar | editar a fonte]

O viñedo vermello, a única pintura vendida en vida de Van Gogh.

A primeira exposición que fixo foi en París en 1889, no Salón dos Independentes,


organizada máis tarde (entre maio e outubro) que outros anos, para que puidese coincidir
coa Exposición Universal daquel mesmo ano. A elección das obras facíana os mesmos
artistas pero os novos socios só podían presentar dúas, e Van Gogh indicou ao seu irmán
as dúas pinturas que quería enviar: A noite estrelada (1888) e Iris (1889).[71]
En xaneiro de 1890 recibiu o convite para participar nunha exposición en Bruxelas co
grupo Les XX, á que enviou seis obras, dúas da serie dos "xirasoles" e catro sobre
paisaxes. Destas, dúas pintáraas en Arlés, O viñedo vermello e Vista de Arlés, e as outras
en Sant Remy. Durante a inauguración, Henri de Groux criticou os cadros de Van Gogh,
pero saíron na súa defensa Toulouse-Lautrec e Paul Signac. Nesta exposición vendeu a
obra O viñedo vermello, adquirida pola pintora pertencente ao grupo Les XX, Anna Boch,
[72]
 irmá do seu amigo Eugène Boch.[73][74]
Finalmente no Salón dos Independentes de París, en febreiro de 1890, expuxo un total de
dez pinturas.[75]
Volveu ter novos colapsos, que lle duraban máis que nas veces anteriores; padecía
angustia, terror e alucinacións con accesos de ira moi intensos. Cando volveu escribir a
Theo, explicoulle que decidira abandonar a clínica. Despois dunha breve estadía en París
co seu irmán, decidiu establecerse en Auvers-sur-Oise.[76]

Auvers-sur-Oise[editar | editar a fonte]
A igrexa de Auvers-sur-Oise

Trasladado a Auvers-sur-Oise, localidade próxima a París, instalouse nunha habitación da


pensión Ravoux. Alí coñeceu a un amigo de Theo, o doutor Paul Gachet, pintor
afeccionado, que se ofreceu a coidalo e visitalo. Baixo a atención do doutor Gachet a
actividade artística de Van Gogh foi intensa, en dous meses pintou máis de setenta
cadros. Frecuentaba a casa do doutor, e pintou o xardín, á súa filla Margarida rodeada de
flores e no piano, e ao mesmo doutor. Van Gogh volveu a refuxiarse na pintura con grande
entusiasmo; gustábanlle as paisaxes de Auvers, coma antes marabillaran a tantos outros
pintores como Corot, Pissarro, Armand Guillaumin e Cézanne.[77]
Escribiulle á súa nai estas reflexións:
Estou plenamente absorbido por estas chairas inmensas de campos de trigo sobre un fondo de
outeiros, vastos coma o mar, dun amarelo moi tenro, un verde moi pálido, dun malva moi doce,
cunha parte de terra labrada, todo xunto con plantacións de patacas en flor; todo baixo un ceo azul
con tons brancos, rosas e violetas. Séntome moi tranquilo, case demasiado acougado, séntome
capaz de pintar todo isto.[78]

Nesta poboación foi onde empezou a utilizar o formato horizontal de dobre cadrado, que
precisamente fora utilizado no val de Oise polo pintor Charles-François
Daubigny da escola de Barbizon. Van Gogh pintou varias veces o xardín da casa de
Daubigny.
O seu cadro A igrexa de Auvers-sur-Oise, está construído sobre liñas fortes e definidas,
que producen o efecto dunha escultura recortada sobre o azul intenso do ceo, efecto que
dá unha sensación de escuridade. A profundidade conséguea cos dous camiños en forma
de "V" nun primeiro plano; estes camiños aparecen colocados de xeito similar nunha obra
posterior, Campo de trigo con corvos. Van Gogh sinala nas súas cartas a soidade e a
melancolía que teñen estas últimas paisaxes de trigais baixo ceos tempestuosos e
ameazantes. Díxose que os símbolos dos corvos planeando sobre o trigo suxiren a
premonición da morte.[79] As dúas bandas de cor, co contraste do azul e o amarelo, anulan
o espazo da perspectiva. A composición da perspectiva no campo aberto ten un sentido
inverso, sae do horizonte en dirección cara á parte dianteira. O azul do ceo está nun só
plano e consegue crear unha unidade, mentres que o amarelo do trigo está dividido en
dous planos, o vermello dos camiños en tres e o verde complementario das franxas do
camiño en cinco. Este cadro está considerado como unha das mellores obras do artista.[80]
Campo de trigo con corvos (xullo de 1890, pintura ao óleo, 50×100 cm) Museo van Gogh,
Ámsterdan.
Antonin Artaud, nun extenso poema en prosa, expresa a noción da calidade de Van Gogh;
abonda ler algúns fragmentos do poema:
...Regreso ao cadro dos corvos; ¿quen veu como, nese cadro, equivale a terra ó mar? (...) o mar é
azul pero non dun azul de auga senón de pintura líquida (...) Van Gogh retornou as cores á
natureza, pero, a el, ¿quen llas devolverá? (...) aquel que soubo pintar tantos soles embriagados
sobre tantos cereais sublevados, o Café de Arlès, a recolección das olivas, os Alyscamps... A ponte,
sobre unha auga onde se ten o irrefreable desexo de afundir o dedo nun movemento de regresión
violenta á infancia,(...).

Morte[editar | editar a fonte]

Van Gogh no seu leito de morte, debuxado polo seu médico e pintor afeccionado Dr. Paul Gachet.
As tumbas de Vincent e Theo van Gogh no cemiterio de Auvers-sur-Oise.

Durante os últimos trinta meses de vida chegou a realizar 500 obras e nos seus últimos 69
días asinou ata 79 cadros. O 22 de febreiro de 1890, Van Gogh sufriu unha nova crise que
foi "o punto de partida dun dos episodios máis tristes nunha vida xa inzada de tristes
acontecementos". Este período durou ata finais de abril, tempo durante o cal foi incapaz de
decidirse a escribir, con todo seguiu debuxando e pintando.[81] Hughes escribe que entre
maio de 1889 e maio de 1890, «tivo arrebatos de desesperación e alucinación que lle
impedía traballar, e entre eles, meses nos que puido facelo e fíxoo marcado polo éxtasis
extremo visionario».[82] Con todo, a súa depresión empeorou e o 27 de xullo de 1890, á
idade de trinta e sete anos, mentres paseaba polo campo, disparouse un tiro no peito
cun revólver. Non se deu conta de que a súa ferida era mortal e volveu á pensión Ravoux,
onde morreu na súa cama dous días despois, en brazos do seu irmán Theo. «Eu arrisquei
a miña vida pola miña obra, e a miña razón destruída a medias»: estas son as palabras de
Vincent na última carta atopada no seu leito de morte o 29 de xullo de 1890.[83] Vincent foi
enterrado no cemiterio de Auvers-sur-Oise.[84] E Theo como consecuencia dos trastornos
mentais que lle xeraba unha insuficiencia renal,[85] probablemente por pedras nos riles,
[86]
 aínda que segundo outros autores a súa enfermidade mental producíalla a sífilis,[87][88] os
poucos logo da morte de Vincent ingresou nunha clínica de Utrecht, onde faleceu o 25 de
xaneiro de 1891: aos seis meses da morte de Vincent. En 1914 o corpo de Theo foi
exhumado e enterrado xunto ao do seu irmán.
Con todo, en 2011 xurdiu unha teoría que postulaba que Van Gogh non se suicidou, senón
que morreu por un disparo accidental efectuado por dous raparigos que xogaban cunha
pistola. Nunha biografía sobre o artista, Van Gogh: a vida, Steven Naifeh e Gregory White
Smith manteñen que o disparo proveu de René e Gaston Secrétan, dous irmáns
adolescentes que veraneaban en Auvers, e que eran coñecidos do pintor, polo que non
querería incriminalos e autoinculpouse. Segundo os autores, René era un raparigo
problemático ao que gustaba vestirse de «cowboy», e entretíñase disparando a animais
cunha vella pistola do calibre 38. Así, o 27 de xullo de 1890 Van Gogh sairía como sempre
a pintar, recibindo de forma accidental o disparo do menor dos irmáns. Segundo
Naifeh, historiador da arte titulado en Princeton, «revisamos os testemuños iniciais que
deron lugar á versión do suicidio, e vimos que non eran nada sólidos». Este autor afirma
que na entrevista que René Secrétan deu en 1956, o ano da estrea da película, Lust for
Life,[89] que Vincente Minnelli realizou sobre o pintor holandés, o seu testemuño «está cheo
de culpabilidade». Esta teoría non está confirmada con outras probas nin aceptada pola
maioría da comunidade académica, e o Museo Van Gogh de Ámsterdam considera
prematuro valorar as conclusións ás que chegaron estes autores.[90]

Obra[editar | editar a fonte]
O dormitorio en Arlés (1888).

Retrato do Dr. Gachet pintado por Van Gogh en xuño de 1890 en Auvers-sur-Oise, nos meses
previos ao seu suicidio.

Campos en Cordeville, en Auvers-sur-Oise (1890).


A italiana (1887) Museo de Orsay.

Lirios (1889) Getty Center, Os Ánxeles.

Detalle de Autorretrato (1889).

Van Gogh produciu todo o seu traballo (unhas 900 pinturas e 1.100 debuxos) durante un
período de tan só 10 anos ata que sucumbiu á doenza mental (posibelmente desorde
bipolar). A súa fama medrou rapidamente despois da súa morte, grazas á promoción da
esposa de Theo que, aínda que non tivo unha boa relación con el, resultou ser a única
herdeira de toda a súa obra tras a morte do seu esposo, ocorrida pouco despois da de
Vincent. O maior impulso da obra de Vincent van Gogh chegou especialmente logo dunha
exposición de 71 pinturas, en París o 17 de marzo de 1901, 11 anos despois da súa morte.
Decidiu ser pintor cando tiña 27 anos e sempre quixo reflectir a vida nas súas obras. A súa
carreira pictórica está marcada polos lugares onde viviu e traballou. Así se aprecia na
primeira etapa dos Países Baixos (1880-1886), onde a pintura tradicional e popular deste
país, exclusivamente en cores terrosos, foron o que máis influíu en obras como Os
comedores de patacas e as pinturas sobre os tecedores. Realizou numerosos debuxos de
mineiros, de personaxes populares e copiou obras do seu pintor favorito Millet.[91]
A influencia de Van Gogh no expresionismo, o fauvismo e os comezos
do abstraccionismo foi enorme, e pódese notar en moitos outros aspectos da arte
do século XX. O Museo van Gogh en Ámsterdam está dedicado ao seu traballo e ao dos
seus contemporáneos e o Kröller-Müller en Otterlo, tamén nos Países Baixos, ten unha
colección considerable das súas pinturas.
Varias das pinturas de Van Gogh están entre as pinturas máis caras do mundo. O 30 de
marzo de 1987 a pintura "Lirios" de Van Gogh foi vendida por un valor récord de 53,9
millóns de dólares en Southeby's, Nova York, e o 15 de maio de 1990 o seu "Retrato do
doutor Gachet" vendeuse por 82,5 millóns de dólares en Christie's, establecendo un novo
prezo récord.

Impresionismo[editar | editar a fonte]
A seguinte etapa, en París (1886-1887), é a que o pon en contacto cos impresionistas que
pretendían romper co academicismo da época, co traslado á pintura das impresións dos
seus sentidos mediante a observación da natureza. En París, coñeceu pintores
como Henri de Toulouse-Lautrec e Paul Signac, descubriu unha nova percepción da luz e
a cor, aprendeu a división das gamas claras e os tons e mostrou unha simplificación á vez
que unha maior intensidade no tratamento das cores. Nesta época empezou a copiar
láminas xaponesas, sendo un dos pintores europeos aos que máis influíu este tipo de
pintura.[91]

Postimpresionismo[editar | editar a fonte]
Quizais Van Gogh representou mellor o posimpresionismo, estilo que sucedeu
aproximadamente nun período entre 1885 e 1915. Representou unha vía diverxente do
impresionismo, onde os pintores fan da vida cotiá o seu tema principal. Este termo foi
utilizado por primeira vez en 1910 por Roger Eliot Fry; xorde do título que deu á exposición
da Grafton Gallery en Londres: «Manet e os postimpresionistas». Foi utilizado por artistas
como Cézanne, Van Gogh e Seurat pero ás veces tamén por outros artistas da gran
década impresionista (1870-1880) como Matisse e Pierre Bonnard.[92]

Expresionismo e fauvismo[editar | editar a fonte]


A súa obra destaca polo uso da cor e unha técnica frenética que contén algúns trazos
do expresionismo. Van Gogh e Gauguin tiñan técnicas diferentes; Gauguin estaba afeito a
pintar normalmente no taller de memoria e Van Gogh necesitaba sempre copiar in situ,
fosen paisaxes ou un modelo. O seu temperamento exaltado quixo demostralo pola vía da
cor.[93]
Os inicios do expresionismo aparecen durante as dúas últimas décadas do século XIX, na
obra de Van Gogh, A italiana de finais de 1887, e na de Edvard Munch (autor do Berro) e,
noutro nivel, na do belga James Ensor (autor de A entrada de Cristo a Bruxelas). Unha
tendencia á que contribuiría Van Gogh, despois da súa chegada en 1888 a Arlés, onde o
choque coa luz do sur, empúxao á conquista da cor, con obras como A noite
estrelada e As Oliveiras de Saint-Rémy (1889). As pinturas do período de Sant Rémy de
Provenza, caracterízanse en xeral por remuíños e espirais. Desde a dramatización das
escenas dos seus primeiros traballos, á simplificación que caracterizou as súas últimas
obras, nas que Van Gogh xa anuncia o comezo do expresionismo. Houbo que esperar ata
agosto de 1911, cando o crítico de arte Wilhelm Worringer foi o primeiro en falar do
expresionismo.[94]
En Alemaña e Austria, expresionistas como Ernst Ludwig Kirchner, Erich Heckel, Paul
Klee e Oskar Kokoschka aprenderán da técnica de Van Gogh, do nerviosismo, a
esaxeración das liñas e cores, que fan que xurda mellor a expresión dos sentimentos e as
emocións. A cor e o empaste na proxección da pintura de Van Gogh, formalizouse quince
anos máis tarde co xurdimento do fauvismo. Segundo Van Gogh: «En lugar de reproducir
con exactitude o que teño diante dos ollos, prefiro servirme da cor para expresarme con
máis forza».[95]

Recoñecementos[editar | editar a fonte]
Octavi Mirbeau, historiador de arte, un dos primeiros en admirar a van Gogh, para
renderlle homenaxe no Salón dos Independentes, na exposición realizada en 1891,
escribiu:
Aquí atópome en presenza de alguén grande, gran mestre, unha persoa que me perturba,
emocióname, chama a miña atención (...) Van Gogh posuía, dun xeito pouco frecuente, algo que
diferenza un home doutro: estilo (...) é dicir, afirmación da personalidade

Desde o século XXI, a análise da mensaxe que se desprende das súas pinturas é positivo
e alegre. Durante a súa breve dedicación artística, Van Gogh conseguiu o dominio técnico
e unha produtividade que poucos artistas conseguiron. Nas súas obras conseguiu fusionar
as calidades das súas predecesoras neerlandesas, como a devoción á natureza, co uso da
cor e a técnica da pintura francesa.[96]
A súa fama creceu rapidamente logo da súa morte, grazas á promoción da esposa de
Theo[97] que, aínda que non tivo unha boa relación con Vincent, resultou ser a única
herdeira de toda a súa obra tralo falecemento do seu esposo, ocorrido pouco despois da
do pintor. Ha de sinalarse que a ela se debe unha das poucas vendas de Van Gogh en
vida do artista. O maior impulso da súa obra veu especialmente logo dunha exposición de
71 das súas pinturas, en París o 17 de marzo de 1901 (11 anos logo da súa morte) á que
seguiron outras exposicións, como a de 1905 en Ámsterdan, ou a de Colonia en
1912, Nova York en 1913 e Berlín de 1914.[98]
Todas elas tiveron un grande impacto sobre as xeracións artísticas posteriores.[99] A
mediados do século XX Van Gogh foi recoñecido como un dos maiores pintores da
historia.[100][101]
No ano 2007, un grupo de historiadores holandeses realizou o The Canon of the
Netherlands para o seu ensino nas escolas e incluíu a Van Gogh como un dos cincuenta
temas do canon, xunto con outros iconas nacionais como Rembrandt e os artistas do
movemento artístico De Stijl.[102]
Limitáronse a só tres as obras vendidas en vida do pintor: A viña vermella comprada
por Anna Boch pola suma de 400 francos; Ponte de Clichy, adquirido por 250 francos
segundo o libro de vendas da Casa Boussod e Valadon e, finalmente, un Autorretrato aos
marchantes Sulley e Lori de Londres. As tres obras curiosamente foron compradas o
mesmo ano de 1888.[103]
Varias das pinturas de Van Gogh están entre as pinturas polas que se pagou máis en todo
o mundo. O 30 de marzo de 1987 a pintura Lirios foi vendida por un valor récord de 53,9
$millóns en "Sotheby's", Nova York.[104] Pero o seu comprador, o magnate Alan Bond, non
puido terminar de pagala e tivo que revenderla (por unha suma non revelada) ao Getty
Center dos Ánxeles. O 15 de maio de 1990 o seu Retrato do Doutor Gachet foi vendido por
82,5 $millóns en Christie's, estabelecendo así un novo prezo récord.[105]

Procedementos de traballo[editar | editar a fonte]


Mostra dunha pintura e a anterior subxacente

Mancha de herba (1887) Museo de Kröller-Müller Países Baixos.


a cara dunha muller pintada anteriormente.

A técnica que empregaba era diferente segundo o efecto que quería conseguir, cubría os
planos con cores claras, mentres que noutros cadros poñía pinceladas amplas e ás veces
perfilaba todo o debuxo con trazos grosos. Noutras ocasións, traballaba cun pincel duro
raiando todas as formas, segundo lle interesase, acentuaba as liñas ou a cor, o trazo con
movemento rítmico repetíao tanto nos debuxos como nas pinturas.[106] Crese que Van Gogh
fixo un reaproveitamento de lenzos xa usados en máis dun terzo da súa produción durante
os seus primeiros traballos.[107] En 2008, un equipo da Universidade Tecnolóxica de Delft e
a Universidade de Antuerpen utilizou avanzadas técnicas de raios X para descubrir unha
imaxe da cara dunha muller pintada anteriormente e ata conseguio a súa coloración, que
se atopaba por baixo da obra Mancha de herba.[108]

Cartas[editar | editar a fonte]

Theo van Gogh á idade de 21 anos.Theo foi un defensor permanente e amigo do seu irmán máis
vello.

Unha gran parte do coñecemento que se ten sobre Van Gogh deriva das súas cartas, a
maior parte dirixidas ao seu irmán, Theo van Gogh.[109][110] Consérvanse máis de seiscentas
cartas de Vincent a Theo e corenta cartas de Theo a Vincent, e aínda que a maioría delas
non están datadas, os historiadores de arte foron capaces de ordenar esta
correspondencia, en gran parte, de xeito cronolóxico. A recompilación destas fontes
textuales foi moi valiosa para estabelecer as bases do que se coñece sobre os irmáns Van
Gogh. É interesante facer constar que o período no que a vida de Van Gogh é máis
escura, é o da súa etapa de París, xa que Theo e Vincent vivían xuntos sen necesidade de
escribirse e polo tanto hai menos información.[111]
Van Gogh mantivo correspondencia e consérvanse unhas duascentas cartas dirixidas a
amigos e familiares especialmente coa súa irmá Wilhelmina.[112] As cartas saíron a luz en
1913, a través da viúva do seu irmán Theo, Johanna van Gogh-Bonger, quen explicou a
«inquietude» que sentía ao mostrar o drama da vida do pintor e a súa preocupación para
que non fose motivo de eclipsar a súa obra artística. O mesmo Van Gogh fora un ávido
lector de biografías doutros artistas para comprobar a consonancia do carácter coa arte
destes.[113]

You might also like