You are on page 1of 1

A “APDR” CONVOCA UNHA NOVA “MARCHA CONTRA CELULOSAS”

Baixo o lema xeral “NON RENUNCIAMOS A UN FUTURO SEN ENCE NA RÍA”, a “Asociación
Pola Defensa da Ría de Pontevedra” (APDR), vén de convocar unha nova MARCHA CONTRA
CELULOSAS para o DOMINGO 18 DE XUÑO ÁS 12 HORAS e -como de costume- con saída das
alamedas de Marín e Pontevedra.

Esta nova mobilización enmárcase na liña de actuación iniciada coa edición anterior, na LOITA
POLO FUTURO da comarca, un futuro que non ten volta atrás e que pasa inevitabelmente pola
saída de ENCE da Ría. Porque Pontevedra ten dereito a recuperar o seu medio ambiente, a súa
economía e a súa saúde e calidade de vida.

Este futuro, que algúns se empeñan en negar, ten que vir da man da explotación racional das
infinitas potencialidades da Ría e da diversificación dos usos dos montes da comarca, hoxe
estragados pola política forestal deseñada pola Xunta en beneficio exclusivo de ENCE. Trátase de
recuperar o noso medio pero, tamén, un modelo económico máis xusto e equitativo que posibilite
a creación de numerosos postos de traballo en actividades hoxe impedidas pola presencia da
fábrica en Lourizán.

Na Asociación Pola Defensa da Ría, non renunciamos a este futuro, e ningunha decisión xudicial
arbitraria e inxusta como a recentemente ditada polo Tribunal Supremo nos vai impedir seguir
loitando por recuperármolo. Porque ENCE non pode seguir ocupando a zona de dominio público
roubada á Ría hai case 70 anos, unha zona que é propiedade de toda a cidadanía.

Nesta nova Marcha, queremos transmitir á cidadanía da comarca, máis tamén á de toda Galiza,
que seguen existindo moitas vías legais para impedir a perpetuación da empresa na nosa Ría, e
que desde a APDR non imos regatear esforzos para utilizalas. Mantemos íntegra a nosa
convicción de que, chegado o momento, a Xustiza daranos a razón e confirmará a nulidade da
prórroga de 60 anos a ENCE. En calquera caso, e en tanto non se produza esta inevitábel
solución, seguiremos mobilizando a toda a sociedade que, con nós e desde hai moitos anos, fixo
bandeira da oposición á presenza de ENCE na nosa Ría. Seguiremos deseñando ese ansiado
futuro, ese futuro que reivindicamos nesta nova MARCHA CONTRA CELULOSAS e que, con
seguridade remataremos por construír.

Con este obxectivo, a propaganda editada nesta ocasión, fai referencia ao traballo realizado pola
Escola Superior de Arquitectura da Coruña en colaboración coa nosa Asociación e o Concello de
Pontevedra, un excelente traballo que deixa patente que é posíbel recuperar a zona da Ría
roubada no seu día pola Celulosa, e superar así o freo ambiental, económico e social que supón a
presenza de ENCE na Ría. Por esta razón, Jorge Rodríguez, director da equipa redactora deste
traballo, será a persoa encargada de ler o comunicado final na Marcha.

Rematada a MARCHA, haberá unha festa-polbada na alameda de Pontevedra, como noutras


ocasións con prezos populares.

You might also like