You are on page 1of 3

Composición 10.

Os principais sectores industriais e o papel do ferrocarril

(introducción + presentación dos documentos).

O século XIX foi fundamental para o proceso de modernización económica español. Porén, esa
transformación foi lenta e dificultosa, debido á inestabilidade política, a escaseza de materias
primas e de capitais nacionais, a escasa e pouco emprendedora burguesía, a falta
de innovacións tecnolóxicas ou a mentalidade conservadora de empresarios e gobernos. Xunto
a isto, hai que constatar que a modernización económica afectou desigualmente ás distintas
rexións e zonas de España, e tivo unha incidencia desigual nos distintos sectores económicos.

No caso español é evidente o contraste no territorio entre unha periferia económicamente


activa e un centro político e administrativo máis atrasado. Estas diferencias xa se foran
advertindo ao longo do século XVIII cando se constanta o deterioro económico do centro
(Castela) e unha maior puxanza da costa. Deste xeito, os principais focos económicos, sobre
todo desde o punto de vista industrial, tenderon a concentrarse en determinadas zonas,
especialmente no País Vasco e Cataluña. Aínda así, o desenvolvemento industrial do país no
seu conxunto non estivo ao nivel dos países de Europa Occidental.

Neste sentido, o noso país, a pesar de empezar a súa industrialización xa nas primeiras
décadas do século XIX, progresou moi lentamente en comparación coas principais potencias
industriais, polo que se fala por parte da mayoría dos historiadores do “fracaso da revolución
industrial” ou do “modelo latino” de desenvolvemento industrial. Aínda así, este modelo non
queda tan lonxe do sucedido en países de características semellantes, como Italia.

Entre as principais características da industrialización española están o mencionado forte


desequilibrio territorial e rexional de zonas atrasadas e zonas desenvolvidas (País Vasco e
Cataluña), a forte dependencia con respecto ó exterior (capitais, tecnoloxía, equipamentos), a
importancia da minería e a política proteccionista para defender a producción nacional fronte
á competencia internacional. Rexións como Galicia quedaron marxinadas deste proceso e
terán que esperar ata ben entrado o século XX para comezar a súa industrialización.

Un dos sectores claves da industria do século XIX foi o téxtil. Cataluña foi a principal zona de
producción téxtil de España, debido a que nesta rexión xa existía unha vella tradición
artesanal (indianas ou estampados de algodón das Manufacturas Reais). A finais do século
XVIII e principios do XIX produciuse unha renovación considerable no sector dos tecidos:
aumento das importacións de algodón, proceso de mecanización do fiado e tecido
(introducción das máquinas de vapor inglesas), e reinvestimento dos capitais. Cataluña
comezou así un crecemento sen precedentes que fixo aumentar o seu peso económico e
político no conxunto do estado.

O crecemento e fortalecemento da industria téxtil catalana explícase, por outra banda, polo
seu predominio case en exclusiva no mercado interior español. A industria téxtil galega
tradicional, baseada no liño, non puido facer competencia ó algodón, mentres que as fábricas
de tecidos doutras partes do país tampouco puideron rivalizar con Cataluña. So foi tamén
destacable a industria cubana ata 1898. Deste xeito, as fábricas téxtiles máis importantes
tenderon a concentrarse especialmente arredor de Barcelona, orixinando un importante
desenvolvemento das sociedades anónimas. Por último, este sector téxtil estivo fortemente
defendido por altos aranceis, debido a que os propios industriais cataláns influiron nos
sucesivos gobernos esixindo unha política proteccionista que beneficiaba os seus productos.
O outro sector industrial de relevancia no panorama económico español do século XIX foi
a siderurxia. Andalucía occidental foi a rexión pioneira na actividade siderúrxica, pero co paso
do tempo non puido competir cos focos máis activos da metade norte, debido á falta de
carbón de cualidade (abunda o emprego de carbón vexetal) e polo feito de que a maioría das
empresas mineiras estivesen en mans de compañías estranxeiras.

Entre os principais focos siderúrxicos, o máis destacado era o vasco, baseado na abundancia e
cualidade do mineral de ferro biscaino e á adquisición de carbón británico. A ría de Bilbao foi o
maior foco siderúrxico español e concentraba as empresas máis potentes, como os “Altos
Hornos de Vizcaya”, producindo máis do 50% do ferro nacional. Aínda que máis tardío que o
foco andaluz, a siderurxia vasca superaría progresivamente en producción dende mediados do
XIX a Andalucía, posición hexemónica que se mantería durante o século XX.

En Asturias tamén tivo un gran peso a siderurxia, gracias á abundancia de xacementos


carboníferos sobre todo na zona da “cunca mineira”, o que posibilitou a construcción de altos
fornos e de factorías metalúrxicas, con capital estranxeiro. Sen embargo, a escasa cualidade do
carbón local, o seu alto prezo polas dificultades de extracción e a súa pouca competitividade
fronte ó británico, fixeron que a siderurxia asturiana dependese dunha forte
política proteccionista para posibilitar o seu crecemento (concentrada entre Avilés e Xixón).
En Cataluña tamén houbo un importante foco siderúrxico renovado a nivel tecnolóxico.

Por outro lado, xa no campo dos transportes e das comunicacións, destaca a construcción da
rede de ferrocarril. Hai que ter en conta que, a principios do século XIX, España presentaba un
panorama negativo, con grandes dificultades de comunicación internas debido ás condicións
orográficas (país montañoso con cordilleiras periféricas) e ás trabas legais.

Neste sentido foi fundamental o papel desenvolvido polo ferrocarril, un medio barato e eficaz
de transporte terrestre. Os inicios do ferrocarril español remóntanse á década de 1840
(primeiras normas sobre a construcción ferroviaria, como un ancho de vía superior ó resto de
Europa), construíndose a partir de 1848 os primeiros e curtos tramos Barcelona-Mataró e
Madrid-Aranjuez. Sen embargo, habería que esperar á Lei Xeral de Ferrocarrís, aprobada polo
Goberno progresista en 1855, para atoparnos co principal impulso dun medio de transporte
considerado como auténtico símbolo da modernidade e do progreso da Revolución Industrial.
Esta Lei regulaba tanto o carácter da rede como o sistema de concesión e os apoios estatais.

Dende o punto de vista financeiro, o Estado levantou o ferrocarril a base de subvencións


oficiais, capitais privados (nacional e sobre todo francés) e emisións de accións das propias
compañías ferroviarias. O Goberno español tamén facilitou a importación da maquinaria e
doutros materiais imprescindibles para a construcción do tren. Dende o punto de vista
territorial, a rede ferroviaria nacional adoptou unha disposición radial nas súas principais liñas
(salvo na zona mediterránea), co seu centro en Madrid. Nos primeiros anos a construcción da
rede foi moi rápida, nacendo numerosas compañías que se irían concentrando
posteriormente. Despois de 1868, e ata 1900, completaríase a rede ferroviaria española.

Con respecto ao papel do ferrocarril no desenvolvemento económico do país existe un debate


historiográfico non pechado. Por unha banda, é certo que permitiu comunicar unhas zonas con
outras, creando un mercado interior e integrado (potencia as comunicacións e o transporte de
mercadorías); pero pola outra banda, os resultados foron inferiores ós esperados e
decepcionantes, debido á mala política estatal que permitiu a importación de material
ferroviario, perxudicando o desenvolvemento da siderurxia e da metalurxia nacionais.
(Conclusión). Como conclusión final pódese plantexar de novo a pregunta non pechada de se a
revolución industrial española foi tal ou se o noso país quedou no século XIX relegado do fondo
proceso industrial que transformou para sempre Europa. O que sí é certo é o feito de que as
transformacións industriais deste século supuxeron unha transformación progresiva da
economía e por ende da sociedade española, o que marcou a configuración dunha incipiente
sociedade de clases e o inicio do movemento obreiro. Ademais, sentou as bases das
diferencias socioeconómicas aínda hoxe vixentes entre os territorios nos que se desenvolveu
esta primeira industrialización e aqueles que quedaron relegados.

You might also like