You are on page 1of 7

Tema 10.

Os principais sectores industriais e o papel do ferrocarril

PRINCIPAIS SECTORES INDUSTRIAIS


O desenvolvemento industrial do s. XIX presentou fortes desequilibrios territoriais, con zonas atrasadas no
interior rural e focos desenvolvidos na periferia máis urbanizada (Cataluña, provincias vascas, Asturias...).
Cataluña e a industria téxtil
O crecemento da produción agraria no s. XVIII e a elevación dos prezos agrarios posibilitou a acumulación
de capitais que permitiu a inversión, por parte dos sectores emprendedores da sociedade catalá, na industria
téxtil. A partir da década de 1830 aparecen as primeiras fábricas modernas ao redor de Barcelona e Manresa,
así como nas comarcas do Baixo Llobregat e do Vallés occidental, todas elas próximas ao porto de Barcelona
ao que chegaban as materias primas (carbón e algodón). A maior parte do carbón consumido en Cataluña
proviña de Inglaterra, xa que era máis barato que traelo de Asturias. Porén, a partir dos anos 70 as fábricas
trasladáronse as concas fluviais do interior (Besòs, Llobregat, Cardener, Ter…) co obxectivo de aproveitar a
enerxía hidráulica dos ríos e aforrar custos. Xurdiron así as chamadas “colonias”, un novo concepto de
produción industrial afastado das grandes urbes e cuxo eixo era a fábrica, pero que ademais dispoñía de todo
tipo de servizos complementarios para os obreiros e as súas familias (igrexas, escolas, economatos,
residencias…). O algodón, en rama ou fiado, proviña de países do Mediterráneo ou América (EEUU, Brasil…).
A industria téxtil catalá xurdiu grazas á presenza dunha burguesía emprendedora que investiu no sector e
apostou por modernizar a maquinaria coa utilización do vapor, a organización en fábricas e a substitución da
la polo algodón. Nos anos 40 introducíronse novas máquinas de fiar de orixe británico como a mule – jenny e
as denominadas “selfactinas” (self – acting) que precisaban menos man de obra. Esta mecanización provocou
as primeiras protestas obreiras (ludismo) contra as máquinas ás que culpaban da perda de postos de traballo
(Ex.- destrución da fábrica de fiados dos Bonaplata en 1835).
A mediados do século, Cataluña xa era a principal rexión industrial de España con máis do 40% da
poboación ocupada na industria. A maior parte da produción destinábase ao mercado nacional e ás colonias
de Cuba e Filipinas, pero nos anos 60 a guerra de Secesión americana (1861 – 65) causou a chamada “fame de
algodón” e unha crise financeira internacional no ano 1866. Isto, xunto coa inestabilidade política do Sexenio
democrático, frearon o crecemento industrial de Cataluña ata a época da Restauración. A nivel político, os
empresarios cataláns demandaban medidas de carácter proteccionista aos gobernos de Madrid, para
protexer a industria téxtil fronte a competencia estranxeira que fabricaba máis barato (Inglaterra).
Ademais da industria do algodón, Cataluña contaba tamén a finais do s. XIX con dous grandes núcleos da la
en Sabadell e Terrasa, así como unha importante industria da seda. Toda esta industria téxtil favoreceu o
xurdimento doutras industrias (Doc. 1) como a química que producía o ácido sulfúrico, de potasa e de sosa
necesario para a obtención de colorantes ou de lixivia. Outros sectores industriais que se desenvolveron foron
o da metalurxia, as artes gráficas, o papel ou o agro – industrial (cortiza, viños...).
A industria siderúrxica
A siderurxia é a industria que se centra na transformación do ferro. O seu antecedente sitúase nas
ferrerías, obradoiros artesanais que, co paso do tempo, transformáronse en altos fornos debido á crecente
demanda de ferro (agricultura, máquinas, ferrocarril…). Nestes altos fornos fúndese o ferro para a súa
transformación en aceiro, para o cal é necesario unha gran cantidade de carbón. No s. XVIII aínda se
empregaba o carbón vexetal, pero pouco a pouco foi substituído polo carbón mineral de orixe asturiano
(hulla). Porén, a mala calidade do mesmo fixo que moitas siderurxias, como a vasca, optasen por importar o
carbón británico de maior calidade. En España destacaron tres sectores principais:
1
 Siderurxia andaluza: os primeiros altos fornos españois creáronse nos anos 30 en Málaga, Marbella e
Sevilla pola necesidade de ferro para os toneis nos que se exportaban os viños andaluces. Existían xacementos
de ferro en Ojén (Marbella), pero a dependencia do carbón asturiano e inglés provocou a crise do sector a
partir dos anos 60. A súa subsistencia durante varias décadas relaciónase coas guerras carlistas, que
dificultaron a siderurxia do Norte.
 Siderurxia asturiana: a partir dos anos 50 constrúense os primeiros altos fornos (La Felguera) próximos
ás minas de Mieres e Langreo, pero o carbón era de difícil extracción e de baixo poder calorífico (hulla), polo
que foi un sector que subsistiu grazas ás medidas proteccionistas do goberno. A finais de século a siderurxia
asturiana foi finalmente desprazada pola vasca.
 Siderurxia vasca: apoiábase na abundancia de ferro nas minas de Somorrostro (Biscaia), nas que en
1900 traballaban cerca de 13.000 obreiros. O mineral de ferro exportábase a países de Europa como Gran
Bretaña (65%), Alemaña, Francia ou Bélxica, a cambio de carbón inglés de maior calidade e que permitiu a
modernización tecnolóxica. A primeira siderurxia vasca xurdiu en Bilbao no ano 1860 (Ibarra) e a partir da 3ª
guerra carlista (1876) a ría de Bilbao consolidouse como o maior foco siderúrxico de España. As diferentes
siderurxias da zona uníronse, dando lugar aos Altos Fornos de Biscaia (1909) que se converteu na empresa
siderúrxica máis poderosa de España. Entre 1881 e 1931 esta empresa fabricou o 62% da produción de aceiro
do país, influíndo tamén no desenvolvemento doutros sectores como o químico, o metalúrxico de
transformación ou a construción naval (estaleiros do Nervión).
A minaría
España contaba con importantes recursos mineiros como chumbo (Linares), mercurio (Almadén), cobre
(Riotinto), carbón (Asturias) e ferro (Vizcaya). Porén, estes xacementos pertencían á Coroa ata a Revolución da
Gloriosa de 1868 que permitiu a desamortización das minas do Estado e a aprobación, ese mesmo ano, da
“Lei de Bases sobre as Minas”. Esta lei permitiu a concesións das minas a particulares e a conseguinte
introdución de melloras técnicas que propiciaron o aumento das exportacións que contribuíron a paliar o
déficit crónico da Facenda.
Xacementos como o de cobre (Riotinto, Huelva) ou o de mercurio (Almadén, Cidade Real) pasaron a
propiedade de empresas estranxeiras a partir dos anos 70. O mineral de ferro extraíase das minas de
Santander e Biscaia, no norte, e Almería e Murcia no sur. A introdución do “convertedor Bessemer” nos Altos
Fornos biscaíños favoreceu que este núcleo se convertese no principal exportador de ferro ao Reino Unido. En
canto ao carbón, Asturias foi a principal zona de produción, pero o seu elevado prezo (explotacións pequenas,
rede de transporte deficitaria e cara, difícil extracción, baixa calidade…) fixo que precisase da protección
arancelaria dos distintos gobernos ante a forte competencia do carbón inglés.

A industria galega
En Galicia o panorama industrial era máis ben pobre, e sectores tradicionais como liño, os curtidos ou as
ferrerías desapareceron pola competencia doutras zonas. A ausencia dunha burguesía con mentalidade
emprendedora impediu o salto cara unha industria téxtil competitiva.
A partir de 1880 desenvolveuse a industria conserveira favorecida polo asentamento de empresarios
cataláns e pola crise da sardiña en Bretaña, que obrigou aos franceses a buscar en Galicia mercancías para
atender os seus mercados. A potenciación do sector produciuse grazas a renovación e transformación das
técnicas de salgadura cos avances na conservación hermética dos alimentos e a súa esterilización (Pasteur e
Appert). A primeira fábrica de conservas instalouse en Oza (A Coruña) en 1841, pero as principais fábricas
situáronse nas Rías Baixas (Barreras, Alonso, Curbera, Massó, Cerqueira, Alfageme…) no sector da sardiña. En

2
1907 Galicia elaboraba o 59% da produción española de conservas de peixe e Vigo converteuse no gran centro
conserveiro da península, exportando a países como Cuba e Francia. Ademais, esta industria permitiu o
desenvolvemento doutros sectores como o da pesca de altura e o da construción naval.
Outros sectores desenvolvidos foron o naval (estaleiros de Ferrol e Vigo), o hidroeléctrico ou o mineiro en
relación coa existencia de volframio e a súa utilización para a fabricación de armas.

O FERROCARRIL
A introdución en España do ferrocarril foi tardía, xa que a primeira liña ferroviaria foi a que uniu Barcelona
e Mataró en 1848, á que seguiu a de Madrid – Aranxuez en 1851 e Xixón – Langreo en 1853. Foi partir do
Bienio progresista (1856 – 58) cando se decidiu apostar polo desenvolvemento do ferrocarril co obxectivo de
articular un mercado nacional e modernizar a economía española. Deste xeito, aprobouse a “Lei de
ferrocarrís” de 1855 (Doc. 2), que regulaba ás compañías de construción; garantía as inversión estranxeiras;
liberaba do pago de aranceis ás importacións das materias primas e máquinas necesarias para a súa
construción, permitiu subvencionarse ás compañías emitindo obrigacións (accións) e facilitou a expropiación
de terras entre outras cousas. Esta lei favoreceu a chegada dos investimentos necesarios para a posta en
marcha do ferrocarril o que, xunto co apoio estatal e as achegas de capital privado (nacional e internacional),
permitiu a rápida extensión do ferrocarril na segunda metade do século. Durante eses anos creáronse unhas
vinte compañías ferroviarias, destacando as de orixe francés como a “MZA” (Madrid – Zaragoza – Alicante) e
“Ferrocarril do Norte” ou nacionais como Barcelona – Zaragoza. A crise financeira dos anos 60 fixo decaer os
beneficios e marcou o inicio dun decenio crítico para o sector, o que sumado aos erros técnicos (ancho de vía
maior co de Europa), dificultaron os intercambios comerciais co exterior. O motivo desta diferenza de
anchura relaciónase coa necesidade de locomotoras máis anchas que permitisen facer fronte á difícil
orografía española. Ademais desta cuestión, a aposta por un trazado radial con centro en Madrid
(centralismo) levou á marxinación de áreas excéntricas como Galicia ou a cornixa Cantábrica. Non foi ata 1892
que o ferrocarril chegou á cidade de Vigo e o trazado que uniu Santiago con Madrid non se rematou ata o ano
1956. A comunicación ferroviaria do Cantábrico rematouse en 1970 por medio da construción dun ferrocarril
de vía estreita (FEVE). Do mesmo xeito, o Estado non apostou polas conexións con Francia, nin polo eixo do
Mediterráneo (Xirona – Murcia).
Reflexións sobre o ferrocarril
O papel do ferrocarril no desenvolvemento económico de España é obxecto de controversia entre os
historiadores, xa que para moitos permitiu a comunicación interior e facilitou o transporte de mercadorías.
Non obstante, outros consideran que a concentración de capitais foi excesiva en detrimento doutros sectores
como o industrial, sector que ademais viuse prexudicado pola libre importación de material que introduciu a
lei de 1855 e que beneficiou ás empresas estranxeiras. Deste xeito, empregáronse para a súa construción
capitais e tecnoloxía estranxeira, de maneira que non beneficiou á industria siderúrxica española.
En canto á rede de estradas, tamén se optou por unha rede radial que beneficiou á capital en detrimento
dunha periferia máis rica e poboada.
VALORACIÓNS FINAIS
Existe unha disxuntiva entre os historiadores sobre o desenvolvemento industrial de España no s. XIX.
Mentres autores como Jordi Nadal afirman o fracaso da revolución industrial española, outros como Tortella
falan de lentitude e tardanza nas transformacións e destacan a importancia de sectores como o téxtil catalán,
a siderurxia vasca ou o ferrocarril (Doc. 3),. Por outro lado, outros autores do XIX centran os seus estudos nas
diferenzas entre a periferia máis desenvolvida e industrial e o interior agrario e atrasado (Doc. 4).
3
TEXTOS, CONCEPTOS E COMPOSICIÓN

Doc. 1 – En 1860 o escritor catalán Manuel Angelón salientaba a importancia da industria catalá:
“En España a palabra industria trae infaliblemente á memoria a palabra Cataluña. O principado é sen dúbida o
núcleo da forza e riqueza industrial da Península ; Barcelona é chamada por propios e estraños o Manchester
da nosa querida patria (...). Non hai probablemente industria ningunha que non teña en Cataluña a súa
representación (...). Sabadell e Terrassa adiantaron tan considerablemente na fabricación de las, que xa os
seus artefactos chamaron a atención en exposicións nacionais e estranxeiras. Non menos progresou a cidade
de Reus na industria de tecer a seda (...). Girona elabora en grandes cantidades papel continuo para imprimir e
escribir (...). As poboacións de Gracia, Sants, Sant Martí, Sant Andreu, Horta e Badalona, que parecen
simplemente barrios anexos á capital do principado, son outras tantas poboacións fabrís, nas que a industria
se atopa tan adiantada coma na mesma metrópole”.

Doc. 2 – Lei Xeral de Ferrocarrís (1855):


“Art.6. Os particulares ou compañías non poderán construír liña ningunha (...) se non obtiveron previamente a
concesión da mesma (...).
Art.14. As concesións (...) outorgaranse por termo de noventa e nove anos cando máis (...).
Art.19. Os capitais estranxeiros que se empreguen na construción de ferrocarrís ou en empréstitos para este
obxecto quedan baixo a salvagarda do Estado e están exentos de represalias, confiscacións ou embargos por
causa de guerra”.

Doc. 3 – O historiador Gabriel Tortella valora así o esforzo industrializador na España do século XIX:
“Hai no século XIX español un número elevado de esforzos a prol da modernización do país. Por unha banda
temos os esforzos privados da clase empresarial catalá por crear unha base industrial no principado. Por outra
están os repetidos intentos progresistas por sentar as bases políticas e lexislativas dunha sociedade moderna,
é dicir, industrializada e tecnificada. O século XIX non foi en España de absoluto estancamento: en Cataluña, e
en especial en Barcelona, desenvolveuse unha notable industria; o país levou a cabo a desamortización e a
construción da rede ferroviaria; reformouse a educación, o sistema monetario e bancario, os impostos;
instituíuse definitivamente o orzamento; sentáronse as bases da industria siderúrxica, etc. Pero en total a tan
cacarexada revolución industrial non tivo lugar”

Doc. 4 – En 1843, Jaime Balmes expoñía a escasa capacidade da capital do Estado para servir de motor do
desenvolvemento económico español:
“Cabalmente temos en España un atranco gravísimo que inflúe máis do que se cre en paralizar o noso
desenvolvemento e en facer inútiles os mellores desexos. A vida de España está nas extremidades; o centro
está exánime, fraco, frío, pouco menos ca morto. Cataluña, as provincias Vascongadas, Galicia, varios puntos
do mediodía, ofrécennos un movemento, unha animación da que non participa o corazón de España. Londres é
digna capital da Gran Bretaña, París, de Francia; na actividade, na vida da que rebordan aquelas cidades vedes
as indispensables condicións da cabeza dun gran corpo. En Madrid e en tódolos arredores a longuísima
distancia nada parello atoparedes. Nin agricultura, nin industria, nin comercio”.

4
MODELO COMPOSICIÓN
Os seguintes textos deben permitirche facer unha redacción sobre os principais sectores industriais e o papel
do ferrocarril na España do século XIX. Tendo en conta os documentos e o seu contexto, debes atender cando
menos á evolución dos sectores téxtil e siderúrxico e as súas diferenzas rexionais, así ́ como ás características
do desenvolvemento ferroviario español e os seus efectos sobre o conxunto da economía.

Doc. 1 – En 1860 o escritor catalán Manuel Angelón describía o desenvolvemento industrial de Cataluña:
“En España a palabra industria trae infaliblemente á memoria a palabra Cataluña. O principado é sen dúbida o
núcleo da forza e riqueza industrial da Península; Barcelona é chamada por propios e estraños a Manchester
da nosa querida patria (...). Non hai probablemente industria ningunha que non teña en Cataluña a súa
representación, e non en pequena escala, senón en vastas proporcións. Os fiados e tecidos de algodón, os
estampados, os tecidos de seda e la nas súas múltiples calidades, damascos, veludos, tisús, encaixes,
máquinas, papel, todo se fabrica no antigo principado”.

Doc. 2 – Distribución rexional da produción siderúrxica española (medias anuais en miles de toneladas):

Período Produción Andalucía Biscaia Asturias


1861-1865 45,65 14,65 11,73 13,17
1871-1875 45,53 4,46 8,72 24,90
1881-1885 131,59 2,89 76,71 40,08
1896-1900 289,24 ---- 227,69 102,81

Doc. 3 – En febreiro de 1851 o diario conservador El Heraldo facíase eco da inauguración do ferrocarril
Madrid – Aranxuez:
“Poucas solemnidades viu Madrid desde a súa fundación que poidan compararse en brillo, (...) en esperanza
do porvir, á que presenciou o domingo. A inauguración do ferrocarril de Aranxuez é o primeiro paso que dá a
capital da monarquía cara ao mar; é o anuncio seguro de que tarde ou cedo os ricos produtos de Castela, da
Mancha e dalgunhas provincias meridionais, estancados hoxe, e afogando na súa improdutiva abundancia ao
seu mesmo produtor, impedindo a creación de capitais, e deixando ermos campos feraces que poderían
alimentar a metade de Europa, lograsen baleirarse nos grandes mercados do mundo, e cambiarse polos
produtos que necesitamos e de que carecemos”.

5
Rúbrica para a corrección da composición histórica

Moi deficiente Resposta en branco (0)


(0-1) A resposta é unha paráfrase dos documentos (1)

Contidos:
Deficiente
Xeneralidades sobre a época (1,5)
(1,5-2)
Uso dos documentos: a resposta prescinde dos documentos, preséntase como a
resposta a unha pregunta teórica (2)

Contidos:
Referencia básica ás características da industria na España do s.XIX:
Aprobado -o desenvolvemento da industria algodoeira catalá e os avances do maquinismo
(2,5-3) -a expansión da siderurxia e o predominio da industria vasca
-a construción do ferrocarril e os seus obxectivos (favorecer o desenvolvemento dun
mercado nacional, fomento doutras actividades económicas)
Uso dos documentos: os documentos cítanse na redacción.

Contidos (ademais do esixido para o aprobado):


-explicar os factores que favoreceron a industria téxtil catalá (a tradición
manufactureira, a existencia de capitais e dunha clase empresarial moi activa, o
proteccionismo).
-explicar os cambios na xeografía siderúrxica (os inicios en Málaga, o crecemento
da industria asturiana polo uso da hulla e a expansión da biscaíña).
Notable
-explicar o proceso de construción (as primeiras liñas, a importancia da Lei Xeral
(3,5- 4)
de Ferrocarrís de 1855, a introdución de capital estranxeiro).
Uso dos documentos: A resposta analiza parte do contido dos documentos: o
predominio de Cataluña no panorama industrial español e a importancia da
mecanización (doc. 1), o crecemento da produción siderúrxica a partir dos anos 80, a
perda de peso da industria andaluza e o crecemento da vasca (doc. 2), as
expectativas creadas polas primeiras liñas ferroviarias (doc. 3).
Redacción: correcta.

Contidos (ademais do esixido para o aprobado e o notable):


-referencia a outras industrias téxtiles (seda, liño)
-referencias ás vinculacións existentes entre a siderurxia e as actividades mineiras
-referencia ás características da rede ferroviaria española (rede radial, ancho de vía)
-valoración xeral da problemática analizada
Sobresaliente
Uso dos documentos:
(4,5-5)
-a resposta ten en conta a condición de catalán e coetáneo aos feitos do autor do
texto (doc. 1)
-a resposta afonda na evolución da produción que figura na táboa 2
-a resposta ten en conta a orixe da información (diario conservador) do documento
3
Redacción: correcta e precisa, e texto está ben argumentada.

6
MODELO COMPOSICIÓN
Os seguintes documentos serven de base para realizar unha composición sobre o desenvolvemento económico
español no século XIX, centrando a atención na industria. Na redacción debes tratar as seguintes cuestións: O
contraste centro-periferia e os desequilibrios rexionais (Doc1.); as características do desenvolvemento
ferroviario(Doc.2); os sectores produtivos máis destacados, como son o siderúrxico e o téxtil Como conclusión
fai unha valoración global do desenvolvemento económico (Doc.5).

Doc. 1 – En 1843, Jaime Balmes expoñía a escasa capacidade da capital do Estado para servir de motor do
desenvolvemento económico español:
“Cabalmente temos en España un atranco gravísimo que inflúe máis do que se cre en paralizar o noso
desenvolvemento e en facer inútiles os mellores desexos. A vida de España está nas extremidades; o centro
está exánime, fraco, frío, pouco menos ca morto. Cataluña, as provincias Vascongadas, Galicia, varios puntos
do mediodía, ofrécennos un movemento, unha animación da que non participa o corazón de España. Londres
é digna capital da Gran Bretaña, París, de Francia; na actividade, na vida da que rebordan aquelas ciudades
vedes as indispensables condicións da cabeza dun gran corpo. En Madrid e en tódolos arredores a longuísima
distancia nada parello atoparedes. Nin agricultura, nin industria, nin comercio”.

Doc. 2 – Lei Xeral de Ferrocarrís (1855):


“Art.6. Os particulares ou compañías non poderán construír liña ningunha (...) se non obtiveron previamente
a concesión da mesma (...).
Art.14. As concesións (...) outorgaranse por termo de noventa e nove anos cando máis (...).
Art.19. Os capitais estranxeiros que se empreguen na construción de ferrocarrís ou en empréstitos para este
obxecto quedan baixo a salvagarda do Estado e están exentos de represalias, confiscacións ou embargos por
causa de guerra”.

Doc. 3 – Principais instalacións siderúrxicas en 1866

Doc. 4 – Importación de algodón en rama pola Aduana de


Barcelona (medias quinquenais, miles de t.)

Doc. 5 – O historiador Gabriel Tortella valora así o esforzo industrializador na España do século XIX:
“Hai no século XIX español un número elevado de esforzos a prol da modernización do país. Por unha banda
temos os esforzos privados da clase empresarial catalana por crear unha base industrial no principado. Por
outra están os repetidos intentos progresistas porsentar as bases políticas e lexislativas dunha sociedade
moderna, é dicir, industrializada e tecnificada. O século XIX non foi en España de absoluto estancamento: en
Cataluña, e en especial en Barcelona, desenvolveuse unha notable industria; o país levou a cabo a
desamortización e a construcción da rede ferroviaria; reformouse a educación, o sistema monetario e
bancario, os impostos; instituíuse definitivamente o orzamento; sentáronse as bases da industria siderúrxica,
etc. Pero en total a tan cacarexada revolución industrial non tivo lugar”.
7

You might also like