You are on page 1of 3

As civilizacións fluviais

Algúns pobos do neolítico que se asentaron nas marxes de grandes ríos con terras de

cultivo moi fértiles desenvolveron unha cultura rica e complexa, que deron lugar a

aparición de cidades, a escritura e aos Estados. Estes pobos son os mesopotámicos, e

posteriormente os exipcios, os chineses e os hindús.

Mesopotamia

É o nome que recibe a rexión regada polos ríos Tigris e Éufrates que desembocan no

Golfo Pérsico. Comprende territorios dos actuais sur de Turquía, Siria, Irak e Kuwait.

Mesopotamia dividíase en tres rexións: Asiria (norte), Acadia (centro) e Sumeria (sur).

Os sumerios foron os primeiros en crear cidades e Estados con funcionarios e exército

cara o 4000 a.C. Algunhas das cidades sumerias son Ur, Uruk, Nippur, Umma e Lagash.

Tiveron unha notable actividade comercial entre elas e cas rexións veciñas (Siria, Fenicia,

Palestina). Para iso valéronse da navegación fluvial e o invento da roda.

A actividade comercial entre rexións non impediu a aparición de numerosas guerras. Os

pobos mesopotámicos sucedéronse uns a outros no poder. A conquista dunha cidade ou

rexión implicaba a escravitude de boa parte da súa poboación. Entre estes pobos

guerreiros destacaron os acadios, o seu rei Sargón I converteuse no primeiro emperador

da historia ao dominar toda a rexión grazas á introdución de armamento de ferro.

A fin desta civilización sitúase na conquista de Mesopotamia polos Persas, chamados

"Medos" polos gregos, no s. VI a.C que crearon un gran imperio desde o Leste da actual

India ata Grecia e Exipto.

A cultura mesopotámica

Os diversos pobos de Mesopotamia deixaron numerosos fitos culturais. O máis importante

é o invento da escritura cuneiforme, realizada con punzóns e cuñas de madeira sobre


arxila fresca que despois podía cocerse. Esta escritura foi evolucionando ao longo de tres

milenios, ao primeiro os signos de escritura eran unha combinación de debuxos

esquemáticos (pictogramas), pero co paso do tempo tenderon cara a abstracción.

Con este tipo de escritura redactouse a primeira obra literaria escrita conservada, a

epopea de Gilgamesh. Tamén se redactou o primeiro código de leis, coñecido como

Código de Hammurabi, rei de Babilonia, cara o 1700 a.C. conservado nun monolito.

Regulaba a vida cotiá e, na práctica, era unha regulación das vinganzas, que debían ser

proporcionais ao dano cometido e a condición social dos implicados.

En Mesopotamia tamén se desenvolveron os primeiros logros científicos (enxeñería

hidráulica e astronomía) e matemáticos. Desenvolveron o sistema sexaxesimal (contar de

60 en 60) que aínda hoxe empregamos para o cálculo do tempo e de ángulos.

En arquitectura destaca a construción de cigurats, estruturas con forma de pirámide

graduada construídas en adobe abundante, ao ser zona de ríos, fronte a escaseza da

pedra). Destaca a Torre de Babel da cidade de Babilonia, da que mesmo se fala na Biblia.

Tamén destacaron as portas monumentais como a Porta de Isthar, así como os Xardíns

Colgantes, ambos na cidade de Babilonia. Os Xardíns Colgantes, mandados construír

polo rei de Babilonia Nabucodonosor II. Este rei foi un dos últimos e máis destacados

gobernantes de Mesopotamia, pois conquistou Asiria, Xudea e Xerusalén.

En Escultura destaca a realización de Lammasus, ou Touros Alados, que tiñan unha

función protectora (a maioría colocábanse nas portas) durante o Imperio Asirio. Tiñan

corpo de touro, ás e cabeza humana. Moitas destas obras de arte foron destruídas de

xeito intencionado hai poucos anos polos terroristas do ISIS- DAESH.


A muller en Mesopotamia

En Mesopotamia aparece a primeira muller famosa da historia, Enheduanna (2285-2250

a.C.), unha princesa e suma sacerdotisa da cidade de Ur coñecida polos seus poemas e

rezos. Os diversos pobos da rexión tiñan un comportamento patriarcal e machista, porén

en algúns eidos, as mulleres tiñan certa independencia, houbo raíñas (como Puabi de Ur

ou Semíramis de Babilonia, que gobernou 42 anos) e escribas, aínda que foron minoría.

Algunhas leis conservadas protexían a viúvas, divorciadas e nenas.

Leis do Código de Hammurabi

Inclúese unha mostra das 282 leis de Hammurabi pra ter unha idea de como era a

sociedade da época:

• "Se un home golpea a outro nunha disputa e cáusalle unha ferida, aquel home
xurará "Aseguro que non o golpeei adrede" e pagará o médico".
• "Se un home exerceu a bandidaxe e é atopado, será condenado a morte".
• "Se un home acusou a outro home e atribuíulle un asasinato e este non foi probado
na súa contra, o seu acusador será condenado a morte".
• "Se un home rebentoulle o ollo dun home libre, rebentaráselle o ollo".
• "Se rebenta o ollo dun muskenu (servo)... pagará unha mina de prata (medio quilo
aproximadamente)".
• "Se rebentou o ollo dun escravo dun home libre, pagará a metade do seu prezo (do
valor do escravo)".
• "Se un fillo golpeou a seu pai cortaráselle a man".
• "Se unha muller odia ao seu marido e afirma "Non farás uso carnal de min",
determinaranse os feitos do seu caso nun xuízo e, se mantivo casta e sen falta en
tanto que o seu marido é convicto de abandono e agravio, esa muller non sufrirá
castigo, tomará a súa sheriktu (dote) e marchará a casa do seu pai".

You might also like