You are on page 1of 1

NOTA DE PRENSA

Cinco escritores galegos únense para relatar a


historia da cidade de Santiago, movéndose entre o
literario e o fantasioso
A publicación, coeditada polo Consorcio de Santiago e Urco Editora,
preséntase esta tarde, ás 19:30 h na Fundación Torrente Ballester

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2019 🡪

O Consorcio de Santiago e Urco Editora publican Longas sombras na pedra, relatos en


torno á historia da cidade de Santiago escritos por María Alonso, David Botana, Héctor
Cajaraville, Cris Pavón e Mariña Pérez Rei. A publicación preséntase esta tarde, ás 19:30
horas, na Fundación Torrente Ballester. No acto estarán, ademais dos autores dos textos,
o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da cidade, Xosé A. Sánchez Bugallo; a
xerente do organismo interadministrativo, Belén Hernández; o responsable de
Publicacións do Consorcio, Juan Conde; xunto a Denís Fernández Cabrera, de Urco Editora

Tal como explican os impulsores desta iniciativa, “esta publicación xorde como unha
alternativa á historia da cidade de Santiago de Compostela, un relato oficial xa de por si
alicerzado na lenda. A lexitimidade á hora de recrear a historia da cidade vén dada pola
súa orixe entre o literario e o fantasioso, o que permite unhas licenzas que talvez na
abordaxe da historia doutra cidade non terían cabida”. Esa é a proposta de partida deste
volume: achegar unha nova visión arredor do nacemento de Compostela como urbe,
sempre cun pouso de misterio e de enigma.

Cada un dos nove relatos do libro está situado nun momento da historia da cidade, coa
intención de abranguer desde o período en que Compostela nin sequera existía até a súa
época contemporánea. Entremedias, episodios tan sobranceiros como o achado do
sepulcro do Apóstolo, a Inquisición ou a presenza da masonaría na cidade. O resultado
final é un percorrido narratolóxico que se detén nos capítulos que marcaron o carácter
desta cidade, nacida dun milagre e convertida, por obra e graza das súas xentes, nunha
das capitais espirituais de Occidente.

O libro inclúe unha guía didáctica dirixida a alumnado de Bacharelato


A publicación incorpora unha guía de lectura, realizada pola filóloga Raquel Vila-Amado,
na que se recolle o argumento de cada un dos relatos, as personaxes que interveñen en
cada un, así como o espazo e o tempo no que trancorre cada historia. E, ao final, inclúense
unhas propostas didácticas dirixidas a alumnado de Bacharelato.

GABINETE DE COMUNICACIÓN DO CONSORCIO DE SANTIAGO


Rúa do Vilar, 59. Santiago de Compostela | www.consorciodesantiago.org
prensa@consorciodesantiago.org | Tel_ 981 55 44 07 _ 639 768 929

You might also like