You are on page 1of 28

O CRIME PERFECTO de Ramón Otero Pedrayo

por Manuel Forcadela


Universidade de Vigo

Se a literatura teoriza a realidade, de maneira que todas e cada unha das ficcións que se
nos presentan baixo os máis diversos formatos son portadoras dunha visión da realidade,
dunha exposición das características desa realidade e dunha interrogación sobre as posibles
solucións aos seus problemas, os relatos de Ramón Otero Pedrayo sobre o século XIX son,
alén de magníficas fábulas, unha reflexión particularizada sobre ese mundo, alicerce
daqueloutro, escasamente modificado, no que Otero estaba a vivir no momento da escrita
destes relatos, a comezos do século XX.
Hai, entre todos eles, un que merece unha análise particularizada, toda vez que é
portador de reflexións que estaban na mente de todos. A reflexión sobre a esencia de
Galiza, as claves do seu pasado inmediato, os rumbos a afrontar de cara ao inmediato
futuro. Trátase de ‘Medicina Legal’, un dos relatos que Otero publica en 1932 dentro do
seu libro Contos do camiño e da rúa.
Otero preséntanos un mundo en crise. Un mundo que segue a ser o que era pero que xa
está a dar os pasos para a descomposición inmediata, para unha transformación sen
precedentes. Quen queira que bote unha ollada ás formulacións dialécticas que operan
nestes relatos, a través das polarizacións semánticas visibles neles, encontrará como o
dobre eixo autóctono-alleo e tradicional-moderno segue a ser preponderante e que mesmo
todas as outras oposicións que se nos manifestan son secundarias, meros xoguetes cos que
brincar de cara a poder resolver eses enigmas centrais, pezas concretas dun xadrez que,
máis alá do particular taboleiro, da materia concreta de que estean feitas esas pezas,
esconde un problema abstracto, un problema que se formula baixo a forma da teoría da
historia.
Otero, por tanto, teoriza a realidade e teoriza a historia, isto é, o relato do devir, a forma
en que un determinado fluír de acontecementos pasou a formularse de maneira lingüística,
logo de seren escollidos uns momentos centrais, unhas tensións determinadas, uns
conflitos preponderantes. Disposto en termos de teoría posmoderna podermos dicir que en
Otero se dilúe a oposición entre o logos e o mito. Isto é, a fabulación é portadora de teoría
e a razón está disposta en calquera construción que fagamos, toda vez que razón e relato
non son máis que formas de linguaxe.
Dalgún xeito, Otero indúcenos a pensar que a súa prosa de ficción non é máis que a
posta nun escenario ata certo punto acartonado daqueloutros seres reais, algunha vez
existentes, que, sen sabelo, foron portadores das diferentes tensións que conducían a
historia do país ao seu desenvolvemento final, á súa solución acaso tráxica. Lonxe dos
datos históricos, da constatación fidedigna duns feitos concretos, Otero idea cales podían
ter sido as condicións de vida concretas deses personaxes ideais, dotados todos dun
estereotipo.

II
O señor Venerando baixaba picando un cigarro desde a sua eira á estrada. O serán do
domingo debrocábase sobre a paisaxe coa priguiza e solenidade das vellas cornucopias. Tralos
terreos cruzados por regos de augas espellantes, pasaba, ó correr das tapias usadas do muro, a riola
de panos sedáns -roxo, marelo, verde: coores dos zodíacos labregos- dun fato, modoso e compostiño,
de mozas camiñando pra trullada. O vellote rexo, choutando unha muradella, procurou o

1
carreiriño entre as sebes e os parrotes pra atallar, mais chegando á estrada ficou estatuado, parvo,
na cuneta chea de auga: os cimentos dunha casa estaban dispostos no eido do seu cuñado.
O primeiro de todos estes personaxes é o señor Venerando, o protagonista de Medicina
Legal. A frase que dá comezo ao relato resúltanos reveladora: O señor Venerando baixaba
picando un cigarro desde a sua eira á estrada. Desde a súa eira á estrada. Velaí os dous primeiros
significantes sobre os que debemos deter a nosa ollada de cara a unha atinada comprensión
do discurso. A eira, etimoloxicamente a área, a parte posterior da casa tradicional galega, o
lugar onde tiñan lugar os pequenos leceres da vida familiar, onde corría o can, onde paraba
o carro, onde se facían celebracións e festividades en tempo de verán, aparece en oposición
á estrada. Mentres a primeira é centro a segunda é distancia, separación. Mentres a primeira
é circular, prototipo dun espazo ficcional fechado en si mesmo, a segunda é lonxitudinal,
camiño sen retorno, partida, emigración. E este xogo de niveis, de diferentes planos
(baixaba desde a súa eira á estrada) lévanos a Noriega e á súa laverca montañesa enfrontada ás
gaivotas da mariña1.
Non será esta a primeira nin a derradeira ocasión en que as fábulas urdidas pola nosa
literatura contemporánea nos presenten, creo que de xeito inconsciente, este modelo de
polarización semántica. Lembremos por un instante A Esmorga de Eduardo Blanco Amor
en que o protagonista Cibrán se encontra no momento do inicio do relato empregado na
construción da estrada de Madrid, mentres que os outros dous esmorgantes ofrécenlle dar
un paseo polo interior da cidade de Auria. Novamente o espazo circular, a cidade, fronte ao
espazo lonxitudinal, a estrada. Así que a eira e a estrada son, singularmente, representacións
do pasado e do futuro, do atraso e do progreso, da tradición e da modernidade. Mentres a
eira é o que somos, a estrada é o que estamos destinados a ser. A traxedia d’A Esmorga é
que ese espazo circular xa non ten outro sentido que a bebedeira e o delirio. O Cibrán
equivócase ao escoller, deixando atrás o seu traballo na estrada de Madrid, espazo
lonxitudinal, a vía que procura a saída do espazo circular, un espazo que se converterá, a
medida que avance a novela, nun espazo labiríntico.
Tal e como ten argumentado Paul Zumthor (1994, 365), dos diversos xéneros narrativos
documentados entre o século XI e XIV cada un posúe o seu espazo poético propio e
parece orientar a ollada cara a un horizonte moi característico. O amable fablieu francés
confínase nun aquí (a casa, a cidade) no que inspecciona rindo as zonas de sombra. O
roman, en Francia e Alemaña, progresa saíndo ao encontro do alén dunha acción incerta. As
epopeas que seguen cantando en todo occidente intérpretes especializados non deixan de
opor a Cristiandade salvadora e as terras de infieis. Moito antes, Mihail Bahtin ([1937-38]
1989, 238) aseverou que na literatura o cronotopo2 ten unha importancia esencial para os
xéneros e pode afirmarse decididamente que o xénero e as súas variantes determínanse
precisamente polo cronotopo.

1 Laberquiña que te axotas


Das degaradas gaivotas
Oíndo seu estraño berro.
Musa que a mariña estrañas
Olla as azules montañas
Desde as praias do desterró.
2 Mijail Bahtín, lingüista ruso do século XX, rexeita a idea kantiana de que os a-priori espazo e tempo son

inherentes á conciencia do suxeito. Acorda en que son categorías (e que sen elas non se pode coñecer o
mundo), pero considera que constitúen entidades cuxa existencia é independente da conciencia. Para Bahtín,
as nocións de espazo e tempo son xeradas pola materialidade do mundo, e ata poden ser obxectivables para a
súa análise. A noción de cronotopo que Bahtín extrapola da física, expresa o carácter indisoluble do espazo e
o tempo, que, concibidos en vinculación co movemento e a materia, configúranse como as súas propiedades,
e, así, o tempo pode ser unha coordenada espacial: a cuarta dimensión do espazo.
Desde esta perspectiva, Bahtín define o cronotopo como a conexión esencial das relacións temporais e
espaciais asimiladas artisticamente na literatura.

2
Ademais do nome Venerando, derivado de Venerar, derivado á súa vez de Venus,
interésanos o baixaba toda vez que introduce un significado de descenso, de inclinación, de
representación do mundo en planos de diferentes niveis. Así mentres a eira estaba arriba, a
estrada estaba abaixo. Este estar arriba da eira dános conta igualmente da súa
inaccesibilidade, das súas dificultades de comunicación, mentres que o estar abaixo da
estrada fainos ver a facilidade con que un pode deixarse levar por ese camiño, quen sabe
cara a onde. Ao longo do relato esta polarización arriba-abaixo, con diferentes significados,
mesmo contraditorios entre si, vai ser reiterada, de xeito que as diferentes rasantes, os
diferentes planos, son portadores das diferenzas sociais, dos diferentes estratos en que
aparece conformado este mundo aldeán sobre o que se reflexiona e que, de xeito
metonímica, serve de espello para todo o país. E lembremos, máis unha vez, a laverca
montañesa de Noriega e as gaivotas ribeirás. A altura da montaña e a baixeza do mar.
Vemos así como os dous xogos de polarizacións iniciais mencionados autóctono-alleo,
tradición-modernidade, adquiren xa novos niveis de significado. De maneira que logo da
primeira frase o par de oposicións resulta ser xa: autóctono-tradición-arriba-pasado-eira
fronte a alleo-modernidade-abaixo-futuro-estrada. Que o autóctono, a tradición e o pasado
se exemplifiquen a través dunha eira que está arriba mentres o alleo, a modernidade e o
futuro se encarnen nunha estrada que está abaixo resulta de entrada un programa de ficción
non demasiado explícito, mais é obvio que estamos no mesmo inicio do relato e que non
limos aínda máis que unha soa oración. Así que, neste sentido, podemos aseverar que se
trata dun magnífico inicio de relato, toda vez que contén, metonimicamente, todo o relato
posterior, sitúa nun primeiro plano o xogo de polarizacións que a seguir se desenvolverá ao
tempo que, desde o plano descritivo, establece as pautas para o inicio da acción.
Otero emprega ao longo de todo o relato unha técnica narrativa clásica consistente en
empregar o imperfecto de indicativo, ou copretérito, para a descrición e, pola contra, botar
man do perfecto de indicativo, ou pretérito, para a acción. Así que este baixaba inicial
contrasta claramente cos procurou e ficou posteriores, verdadeiro inicio da cadea de
acontecementos. O ritmo, como vemos, é lento, delongado, como corresponde a un inicio
de relato, o que prepara o lector para unha expectativa distante, facéndolle ver que aínda
vai tardar en chegar ao verdadeiro nó do que se conta.
Este contraste entre descrición e acción ten o seu sentido máis alá do puramente
narratolóxico. A pregunta sería máis ou menos a seguinte: hai acción no Idilio? Ou dito
doutra maneira, na construción ficcional dun estado ideal, dese regalado vivir do que nos
falaba Noriega, e que representa igualmente o modelo de Idilio para Otero, cabe ou non
cabe a acción? Debería ser, por tanto, a plasmación literaria do Idilio puramente descritiva?
Consistiría o Idilio nunha superación do Devir e, por tanto, da Historia? Ou cabe, pola
contra, concibir un Idilio que fose sucesión de acontecementos nimios, pura sucesión de
vaguidades, tempo sen tensións e, por tanto, sen nada merecedor de ser relatado?
A cuestión, como vemos, dista moito de ser superficial. E, se por un instante,
regresásemos á poesía de Noriega Varela, encontraríamonos con que nela se ofrece unha
versión do Idilio que é, claramente, ahistórica, isto é, que prescinde da Historia, en tanto
que relato do Devir, para se situar nun momento eterno, de continuidade do sempre, dese
sempre que é, en definitiva, o tempo eterno, o tempo do ser, neste caso, de Galicia.
Cando Cabanillas leva a cabo no inicio da terceira das sagas3 de Na noite estrelecida o seu
relato do Idilio fálanos dunha eternidade inmutable e detida, unha pura sucesión das

3
Reparemos por un instante na visión do Idilio céltico-cristián de Cabanillas,
merecedora, sen dúbida, dun comentario moito máis extenso.
Bicaba o vento as follas na devesa durmida.
Ao pasiño, doirados da luz da atardecida
e na lira dos cornos a ponla do carballo
que esconxura o feitizo, os bois de duro callo

3
estacións sen que nada poida perturbala. Igualmente vimos como en Noriega a escrita
convértese na disolución da oposición entre acción e descrición. O home de acción (o
aventureiro, o revolucionario) e o home de letras (o historiador, o bibliotecario) converxen
no escritor, aquel que actúa describindo, que é home de acción ao tempo que home de
letras.
O Idilio neste sentido representa quebra da Historia e, neste sentido, supresión das
polarizacións que rexen na evolución da Historia, así que as tensións presentes na linguaxe
e na semántica, as que conducen a que as palabras e os seus significados conteñan
numerosas dialécticas presentes tanto no plano fonolóxico como morfolóxico, léxico-
semántico, etc., de xeito que, en puridade, nada do Idílico podería ser representado a través
da linguaxe. Trátase, claramente, do que poderíamos denominar paradoxo místico, xa que a
éxtase, o extático, a parada, resulta incompatible coa propia noción de linguaxe, que é
sempre tempo, na medida en que se desenvolve, no eixo sintagmático, nunha sucesión que

ían fortes e homildes, a ollada pensativa,


lañando cos arados a terra quente e viva
abrasada en maternas arelas xenerosas
de verdecer nas herbas e recender nas rosas.

Surdía o vello mito. As mozas tecedeiras


das fragas de Morvén, enredor das sobreiras
que sostiñan nas ponlas e nas follosas gallas
os escudos gañados no fragor das batallas,
ó son de ledizosas lonxanas canturías
engadían bulindo, no novelo dos días
do novo milenário, os feitos alteirosos
da lexión en nacencia dos bos e xenerosos.

A paz tornara ó mundo. Deica o ceo tranquío


rubía o fume albeiro do fogar campesío.
Esquecidos, prisados pola pouta da hedra,
os menhires durmían o seu sono de pedra.
E na noite ía e viña, de valgada en valgada,
saudosa e encendida, a valente triada
do duán que relembra o herói escandecido,
os estragos da lanza, o laio do caído,
a fendida rodela, os valos derrumbados
e da mesnada en trundo os atronantes brados.

As voces dos profetas tiveran cumprimento.


Un prácido consolo, un suave ardimento
renascera nas almas. A espada escintilante,
en vitorias sin conto levada mundo adiante
polo brazo punxente que a portara na guerra,
fora posta en descanso e chantada na terra,
oferta de repouso e de paz en siñal,
de Caerleón a sagra na vella catedral.

E de Moruth nos bosques que viran altos feitos,


nos curutos de Crona lampexantes e ergueitos
na Galicia mimosa, na Erín dos verdes agros,
niñal de loitadores, roseira de miragros,
e nas veigas risoñas e nas furnas segredas
da Armórica druídica, abafadas as coitas,
os casales ceibados dos espantos das loitas,
caían das alturas, como diviño orballo,
ledicias do sosego, farturas do traballo.

4
implica temporalidade. Contar a parada implica non estar parado, non estar en éxtase. Por
iso o éxtase, malia San Juan, non se pode relatar.
Pois non en van, como nos relata Cabanillas, sen se afastar nisto un punto dos seus
coetáneos construtores do Idilio, nas veigas risoñas e nas furnas segredas/ da Armórica druídica,
abafadas as coitas, / os casales ceibados dos espantos das loitas, / caían das alturas, como diviño orballo, /
ledicias do sosego, farturas do traballo. Novamente o regalado vivir, o maná que cae do ceo para
alimentar a xente, o diviño orballo, e a vida ledizosa e farturenta.

Diríamos, para rematar, que a linguaxe precisa da historia, do mesmo xeito que a
historia precisa da linguaxe.
Otero é plenamente consciente disto e, fronte a Noriega que concibe unha ficción que,
in extremis, conduciría ao que aquí denominamos paradoxo místico, Otero preséntanos unha
fábula que é pura historia, que se sabe historia e que, neste sentido, non xoga a deter o
devir, senón, antes ben, a darnos unha versión do devir diferente, unha mostra dos camiños
diferentes que todo podería seguir, lonxe das vías manidas e acostumadas.
Hai, por tanto, conflito e transformación, personaxes que levan a cabo accións que
reconfiguran totalmente os elementos do sistema ficcional, de maneira que é obrigado
proceder a reformulalo, toda vez que os elementos claves dunha determinada oposición
desaparecen. Imaxinemos que no noso sistema fonolóxico desaparecese o fonema nasal
palatal. A diferenza entre as palabra caña e cana deixaría de ter sentido, o mesmo que a
diferenza entre maña e mana, etc. A simple desaparición dun elemento do sistema obrigaría
a reformular o sistema por completo. Isto podería ser, dalgún xeito, a Historia: o relato e a
descrición dos diferentes momentos de evolución dos sistemas sociais, coa análise das
polarizacións presentes en cada unha desas fases. Otero preséntanos, así, o tránsito entre
un sistema e outro, un tránsito que, peculiarmente neste caso, se detén e que regresa ao seu
estado inicial.

III
Ademais, o feito de que o señor Venerando baixase da eira á estrada a picar un cigarro,
preséntanos o personaxe en estado de benestar e satisfacción. As súas condicións de vida
son axeitadas, a súa saúde óptima, a súa economía suficiente para levar adiante unha casa
con varios descendentes, unha adega, explotacións de madeira.
Certamente, non será a economía un aspecto secundario da traxedia que a seguir se nos
vai contar. Toda vez que a tensión existente entre os dous personaxes principais, ademais
das xa sinaladas, adquirirá claramente acepcións vinculadas coas propiedades, co poder
económico, coa detentación do poder preciso para decidir destinos e futuros vinculados a
aspectos dinerarios.
Se en Noriega advertíamos unha crítica ao papel xogado pola fidalguía na crise do
Antigo Réxime, de maneira que a súa concepción do anti-caciquismo estaba igualmente
relacionada con certo anti-fidalguismo, chegando mesmo a postular unha contraposición
entre a igrexa das catedrais, aliada dos intereses fidalgos, e a igrexa das ermidas, aliada dos
campesiños, en Otero o Antigo Réxime é esplendor barroco, resultante dese estado
harmónico proveniente da alianza entre a igrexa, a fidalguía e o campesiñado. E barroco
significa forma, descrición fronte a acción. Mais isto haino que ver, tal e como logo
formularemos, como unha adaptación do seu programa formal ao seu programa temático.
Escríbese barroco porque a época do barroco é a portadora do modelo social que se
considera, aquel que se teoriza como momento de esplendor e harmonía.
Dalgún xeito a linguaxe de Otero, que é analítica e barroquizante, é unha linguaxe máis
descritiva que activa, como non podía ser doutro xeito. Hai un fío de acontecementos e hai
personaxes que van levando a cabo accións, pero todo escritor sabe, e Otero o primeiro,

5
que as accións duran unha palabra, caben nun só vocábulo, mentres que as descricións
poden delongarse durante parágrafos e parágrafos, constituíndo dese xeito o esencial do
relato ou, se se preferir, do discurso do relato.
Se botamos man da historia que se nos conta, isto é, se extraemos unicamente os
acontecementos que teñen lugar, liberándoos de todo o engadido descritivo,
encontrámonos con que a historia é certamente simple. Vexámola sucintamente.
1. Antes da morte de Delmiro
1.1. Visión da obra da tenda por parte de Venerando (Procurou o carreiriño entre as sebes e
os parrote[…]; Ficou estatuado, parvo[…]; Sorprendeuno a rapideza da obra
1.2. Regreso á bodega (Volveu axiña polo mesmo carreiro[…]; Acochouse na bodega[…];
Recolleu na xerra pintada o arco agurgullante de viño agullento[…]; Pasou no canteiro de pedra
coa xerra ó par de sí[…]; O vello volveu en sí[…]; Puxo a cara de tódolos días[…])
1.3. Chegada de Celidonio (O Celidonio trasfegou medio neto dun gulapo[…]; Conversa sobre o
viño).
1.4. Partida de Celidonio e reflexións de Venerando (O señor Venerando pechou […]; Puxo
dous mollos na lareira baixa […] Botou catro fachas enxoitas de carballo […] Un lume
estralante desflorou de cada home unha sombra disforme[…] Estivo na bodega deica ben entrada
a noite)
1.5. Conflicto con Delmiro e triunfo deste
1.5.1.Coñecemento do conflito (As fillas viñérono procurar prá cea[…]; A mais vella,
díxolle ó pai toda alporizada: o tío Delmiro quer chimpar embaixo o noso parral do
Alargo).
1.5.2.Resolución do conflito (O asunto foi á xusticia […]; Perdeu o señor Ve-
nerando[…]; Tivo que cortar as cepas […]; O alcalde botoulle canto puido riba das
costelas do cuñado […] No tempo da sega pasoulle pola nabeira grande co gallo dunha
antiga posesión)
1.6. Nomeamento da filla do alcalde como mestra
1.7. Visita de Delmiro
2. Morte de Delmiro
3. Despois da morte de Delmiro

Se reparamos na primeira das partes do relato, a que aquí denominamos, ‘Antes da


morte de Delmiro’, comprobamos que contén unicamente sete grandes funcións narrativas,
isto é, sete momentos de acción desde o punto de vista abstracto. Expliquemos antes que a
función narrativa, en tanto que abstracción do acontecemento ou grupo de
acontecementos, sería á trama o mesmo que o acontecemento sería á historia.
Isto, como se sabe, convértese nunha das grandes ferramentas da literatura comparada,
toda vez que historias ben diferentes son, sen embargo, idénticas na súa trama. Así a trama
da Odisea, partida, aventura e regreso, sería semellante á do Quixote, partida, aventura e
regreso, por máis que as súas historias sexan ben diferentes.
Se reparamos agora na trama desta primeira parte podemos concluír que se trata dunha
trama convencional: situación inicial, conflito, resolución do conflito e aparente regreso á
situación inicial.
Neste sentido as tres primeiras frases resultan especialmente reveladoras toda vez que
conteñen a situación inicial con todos e cada un dos tópicos que coubese esperar. Velaí,
por tanto, o mundo que se perturba, o mundo que se quere restaurar:
O señor Venerando baixaba picando un cigarro desde a sua eira á estrada. O serán do
domingo debrocábase sobre a paisaxe coa priguiza e solenidade das vellas cornucopias. Tralos
terreos cruzados por regos de augas espellantes, pasaba, ó correr das tapias usadas do muro, a riola
de panos sedáns -roxo, marelo, verde: coores dos zodíacos labregos- dun fato, modoso e compostiño,
de mozas camiñando pra trullada.

6
IV
O serán do domingo debrocábase sobre a paisaxe coa priguiza e solenidade das vellas
cornucopias.
O momento do solpor, a paisaxe conceptualizada e convertida nunha expresión da
intervención do home sobre a natureza (Teoría da paisaxe galega), as vellas cornucopias
barrocas, cornos exuberantes cargados de froitas e de flores como signo dun esplendor e
un benestar ata entón descoñecidos. Este momento crepuscular, tan caro para Otero,
xunto coa estación outoniza, resulta tamén significativo, toda vez que se manifesta como
símbolo do momento histórico. Estamos no crepúsculo dun vello domingo, o día
derradeiro dunha etapa da nosa historia e o que vai acontecer ten lugar de xeito preguiceiro,
lento, acompasado, como resulta ser sempre a historia, sen présa pero sen pausa, e ao
mesmo tempo solemne. As vellas cornucopias de pazos e mosteiros, vellas porque o seu
tempo xa pasou e agora asoman unicamente como signos pretéritos, mais non por iso
menos esplendorosas.
Esta referencia estética ao barroco ten que ver, aínda que inicialmente non o pareza, coa
propia ubicación narrativa de Otero que, lonxe de ofrecernos unha novela burguesa, aquela
centrada nos problemas e dúbidas da nosa clase ascendente, restrinxe o seu estilo, a súa
mirada, a un tipo de literatura anterior, como se esta fose a súa forma singular de
manifestar esta adhesión a ese pasado. De feito, certo romantismo oteriano, contraposto ao
realismo e ao modernismo que asoma nalgunha das súas novelas (Fra Vernero), explícase
desde a propia tensión xerada no interior dos seus relatos, acomodación que resulta da
forma ao contido, de maneira que o xeito de narrar redunda sobre o narrado.
Como queira que o relato é un relato particularmente tremendista, sobre todo na súa
parte final, a cornucopia actúa como un indicio, un primeiro signo que nos avisa, desde a
nosa conciencia de lectores previsores, do que vai vir.
Tralos terreos cruzados por regos de augas espellantes, pasaba, ó correr das tapias usadas do
muro, a riola de panos sedáns -roxo, marelo, verde: coores dos zodíacos labregos- dun fato, modoso
e compostiño, de mozas camiñando pra trullada.
Os regos de auga, de diñeiro, de viño, as distintas enxurradas, cursos de fluídos que
modifican a súa situación, que se trasladan dun lado para outro, adquiren neste relato unha
especial significación. Así estas augas espellantes, estas mozas que van de festa, son, á súa
maneira, fluxos, signos do devir, manifestacións do tempo que pasa, indicadores de que o
tempo podería pasar deste xeito e non de outro. E desde o punto de vista económico son o
símbolo da produción. O que se pro-duce, o que se con-duce, isto é, o que é levado a
algures para ser intercambiado, mesmo por diñeiro.
A mensaxe oteriana resulta neste sentido clarividente. Son diversos os camiños que
poden tomar as cousas. De nós depende que flúan unhas e non outras. De nós depende
que o seu rumbo sexa este e non aquel. De nós depende o noso modelo de pro-dución.
Igualmente, a linguaxe tórnase, como é habitual en Otero, barroca, sobrecargada,
decantada cara á presenza de fragmentos descritivos de linguaxe copiosa, de especial
colorido, de xeito que á beira das augas pasan os panos de seda das mozas, engalanadas
coas súas mellores roupas.
Nin que dicir ten que este pequeno fragmento é unha descrición do Idilio. As augas, as
mulleres, a festa. As cores do campo, as cores dos panos, campo aberto. Felicidade. Non
fará falta insistir demasiado para dármonos conta da intertextualidade manifesta que se
percibe entre este discurso e o presente en Dona Xoana e Don Guindo á hora de afrontar a
descrición do idilio en que sobrevén un “sosegado vivir” no que “tódalas cousas viñan ó seu tempo,
sin apuros nin traballos” e no que reinaba “unha maravillosa alegría, un optimismo que nin a maior
velleza poidera turbar”:
Mais que pazo figuraba casiña de labramios e, con todo, o lugar que compuña coas casas dos
caseiros, os pendellos e as cortes, o forno e a palleira, tiñan un aire de señoría en grande parte
remanecido do sosegado vivir que mandaba na casa e nas angueiras: o carro, o can, as pitas, as criadas,

7
as pombas, todo era vello, maino, doce, sin que un pulo de traballo, unha riba nin unha door viñera
a quebrar aquel serán de outono, que se alongaba non se sabe de cantos anos. Chegado o tempo, os
bois vellos, cuasemente eles soios, labraban a nabeira, na que os pozos estaban tan inzados de silveiras e de
sabugueiros e cabrinfollos, que figuraban illas no medio dos milleirás. Tódalas cousas viñan ó seu tempo,
sin apuros nin traballos, e as cepas, apenas sin caba nin renda, daban pouco viño, mais un viño ilustre, fino,
criado no señorío da folganza. Os lagartos tomaban o sol na solaina, como vellos amigos, co can e
con dona Xoana. E na casa reinaba unha maravillosa alegría, un optimismo que nin a maior velleza poidera
turbar. Abondaba falar un instante con dona Xoana pra se decatar da razón de aquela felicidade. [Os
subliñados son nosos].

Así o par de oposicións resulta ser xa: autóctono-tradición-arriba-pasado-eira-


barroco/romantismo fronte a alleo-modernidade-abaixo-futuro-estrada-realismo.
Neste xogo opositivo, que como estamos a ver, impregna toda a ficción resulta
determinante a aparición do personaxe antagonista: o cuñado de Venerando, de nome
Delmiro. Delmiro aparece sen ser mencionado. O seu nome coñecerémolo máis adiante.
Antes de sabermos nada del coñeceremos as súas obras e a impresión que elas causan na
mente de Venerando.

V
Logo de disposta a paisaxe do Idilio, aparece o Conflito. Esta dialéctica Idilio-Conflito é
necesaria para resaltar o marco de felicidade no que se vive, xeito este de facer unha
defensa a ultranza do modelo de vida aldeá. E esta dialéctica Idilio/conflito é tamén unha
dialéctica Descrición/Acción.
O escritor convértese no ideoloxema do conflito acción-descrición, toda vez que a súa
acción é describir. Este actuar describindo que é propio do escritor, converte o home de
letras (bibliotecario, historiador) en home de acción (aventureiro, revolucionario). E dalgún
xeito Venerando tamén recibe este engadido ao conxunto de significados que porta. Se,
como dicía Nietzsche, a acción ten lugar diante das cámaras, coas luces prendidas, para
deitar o resto da realidade nas sombras, o escritor, como Venerando, actúa desde as
sombras, na medida en que sitúa os seus personaxes perante a luz.
O vellote rexo, choutando unha muradella, procurou o carreiriño entre as sebes e os parrotes
pra atallar, mais chegando á estrada ficou estatuado, parvo, na cuneta chea de auga: os cimentos
dunha casa estaban dispostos no eido do seu cuñado.
Fixémonos na oposición choutando-estatuado. O vello rexo que é Venerando ten saúde
dabondo como para saltar unha muradella.. O seu estado físico, como veremos ao longo
do relato, é excelente. A súa natural mobilidade, iniciada no comezo do relato, fica agora
interrompida pola contemplación dos progresos materiais do seu cuñado Delmiro. Na
beira da estrada, lugar do alleo, da modernidade, do futuro e do realismo, están dispostos
os cimentos para unha nova construción. Como é lóxico pensar, e axiña veremos, o espazo
está reservado para abrir unha tenda, o templo das novas idades, o centro do mundo
burgués. A construción da tenda é a construción dunha nova sociedade. O fluír do diñeiro
fronte ao fluír das augas é o novo modelo de produción.
Reparemos, igualmente, na oposición entre ‘carreiriño entre as sebes e os parrotes’ e
‘estrada’. O lugar para o percorrido natural, con sebes e parrotes dispostos polos paisanos,
humanizado segundo as leis dunha relación íntima e fonda entre o campesiño e a natureza,
enfróntase á estrada, construída de xeito multitudinario, con maquinaria e centos de
operarios, nun proceso industrializado e, por tanto, deshumanizado.
A focalización oteriana, que escolle o corpo de Venerando para narrar a partir da
percepción dos seus sentidos, é tamén omnisciente. A través do estilo indirecto libre, sen
uso de verba dicendi que nos puidesen testemuñar o que o personaxe estaba a dicir ou pensar,
Otero mestura no seu narrador heterodiexético, situado fóra das coordenadas espazo-
temporais do relato, estoutra voz que é, en realidade, a voz da conciencia do propio
Venerando. Este modelo de perspectiva resulta enormemente significativo, toda vez que

8
evidencia a empatía que Otero mantén co personaxe de Venerando ao longo de todo o
relato.
Non estaba mal escollido o solar: daba pra unha casa de vagantío, con boa horta, e nela auga
en toda sazón. ¡Demo de escudriñante! Seria aquela a primeira casa na estrada nova. Poria un
negociño, Pararían os autos, collería o correo e o estanco, e polos camiños das duas costas do val
baixaríanlle un par de ríos de ouro coa xente de catro parroquias, Non, o outro iba pra arriba.
Reparemos un instante máis no modelo de enunciación deste fragmento. O discurso
semella estar en boca do narrador, do narrador-autor que nos vén guiando desde o mesmo
inicio do relato. Sen embargo, axiña comprendemos que o que se está a producir, con
referencia aos parágrafos anteriores é un cambio de estilo. Desde o estilo directo ao estilo
indirecto libre. O que caracteriza o estilo indirecto libre, fronte ao estilo indirecto, é a
ausencia de verba dicendi. Os personaxes falan, si, pero non hai indicación textual de que o
fagan. Non están presentes os dixo, comentou, agüíu, respostou, etc. Se a primeira frase fose
Pensou que non estaba mal escollido o solar ou Non estaba mal escollido o solar, pensou, o cambio de
voz ficaría explícito e resultaría máis fácil para o lector identificar esta diferenza entre
ambas as voces. No caso do estilo indirecto libre o que acontece é que esta distinción fica
diluída, de maneira que a oposición narrador-protagonista deixa de ser pertinente, toda vez
que a voz do narrador deixa espazo para a voz do protagonista, sen necesidade de que esta
se explicite. Isto implica que en termos ficcionais prodúcese unha fusión, un continuum entre
ambas as voces, unha indistinción, de maneira que ou ben o narrador asume o relato do
personaxe, facéndoo propio, tornándose, por tanto, a enunciación en terceira persoa un
mero protocolo narrativo que ten que ver cunha certa distancia con respecto ao narrado,
para non ter que optar polo discurso autodiexético, cun narrador en primeira persoa, ou
ben, a focalización, feita sempre en base ao corpo de Venerando, que é o corpo que ve, que
fica estatuado, que salta, que se recrea coa contemplación do lugar, tórnase agora
plenamente omnisciente pasando a describir o curso dos seus pensamentos.
Resulta evidente que o estilo indirecto libre está moi perto do monólogo interior toda
vez que o que os distingue é máis a anarquía literal deste último, coa conseguinte quebra da
lóxica sintáctica e da organización do pensamento, sendo un puro fluír de conciencia,
mentres que no estilo indirecto libre as frases seguen a estar organizadas, estruturadas con
respecto a unha lóxica que ten que ver coa situación dese texto concreto dentro do relato.
Neste sentido podemos contemplar o monólogo interior como unha variante do estilo
indirecto libre.
O feito de ser a primeira casa na estrada nova, de inaugurar un tempo e o lugar a el
asociado, por máis que este lugar sexa en realidade unha vía de partida, tamén de chegada,
un modo de comunicación vial para a nova velocidade das relacións comerciais e humanas
resúltalle resultado das relacións de poder nas que se encontra asulagado o seu cuñado. O
escudriñante, o que investiga curiosamente unha cousa secreta, é o conspirador, o
prototipo do burgués que non obtén os seus beneficios dun xeito limpo, adecuado á
harmonía das cousas, senón valéndose de subterfuxios, de enganos. O negocio, os
automóbiles, o correo, o estanco, a venda de todo tipo de produtos, a realización de todo
tipo de transacións. E como antes baixaba o regato reflectindo os panos festivos das
mozas, agora o que baixan son ríos de ouro coa xente de catro parroquias na imaxinación
de Venerando. E o que resulta aínda máis significativo, se antes Venerando baixaba da eira
á estrada nova, agora é o outro o que iba pra arriba. Novamente os planos de nivel, os
diferentes substratos no terreo, son símbolo das diferentes posicións sociais. Fronte aos
carreiriños beireados de sebes e cómaros, agora a estrada nova é vía para os automóbiles,
símbolo do futurismo, da mecánica das cousas, da produción da máquina fronte á
produción das mans, da industria fabril fronte á manufactura.
Así a oposición entre o idilio e o liberalismo burgués é a oposición entre o ocio e o
negocio, entre o regalado vivir e o pago por todas as cousas.

9
O señor Venerando ouvira falar do asunto, mais sorprendeuno a rapideza da obra. Sin liar o
pito, o señor Venerando volveu axiña polo mesmo carreiro e acochouse na bodega. Sentíase soilo.
Mellor. A muller estaría debullando rosarios na igrexa, as filias danzando na trullada. O señor
Venerando, turrando da villa de xesta, recolleu na xerra pintada o arco agurgullante de viño
agullento, e pasou no canteiro de pedra coa xerra ó par de sí.
A rapidez, a velocidade, é tamén signo dos novos tempos. Aínda que Venerando xa
escoitara falar da obra, non esperaba que esta puidese estar iniciada en tan breve período de
tempo. Agora os cambios, as mudanzas, son levadas con tal precipitación que o home ten
dificultades para se adaptar aos novos tempos. O cigarro que viña preparando desde que
saíra da casa ten que esperar para ser rematado. O cigarro e a súa liadura como signo do
ritmo natural das cousas, fronte á velocidade dos autos, da rapidez para rematar unha obra.
Agora, fronte á tenda nova da estrada nova aparece a bodega. Axiña saberemos que
Venerando, malia a súa filiación con Venus, é, en realidade, Dionisos, o deus do viño, da
ebriedade, do lagar. A importancia que se lle concede, como imos descubrir, ao seu espazo
vital, a adega, resulta dunha enorme transcendencia dentro do percorrido semántico do
relato. A bodega fronte á tenda.
Se nos detemos, por un instante, para ollar como está o xogo de polarizacións
semánticas que imos de vagar elaborando mentres levamos a cabo a lectura deste conto,
repararemos nas novas incorporacións e os seus vínculos dentro desta particular historia.
Así, o par de oposicións resulta ser xa: autóctono-tradición-arriba-pasado-eira-
barroco/romantismo-bodega-Dionisos-placidez-ocio fronte a alleo-modernidade-abaixo-
futuro-estrada-realismo-tenda-Apolo-velocidade-negocio.
A escena do interior da bodega que vén a continuación resulta dunha enorme
intensidade. Nese marco espacial van sernos revelados un conxunto de novos datos cos
que poidamos facer fronte á posición de Venerando, que é, dado o peculiar modo de
enunciación do relato, a do propio Otero Pedrayo.

VI
O primeiro dos procesos ideolóxicos posto en funcionamento pola acción da nova clase
social ascendente é a perda de valor do mundo do pasado. A bodega, que ata entón fora o
signo do seu poder, da súa posición social, resúltalle quizais por primera vez, fea e tristeira. Como
si no outro canteiro estivera sentada a sombra do seu fracaso.
Mais Venerando non é home fácil de vencer. Axiña vai tramar unha estratexia que poña
fin a esa situación. Non venderá barata a súa derrota. Antes ben, será o outro quen teña
que realizar un pago ben significativo pola súa ousadía. Así, os pequenos ollos raposos
chiscábanlle máis que de costume. E este chiscar dos ollos resulta ser o signo da súa intelixencia,
da súa pertenza a un pobo. Se percorremos por un instante o Ensaio histórico sobre a cultura
galega (1982: 23), cando afirmaba a súa convición de teren os galegos unhas características
espirituais determinadas, entre as que salientaba “a ausencia dunha dogmática ríxida, a
tendencia ao soño, a ironía, a sucesión arbitraria dun tonus exaltado e deprimido baixo a
aparente solidez dunha vida disciplinada e o desexo vago doutra cousa”, veremos en que
medida a forma en que Otero concibe o ser eterno de Galicia está representado por este
Venerando.
A chegada de Celidonio, un personaxe secundario, que representa o vínculo social de
Venerando, lonxe das novidades e modificacións que salientan na actitude política do seu
cuñado Delmiro, significa agora un remanso na acción, aínda que serve para afondar en
dous ou tres matices da personalidade de Venerando. A sua figura de langranote, escanafouzado,
bulreiro e lampantín, percorredor de todas as adegas á procura do viño novo, redunda no
carácter dionisíaco de Venerando. Enaltece o viño co que convida e que pretende vender;
salienta, por tanto, as súas virtudes como viticultor, o carácter benéfico da súa figura social,

10
o seu ben estar no mundo, un home perfectamente construído segundo as regras da vella
sociedade, un ser, por tanto, que non merece os vituperios e as humillacións a que pretende
sometelo o seu cuñado Delmiro.
A chegada da noite fai da bodega un lugar insólito e surrealista. En realidade, un cinema.
O lume prendido, as sombras que se debuxan por detrás dos barrís e pipotes, converten de
súpeto o espazo nunha especie de templo lunar e recóndito no que estivese a ter lugar un
rito insospeitado. Xa que, como Otero sinala:
de seguida un lume estralante, axiña ondeado en danza ritual arredor do alto sacerdocio da
chama central e liturxica, desflorou de cada home unha sombra disforme, bulreira, que se
esterricaba, rubía, baixara, misturábase coa outra esbarando polas barrigas das pipas,
atoutiñando polas pedras das paredes, mancándose no treito avigado.
O recén chegado Celidonio aproveita para dar noticias sobre o cuñado Delmiro. Non só
ten contratada xa a construción da nova casa, senón que tamén vai ser alcalde.
Nada sabemos da partida de Celidonio, simplemente desaparece. Ata aí a súa entidade
como personaxe do relato. En calquera caso, os seus comentarios incrementan a desazón
de Venerando que fica reflexionando ata ben entrada a noite. Xa o lume ía consumido. As
sombras deixaran de percorrer as paredes seguindo o ritmo bulicioso das chamas.
De súpeto unha idea estrala na súa mente. A súa propia nai, a nai de Venerando,
preferiu ao cuñado Delmiro como fillo. Encontrou nel o que o propio Venerando non foi
quen de darlle. A el foron destinadas moitas das propiedades que constituían o seu herdo: a
casa grande, os soutos da costa, a ribeiriña da Requenga. El resultou ser o verdadeiro
morgado, o auténtico fillo primoxénito.
O tema dos ciúmes, neste caso edípicos, vinculados á nai, convértese agora no asunto
principal. A nai, Galicia, nai e señora, miña nai dos dous mares, terra nai. A nai coas súas
propiedades, cos seus territorios, coa súa capacidade para deixar privilexios en herdo. Ao
pobre Venerando non lle quedaron máis que unhas poucas prebendas: a nabeira vella, que
enriba tivo que murar arredor, uns cortellos esmoronados. A mesma nai que obsesionará a
Cunqueiro: raíña Ginebra, a nai de Hamlet, este país de outeiros verdes se asemella a miña nai
preñada de min deitada ao sol.
Pola contra o seu cuñado, agora, estanqueiro, taberneiro, comerciante, alcalde, prestamista...
Novamente a voz do Otero narrador confúndese coa voz do seu personaxe a través da
técnica do estilo indirecto libre. Non hai verba dicendi que nos indique que o que está a ser
relatado son os pensamentos do personaxe, de maneira que, sabéndomos que Otero bota
man dunha técnica novidosa, aínda que procedente xa do realismo do XIX, o feito de todo
o relato estar focalizado desde a perspectiva do personaxe, sendo o seu corpo, os seus
sentidos, aqueles que serven a Otero para facer ver a realidade, a través do que este
personaxe viu, sentiu, escoitou, etc., resulta un claro indicio desta empatía.
E velaí que asoma unha cuestión que deixáramos ficar atrás e que ten que ver co mesmo
título do relato. Medicinal Legal. Como axiña imos ver, o título ten unha evidente retranca,
na medida en que xoga con varios sentidos posibles na súa lectura, sen evidenciar cal deles
resulta desde a perspectiva do autor o máis apropiado para a comprensión cabal do seu
conto. En primeiro lugar, e desde unha comprensión simplemente denotativa, é evidente
que Otero menciona o feito de que nun determinado momento do relato vai ser precisa a
presenza dos médicos forenses reclamados polos herdeiros de Delmiro para esclarecer as
circunstancias da súa morte. Ata aí o título evidencia un carácter puramente descritivo, sen
outra vocación que a de salientar unha parte do percorrido da súa historia. Mais, en
segundo lugar, e como queira que axiña imos ver que as probas para esa aclaración legal
foron corrompidas, toda vez que se levou a cabo un desprazamento do cadáver que debía
ser sometido a análise, de maneira que os médicos forenses procedesen a extraer os tecidos
para a análise dun cadáver por completo alleo ao caso que resultaba de interese xudicial, a
medicina legal do título resulta ser falseada e, por tanto, irónica. Ábrese, por tanto, unha vía

11
de interpretación: Otero considera legal a falsificación indirecta de probas levada a cabo
por Venerando e sostén esa legalidade na idea de que calquera cousa que contribúa a facer
harmónica a vida social, a impedir a presenza de quebrantamentos no seu equilibrio é de
por si xusta, malia a fundamentarse, como é o caso, no crime premeditado.

VII
A sociedade fundaméntase no crime, parece pensar Otero Pedrayo. Isto fai que sexa o
propio Estado o maior impulsor de crimes e delitos: secuestros, asasinatos, roubos,
desfalcos, aínda que sexa baixo a denominación de detencións, condenas a morte, multas,
expropiacións. A sociedade precisa do crime legalizado para loitar contra o crime. Que
quen delinque poida ser obxecto de delincuencia legalizada, por medio da privación de
liberdade, da entrega dunha parte dos seus bens, etc., é un medio para lembrar que
xustamente non existe outra solución. A xustiza non é mais que a comisión legal dos
delitos que son perseguidos. Que os leva a cabo é o Estado no nome do ben común.
E velaí que a idea de ben común fundamenta a realización de accións que, sen intención
de modificar o estado das cousas, si, en cambio, evita que a harmonía social conseguida se
vexa deturpada. Velaí a razón de heroes como Venerando. E velaí como a medicina legal,
lida na ironía do seu título, sexa a celebración dunha certa xustiza pola man como pedía ou
describía Rosalía. Non a xustiza do poderoso, do poder constituído, do Estado español
asociado a uns intereses que, no caso concreto, poderían desfacer o equilibrio social
existente, conducindo a modificacións sociais e económicas que fosen contra os intereses
dunha determinada parte da poboación xeral, senón, antes ben, a xustiza dos oprimidos,
daqueles que non se dotaran a si mesmos de institucións suficientes e que, por tanto,
precisan, a través do crime velado, levar a cabo o mesmo proceso de reequilibrio social.
Cando dous intereses se ven enfrontados a única solución é sempre a parcialidade, a
defensa dos intereses dunha das partes. Daquela postúlase o carácter relativo da xustiza e,
sobre todo, o seu carácter epocal e histórico. Procesos levados a cabo por determinadas
institucións de xustiza en determinados momentos da historia, son contrarios a outros que,
antes ou despois, contradín os argumentos manexados nos primeiros e liberar os ata entón
delincuentes de calquera culpa, convertendo, pola contra, os xusticeiros en axustizados.
Este xogo de intereses e a súa plasmación ficcional está presente durante todo o relato
de Otero. Así que, estando en debate un momento da historia en que se promove a
desaparición da esencia de Galicia, aquel instante en que as relacións harmónicas entre a
igrexa, a fidalguía e o campesiñado son substituídas pola aparición dunha nova forza
hexemónica, a burguesía, Otero preséntanos a esta personaxe Venerando (home sen
necesidade de delinquir, que acaba coa vida do seu cuñado non só en base a uns intereses
máis ou menos persoais, máis ou menos vinculados aos seus ciúmes, aos seus problemas
relacionais, no seo dunha familia que optara claramente, e desde o primeiro momento, pola
opción que representaba o cuñado aburguesado, inclinado a seguir o modelo de vida e o
tipo de negocios do liberalismo, comercio, tenda, estrada, automóbiles, compravenda, etc.)
como síntoma dunha forza social contraria a ese proceso, unha forza que se opuña e na
que Otero salienta o seu carácter protector da entidade nacional de Galicia, cómplice,
sequera sexa desde o punto de vista da ficción, do seu delito.
Se a sociedade está fundamentada sobre o crime, como cabe interpretar os mitos de
Caín e Abel e de Rómulo e Remo, daquela, determinados crimes poden fundamentar unha
sociedade. Otero procede a fundamentar a sociedade a través dun crime que é unha
liberación e unha inversión da historia, unha regresión, unha marcha atrás. A iso se lle
chama, en termos obxectivos, reacción, e aos seus protagonistas reaccionarios.
Ora ben, resulta evidente que Otero xoga a darlle volta á historia, a encontrar un caso
que, sendo clarividente e diamantino, pola súa capacidade para iluminarnos, para emitir luz,
non deixa de ser, ao mesmo tempo, portador duns valores contrapostos, que poderían ser

12
igualmente válidos, toda vez que a xustiza é poder e o poder é relativo, cambiante,
controvertido.
Son múltiples, nese sentido, as mencións sociais que vai adquirindo a traxedia que se
relata. O primeiro deses síntomas son as fillas de cada un dos personaxes. Mentres as fillas
de Venerando son modelo de mozas tipicamente galegas, mozas enxebres, mozas que se
conducen segundo os modelos da vida tradicional, a filla de Delmiro é unha mestra
castelanizada que se comprace en facer manifestación do seu cambio de estatus social,
mesmo dun xeito excesivo e claramente agresor en termos simbólicos. A súa
castelanización resulta ofensiva para os ollos do Otero que, aínda non querendo entrar a
xulgala, si nos fai ver o ridículo do personaxe dun xeito contido e non insistente.
As fillas viñérono procurar prá cea. A mais vella, moza xa serodia, que gobernaba a casa,
díxolle ó pai toda alporizada: "¿E logo non sabe nada? Vosté calquera día reventa dunha chenta
de pacencia. Pois o tío Delmiro quer chimpar embaixo o noso parral do Alargo. Di que ten lei,
que a parra non deixa pasar os carros carregados. ¡E vosté seguirá sendo un boi de palla!".
Así, son as fillas as que obrigan ao pai a ir á xustiza por culpa dun preito disposto polo
cuñado. Ademais, a xustiza sitúase en fronte dos seus intereses. Faille pagar as costas do
xuízo, cortas as cepas, símbolo agora dun vivir secular. As fermosas cepas vellas de brencellao, que
tan, ben pintaban na sazón. Velaí o punto en que a acción da xustiza resulta lesiva para os
intereses dunha parte da poboación, aquela que se axusta a un regulamento non escrito que
choca claramente coas disposicións impostas pola sociedade realmente existente. Así
Galicia fronte a España. As leis non escritas do vello país, fronte as leis impostas do Estado
invasor.
Ademais, o cuñado aproveita a ocasión para abusar, para excederse no seu afán de
posesión e de dominio. Este momento da novela xustifica dalgún xeito o que vai acontecer
despois. O adro e as reunións que nel se realizan, símbolo da vida social, é agora o lugar
onde se escenifica o triunfo de Delmiro. Triunfo que vén acompañado dunha
centralización na súa persoa de todas as operacións económicas e políticas. A súa tenda é
agora o punto dos grandes negocios, despachos, contratos, diñeiros.

VIII
Venerando, sen embargo, está cada día máis ensumido, argallando a revancha contra un
fracaso que sabe non é definitivo. Oculto na súa bodega, asulagado en mouras cavilacións,
espera a chegada do seu cuñado, porque sabe que este, antes ou despois, ha de vir, e
daquela será o seu momento de actuar.
Ademais, co comezo do novo curso escolar, a filla de Delmiro foi nomeada nova mestra
da parroquia. En tanto que correlato da figura do seu pai, a filla de Delmiro exerce de
española, os seus signos externos son claramente signos de españolidade oficial e grotesca,
en grande medida esperpénticos: mantilla española, reclinatorio de veludo na igrexa. Se o
pai era a figura da fachenda, do orgullo indisimulado, a filla opta directamente pola burla
como síntoma do seu novo papel, nun xogo de violencia simbólica que está implícito nas
contraposicións entre os personaxes ao longo de toda a primeira parte do relato. Así, a filla
de Delmiro búrlase agora das fillas de Venerando, negándose a recoñecelas como parte da
familia.
O momento agardado finalmente ten lugar.
Xa por Santos, despois da resaca, o señor Venerando sentiu trepar polo camiño a mula do
alcalde. Sabía, estaba seguro, que algún día tiña que pasar.
Así, levado pola tentación de asoballar ó seu cuñado, Delmiro toma un camiño que non
acostumaba, e sobe ao lugar do seu cuñado Venerando. Novamente o subir e o baixar. Os
planos e os niveis. A aldea estratificada en diferentes alturas, segundo os intereses
simbólicos, segundo as posicións ocupadas. Se no inicio do relato era Venerando quen

13
baixaba, agora é Delmiro quen sobe. Se un ía para abaixo o outro vai agora para arriba. Se a
estrada estaba máis abaixo, así como a nova tenda, a bodega segue a estar arriba.
Dalgunha maneira esta escena ten un especial e oculto significado. O novo rico, o home
que agora ocupa o poder, o acomodado á situación, o gratificado polos novos tempos,
quen soubo aproveitar as súas oportunidades para se facer dono dos novos privilexios, ten
aínda unha débeda por saldar, unha cerimonia que levar a cabo, un rito por cumprir.
Consiste en subir á bodega. Se admitísemos que unha das oposicións que se manifestan no
relato é a do sagrado fronte ao profano, como correlatos da oposición entre o tradicional e
o moderno, daquela poderíamos observar na operación un certo valor relixioso. O
Dionisos Venerando, deus das embriagueces e do ocio fronte ao burgués Delmiro,
inconsciente do significado que portan as súas operacións.
Dada a desmesura do que vai acontecer posteriormente, o carácter sagrado de
Venerando vén redundado pola súa carraxe, pola súa enorme violencia, máis propia dun
deus que dun humano, máxime cando se trata dun home entrado en anos. A través dos
seus actos semella estar presente non unha forza de parente humillado que procura a
vinganza do seu cuñado, polos notorios excesos con que este se practicou, senón unha
forza titánica impropia dun home só e máis propia dunha colectividade.
Se ben é certo que en contexto coloniais os pobos agresores impuxeron os seus deuses
aos pobos agredidos, obrigándoos a abrazar a nova fe, en moitos casos imposible de
comprender por parte dos novos colonizados, non o é menos que, cando estes eran de
superior cultura, a substitución dos deuses non puido levarse a cabo sen violencia, toda vez
que era evidente que non había ningún proveito na mudanza, e nunca rematou con éxito
aínda que moitas veces se chegou a unha adopción dos deuses locais por parte dos
agresores ou a un sincretismo pacífico.
E todo isto redunda obviamente no tipo de relato, no modelo de narración. Este é o
momento en que se dá o salto do realismo ao tremendismo, da literatura burguesa á
literatura romántica, á literatura fidalga. Modelo tinxido, sen dúbida, polo seu carácter
arcaico, polo triunfo daquelas posicións que representan a continuación das posicións
fondamente arraigadas no sagrado, no relixioso, no escurantismo, fronte a aqueloutras que
frívola e lixeiramente apostarían por se entregar aos novos tempos. Venerando, en tanto
que detentador dun poder áurico, dunha especial habelencia para xerar ese valor simbólico
sagrado, sabe que ese poder é o seu privilexio e que, antes ou despois, calquera outro poder
ha ir renderlle contas. Por iso espera, ensumido na bodega, ocupado nos mesteres que son
propios da súa natureza áurica, a decota das árbores, a colleita do viño, sabedor de que esa
forza que se filtra a través da súa figura é unha fluencia telúrica e ancestral.
A natureza desta reacción, a través destes personaxes reaccionarios e desta literatura
reaccionaria, contraposta aos valores que se supoñen como propios dos novos tempos, é,
por tanto, de conservación, de mantemento dos valores herdados, de tradicionalismo a
ultranza.
O alcalde endexamais collía por aquel camiño, mais saíndo do Axuntamento e cavilando con
ledicia no ben que lle pintaban as cousas, non soupo domar a tentación de asoballar ó seu cuñado.
Estaba na porta, avellado, baixo, co chapeu deica ás orellas.
O home superior, na medida en que está nese momento subido ao cabalo, fronte ao
home inferior, disposto no umbral da porta. Luz externa e superior fronte a sombra interna
e inferior. Velaí os valores simbólicos dispostos. Valores que redundan na lectura social e
política de cada un dos interlocutores. A inxenuidade do primeiro fronte ás profundas
conviccións do segundo.
Á luz do que axiña vai acontecer, podemos entrever a natureza verdadeiramente
diferente de cada un. Mentres o primeiro é un aparente vencedor, un home incapaz de
calibrar na verdadeira entidade das cousas, incapacidade propia da súa superficialidade
burguesa, do seu carácter advenedizo, que non é quen de se achegar a un auténtico

14
coñecemento do mundo e das leis que rexen nas causas e os efectos, o segundo é un home
profundo, detentador dunha convicción case sobrehumana, dono duns coñecementos e
dunhas conviccións de natureza relixiosa que o emparentan coa verdadeira esencia do
mundo.
A cerimonia que Otero describe e a través da cal se leva a cabo o engano que conduce á
morte a Delmiro, morte producida pola acción do seu cuñado Venerando que lle
subministra un veleno na cunca de viño que lle fai beber, é sumamente reveladora e está
disposta en todos os seus detalles con verdadeira pericia. Otero infórmanos pacientemente
de cada un dos aspectos destacables, todos aqueles que nos van facer reflexionar
posteriormente sobre a mensaxe que ese acto ficcional leva implícitos. E isto porque Otero
sabe que, aínda que estea a facer ficción, a súa vontade derradeira é facer historia, isto é,
levar a cabo o relato dun devir que, aínda que non tivo nunca lugar exactamente, si se
achega ao que el deduce doutros moitos aspectos fidedignos recolectados ao longo de anos
de estudo. A súa ficción é, por tanto, un compendio da realidade, unha historia, en tanto
que cadea de acontecementos, que, se ben non tivo lugar dese xeito exacto, si o tivo en
forma abstracta, en tanto que os seus personaxes e as funcións narrativas nas que
participan son copia dun modelo real que, efectivamente, existiu. O mitos como logos. A
ficción como historia. A teoría da ficción como teoría dos mundos posibles.
O señor Delmiro detivo a besta e, moi falangueiro e cortés, preguntoulle ó seu cuñado polas
cousas.
-Se non pon mal o ano -decíalle o señor Venerando-; teño as pipas cheas, no cabaceiro non colle
unha pipa mais, e si houbera regalías, ainda faguía unha presa de cartos co gando. Home, xa que
estás aquí e que cadra, vouche pedir un favor. Tesme que axudar pra estilar o bagullo. Hai que o
faguer ás escondedelas. Home, baixa, e probas a miña pinga, xa clarexou dabondo...
O momento en que Delmiro baixa da besta e se adentra na bodega é, neste sentido,
determinante. A luz superior e externa non pode someterse ás escuridades inferiores e
internas. Nese momento perde o seu aparente dominio, na medida en que a desaparición
dos contornos das cousas redunda na perda de coñecemento, de definición, de
delimitación. Apolo entra no reino de Dionisos e xa está perdido. Por mais que o faga
manifestando unha evidente satisfacción pola nova relación de poder establecida co seu
antigo antagonista, o certo é que a súa actitude é produto dun exceso de confianza. O soño
da razón produce monstros, dixera Francisco de Goya. Velaí a razón ensoberbecida, a
razón chea de razón. Velaí o conflito entre o racionalismo e o irracionalismo. A apelación á
filosofía de Bergson, da que Otero era partidario. A intuición fronte á razón. A razón cre
estar en poder do mundo e considera que a súa capacidade para indagar no interior das
cousas é ilimitada, mais fracasa cando se enfronta ao enigma, ao descoñecido, á eterna
incógnita.

IX
O personaxe de Venerando resulta así unha personificación da intuición. O seu saber
procede dun arcano poder, sen coñecer o por qué, simplemente apelando a un designio
interior que lle vai ditando as cousas, Venerando déixase levar por ese poder incógnito, esa
senrazón que, sen embargo, procede con eficacia sobre a realidade, sabe ler o seu código,
procede a desentrañar a súa semiose, induce e deduce, sen por iso botar man do discurso
racional, ensómese en actitudes pouco sociables e confesables, pero, finalmente, apela a
unha eficacia que a razón resulta non ser quen de posuír.
Velaí o conflito entre Venerando e Delmiro. Intuición fronte a razón. Antigo réxime
fronte a Liberalismo. O mundo do cualitativo fronte ao mecánico-cuantitativo.
Advírtase ademais un dato significativo: O Venerando era o máis pillo da compañía pra meter
viño e chourizos no cuartel.

15
O método intuitivo de Bergson (Ferrater Mora 1991: I, 319) propugnaba no psíquico os
carácteres de duración, calidade e liberdade como naturalmente contrapostos aos de
xustaposición, cantidade e determinismo que o naturalismo considerara como os elementos
constitutivos do real. Estes non son máis, segundo Bergson, que esquemas da intelixencia.
Así, o psíquico sería duración, en tanto que o seu tempo é o tempo concreto, non o tempo
espacializado da física; sería calidade, porque é irredutible ao cuantitativo e mecánico, e
sería, finalmente, liberdade porque consiste nunha creación perpetua. Así materia e
memoria, espacialización e temporalización, determinismo e liberdade, serían dous
exemplos da diversa forma en que o real se ofrece sucesivamente á intelixencia e á
intuición.
Se agora procedemos a reconfigurar novamente o par de oposicións que vimos
manexando desde o inicio descubrimos que este resulta ser xa: autóctono-tradición-arriba-
pasado-eira-barroco/romantismo-bodega-Dionisos-placidez-ocio-intuición-cualidade-
tempo_concreto-liberdade fronte a alleo-modernidade-abaixo-futuro-estrada-realismo-
tenda-Apolo-velocidade-negocio-razón-cantidade-tempo_espacializado-determinismo.
O vaso de vidro, un vaso produto da antiga artesanía, anterior aínda á produción en
masa que virá coa industria e a produción en serie, reaparece como símbolo. Mentres
Venerando bebe en taza de pedra branca, o seu cuñado é convidado a empregar o vaso. Un
vaso que, ademais, úneos en lembranzas concretas á nai de Venerando, a sogra de Delmiro,
esa nai infiel que prefire a outro antes que ao seu propio fillo.
O Delmiro, sorrindo, baixou da besta e, ofrecéndose pra todo, entrou na bodega. Ardeu un bo
lume e o Venerando, sacando unha xerra, serviulle ó cuñado un fermoso vaso antigo de vidro
groso, tallado en redondeles. El bebía na taza de pedra branca. "¡Ben me recordo! -decía o
Delmiro, mirando e remirando o vaso- É da casa da sogra. Había dous. O outro escachouse ¿a
que te non acordas?, un día de seitura. Deberon vir dalgún pazo ou do priorato dos frades". E con
este gallo falaton dos tempos vellos, de cando entrambos eran rapaces e saían ás póntegas e ós
niños, riron coas historias dos primeiros namorouzos e de cando, estando no servicio xuntos, o
Venerando era o mais pillo da compañía pra meter viño e chourizos no cuartel.
Dionisos acaba de envelenar a Apolo. A intuición, o incógnito, a embriaguez, o escuro,
a compracencia no descoñecemento son superiores á razón, poden con ela, saben enganala,
empregar os seus mesmos subterfuxios para pór fin aos seus tan gabados procedementos.
O escuro sempre será maior que o coñecemento, a senrazón que a razón, o infinito
superior ao finito. O reto da ciencia é un reto sen fin. Así que a fe sempre poderá vencer á
certeza. Non cando se manifeste sobre o comprobado senón cando tente atinxir o non
desvelado, aquilo sobre o que nada sabemos.
Dalgún xeito esa é a esencia das relixións, as razóns da súa permanente vixencia. Mais
non cando se tornan conflictuais con respecto aos avances científicos, senón cando,
astutamente, saben sobreporse a estes e sinalar o incógnito, o descoñecido que aínda fica, e
ficará, sen desvelar. Desa maneira, o conflito entre fe e certeza, entre relixión e ciencia,
resulta inacabable. A esta verdade semella amarrarse Otero. E ese é o triunfo de
Venerando.
Quen son, pois, estes novos burgueses liberais para modificar as leis que rexen de xeito
milenario sobre o pobo, por máis que sexan atinxidos de razón e de dereitos? Esa é a razón
e a legalidade que atinxen a Venerando.
Beberon rexo, e ó se despedir, o alcalde, antes de montar na mula, tocáballe no hombreiro ó seu
cuñado: "Xa sabes que che quero ben e sempre che quixen. Ás veces os homes temos as nosas
teimas, mais entre nós todo pasou. ¡Morra o conto! Sabes que aquí tes un home e non te fies das
línguas da xente".
Unha e outra vez, Venerando refírese a Delmiro en termos de demo. ¡Demo de
escudriñante!, primeiro. “Que o leve o demo!”, despois. O divino fronte ao demoníaco. O
benéfico fronte ao maléfico. Ademais, o perderse na noite estrelecida, título dun libro de

16
Cabanillas, ben significativo na época, é xa unha prolepse, unha anticipación, da morte do
Delmiro, antes de que esta se produza. Por iso, Venerando fica na adega a beber, sabe que
antes ou despois chegará o momento en que toquen as campás e chegue a noticia da morte
do seu cuñado. Nun momento dado escacha o vaso contra a parede. Dionisos embriagado,
na noite da bodega.
Perdeuse na noite estrelecida e fría o trepar da besta. O señor Venerando berrou ás fillas que
se deitaran, que el non rubía a cear. E seguiu bebendo, morno e tristeiro, hastra porse un pouco
peneque. Nun movemento chimpou o fermoso vaso de vidro, que se escachou en mil anacos no chan.
"Que o leve o demo!" -marmullou o señor Venerando-, e collendo a basoira, barreu os anacos,
botándoos na estrumada podre do curro que atestaba por tras coa bodega. Coas pernas pouco
firmes, puxo as trancas, lavou a xerra e a cunca nun barcal e rubiu despacio a se deitar, un pouco
abraiado polo grande parpadexar das estrelas entre as ponlas medio espidas dos caracochos do
camiño.

X
Otero chega neste relato a unha das posicións extremas que admite o conflito ideolóxico
en que se encontra sumido. Se o par de oposicións tradición-modernidade e autóctono-
alleo permite catro pares de combinacións, como xa se expuxo aquí: tradición-autóctono,
tradición-alleo, modernidade-autóctono e modernidade-alleo, o certo é que, en Medicina
legal, Otero opta por unha solución que combina a tradición e o autóctono, fronte a
calquera outra. Son os seus relatos máis tradicionalistas, máis enxebres. Indágase
ficcionalmente as posibilidades dunha solución a conflitos reais. Procúrase, por medio da
linguaxe e dos códigos narrativos, un modelo de realidade que, sendo alternativo á realidade
vixente, non fose por iso carente de verosemellanza.
Se comparamos estes dous relatos con, por exemplo, Fra Vernero, encontrámonos con
que o modelo é claramente contraposto. En Fra Vernero Otero opta por situarse nas
antípodas ficcionais e estéticas. Estamos agora no alleo, Alemaña, e no moderno, o
momento de transición do clasicismo ao primeiro romanticismo, o momento previo á
Revolución Francesa.
Igualmente, se os comparamos con Arredor de si, deduciremos que Arredor de si é o
momento da conciliación desas oposicións, o que Jameson chamaría ideoloxema. Pois
certamente, Adrián Solovio é moderno sen deixar de ser tradicional, autóctono sen deixar
de ser cosmopolita. O mesmo que o propio Otero, do que Adrián non deixaba de ser un
mero trasunto, un simple alter-ego.
O conflito entre Venerando e Delmiro é un conflito primitivo, primario. Ningún deles
ten formación suficiente para saber que é o que se está a cocer nos seus comportamentos,
nos seus conflitos de intereses. Os dous actúan levados por forzas que, máis alá deles,
configuran os conflitos sociais vixentes na súa época. Os dous son, daquela, meros títeres
en mans da historia, sen capacidade para analizala nin para teorizala. Sen embargo, o seu
comportamento obedece a esas pulsións, históricas antes que míticas, sociais antes que
psicolóxicas. Así, Otero non procede a facer psicoloxía dos seus personaxes. Non lles
concede razón de ser en tanto que individuos illados fóra da sociedade á que pertencen. O
conflito que se desenvolve ten lugar en tanto que conflito social, no que ademais dos dous
contendentes vense inmiscidos outros figurantes. Así, as fillas. O fillo de Delmiro que
chegará de América. O xuíz. Os demais fregueses que asisten á misa e comentan no adro.
E, aínda que Otero proceda a fundamentar o seu discurso na análise do comportamento de
ambos os dous personaxes, con preferencia para o personaxe de Venerando, o certo é que
estes son descritos, mesmo cando se bote man da descrición da súa interioridade, a través
do estilo indirecto libre e da plasmación das súas cavilacións, dos seus pensamentos máis
internos, en base ao seu papel dentro da Historia, isto é, da súa posible función para xogar

17
un papel, mesmo que sexa meramente simbólico, no relato do Devir, da súa pequena
contribución ao xogo de causas e de efectos que dará como resultado a Galiza desde a que
Otero escribe.
E o certo que é son actores pero en realidade, e sobre todo, son actantes. Isto é, non
prima tanto a súa validación en tanto que carácteres concretos como a súa pertinencia en
tanto que valores abstractos,, complexos semánticos personificados. Digamos que, en tanto
que personaxes sitúanse antes no plano da Lingua que no da Fala. Son, por tanto,
abstraccións que tentan delimitar constructos históricas, categorías extraídas previamente
polo historiador na súa análise do Devir, e ás que agora quere dar funcionalidade concreta,
comportamento humano, mesmo como se dun constructor de marionetas se tratase. Qué
dúbida cabe de que en todo ese proceso o que funciona, sobre todo, é a ideoloxía. Non só
a ideoloxía de Otero Pedrayo, evidente en todas e cada unha das súas liñas, como estamos a
comprobar, senón tamén aquela que o propio Otero lle supón aos seus personaxes. As
varias saídas posibles para o campesiñado (a emigración, a proletarización, o
aburguesamento, o mantemento do seu estatus social) son resumidas aquí nas dúas últimas,
consideradas dalgún xeito as verdadeiramente motrices do cambio social en marcha. Otero
contémplaa igualmente non como a única posible senón como a única aceptable. Mentres a
emigración e a proletarización do campesiñado non son máis que consecuencias do
aburguesamento dunha parte ínfima dos seus formantes, evidenciando ademais a ruína do
país (a mesma falta de saídas que encontramos, por exemplo, en A Esmorga de Eduardo
Blanco Amor onde os vellos campesiños non emigrados son agora formantes dun lumpen-
proletariado urbano sen máis saída que a de situarse nas marxes legais do sistema), o
mantemento do seu estatus social sería, pola contra, a única solución válida, sen por iso
obviar a necesidade de transformacións e de melloras de que se vía necesitado ese medio
social en crise.
Venerando representa claramente isto. Se Delmiro é a fuxida cara ao exterior, a
transformación da aldea, seguindo un ritmo de transacións e de negocios, que concluiría
coa emigración de grande parte dos seus habitantes ou coa súa subordinación social e
económica ao novo sector social emerxente, como de feito demostran as humillacións a
que o propio Venerando e as súas fillas se ven sometidos de parte de Delmiro e a súa filla,
Venerando é a pauta predisposta, o ritmo natural, o Devir seguindo o tempo da
autenticidade, o tempo non mensurable nin mecánico-cuantitativo. a continuidade do
estatus predefinido, coa súa paulatina transformación seguindo un ritmo propio, non
proveniente da españolización e do colonialismo.
Ainda non rompera o día, badelaba a igrexa sacramentar. Ergueuse a filla maor e saiu co fa-
rol. Antes de que voltara, xa ilo dixeron ó señor Venerando pola solaina: "Teu cuñado está nas
últimas. Non chega ás doce. Xa se foi o médico. Pillouno o mal ó pouco de se deitar. ¡Quén llo
había de decir, agora que era o bicho desta terra!".
Estamos no momento do nó. Logo da presentación, delongada a través da exposición
detallada das características dos personaxes e da súa natureza contraditoria por todas as
razóns que vimos de comentar, a morte de Delmiro é o centro do discurso e da historia.
Hai un antes e un despois, un camiño e un conxunto de previsións posibles a partir da
situación inicial e outros que se desenvolverán a partir de agora. Se na primeira parte a idea
de futuro está máis presente, agora non hai esperanza de cambios, de maneira que o que se
propón é máis unha ollada cara ao pasado. Se durante toda a primeira parte existía unha
certa desconfianza ou angustia por parte de Venerando cando menos de cara ao tipo de
cousas que ían modificarse coa chegada dos novos tempos, empezando pola súa propia
situación persoal de pequeno propietario, pequeno burgués rural inimigo das
transformacións da nova e nacente burguesía e do seu adláter o proletariado, agora
Venerando vai vivir, malia as dificultades polas que aínda terá que pasar, na mellor das

18
situacións posibles. Agora el será o centro do novo poder. O bicho desta terra, como chegan a
denominar os veciños ao seu antagonista.
Non hai que falar do grande enterro, da choiva de responsos, da grea de beatas no adro. O
señor Venerando, moi devotiño, ouviu todo o funeral desde o seu sitio na tribuna e pagou algús
responsos de peseta. As fillas na casa criticaban á maestra, que nin xiguer sabía faguer un pranto
polo pai. E foi decorrendo o inverno e logo o vran e deseguida se cumpriu o ano. E foron medrando
as murmuraciós.
Agora é o momento de pór a proba as habelencias e competencias de Venerando, a súa
capacidade para saír ben parado da nova situación de comentarios e baralletes. A
incompetencia do sistema, coa crítica ao médico local, en primeiro plano, non é tanto unha
crítica ao sistema concreto como unha crítica a todos os sistemas posibles. O mundo social,
en tanto que sistema establecido sobre o poder e sobre o crime sempre terá a súa quebra, a
súa fenda, a súa posibilidade de crise, na violencia, mesmo que esta sexa tan sutil e
inadvertida como o veleno que Venerando lle subministra ao seu cuñado. É sempre
modificable e cambiante. Os poderes de hoxe serán as ruínas de mañá. E todo aquel que
suba ha tamén de baixar. Os grandes imperios ficaron convertidos en borralla. A morte que
iguala do morrer na sorte / aos grandes reis cos pobres labradores, como quería o noso poeta barroco
Gómez de Neira.
En calquera caso existen as formalidades e Venerando deberá facer fronte a todas elas,
máxime cando se comece a difundir por parte dos perdedores, daqueles que se deixaron
arrastrar polas ambicións do defunto, os comentarios relacionados cos novos beneficiarios
do poder, os recentes privilexiados, centro, claro está, do obxectivo que tenta tirar a foto
daquel que puidera estar por trás do crime.
No primeiro ano, coas particiós e os arreglos, ninguén na familia cavilaba nelas. Todas eran
mulleres, e nunca estaban satisfeitas co seu cupo e coa parte que lle tocaba ó irmán mais vello, que
estaba nas Américas. Mais co tempo, a maestra e as outras foron cismando no asunto. Aquela
morte non fora natural. Tiña razón a xente. O médico era un parvacholas vello que sempre
recetaba o mesmo.
Agora o labor de Venerando vai ser de propaganda. Non se trata tanto de obter o poder
como de manexar os seus fíos imaxinarios, os seus aparellos ideolóxicos, para que este
poder se reproduza e perdure de día en día, sen posibilidades, sen necesidade, de cambios.
Para iso nada mellor que apelar aos hábitos e costumes do defunto.
O señor Venerando decía ouvindo falar do asunto: , "¡Parvadas, parvadas! ¿Quén lle iba
faguer mal? Meu cuñado, que en groria estea, non vos era forte. Traballáballe moito a cabeza con
tanto demo de negocios. E por mais, nos derradeiros anos dábase moito ó viño e ás copas".
Así, se contemplamos o relato como unha estructura clásica de presentación, nó e
desenlace, cumprirá establecer que a parte final do desenlace teña igualmente presentación,
nó e desenlace, agora establecidos arredor dun novo tema: o do esclarecemento ou non das
causas reais da morte de Delmiro. Deste xeito, a presentación non será outra que a
descrición da chegada de América do fillo do morto e a solicitude por parte deste para que
se leve a cabo unha autopsia do cadáver que certifique as verdadeiras razóns do óbito.
E nun Entroido choviñento chegou das Américas o fillo do señor Delmiro. Aló tivera sopro do
que se falaba, mais namentras, non se foi decatando nas latricadas das vellas, nas medias palabras
ouvidas e nas lamentaciós que se faguían arredor do pasamento do seu pai, se non determinaba.
Era mozo disposto, serio e cunha presa de cartos seus. E unha mañán, prantándose na vila,
espetoulle o conto ó xuez de Primeira Instancia.

XI
O fillo indiano é outro elemento máis que engadir ao significado do actante do morto,
toda vez que representa outra das forzas de transformación social, outra das vías de que

19
dispón o campesiñado para seguir adiante co seu proceso de transformación, fóra das vidas
da proletarización no interior do país ou do difícil, a maior parte das veces, imposíbel,
aburguesamento. O fillo trae unha presa de cartos seus, obtidos a través do seu esforzo en
países ultramarinos, e, sobre todo, trae unha disposición, en parte herdada do pai, de levar a
cabo acontecementos, empresas de transformación e modernización. Así que a figura do
indiano feliz, triunfante no seu proceso de ascenso social, un home quen de obter
beneficios no difícil proceso da emigración americana, convértese agora, aínda que sen ser
consciente diso, no inimigo de Venerando, que, sen embargo, é sabedor de que o fillo non
ten, nin con moito, a entidade do seu pai. O lector sospeita que, vencido o pai, vencer o
fillo será cousa moito máis sinxela. A presenza destes cartos americanos é quen de saltar
todos os valados de oposición aos seus proxectos.
Aquela mesma noite, o conto corría pola parroquia coma un fogo mal morto, de súpeto ergueito
por un ventiño levián. A filia maor do señor Venerando xa soilo tiña verbas pra gabar o amor do
mozo, seu curmán, polo pai difunto. "Está dispoto a tirar toda a prata que seña precisa", repetía
a admiración dos labregos.
O señor Venerando, pola contra, mantense fiel aos seus hábitos e permanece impasible,
sabedor de que a súa tranquilidade é a súa mellor arma. Ocúpase nas tarefas habituais,
prosegue co exercicio dos seus labores cotiáns, continúa ocupado en mesteres propios da
súa condición. Deste xeito vai ir procurar leña á montaña. O episodio é xa unha isotopía do
que máis adiante vai ter lugar, no momento en que Venerando proceda a recolocar o corpo
do seu cuñado no cemiterio, sobre todo porque nesta viaxe vai obter o cadáver que sirva
como alternativa ao cadáver de Delmiro. Vemos un Venerando dono dun grande equilibrio
físico e psíquico, que non contempla o seu pasado, nin o recente acontecemento da morte
do seu cuñado, con remorsos nin problemas de conciencia. Antes ben, sabe que non tivo
alternativa, que, dalgunha maneira, foi o seu propio cuñado quen o obrigou a actuar dese
modo.
A súa procura de leña na montaña ten, tamén, como no caso de Noriega Varela, un
prurito de procura das orixes. Venerando é agora a laverca de Noriega. De alí era a súa
familia, de alí os seus ancestros. Así que a madeira que obteña desa montaña, e que máis
adiante servirá para tapar o corpo do cuñado asasinado, é dalgún xeito o seu alibí, a súa
coartada mais tamén o significante da nai (mater, materia, madeira). Se a madeira é quen de
tapar ese cadáver é porque o cadáver non ten entidade física para se sobrepor a esa madeira
poderosa, proveniente da montaña das raíces, das montañas do arraigo. A loita que de vivo
tivo Delmiro con Venerando tena agora de morto coa madeira, a materia da mater, o que,
sen dúbida, demostra a entidade en parte relixiosa do conflito formulado.
Polo mesmo tempo, o señor Venerando andivo mirando os seus albres. Na casa había falla de
leña. Endexamais se gastara tanta na ceba e nas noites do inverno. Agora viña o marzo e logo o
abril mollado, e collían a casa sin abasto de leña. Na parroquia todos tiñan algo pra sí e ninguén
vendia nin as limpas dun carballo. Entón o señor Venerando mandou un recado á montaña, a
unha parroquia desviada duas leguas por esgrevios camiños. Despois de remexer el soilo na leñeira,
unha peza que atestaba coa bodega, unha mañán ainda con estrelas, saiu co carro prá montaña:
un longo viaxe pra cruzar un anaco de serra e logo baixar ás chairas frías de pobres e raros
lugares. O vello sabía ben o camiño. Tíñalle certa lei a aquela terra alta, un pouco despreciada
polos mais dos ribeiraos. A sua xente viñera de aló, gardaba relaciós cos parentes e sabía, como bó
administrador, a barateza da erba, da leña e dos froitos. Cuase tódolos anos o señor Venerando
camiñaba pra festa, devotiña e antiga, da patrona de aquela pobre bisbarra.
Logo de baleirada a madeira do carro, Venerando comeza a darlle voltas ao seu plano. A
climatoloxía empeorada é o ámbito perfecto para unha escenografía que canxe cos
propósitos estéticos de Otero. Dicíamos, páxinas atrás, que a temática do relato contaxiaba
a propia forma deste, de maneira que, perante a posibilidade de escribir un relato realista en
clave de análise dos pormenores dos conflitos xerados pola burguesía e a súa nova

20
ideoloxía, Otero opta por escribir un relato romántico, tremendista, que foxe
propositadamente non só do modelo de prosa burgués senón, sobre todo, da súa temática.
Así, a tormenta cumpre claramente unha función estética, malia ser, sen dúbida, un
elemento clave en todo o desenvolvemento do relato. Vemos a Venerando, vellote rexo, tal
e como se nos dixo no inicio, alumarse coa luz dun farol e el só, logo de mandar as fillas
para a cama, entregarse a labores propios dun home máis novo.
Ainda non decrebaba o serán do segundo día, cando o carro do señor Venerando cantaba polo
camiño encostado do lugar. Debia vir ben carregado, os bois eran valentes, e o vello, dos da escola
de outro tempo. Entrando no lugar, díxolle a un veciño: "Despois deste, virán outras tres carradas.
Xa debían chegar oxe. Mais ben sabes que os da montaña sonche xente de sangue choca e de pouco
arranque". Viña de mal xenio. Nin xiquer quixo que as fillas Ile botasen unha man. Elas,
afeitas ás rarezas do pai, que medraban coa vellez, deitáronse. El soilo, á luz do farol, comenzou
a desfaguer o carro no curral, gardando e despachando a xugada. O vento do sul chamara toda a
tarde pola auga, que coa noite caía caroal, estrondando nas tellas, ruxindo nos canles, pingando
axiña no fio dos treitos, misturada e arrempuxada con grandes golpes de aire.
Agora sabemos que os labores de Venerando na montaña non se limitaron a recolección
de leña para a súa casa. Antes ben, fíxose cun cadáver. O corpo sen vida viaxa con el
dentro duns sacos, cuberto por telas tamén de saco. Este dato fainos pensar que moito
antes de que nós saibamos cales van ser os actos que o personaxe de Venerando leve a
cabo, xa el semella telos sometido ao seu escrutinio mental, calibrado as súas
consecuencias, analizado a súa dificultade. Pois todo resulta simplemente perfecto. Neste
sentido o título do relato manifesta certo paralelismo co máis manido título de Crime perfecto.
A mecidina legal sería, neste sentido, o crime perfecto. A forma en que se leva a cabo a asasinio
é claramente unha mostra de crime impune, que se mantén para sempre na imposibilidade
de ser vingado.
Nada sabemos das circunstancias que rodearon a obtención deste primeiro cadáver, o
que vai suplantar o de Delmiro no camposanto da aldea, de maneira que os médicos
forenses que leven a cabo a obtención de mostras para a análise traballen desde o mesmo
inicio con datos falsos, pero o certo é que este cadáver está relacionado, dentro do
discurso, coa mención que se leva a cabo no final cando se menciona que Venerando non
volvéu mais que unha vez pola serra. Foi ó enterro dun veciño de aló que era sacristán, e volveu tan ledo
como si recollera unha herencia. Esta herdanza recollida non podía ser outra que o silencio,
definitivo, da única testemuña que sabía das súas andanzas: este veciño, que era sancristán
na serra e que o axudou a conseguir o cadáver co que levar a cabo o troco necesario.

XII

O vello basoirou con moito tino o chan de sábrego da leñeira, puxo baixo os feixes de leña un
bulto longo, todo empanicado en sacos vellos que viña no fondo do carro, e foi prá bodega. A luz
tremáballe un pouco na man e non atinaba ben coa villa da pipa. O pé do fogar de morouse mais
de tres horas, coa vista fixa nos brazos, volvendo ás veces a testa pra mirar trai sí, bebendo
despacio, esculcando co ouvido o crecedeiro ruxir da auga, os golpes do vento, O miudo traballar de
algún rato na leña.
Mais Dionisos Venerando é home que se move por impulsos. De súpeto, decideuse. Este
xeito de tomar decisións de súpeto exemplifica claramente o seu carácter. A presenza do
mundo do inconsciente e do escuro vese subliñada pola seguinte oración: matou a luz do
candil. A decisión, o impulso, o crime. Velaí o resumo da súa acción, da súa capacidade.
Non é un home de razón, senón de intuición. Por iso o seu modelo de comportamento
está máis atento a estes impulsos interiores dificilmente confesables. É o produto dunha
sociedade relixiosa e campesiña. Unha sociedade supersticiosa que explica os fenómenos da

21
natureza a través do seu peculiar sistema de ritos e de santos, de crenzas e de ofrendas. O
mundo segue o seu curso a través de accións que están máis alá da vontade dos homes.
Non hai maneira de intervir na complexa trama de causas e de efectos que rexen no devir.
O historiador burgués, o modelo de historiografía burguesa contra o que Otero se
sobrepuña, considera posible illar, o mesmo que logo o marxismo, as condicións que
permiten a modificación da historia, illar os significantes que están por tras do
comportamento do devir. Distinguir, en definitiva, a historia como lingua da historia como
fala. Deducir a historia como abstracción da historia como exemplo, como comportamento
práctico, como resultado concreto. A historia como fonema da historia como son.
Mais Venerando, en todo caso, malia o conxunto de regras que estamos a aportar, e que
estaban na mente de Otero Pedrayo, é a quebra desas regras, o punto en que se produce a
modificación do sistema, o lugar en que irrompe un novo elemento e o sistema ten que
reformularse para admitir ese novo sistema. Ou cando menos esa podería ser unha das
tentacións de Otero. Aportar este personaxe como unha reacción fronte ao devalar da
historia, fronte ao devir, como unha protesta contra o dinámico fronte ao estático
reverenciado, venerado, por xogar coas palabras, por Venerando.
O momento é sublime e tremendo. Un home cun enorme fardo ao lombo, que contén
un cadáver desenterrado unha noite antes, atravesa unha aldea escura no medio dunha
tormenta para ser dirixir ao cemiterio do lugar. É un home entrado en anos pero forte. Un
home dotado dun temperamento titánico e dunha natureza capaz de soportar os alardes
dese temperamento. O seu comportamento mental e dunha enorme dureza, dunha
absoluta consistencia. O seu comportamento físico, o dun verdadeiro atleta.
De súpeto, decideuse. Matou a luz do candil, atizou o lume cun mangado de rachas; e tomando
ó lombo o grande fardo, botouse destemido a noite e a chuvia. Dunha carreira polos lameiros cheos
de agua, atallando dereito, chegou sin folgo ó pé do muro do adral.
Logo de depositar o cadáver que transporta, Venerando procura na escuridade unha
campa ben coñecida. Non se pode ver case nada. Só as lápidas de mármore son quen de emitir
algunha claridade, algunha luminosidade. Este xogo de claro-escuro é dunha enorme
importancia no desenvolvemento do relato, pois, como estamos a ver, trátase dunha loita,
dun combate, entre a luz e as tebras. As luces da razón e da ciencia, do progreso, fronte ás
tebras da intuición, da superstición, da reacción fronte ao progreso. O xogo da
supervivencia. A pesar do seu escurantismo, Venerando precisa dalgunha luz para poder
levar a cabo a súa manobra.
Puxo a cárrega sobre as capias e, a zorro, como unha cabra, procurou atoutiñando unha
campa ben coñecida. Na escuridade, batido polo vento e a chuvia, apenas albexaba algún mármore
de panteón.
Estamos, pois, no momento culminante, o agora ou nunca que vai decidir a perduración
ou non de Venerando e do que el mesmo representa. Se como Otero formulaba no seu
Ensaio histórico sobre a cultura galega o espírito eterno do país, no que el cría, se manifestaba en
varios momentos ao longo do tempo, a saber, a cultura castrexa, o románico, o barroco, o
romanticismo, Venerando é, sen dúbida, unha desas manifestacións. Non se trata, por
tanto, dun personaxe senón dun símbolo. Venerando é ese volkergeist eterno encarnado
agora na figura dun vellote labrego. Venerando é, por tanto, o significante da Falta. Así que
a forza que o empurra, a que o leva a proceder dun xeito determinado, non é outra que a
forza do seu propio país, unha parte da súa identidade que agora asoma converténdose na
prioritaria, na detentadora do poder dentro do complexo xogo das identidades presentes na
súa persoa. Se é certo que el é un home e non unha muller; se é certo que é un vello e non
un neno; se é certo que é branco e non negro ou asiático... o certo é que agora el é, sobre
todo, galego. E esa presenza do telúrico ancestral, da percepción da colectividade como un
conxunto indefinido, son agora os que verdadeiramente conducen o seu comportamento,
apelan, desde o interior do seu ser, a levar a cabo esta tremenda escena, este percurso case

22
insoportábel de acontecementos. Por iso é quen de sobreporse ao medo e nun estado de
semi inconsciencia, sendo e non sendo, actúa, convértese en gozo, deixa a imaxe, esencia
do pracer, e convértese en acción, esencia do gozo. E así trata coa morte, co puro Real,
mais alá do Simbólico e do Imaxinario. É o momento en que a ideoloxía se materializa
(Althusser). O momento en que o ideolóxico, en tanto que imaxinario social, corre ao
encontro do mecánico-cuantitativo, do mensurable. E deste encontro entre un e outro
xorde ese Real chamado Política.
Cando ergueu con forzas de mozo a pedra da sepultura, tivo un instante de medo ó sentir o
bater da chuvia no oco franqueado, en táboas de cadaleito, en carne apodrecida. Tivo medo. Medo
de morrer e que o atopasen ali. Remexendo nas táboas, arrincou o morto, algo mol e rexo a un
tempo, unha testa que lle fuxía, unhas pernas esterricadas, un fedor que xiaba o sangue.
Desempanicou o outro morto das telas de saco e de calquera xeito instalouno na cova, entre as
táboas do cadaleito. Eran cuasimente do mesmo corpo. Deixou cair a tampa, envolveu o corpo
desencovado nos mesmos anacos de saco, e abrazado a el, fuxiu coma un tolo, como levado polo
demo, sentindo tras de sí un galopar de facos da morte, ouver de cans, rnans de difunto que lle
agarraban as pernas. Sin saber cómo cruzou os lameiros e os regatos nin cómo choutara as
muradellas, atopouse no curro, e soilo tivo alento pra entrar na leñeira e meter o morto na foxa
aberta.
A acción política acaba de ter lugar, o inconsciente maniféstase para modificar a historia,
e faino apelando a un escuro fondo da colectividade, un saber ancestral, unha forza que
provén de máis alá da propia persoa, por máis que, en aparencia el sexa o único implicado e
o verdadeiro beneficiario do que está a acontecer. Pois, como acontece sempre na acción
política, a polarización entre o privado e o social se neutraliza, deixa de ser operativa, para
se converter nun indecidible (Derrida). Non hai singular senón plural. Ou, mellor dito, un
punto neutral en que o singular e o plural deixan de ser termos opostos para se presentar
como unha única cousa. O individuo institucionalizado convértese en institución para
deixar de ser individuo por máis que siga a ter individualidade sobre a institución. O
público e o privado, o social e o persoal dilúense para deixar de ser oposición, polarización.
Convértense como dicimos en indecidibles.
No caso de Venerando acontece o mesmo. A condición social da súa actividade
converte o privado en público, o persoal en social. Por iso ten sentido relatar o seu crime e
por iso cabe denominalo, no límite da retranca, Medicina legal. Tamén por iso, o relato de
Otero non se sostén desde unha perspectiva meramente psicoloxista, rexeitada de entrada
polo propio narrador, que non apela ás condicións psicolóxicas en que teñen lugar os feitos
nin as repercusións psicolóxicas do conflito entre ambos os personaxes principais, senón
que o que dá sentido ao seu discurso, por máis que non sexa explicitado, é o valor social
dos seus actos. A lei que está implícita no adxectivo legal.
E o certo é que, desde un punto de vista psicolóxico ou moral, o comportamento de
Venerando resulta certamente punible e rexeitable. Se o que motiva os seus actos é a
obtención do propio beneficio, resulta evidente que estamos perante un criminal perigoso,
un individuo da peor especie. Mais Venerando é, claramente, un home rehabilitado antes de
cometer o seu crime. Por iso o seu crime non é un crime, porque é un acto social que non
terá continuidade nin é concibido en ningún momento como algo que poida ser reiterado
ou convertido en elemento dunha serie. O seu é un crime legal, isto é, cometido en nome
da sociedade, en defensa da sociedade .

XIII

O lume morria na bodega. O vello trasfegou medio neto de augardente e deseguida, coma un
tolo, pechou a foxa co sábrego, trepando enriba cun furor de demo, calcando con pedras, con terra

23
mollada do curro, con medo, como si a foxa se non enchera nunca. Logo, xa mais sereo, puxo en-
riba a leña.
A controversia que Otero semella estar levando a cabo entre o privado e o público,
entre o persoal e o social, chega ao seu momento culminante co lugar do ocultamento do
corpo. O corpo do morto convértese en privado, en obxecto do seu uso persoal, fronte ao
corpo do outro morto, que usurpa o corpo do Delmiro, convertido agora en legal, unha
vez superadas as probas da autopsia. Os médicos forenses non encontran razóns para a
controversia así que, unha vez examinadas as vísceras do cadáver que reempraza o cadáver
do Delmiro, a situación volve á normalidade, o equilibrio se reinstaura a través dunha
verdade que só Venerando coñece, unha verdade tan falsa como todas as verdades sociais,
como todas as verdades ideolóxicas.
Ademais hai unha parodia da arqueoloxía. Escavamos, inhumamos corpos, vestixios,
restos, pegadas doutras épocas. E nese escavar, dinos Otero, encontramos o que é preciso
encontrar, aquilo que forma parte dun pasado imaxinado previamente, concibido con
anterioridade. Por iso a función de Venerando adquire unha especial significación dentro
do entramado social do que forma parte. El é o encargado de dispor no interior da terra
aquilo que debe ser encontrado, o manipulador das probas que sustentan o imaxinario.
Trátase dun método heurístico, non de convencer senón de preparar os diferentes camiños
dedutivos que levarán aos outros ás conclusións que a min me interesan. Unha vez feito
isto serán os outros os que se empeñen en convencerme da verdade que eu mesmo
falsifiquei. Convenceranme das miñas propias conviccións a través das probas que eu
falsifiquei para eles. Velaí a función ideolóxica da arqueoloxía, aquilo que tan ben coñecía
Eduardo Pondal cando procedeu a fabular o noso imaxinario prehistórico creando mitos
dunha singular fortaleza. Velaí o papel do historiador.
E bebeu, bebeu, deica sentirse chispo e botar gargalladas e andar collido ás pipas e queimarse
no lume, mais ainda tivo sentido pra se decatar de que a chuvia seguía medrando e que o adral
debía estar asulagado e que as pisadas nos lameiros e no camiño desapareceran na lama e no
trollo. Sobre da mañán, as fillas viñeron a precuralo. Estaba medio morto de viño e tremando de
mollado. Mais en canto viu a luz do día, foi outro home.. O mesmo: calado, grave e calcado.
Apenas respondeu ás rifas da filla maor: "Sí, si, teu pai é un borrachón. Ben. Poucas veces o fago.
Mais si eu fallo ¿qué será de vós?".
A noite da mudanza de lugar do cadáver é unha isotopía da noite en que ten lugar a
morte de Delmiro. En ambas as dúas noites Venerando pasa o tempo a beber. Mentres na
primeira vai para a cama antes de que amañeza, na segundo espera a que se faga de día. En
ambas aparecen as fillas e a súa referencia convértese na metonimia da sociedade. Son elas
as que reprochan os comportamentos do pai mais tamén son as beneficiarias de todo canto
leva a cabo. A actividade económica do vello patrucio, centrada sobre todo no comercio de
madeira e no cultivo da vide, resulta agora un aspecto determinante, toda vez que é esta
actividade a que vai contribuír indirectamente a ocultar as probas do crime cometido. O
lugar onde vai repousar definitivamente o cadáver é a bodega, non a tenda, baixo un monte
de madeira, a materia da mater, ben lonxe de calquera dos anovadores negocios do morto.
É agora el quen é obxecto da envexa dos veciños. A súa actividade, o proveito que lle
reporta, a súa posición social, todo canto pretendera roubarlle Delmiro é agora obxecto do
seu disfrute. A situación idílica inicial non só foi restaurada senón claramente mellorada. Se
no momento inicial do relato Venerando baixaba da eira á estrada para alí ficar abraiado
perante os cimentos do que axiña ía ser edificio da nova tenda, agora permanece na súa
casa a contemplar como entran nela os carros de leña contratados días atrás na montaña. O
dar de comer aos montañeses que efectúan o transporte é tamén un síntoma de prevalencia
social, de prestixio, de privilexio.

24
Ben entrada a mañán, chegaron os outros carros de leña. O señor Venerando tivo conta de que
puxeran ben a leña. "Soilo sinto qu haberá que agardar a que se enxoite. Mais quédanos boa
provisión". Diu de xantar con rumbo ós montañeses e foi envexado polos veciños.
O engano culmina coa bendición científica dos médicos encargados polo xuíz de levar a
cabo a comprobación das vísceras do cadáver. Estes levan a cabo o seu cometido, envían
os restos ao laboratorio e conclúen que non había sinal algún que puidese determinar a
presenza dunha causa externa na morte do novo burgués. As faladorías mudan agora de
rumbo, diríxense ao sepultureiro pola ausencia dun dente de ouro do que carecía o cadáver
analizado e que era sinal identificativo do vello alcalde.
Pasado algún tempo, a xusticia mandou a uns médicos pra desenterrar o corpo do señor
Delmiro. Eran o titular e un mediquiño novo
Viñan de mal xenio. Era unha angueira repugnante. O fillo se non atreveu a vir ó cemiterio.
Foi o señor Venerando moi compunxido. Mandaron as tripas á laboratorio. Non atoparon siñal
de pezoña. O conto calou, ainda que non morrera de todo en escascas, castañeiras, resacas e
figadeiras. En troques, murmurouse do sepultureiro. ¿Por qué non aparecía a chaqueta negra do
señor Delmiro? Todo estaba ben apodrecido, mais algún advertiu a falla do fermoso dente de ouro
do alcalde. Os sepultureiros sempre foron uns ladrós.
O final do relato é digno dunha estrutura proppiana. A felicidade, o delongamento da
vida, o regalado vivir, do que Venerando é un símbolo desde o inicio, portador dos
significados dun Idilio personificado na súa figura, regresan de novo ao discurso oteriano.
Se comparamos os dous parágrafos inicial e final e xuntámolos nun único texto obteremos
a definición dun ideario político. Nese ideario está a crítica do sistema electoral, pola súa
debilidade perante o caciquismo, e tamén a crítica da corrupción política. O
comportamento de Venerando, eficaz, discreto, posibilista, mais non por iso menos
arriscado e valente, é toda unha lección de conviccións políticas e, como tal, queda disposto
sobre o texto, aínda que baixo a forma dunha ficción.
O señor Venerando viveu moitos anos. Dábase ó viño como nunca se dera e non volvéu mais
que unha vez pola serra. Foi ó enterro dun veciño de aló que era sacristán, e volveu tan ledo como
si recollera unha herencia. Cando ouvia falar das cacicadas das elecciós e das trapalladas do
Axuntamento, o señor Venerando sorria dun xeito espantoso, coma decatándose de ser el home
pra faguer cacicadas hastra no camposanto.

XIV

Desde unha perspectiva greimasiana, o relato presenta unha interesante arquitectura


actancial que podemos comprender a través do seguinte cadro:

Destinador: Obxecto: Destinatario: Pobo


A tradición social O mantemento da galego lector
sociedade
tradicional

contrato sanción

Adxuvante: Suxeito: Opoñente:


As fillas de Venerando Venerando Delmiro
O labrego da aldea da A filla e o fillo
montaña

25
A relación entre o Destinador e o Suxeito é o que Greimas denomina Contrato. Por
medio deste, podemos comprender que o discurso de fondo non é outro que o evidenciado
a través da sintaxe narratolóxica: a tradición social sinálalle ao Suxeito (o personaxe de
Venerando) a procura dun Obxecto (o mantemento da sociedade tradicional) coa
oposición de Delmiro e os seus descendentes (Opoñentes) e a axuda das propias fillas e
mais do labrego da aldea da montaña (Adxuvantes). Este Suxeito procura ser sancionado
positivamente polo Destinatario (o pobo galego lector).
A relación entre o Destinador e o Destinatario, o que Greimas denomina Eixe da
Comunicación, manifesta a vontade oteriana de conectar o pobo galego (lector) coa súa
tradición social, tal e como Otero a entende. A relación entre o Suxeito e o Obxecto, no
Eixe do Desexo, preséntanos o modelo de heroe oteriano, empeñado no mantemento da
sociedade tradicional fronte ao avance da sociedade burguesa. A relación entre o
Adxuvante e o Opoñente, o Eixe de Poder, desvélanos os dous polos dese conflito, as
forzas interesadas na defensa das súas respectivas posicións.
Vemos, ademais, como todos e cada un dos actantes son, no fondo, ‘complexos
semánticos’ que van alén da súa corporización en tanto que personaxes. A través destes
‘complexos semánticos’ lévase a cabo a presentación dun conflito social e unha proposta
de solución ideolóxica. Cada un destes complexos semánticos ten unha fundamentación
tanto histórica como retórica.
O primeiro dos complexos semánticos é o da tradición social.
Otero ten unha idea moi clara sobre como debía ser a sociedade do tempo que lle tocou
vivir e a do século precedente. A maneira en que se levou a cabo a substitución do Antigo
Réxime polo réxime liberal é a causante dos danos da Galicia do seu tempo. En ‘Medicina
Legal’ Otero sitúase no cerne desas transformacións. A súa ficción, sendo incerta, podería
ser posible. O exame minucioso desa mudanza está tan presente no relato que resulta difícil
non extraer da súa lectura unha ensinanza, unha imaxe clara do modelo ideolóxico de
fondo. Tal e como dicíamos no inicio, a literatura teoriza a realidade. Será a constatación da
existencia desta sociedade, aínda perceptible no momento en que Otero escribe o seu
relato, a que defina o Obxecto que debe procurar o seu protagonista: o mantemento desa
sociedade tradicional. Este será, xustamente, o segundo dos complexos semánticos. Trátase
do Santo Grial do relato, aquilo que se procura, o que é obxecto da quête. Alguén poderá
pensar que a morte de Delmiro non altera a transformación da sociedade nin ten como
consecuencia o cerre da tenda. Mais nada diso está escrito no discurso do relato. O autor
garda silencio ao respecto e todo invita a pensar que a morte de Delmiro é, en realidade, a
morte do seu complexo semántico, de todos os valores que o personaxe arrastra consigo.
Os personaxes dese xeito convértense en símbolos, meros xoguetes nas mans do
historiador Otero para plasmar as súas teorías sobre a historia. De maneira que Otero fai
historia a través do relato, teoriza a realidade do pasado a través da ficción, converte en
actores os complexos semánticos que toma emprestados da Historia, dispón os seus
entramados narrativos empregando un método deductivo-inductivo. Primeiro deduce do
relato da historia os complexos semánticos en conflito, despois induce deses complexos
semánticos uns personaxes posibles. O resultado semella real, resulta fidedigno.
O terceiro dos complexos semánticos sería o do pobo galego (lector). Estaría composto
por todos os personaxes secundarios que non teñen unha intervención directa sobre a
trama. As mozas que van camiño da festa, as beatas da igrexa, mesmo o xuíz e os médicos
que levan a cabo a sanción positiva das accións de Venerando. Eses destinatarios da
historia que conta Otero son ao mesmo tempo o cuarto dos complexos semánticos, o dos
sectores interesados no mantemento dese modelo de sociedade, liderados polo quinto dos
complexos semánticos: o heroe capacitado para lograr tal cousa. Paga a pena deterse aquí
para comprender en que medida Venerando é o galego por antonomasia, tal e como o
entende Otero no seu Ensaio Histórico sobre a Cultura Galega, o posuidor das características

26
enunciadas por Otero: “a ausencia dunha dogmática ríxida, a tendencia ao soño, a ironía, a
sucesión arbitraria dun tonus exaltado e deprimido baixo a aparente solidez dunha vida
disciplinada e o desexo vago doutra cousa”.
O sexto dos complexos semánticos sería o dos sectores interesados en que a sociedade
tradicional se transforme, os novos poderes políticos e económicos xerados pola
transformación social e que encontran o seu vértice na figura do defunto Delmiro. O
ideoloxema xorde xustamente como consecuencia da resolución imaxinaria dun conflito
real. No plano do imaxinario, no plano da ficción, a sociedade permanece, sen mudanza,
sen cambios. Morto Delmiro, o proceso de transformación remansa, acouga, detén o seu
impetuoso fluír. Hai, por tanto, unha solución imaxinaria para un conflito real. Non hai
castración (non sentido lacaniano de imposibilidade de resolver simbolicamente un conflito
imaxinario) nin epifanía (obtención do pracer estético sobre unha situación dada,
independentemente do conflitos que esta conteña).

XV
O relato constrúese, ademais, sobre catro diferentes modelos de cronotopo. Tal e como
mencionábamos no inicio, citando a Bahtín, o cronotopo ten unha importancia esencial
para os xéneros e pode afirmarse decididamente que o xénero e as súas variantes
determínanse precisamente polo cronotopo.
Otero opera sobre catro modelos de concreción espacial e temporal que, á súa vez,
representan diferentes modelos de literatura. Vexamos todos e cada un:
1. O modelo épico-místico: a montaña, o lugar de onde provén a madeira e onde
ten as súas raíces a familia.
2. O modelo romántico-gótico: a parte alta da aldea, o lugar onde vive Venerando,
entre a eira e a adega, e onde se sitúa igualmente o cemiterio. É o modelo do
Suxeito.
3. O modelo lírico-barroco: o lugar dos campos intermedios, dos regatos, as
muradellas, as sebes e os parrotes, por onde deambulan en lírica procesión as
augas e o fato de raparigas camiño da trullada.
4. O modelo tráxico-realista: o lugar da ribeira, da estrada, da tenda, do correo, dos
automóbiles. É o modelo do Opoñente.
O interesante do relato é, entre outras cousas, a contraposición entre xéneros e
personaxes, épocas históricas e espazos, de maneira que a evolución conxunta da tradición
literaria, dos sistemas económicos e dos cronotopos correspondentes encontra neste relato
un vértice de confluencia, outro aspecto máis a ter en conta no proceso de teorizar a
realidade que consideramos consubstancial na obra de Otero.
Ademais, todo o conxunto vertébrase sobre unha variación no xogo de polarizacións
semánticas propia desa época: un eixe temporal, no que se opón o moderno ao tradicional,
e un eixe espacial, no que se opón o alleo ao autóctono. Agora o autóctono vén sinalado
pola altura, encontrando a súa plasmación na parte alta da aldea e na montaña, e o alleo vén
marcado polo espazo baixo, encontrando a súa plasmación na ribeira e na estrada onde se
constrúe a tenda. O cronotopo de distancia vincúlase, por tanto, ao tradicional e ao
autóctono e o cronotopo de proximidade vincúlase ao moderno e ao alleo.
E velaí que xorde a ecuación do desarraigo, tópica na modernidade: o próximo é o alleo
e o autóctono é o distante. Esa é a mensaxe que Otero proxecta desde o fondo do seu
relato como unha anticonsigna política e como un síntoma do seu tempo.

27
Bibliografía:

Althuser, L. ([1969] 1974). Ideología y aparatos ideológicos de Estado. Buenos Aires: Nueva
Visión.
Bakhtin, M. ([1930s] (1981)). Discourse in the Novel. En M. Bakhtin, The Dialogic
Imagination: Four Essays (págs. 259-421). Austin: University of Texas Press.
Bakhtin, M. ([1937-38] 1989). Teoría y estética de la novela. Madrid: Taurus.
Bakthin, M. (1997). Estética da Criação Verbal . São Paulo: Martins Fontes.
Bakthin, M. (1995). Marxismo e Filosofia da Linguagem. São Paulo: Hucitec.
Bertrand, D. (2000). Précis de Sémiotique Littéraire. Paris: Nathan.
Boschetti, A. (2003). La rivoluzione simbolica di Pierre Bourdieu. Venezia: Marsilio.
Bourdieu, P. (2004). O campo literario. Santiago de Compostela: Laiovento.
Bourdieu, P. (2003)). O Poder Simbólico. Lisboa/Rio de Janeiro: DIFEL/Bertrand Brasil,.
Bourdieu, P. (1997). Razones prácticas. Sobre la economía de la acción. Barcelona: Anagrama.
Genette, G. ([1982] 1989). Palimpsestos : la literatura en segundo grado. Madrid: Taurus.
Greimas, A. J. (1983). La Semiótica del texto : ejercicios prácticos : análisis de un cuento de
Maupassant . Barcelona : Paidós Ibérica.
Greimas, A. J. (1982). Semiótica. Diccionario razonado de la teoría del lenguaje. Madrid: Gredos.
Zumthor, P. (1994). La medida del mundo. Representación del espacio en la Edad Media. Madrid:
Cátedra.
Zumthor, P. (1993). La mesure du monde. Représentation de l'espace au Moyen Âge. París: Sieul.

28

You might also like