You are on page 1of 4

TEMA 7. A NOVA NARRATIVA GALEGA.

CARACTERÍSTICAS, AUTORES E
OBRAS REPRESENTATIVAS

Tras o labor desenvolvido polos autores de posguerra, nace unha


nova xeración de narradores preocupados polas inquietudes do seu
tempo; son os pertencentes á chamada NOVA NARRATIVA GALEGA,
creadores dun conxunto de obras editadas entre fins dos 50 e comezos
dos 70 (ou ata 1980), que inauguran un novo xeito de narrar en
contraposición ás fórmulas tradicionais.
A Nova Narrativa Galega tomou o seu nome do Nouveau Roman
francés e xurdiu co mesmo desexo de renovación técnica e temática; no
caso concreto de Galicia, para superar a tradición literaria dos
continuadores do Grupo Nós e a influencia dos movementos dominantes
da literatura española. Supuxo un intento, como xa fixeran os membros
da Xeración Nós, de europeización da literatura galega.
As súas principais influencias foron os autores do Nouveau Roman
(‘nova novela’), así como os americanos William Faulkner e John dos
Passos, e os europeos Kafka e James Joyce.
Desde o punto de vista temático, intentaron reflectir nas súas obras
a situación alienante vivida pola xente a causa da ditadura, a
industrialización e a sociedade de consumo. Xurdiron entón historias nas
que predominaba a sensación de soidade, terror e angustia,
protagonizadas por antiheroes, personaxes anónimos de vida
atormentada.
Desde o punto de vista técnico, para representar con maior
credibilidade esa realidade sentida como deshumanizada, os nosos
escritores abandonaron o tradicional narrador omnisciente e puxeron en
práctica moitos puntos de vista: o narrador-protagonista, o narrador
observador, o monólogo interior e tamén o multiperspectivismo. Así
mesmo, tamén se deron cambios no tratamento do tempo e do espazo.
Empezou a xogarse co tempo subxectivo e non-lineal (saltos no tempo,
tanto prolepses como analepses), e o espazo deixou de ser simplemente
o decorado realista da acción para cargarse de subxectividade (a presenza
do espazo desde o punto de vista anímico do narrador) ou adquirir un
sentido simbólico, como nas novelas de Méndez Ferrín.
O ano 1954 en que se publica o primeiro libro de relatos de
GONZALO MOURULLO, Nasce unha árbore, aparece como a data de
inicio deste movemento polo ambiente de irrealidade, a pluralidade de
voces narrativas ou a irrupción do fantástico na realidade cotiá. Dous
anos máis tarde chegará Memorias de Tains, oito relatos en forma
epistolar que o narrador dirixe a diferentes destinatarios; preséntasenos
un mundo de pesadelo, angustiado, dominado pola guerra e o medo; a
fatalidade e o incomprensible están presentes en todas as cartas.
XOSÉ LUÍS MÉNDEZ FERRÍN (Ourense, 1938). Autor clave da
literatura galega, de extensa obra, contribuíu á Nova Narrativa con títulos
como Percival e outras historias, catorce relatos nos que xa se atopan
características salientables da súa narrativa: unha atmosfera irreal que en
ocasións determina relacións de violencia entre os personaxes ou a
reflexión sobre a morte, o destino e o absurdo; O crepúsculo e as
formigas, a súa segunda colección de relatos, insiste na recreación dun
ambiente de terror, onde as persoas camiñan como formigas en
ringleiras, movidas por forzas cegas que impoñen un tráxico destino;
Arrabaldo do Norte é unha novela escrita empregando a técnica
obxectalista, moi usada polos autores do Nouveau Roman. Con Retorno a
Tagen Ata iniciará un novo ciclo no que Ferrín deixa atrás os presupostos
da Nova Narrativa para centrarse nos temas políticos tratados dun xeito
simbólico.
CARLOS CASARES (Ourense, 1941 – Vigo, 2002). A obra de Casares
marca o punto de inflexión da Nova Narrativa; el inicia un retorno ao país
concreto sen deixar de incorporar os novos procedementos narrativos. En
Vento ferido, libro de relatos, emprega innovacións técnicas como o
monólogo interior e o obxectalismo, inseríndoas nunhas realidades
galegas. Cambio en tres é a súa primeira novela. Nela mestura
experimentalismo e un certo realismo crítico. A novela articula os
monólogos internos dun emigrante ourensán, que de volta na súa cidade
natal lembra situacións do pasado enfiándoas coas vivencias presentes.
Xoguetes para un tempo prohibido, xa de 1975, é unha novela baseada
en datos autobiográficos e en experiencias persoais na que Casares
comeza a abandonar a experimentación técnica dos libros anteriores.
XOHANA TORRES (Santiago de Compostela, 1931-2017). A súa única
novela Adiós, María amosa o enfrontamento entre o mundo rural e o
urbano a través das experiencias dunha rapaza que, tras a emigración a
Francia dos seus pais, queda a cargo de si mesma, dos seus avós e dos
seus irmáns. O emprego do monólogo interior e o tratamento do tempo,
con abundantes saltos e anacronías aproximan esta obra aos presupostos
formais e técnicos da Nova Narrativa.
MARÍA XOSÉ QUEIZÁN (Vigo, 1939). Figura destacada do feminismo
galego e ligada ao nacionalismo, facetas ambas as dúas que van marcar
boa parte da súa actividade. Iníciase na literatura galega coa novela A
orella no buraco, única contribución da escritora a este movemento
literario. Trátase dunha narración escrita coa técnica obxetalista, na que,
con rupturas da secuencia temporal, se amosan tres situacións
autobrigráficas parellas do protagonista.
CAMILO GONZÁLEZ SUÁREZ-LLANOS (Sarria, 1931 – Vigo, 2008).
Publicou Lonxe de nós e dentro, libro de relatos nos que a angustia, a
soidade e o absurdo están presentes; Cara a Times Square (1980) é a
novela que para algúns críticos clausura este movemento. Situada en
Nova York, a grande urbe por excelencia, onde atopamos deambulando
dous personaxes solitarios e desarraigados, isto unido ao clima de
irrealidade e á visión do absurdo da existencia humana son trazos que
permiten a súa inclusión na Nova Narrativa.

You might also like