You are on page 1of 4

Analepse

analepse [analepse] (gr. ἀνάληψις, 'acción de retomar o recordo')

A analepse ou retrospección é un recurso narrativo de ampla utilización. Trátase dun


tipo de anacronía que supón unha ruptura da orde cronolóxica sucesiva do relato para
retomar acontecementos anteriores ao presente da acción ou mesmo ao seu inicio.
Dentro das anacronías, son as analepses as que teñen unha maior presenza e importancia
estrutural. A analepse foi estudada con profundidade por Gérard Genette (1972).

A finalidade da analepse pode ser a de ilustrar o pasado dun personaxe, recuperar


acontecementos imprescindíbeis para conferir coherencia interna á historia, ou mesmo
xerar unha relación dialéctica co presente. Réxese por criterios de configuración moi
variados, tanto relacionados coa profundidade retrospectiva que adquire (o alcance)
como relacionados coa dimensión temporal que abrangue (a amplitude).

Tendo en conta isto, pódese facer unha dobre clasificación da analepse. Respecto ás
determinacións do alcance e da amplitude, distínguense tres tipos: analepse externa,
cando a amplitude se mantén no exterior do relato primeiro, é dicir, cando o lapso
temporal ao que se refire non afecta á acción principal; analepse interna, cando a
amplitude se mantén no interior do relato primeiro, é dicir, cando o alcance non
sobrepasa cara atrás o punto de partida da acción principal; e analepse mixta, que é a
que, partindo dun momento anterior ao inicio do relato primeiro, se estende até interferir
con el, é dicir, que o alcance retrocede máis alá do punto de partida da acción principal,
mentres que a amplitude chega a abranguer unha parte (habitualmente a inicial) do
relato primeiro.

Á súa vez as analepses internas, externas e mixtas poden


ser homodiexéticas ou heterodiexéticas. As analepses homodiexéticas, tanto externas
como internas, por desenvolveren unha liña da historia coincidente co relato primeiro,
quedan intimamente involucradas nel. Polo contrario as heterodiexéticas, por teren unha
misión aclaratoria, manteñen a súa independencia temática respecto do relato primeiro.

Dentro das analepses internas homodiexéticas, distínguense dúas novas


categorías: analepses completivas, ou remisións e analepses repetitivas, ou evocacións.
As do primeiro tipo, como o seu mesmo nome indica, veñen completar lagoas anteriores
do relato (segundo unha lóxica narrativa parcialmente independente do transcurso do
tempo). Estas lagoas poden ser ben elipses temporais puras e simples ben omisións dun
dos elementos constitutivos da situación nun período abarcado polo relato. É o que se
coñece co nome de elipse lateral ou paralipse, que se presta ao recheo retrospectivo.

Nas do segundo tipo, as analepses repetitivas ou evocacións, existe unha clara


redundancia, pois nelas o relato volve explicitamente sobre os seus propios pasos. Non
acostuman ser moi extensas, aínda que poden alcanzar dimensións textuais notábeis, se
ben son moi importantes para a economía do relato.

Ás veces, a analepse é o elemento fundamental de estruturación dos relatos, este é o


caso daqueles que comezan in medias res. Así, segundo Genette, asumindo unha
opinión moi estendida na tradición poético-retórica, a analepse é un dos topoi formais
ou lugares comúns do xénero épico.
A analepse está en relación co flash-back, termo tomado do cinema que designa as
secuencias de carácter retrospectivo.

Como exemplo podemos citar a obra de Aníbal C. Malvar A man dereita (1994), que
está construída toda ela sobre este recurso. Unha analepse mixta constitúea o segundo
capítulo de Maxina ou a filla espúrea (1880), de Marcial Valladares.

Duración

Categoría da temporalización narrativa que engloba o conxunto de fenómenos


vinculados á relación de desaxuste – anisocronía– ou de equivalencia – isocronía– entre
o tempo da historia e o tempo do discurso.
Se a duración do tempo da historia pode calcularse de acordo cos marcos temporais que
o narrador vai estabelecendo, non ocorre o mesmo co tempo do discurso, que non pode
fixarse máis que de forma aproximada en función do tempo de lectura, o cal varía
segundo o ritmo de cada lector en particular. Gérard Genette (1972) definiu
a velocidade ( vitesse), termo que acabou por preferir ao de duración, como a relación
entre a duración da historia -que se mide en unidades convencionais como segundos,
minutos, horas, días, meses, anos- e a duración do texto -medíbel en liñas, parágrafos ou
páxinas. O contraste entre estas dúas dimensións determina as variacións de velocidade
narrativa que se producen no discurso.
O grao cero, é dicir, a equivalencia convencional entre a sucesión diexética e a sucesión
narrativa, é a isocronía ou igualdade rigorosa entre tempo da historia e tempo do
discurso, que se produce no que Genette chamou escena, onde predomina o estilo
directo do diálogo. Neste caso acéptase a ilusión mimética, aínda que xa Genette sinalou
que, nesta situación, non se restitúe a velocidade real da conversa, polo que a escena
non pode desempeñar un papel de indicador temporal. Deste xeito, o relato isocrónico
caracterizaríase hipoteticamente por unha velocidade constante, sen aceleracións nin
aminoracións, no que a relación entre duración da historia e lonxitude do texto
permanecese sempre igual, o cal é imposíbel na práctica, xa que ningún relato pode
prescindir de efectos de ritmo. O normal en calquera texto narrativo é a anisocronía ou
discordancia entre a duración do discurso e a da historia mediante a combinación de
técnicas rítmicas inherentes a toda narración literaria.
Genette sinalou tres formas básicas de desigualdade entre tempo da historia e tempo do
discurso: a pausa, cando ao tempo do discurso non lle corresponde ningún tempo da
historia; a elipse, cando ao tempo da historia non lle corresponde ningún tempo do
discurso; e o resumo, que implica maior tempo de historia que de discurso. A
alternancia destas técnicas produce variacións que afectan ao ritmo interior do discurso.
Na narrativa contemporánea dase ás veces unha nova técnica tomada do cine,
denominada ralentización, que consiste na amplificación do tempo do discurso con
respecto ao da historia.
Cronotopo

Concepto introducido e elaborado pola teoría da relatividade de Einstein que foi


formulado nos estudos literarios polo teórico ruso Mikhail Bakhtín (1937-38), no marco
dos seus importantes traballos dedicados á teoría da novela, na que xa alcanzara
recoñecemento coas súas investigacións sobre a obra de Dostoievski (1929). Mediante a
noción de cronotopo Bakhtín pretendeu referirse ao carácter indisolúbel
de tempo e espazo –o tempo como cuarta dimensión do espazo– tanto na forma como
no contido das expresións literarias. O cronotopo literario caracterízase pola
intersección destas dúas dimensións: os elementos do tempo revélanse no espazo, á vez
que o espazo é medido e entendido a través do tempo. Os estudos que Bakhtín dedicou
ao cronotopo céntranse principalmente na novela, tentando mesmo estabelecer unha
tipoloxía considerada parte dunha poética histórica; varios dos seus máis coñecidos
ensaios (1975) tentan demostrar a maneira en que os distintos cronotopos tipolóxicos
determinan as variantes do xénero novelesco ao longo da historia e sobre todo nas
etapas temperás da súa evolución. No marco dos grandes cronotopos tipolóxicos atópase
ademais un número ilimitado de cronotopos máis pequenos, que poden coexistir,
combinarse, confrontarse, sucederse, etc., e que están interrelacionados
dialoxisticamente.
O cronotopo ten ademais unha sinalada relevancia temática, pois con frecuencia é
centro organizador dos principais acontecementos do argumento da novela. Subliñou
tamén Bakhtín a súa relevancia figurativa, dado que no cronotopo se concretan os
devanditos acontecementos, é dicir, constitúese no modo de representalos en imaxes. Os
elementos abstractos da novela, as xeneralizacións filosóficas, as ideas, os valores
adquiren vida e corpo por mediación do cronotopo, que se converte, en definitiva, na
súa expresión artística. Bakhtín chegou mesmo a afirmar que a imaxe literaria é
necesariamente cronotópica.
O cronotopo determina así mesmo a unidade artística da obra literaria nas súas relacións
coa realidade. Existen cronotopos que serven para asimilar a "verdadeira" realidade
temporal e que permiten reflectir e introducir no plano artístico da novela momentos
desa realidade. Con todo, Bakhtín aclarou que a asimilación do cronotopo histórico-real
na literatura ten lugar nun proceso complicado e discontinuo.
Entre os distintos cronotopos tipolóxicos que se estabelecen na obra bakhtiniana,
dedicada principalmente ás diversas variantes da novela europea, pódense destacar
o cronotopo do encontro, no que predomina o elemento temporal e ligado a el
o cronotopo do camiño. O camiño é o lugar de preferencia dos encontros, o espazo onde
poden atoparse casualmente representantes de todos os niveis e estratos sociais, todas as
relixións ou nacionalidades. De feito, como punto privilexiado de entrelazamento dos
acontecementos, o camiño desempeña un importante papel temático na historia da
novela, dende a novela bizantina ou grega á novela cabaleiresca, a novela de aventuras,
a novela picaresca ou a novela histórica rusa.
No caso da novela gótica, a partir de finais do século XVIII en Inglaterra, e máis tarde
no caso da novela histórica, imponse o cronotopo do castelo, como un espazo
impregnado do tempo do pasado histórico. Con Honoré de Balzac e Stendhal e con eles
toda a novela realista, concrétase o cronotopo do salón-recibidor, que adquire plenitude
de significación como lugar de intersección das series espaciais e temporais da novela.
No salón-recibidor prodúcense os encontros xa non casuais e xéranse os nós
argumentais e os desenlaces da novela. O máis importante deste cronotopo, segundo
Bakhtín, é a combinación do eido histórico e público co eido do particular e do privado.
Tempo histórico e tempo biográfico-cotián resultan así estreitamente relacionados.
Porén, non é este o único cronotopo da novela realista; tamén desenvolve unha función
relevante a pequena cidade provinciana, o lugar onde se revela o tempo banal e cíclico
da vida cotiá, a repetición do habitual.
Recoñécese a presenza de cronotopos específicos nas diferentes literaturas. No caso da
literatura galega podería pensarse, por exemplo, no cronotopo do pazo, espazo definido
por unha unidade con singular entidade cultural e temporal, ou no cronotopo da lareira,
lugar de encontro con posibilidades de apertura cara ao fantástico.

You might also like