You are on page 1of 1

En setembro de 1979, o baixista dos Clash, frustrado porque a xente do Palladium de

Nova York non estaba posta en pé, senón comodamente sentada (unha actitude moi
pouco punki) decidiu coller o seu baixo e rachalo contra o escenario (unha actitude
moi punki). O momento foi captado por un fotógrafo afortunado e o grupo aproveitou
a escena de expresión de violencia xuvenil contestataria como portada do seguinte
disco, o mítico, London Calling no que pedían matar aos Beatles.

Pasaron 44 anos dende aquel instante onde a xente temía á mocidade, a esa panda de
toliños que a base de pincharse o corpo e vestir camisetas rachadas, dicían que o
mundo había que cambialo porque non había futuro. Pasaron 44 anos, é dicir, chegou
o futuro, e agora as camisetas e os pantalóns xa os vende a industria téxtil como parte
da moda do momento en grandes valados publicitarios polas estradas do país (...)

A mocidade ten a responsabilidade de mudar o mundo. Agardamos deles e delas que


se rebelen, que teñan unha actitude punki, que se nos enfronten. Se eles e elas non se
opoñen, se elas e eles non soñan un mundo diferente, daquela, quen o vai facer? Os
adultos? O sistema nunca muda por vontade propia. Os cambios de paradigma político
e social que se teñen producido na historia de Occidente foron causados, en boa
medida, por xente nova. Isto é especialmente claro nos 60 e 70 do século pasado. Mais
hoxe, onde está a mocidade?

Non serei eu, dende logo, quen os culpe polo seu inmobilismo. Non serei eu quen diga
que teñen culpa de vivir nun sistema, o noso, que non é esaxerado dicir que está ao
borde do abismo. Porque o capitalismo liberal, quéirase ver ou non, está caendo. Leva
caendo dende que arrincou o século. E volveuse moribundo coa pandemia. Os
síntomas (ultranacionalismo de ultradereita, sobre todo, máis tamén ultrarrecesión e
perda sistemática de dereitos laborais básicos sen ningunha clase de oposición) dan a
entender que a realidade tal e como a coñecemos, está a piques de implosionar. E o
curioso é que, sabendo o que sabemos, nada se mova. Sobre todo, que entre eles e
elas nada se mova. Non serei eu quen diga que están anestesiados vivindo nas
realidades paralelas das redes sociais e toda esa trapallada, porque sería contar só a
metade do problema. Pero si que os boto en falla. Que me gustaría que rompesen
baixos no escenario. Que expresasen a súa frustración dalgún xeito máis creativo que
esa especie de nihilismo resignado que semella que o inunda todo, tamén a elas,
tamén a eles. É necesario. Son necesarios.

Francisco Castro en La Voz de Galicia, 24 outubro 2022

You might also like