You are on page 1of 5

CONSOLIDACIÓN E FINAL DO FRANQUISMO (1960-1975)

1. Consolidación do réxime (1959-1973)

1.1. A REFORMA ECONÓMICA DOS TECNÓCRATAS


En 1957 o novo goberno de Franco incluíu algúns homes próximos ó Opus Dei. Estes, aos que se
lles chamou tecnócratas, eran homes do réxime, aínda que máis técnicos ca políticos, aperturistas
en materia económica e conservadores en temas político-sociais (de aí que este período se
denomine autoritario-tecnocrático).
A situación económica, polo desastre que foi a política autárquica, e a insistencia dos novos
ministros acabou por convencer a Franco de que a economía non podía estar subordinada á
política, nin illada do mundo, nin dirixida polo Estado. Era necesario sacar a España do colapso
económico e modernizar as súas estruturas. As reformas económicas (desvalorización da peseta,
reforma fiscal) concretáronse no Plan de Estabilización de 1959, a partir do que empezaron a
percibirse melloras e resultados.

1.2. INSTITUCIONALIZACIÓN DO FRANQUISMO. NOVAS LEIS


Neste período o réxime franquista organizouse a través de diversas leis, que lle permitiron
acomodarse as circunstancias e necesidades da época, pero en esencia a estrutura política do
franquismo permaneceu inmutable.
O réxime organizou o sistema político a través da Lei Orgánica do Estado (1966) que reunía, a
modo de constitución, os principios fundamentais e de organización do réxime. Esta lei intentaba
satisfacer as esixencias democratizadoras dos países europeos mediante a incorporación ás Cortes
de representantes das familias, xunto cos do municipio e do sindicato.
Tamén establecía que España era un reino, de tal maneira que Franco acabou nomeando a don
Xoán Carlos príncipe de España en 1969, tras xurar fidelidade a Franco e ás Leis Fundamentais do
Movemento. Algunhas medidas introduciron avances e cambios:
● En 1966, a Lei de Prensa do ministro Fraga eliminou a censura previa e permitiu a aparición de
novos medios de comunicación, pero contou cunha forte oposición e foi freada.
● A lei de Liberdade Relixiosa (1967) rompeu o monopolio da relixión católica, aínda que esta
seguiu contando con todos os privilexios.
● En 1970 a Lei Xeral de Educación ampliou a escolarización obrigatoria ata os catorce anos.

2. O desarrollismo: crecemento económico e cambio social.


Os anos 60 (1959-1973) foron unha etapa dun importante desenvolvemento económico
(denominada desarrollismo), en contraste co inmobilismo político.

2.1. O PLAN DE ESTABILIZACIÓN DE 1959


A política de autarquía causara graves problemas económicos a fins dos anos 50 (inflación
incontrolada, forte déficit co exterior, escaseza de materias primas industriais, de fontes de
enerxía, etc.) Farase necesaria unha reforma económica que se iniciará co Plan de Estabilización de
1959 que consistiu en:
- Liberalizar o sistema económico, eliminando o control rigoroso e o intervencionismo estatal.
- Abandonar o modelo autárquico flexibilizando a economía (liberalización dos prezos,
restablecemento da libre competencia).
- Organizar a política monetaria e regularizar o cambio da peseta.
- Abrir a economía española ó exterior.
Aínda que nun primeiro momento a economía española experimentou varios efectos negativos
(conxelación de salarios, aumento de impostos, paro, peche de empresas, aumento da
emigración), os efectos positivos apareceron a máis longo prazo: contención da inflación,
aumento das exportacións, expansión económica.

2.2. OS PLANS DE DESENVOLVEMENTO


O estado organizou a economía establecendo uns plans nos que se establecían as directrices
para o sector público e se orientaba ao privado mediante incentivos e axudas. Estes plans
buscaban fomentar o desenvolvemento do país cara a uns obxectivos de crecemento económico.
Levaranse a cabo tres plans (1964-1966), (1969-1972) e (1972-1975) organizados por un grupo de
tecnócratas dirixidos polo ministro López Rodó. Características:
- Atención preferente á industria considerada esencial para o crecemento económico:
Desenvolvemento da industria de base (especialmente a siderurxia e a química).
- Crecemento do sector enerxético: construción de refinerías e de encoros hidroeléctricos
(emblema do réxime a través da publicidade das inauguracións feitas por Franco).
- Incremento da produción de bens de consumo, apreciable no desenvolvemento do sector
automobilístico (o SEAT 600 fará accesible o automóbil ás clases medias).
- Creación dos Polos de Promoción e Desenvolvemento, que buscan mediante diferentes
medidas (subvencións, terreo industrial barato,...) a instalación de industrias nas áreas pouco
desenvolvidas do territorio para corrixir as diferencias rexionais.
Os plans presentaron, porén, deficiencias:
- Os recursos investíronse con preferencia nas zonas máis seguras e rendibles (País Vasco,
Valencia, Madrid e Cataluña) polo que para moitos economistas os plans foron ineficaces porque
non reduciron as diferencias entre as rexións.
- As inversións estiveron vinculadas ás influencias políticas e favoreceron a especulación e a
corrupción.
- As melloras no transporte foron insuficientes, fallaron as canles de distribución e
comercialización e a creación de emprego foi escasa.
Os plans de desenvolvemento foron importantes pero non determinantes no crecemento
económico.

2.3. O GRAN DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO


O crecemento económico español produciuse fundamentalmente a partir da liberalización
económica e gracias ao contexto do crecemento xeneralizado da economía europea e mundial
tras a Segunda Guerra Mundial. Os tres piares básicos do desenvolvemento económico español
foron:
- O investimento de capitais estranxeiros en industrias que se instalan en España aproveitando
un entorno favorable de baixos salarios, escasa conflitividade e facilidades estatais á inversión.
- As remesas enviadas polos emigrantes en Europa. Máis de dous millóns de españois emigraron
de España para traballar en Europa entre 1950 e 1975.
- Os ingresos do turismo internacional que comenza a chegar masivamente a España en busca
de sol e praia. O crecemento urbano e o turismo fomentarán o auxe da construción
O ritmo de crecemento será excepcional. Producirase un crecemento espectacular da riqueza e
produción nacional (PNB). España converteuse nun país industrializado, abandonando a súa base
agraria e comenzando a mecanización e as melloras técnicas na agricultura que expulsan man de
obra do campo. Faranse visibles unha serie de problemas:
- O crecemento económico é desigual e non é suficiente para proporcionar emprego á poboación
polo que se produce unha forte corrente migratoria tanto do campo ás grandes cidades e áreas
industriais (Madrid, Barcelona e Bilbao) como a Europa (Alemania, Suiza,...).
- Escándalos motivados pola especulación, fraudes na construción, malversación de créditos
estatais, etc. nos que se verán implicados prebostes do réxime (caso Matesa).
- O éxodo rural (emigración campo-cidade) provocará a falta de vivendas, a especulación do solo,
e a aparición de fenómenos de chabolismo nos suburbios urbanos.
- Nas costas comenzará un urbanismo salvaxe, propiciado polo turismo, que será o inicio do que
máis adiante se coñecerá como “Marbellización”.

2.4. A TRANSFORMACIÓN SOCIAL E DAS MENTALIDADES


O desenvolvemento transformou á sociedade española, que pasou de rural a urbana
industrializada e consumista, comenzando a asemellarse á sociedade europea.
As causas foron as melloras logradas polo desenvolvemento económico, as influencias
estranxeiras a través do turismo e da emigración, o impacto dos medios de comunicación de masas
(radio, prensa, televisión).
→ Consecuencias:
● Cambios na estrutura social. Diminución dos xornaleiros agrarios (principais protagonistas da
emigración) e mellora da súa situación económica, incremento dos obreiros da industria e dos
servizos, aumento das clases medias que se converten en maioritarias(profesionais liberais,
funcionarios e asalariados). Nas clases altas (grandes propietarios de terras, dirixentes da
administración, mandos do exército) gañou poder á burguesía industrial e financeira. Estes grupos
dispoñían do poder económico e de gran influencia política, na que utilizaban os mecanismos da
corrupción e o amiguismo.
● Modernización da sociedade. O desenvolvemento urbano propiciou unha España máis aberta,
libre e plural, aumentou a importancia da educación. A Lei Xeral de Educación (1970) ampliou a
escolarización obrigatoria ata os catorce anos, implantou a coeducación e buscou axeitar a
educación á realidade laboral. No campo relixioso apreciáronse transformacións secularizadoras.
Moitos españois empezaron a distanciarse da Igrexa e da tutela clerical e unha parte da Igrexa
apostou pola modernización e os cambios no réxime. A progresiva incorporación da muller ao
mundo do traballo e a súa formación modificou o seu papel na sociedade. Da mesma maneira
comenzou a alteración da familia tradicional.
● Transformacións nas costumes e na vida cotiá. Increméntase o consumismo e prodúcese a
mellora xeral do nivel de vida: cambios na alimentación, primeiros electrodomésticos (neveiras,
lavadoras, televisión), automóbil para a clase media (o seiscentos), vacacións pagadas (veraneo),
acceso á saúde e a seguridade social. Aparece unha cultura á marxe e oposta ao réxime: moda e
estética (hippies), música (rock, cantautores), moral sexual (impacto do bikini).
→ Problemas e conflitos: Desigualdades no reparto da renda con grandes diferencias entre ricos
e pobres, grandes contrastes territoriais entre áreas industrializadas e zonas atrasadas e
practicamente subdesenvolvidas, insuficiencia dos servizos públicos que deixaba desprotexidos a
moitos traballadores... Bolsas de pobreza e chabolismo.

2.5. AS RELACIÓNS CO EXTERIOR


O réxime de Franco buscará nos anos 60 o recoñecemento e plena aceptación dos organismos
internacionais e dos países máis poderosos:
- España solicitará o ingreso na Comunidade Económica Europea, pero esta esixirá como
requisito previo o restablecemento da democracia. Unicamente consegue un tratado comercial de
tipo preferencial en 1970, co que comenza a achegarse a Europa e inserirse na economía
internacional.
- Aceptará a descolonización e independencia de Guinea Ecuatorial e de Marrocos (con algunha
resistencia para ceder zonas estratéxicas como a de Sidi Ifni).
- A cuestión de Xibraltar será motivo do enfrontamento con Gran Bretaña, producíndose o peche
da fronteira en 1968 e a reiterada e patriótica reivindicación dun “Xibraltar español”.
- As relacións cos EEUU xirarán en torno ós acordos acerca das bases militares que situarán a
España ó servizo dos intereses estratéxicos dos norteamericanos. A cuestión máis grave
producirase en 1966, cando un avión deixe caer unha bomba atómica ó mar na costa de Almería.
Será o chamado accidente de Palomares que Manuel Fraga, ministro de Turismo, procurará
disimular bañándose en público nesta praia co embaixador norteamericano.

3. Oposición e represión
Ante o inmobilismo político producirase un aumento da oposición en diferentes sectores. Á
oposición clandestina das esquerdas sumouse a aparición dunha contestación no interior do
réxime, por parte das novas xeracións e sectores católicos.

3.1. A DISIDENCIA SOCIAL


O crecemento económico motivou a aparición de protestas contra o sistema dos sectores máis
descontentos ou desfavorecidos. A labor dos partidos e sindicatos clandestinos foi importante
nesta mobilización.
O réxime porá en práctica todo tipo de medidas represivas, e cando lle fixo falta botou man do
estado de excepción. Ademais, creará un tribunal especial para tratar as protestas que impoñerá
penas moi duras, o Tribunal de Orden Público (TOP).
→ O movemento obreiro
Os conflitos laborais producirán tímidas accións de protesta e folgas. En 1962 formaranse
nalgunhas fábricas comisións para pedir melloras laborais, será o xermolo do sindicato clandestino
de filiación comunista Comisións Obreiras (CCOO). A táctica que empregarán será infiltrarse e
aproveitar as estruturas do sindicato vertical oficial para organizar os traballadores a través dos
convenios laborais e das eleccións sindicais.
A organización será perseguida, declarada ilegal e os seus dirixentes metidos no cárcere (proceso
1001). Aumentará a afiliación tamén a outros sindicatos clandestinos: UXT, USO. Nos anos 70 crece
a actividade sindical aumentando o número de folgas e folguistas.
→ A protesta estudantil na universidade
En 1956 produciuse a primeira mobilización de estudantes, pedindo a democratización do
sindicalismo estudantil e enfrontándose á Falanxe, que pretendía manter o control da
universidade. As protestas serán reprimidas duramente (expedientes, detencións, …).
Nos anos 60 formáronse diversas asociacións de estudantes, que derivaron cara a militancia
política clandestina. O maio francés de 1868 repercutiu nos medios universitarios españois
motivando a mobilización estudantil. O aumento do número de estudantes, a súa maior
concienciación política e a ausencia de liberdades converteron a Universidade española nun foco
antifranquista. A resposta do réxime foi a represión policial, a ocupación das instalacións
universitarias e o peche de facultades.
→A Igrexa católica
Tras o Concilio Vaticano II parte da igrexa española cambiou de actitude con respecto ao réxime,
comenzando a denunciar a falta de liberdades. Aparecen os curas obreiros (sacerdotes instalados
nas barriadas de traballadores) e os movementos obreiros católicos.

3.2. A OPOSICIÓN POLÍTICA


Os partidos políticos organizáronse no exilio e no interior do país, onde actuaron
clandestinamente.
Destacou a actividade do Partido Comunista, que pretendeu dirixir e monopolizar a oposición e
contou coa forza do sindicato CCOO. A actuación clandestina do PCE foi duramente perseguida
polo réxime, como demostrou a execución do seu dirixente Julián Grimau en 1963. No PSOE
xurdiron diferencias entre os socialistas no exilio (os históricos) e os do interior.
En 1962, durante o IV Congreso do Movemento Europeo reunido en Múnic, celebrouse unha
reunión de destacados membros da oposición do interior e do exilio que reivindicaron un réxime
democrático para España. A prensa do réxime denominará a esta reunión o Contubernio de
Múnic, calificando estas demandas como unha inxerencia nos asuntos internos de España. O
goberno castigou con dureza aos participantes do interior que foron metidos no cárcere ou
desterrados, con gran escándalo da prensa europea.

3.3. A APARICIÓN DO TERRORISMO


A radicalización do nacionalismo vasco contra Franco provocará unha escisión no PNV que
desembocará na fundación da ETA en 1959, como movemento revolucionario de liberación
nacional. ETA cometerá o seu primeiro asasinato en 1968.
Como resposta o réxime establecía a “Lei de represión do bandidaxe e terrorismo”, que pasaba
á xurisdición militar estes delitos e facía habitual o estado de excepción. En 1970 o Proceso de
Burgos ditará 9 penas de morte que suscitarán fortes protestas internacionais.

You might also like