You are on page 1of 2

17.

A GUERRA CIVIL: SUBLEVACIÓN, BANDOS EN CONFLITO E


DIMENSIÓN INTERNACIONAL.

Un alzamento militar contra contra a II República estaba previsto para o día 18 de xullo de 1936, mais
iniciouse o día antes en Melilla e estendeuse axiña ao resto das tropas do Protectorado español en Marrocos,
ao mando das cales se puxo o xeneral Franco, tras declarar o estado de guerra nas Canarias.
Entre os días 18 e 20 de xullo, o alzamento militar espallouse ao resto do territorio español, con
resultados moi diversos. Triunfou en parte de Andalucía, onde o xeneral Queipo de Llano se fixo co poder
en Sevilla, mentres se sublevaban as gornicións de Cádiz,Córdoba e Granada. O xeneral Mola ocupou
Nafarroa, o centro da conspiración. En Zaragoza, o xeneral Cabanellas logrou dominar a maior parte de
Aragón. Tamén se levou a termo a rebelión militar en Castela, León, La Rioja, Galiza, Canarias, Mallorca
e parte de Extremadura.
Nas grandes cidades (Madrid, Barcelona, Valencia), o porto de Cartaxena e zonas industriais de Asturias,
País Vasco e Cataluña abortouse a sublevación militar. Nestes lugares, boa parte do exército e das forzas da
orde pública (a Garda de Seguridade e de Asalto e a Garda Civil) mantivéronse fieis á República, ao que se
engadiu a forte resistencia popular de milicianos das organizacións políticas e sindicais.
Desde o 20 de xullo dese ano, o país quedou dividido en dúas zonas enfrontadas. As principais cidades,
as zonas industriais e as reservas de ouro do Banco de España quedaron en poder do goberno e das
organizacións políticas e sindicais da Fronte Popular; e as zonas agrarias, máis conservadoras e de maioría
católica, en mans dos militares sublevados.
Aproximadamente a metade do exército, boa parte da mariña e da aviación, dous terzos das forzas de
seguridade (Garda de Asalto e Carabineiros) e máis da metade da Garda Civil mantivéronse fieis ao goberno
republicano. Porén, as tropas que dirixían os sublevados eran as mellor dotadas e preparadas para o combate
(o Terzo da Lexión e os Regulares) e contaban cos oficiais máis novos. Ademais, a superioridade inicial do
goberno axiña foi superada polos rebeldes grazas á chegada de avións italianos e alemáns moito máis
modernos.
A finais de xullo de 1936 a sublevación derivará nunha guerra civil, que dividiu o país en dous bandos:
— Por un lado, os sublevados, que se autodenominaron “nacionais”, xustificaban a súa acción como un
medio para acabar coa anarquía, restablecer a orde e exterminar os “inimigos da patria” (anarquistas,
comunistas, socialistas e separatistas), cualificados todos eles de “roxos”. Contaron co apoio das oligarquías
tradicionais, pequenos propietarios agrarios, clases medias católicas, partidos de dereitas (como a CEDA) e
organizacións de extrema dereita (falanxistas e tradicionalistas carlistas) e da Igrexa católica, que cualificou
a guerra de “cruzada de liberación”.
— No outro lado estaban os republicanos, que contaban coa lexitimidade de estar defendendo o sistema
legal e a democracia fronte ao fascismo que se estaba a estender por Europa. Dentro deste bando había
grandes diferenzas ideolóxicas, que abranguían desde os republicanos reformistas ata os sectores máis
revolucionarios, como os anarquistas ou comunistas, que pretendían establecer a revolución social ao mesmo
tempo que se desenvolvía a guerra.
Ambos os bandos van ter simpatizantes fóra das fronteiras. Os sectores conservadores e a maioría dos
católicos verana como unha contenda entre a civilización occidental e o comunismo ateo. Porén, para os
sectores populares e intelectuais de esquerda era unha loita pola liberdade e contra o fascismo.
No momento no que estala a Guerra Civil, as relacións internacionais eran moi tensas, tanto, que
calquera crise podería desembocar nunha nova guerra mundial. Francia impulsou, coa axuda do Reino
Unido, a política de non intervención no conflito español. A finais de agosto de 1936, 27 países, incluídos
Alemaña, Italia e a URSS, subscribiron o Acordo de Non Intervención en España, polo que se prohibía a
exportación de armas, municións e material de guerra de calquera tipo a España e ás súas posesións no
norte de Marrocos. Pouco despois constituíuse o Comité de Non Intervención, un organismo formado por
representantes dos Estados asinantes do acordo, cuxa misión era vixiar que non se incumprise o embargo
de armas. Estados Unidos, pese a non subscribir o dito acordo, secundou a política de neutralidade e
decretou o embargo de armas.
Na práctica, o Acordo de Non Intervención non se cumpriu e deixou á República en clara desvantaxe
fronte aos militares sublevados, pois mentres as democracias se escusaron no acordo para non apoiar a
República, Alemaña e Italia incumprírono desde o primeiro momento.
Así as cousas, a República só puido contar co apoio e a axuda militar da URSS de Stalin e, en moita
menor medida, de Francia e México. A axuda soviética en material bélico, pilotos, técnicos e conselleiros
políticos foi importantísima para soster a República e evitar o seu derrubamento inmediato, mais tivo que
ser pagada en efectivo e non foi regular. A decisión de Stalin de intervir na Guerra Civil española respondeu,
sobre todo, a razóns políticas e estratéxicas, pois consideraba que a derrota da República debilitaría a
Francia e fortalecería o eixe nazi-fascista.
Da intervención estranxeira a favor da República sobresaen as Brigadas Internacionais, formadas por
voluntarios dun amplo abano ideolóxicos (comunistas, anarquistas, socialistas e demócratas a secas), todos
eles movidos pola solidariedade coa causa republicana fronte á ameaza internacional do fascismo. Foron
organizadas por dirixentes dos partidos comunistas integrados na III Internacional e a súa axuda foi moi
destacada nalgunhas frontes, como a defensa de Madrid e a batalla de Teruel. Numericamente, o seu apoio
non pode ser comparado co que os nacionais recibiron de italianos e alemáns, mais elevaron a moral dos
combatentes republicanos e na retagarda.
A República financiou a guerra coas reservas do Banco de España, investíndoo na súa totalidade en
compras de material bélico.
Pola súa banda, os nacionais recibiron a axuda de Hitler e Mussolini, por motivos tanto políticos como
estratéxicos. Hitler viu na guerra española un campo de probas para o seu material militar e novas tácticas
de guerra. Mussolini, pola súa parte, intentaba conseguir un aliado no Mediterráneo occidental. Xa a fins
de xullo de 1936 os nacionais conseguían axuda militar de ambos os dous líderes.
Alemaña enviou unidades de carros de combate e forzas de defensa aérea e aviación, organizadas na
chamada Lexión Cóndor. A achega italiana foi máis numerosa e estivo constituída polo CTV (“Corpo di
Truppe Voluntarie”), procedente do exército e da milicia fascistas, e a Aviazione Legionaria. Destacou tamén
a axuda da ditadura do Estado Novo portugués, que organizou un corpo de voluntarios, os “Viriatos”, que
loitaron contra República. Esta axuda militar de nazis e fascistas foi constante, moi considerable e decisiva
para a vitoria do exército de Franco. Ademais, italianos e alemáns proporcionáronlle créditos, que cobraron
coa entrega de alimentos, materias primas e minerais.
Por último, grandes compañías mutinacionais angloamericanas (como Texaco ou Shell)
subministráronlle a Franco petróleo a crédito; e a Ford e General Motors proporcionáronlle material de
transporte.

You might also like