You are on page 1of 2

A orixe do léxico galego:

Seguramente, se preguntásemos de onde provén o léxico do galego, a maioría de vós responderiades


sen pensalo que procede do latín. E realmente non estaría mal esta contestación, xa que a maioría do
léxico da lingua galega, como idioma romance que é, procede da latina. Por iso, o latín supón o
estrato do galego.

Non obstante, a lingua dos romanos non constitúe a única fonte do noso léxico, pois existe unha
porcentaxe importante de palabras provenientes doutras falas ou doutros idiomas. Entre elas,
encontramos as procedentes dos elementos de substrato e superestrato.

O substrato galego:

Conforman o substrato do galego todas aquelas palabras que proceden das linguas faladas no
territorio da Gallaecia con anterioridade á chegada dos romanos. Cantas falas existiron nestas
latitudes por aquela época e cales eran todas elas é algo que, a día de hoxe, non podemos saber.
Porén, si podemos apreciar a súa pegada no léxico e na toponimia galega.

Calcúlase que contra o ano 3000 a. C. comezaron a chegar compoñentes preindoeuropeos, dos
cales algúns (non todos) deixaron vocábulos coincidentes co éuscaro. Palabras como amorodo,
sobaco, zamarra, barra, barro, morea, veiga, touza, lastra, bruxa, toxo,... quedarían encadradas
nesta primeira fase.

Posteriormente, a partir do ano 800 a. C., principiarían a chegar os pobos que deixaron
compoñentes indoeuropeos. Respecto á definición de indoeuropeo, remítovos á entrada da guía
titulada: “Que é o indoeuropeo?”.

Trátase de pobos paraceltas, preceltas, protoceltas,... que deixaron paralabras como pala (co
significado de cova), páramo, pa,.. Igualmente, encontramos presenza do seu paso por Galicia na
toponimia: Ambroa, Beasque, Tarascón,...

O superestrato:

Se o substrato se compón por aquelas palabras procedentes das linguas anteriores ao latín, o
superestrato suporá as compoñentes provenientes de linguas posteriores ao idioma latino. Desta
forma, o superestrato galego pode ser xermánico ou árabe.

O superestrato xermánico:

No ano 411 d. C., os suevos asinan un foedus con Roma, un documento que lles permitía asentarse
nun dos territorios do Imperio. Neste caso, o lugar elixido foi a Gallaecia.

Porén, antes e despois dos suevos existiron outros pobos tamén xermánicos que deixaron a súa
pegada no noroeste peninsular (vándalos, alanos, visigodos,...). Todos eles tiveron en común o feito
de que aceptaron o latín como lingua vehicular, se ben deixaron numerosos exemplos de léxico,
tales como: guerra, gardar, gorecer, guiar,...

Tampouco pasou desapercibida a súa presenza nos topónimos e antropónimos, tales como os
acabados en -ulfe (Randulfe), -iz (Guitiriz), -mil e -mir (Ardemil, Samil, Baldomir), -rei (Recarei,
Forcarei),...
O superestrato árabe:

Contra o ano 711 d. C. os musulmáns invaden a Península Ibérica e, como non podía ser doutro
xeito, isto implicou que deixasen compoñentes do seu léxico nas linguas iberorromances.

Aínda que a influencia musulmá en Galicia foi menor á producida nas zonas do centro e do sur
ibéricos, isto non excluíu a existencia de léxico árabe en:

-Palabras relacionadas coas matemáticas e as ciencias: álxebra, algoritmo, alcohol,...

-Palabras relacionadas con xogos, instrumentos, alimentos ou plantas que non eran propias
desta zona: xadrez, xaque, xaque mate, acea, arroz, azafrán, cenoria, aceite, xarope, limón,...

-Palabras relacionadas con oficios ou cargos: alcalde, alguacil, alfaiate,...

-Palabras relacionadas coa política ou co ámbito militar: alfándega, alférez,...

You might also like