You are on page 1of 4

HISTORIA DA LINGUA : A IDADE MEDIA E OS SÉCULOS ESCUROS

1. A IDADE MEDIA

A Idade Media é un periodo de tempo que en Europa comprende mil anos: desde o século V
ata o XV 1.Nos primeiros séculos deste periodo prodúcese a evolución desde o latín ás diferentes
linguas romances, linguas que terminan de formarse contra finais do séc. VIII ou comezos do IX.
Sabemos que nesta altura o galego xa se falaba, anque non se escribía: a lingua da cultura, da
administración, da igrexa, a lingua escrita en definitiva, seguía a ser o latín.
Era moita a diferencia entre o latín e o idioma que se utilizaba normalmente, onde se
notaban xa os cambios e influencias dos substratos e superestratos 2 . Esta diferencia facía que os
escribáns, os sacerdotes e xente que trataba co público en xeral, tomasen anotacións á marxe nos
documentos latinos que empregaban: esas anotacións son as “glosas” e grazas a elas sabemos que
existían xa as linguas romances anque aínda non se escribisen.
Polo tanto sabemos que desde o século IX a língua falada no extremo noroccidental da
Península estaba tan diferenciada do latín, que podemos considerar a existencia de dúas linguas:
latín e galego. Porén non aparecerán textos escritos en galego ata finais do século XII, xa que o latín
era a lingua de cultura dos documentos legais, da liturxia e do ensino, non só na Gallaecia, senón en
toda a Europa medieval. Ao longo do século XII comezará a usarse por escrito tanto o galego-
portugués como as restantes linguas románicas.
Esta é a etapa de maior esplendor da literatura galega. O galego-portugués convértese na
língua por excelencia da lírica en case toda a Península. O galego atinxe agora o rango de lingua
internacional, xa que está presente tanto na obra de literatos de diversos países (galegos,
portugueses, casteláns, occitanos, sicilianos, etc.), coma en diferentes cortes reais e señoriais
(Santiago, Toledo, Coímbra, Lisboa...).
Xa vimos que á lingua deste periodo se lle chama galego-portugués, pois se trataba da
mesma lingua a ambos lados do Miño3.
O periodo medieval foi moi positivo para o galego-portugués, lingua normalizada e
vehículo dunha importantísima produción literaria en toda a Península. Os séculos XI, XII, XIII e
comezos do XIV foron os do máximo esplendor da cultura galega.
Tal vez esta época de esplendor comezase no século IX, cando se descobre un sartego,
supostamente do Apóstolo Santiago, que chegará a convertir a Compostela na terceira cidade da
cristiandade (xunto con Roma e Xerusalém). Como centro de peregrinación cobrará unha gran
relevancia e as consecuencias serán moi positivas: medra a demografía, multiplícanse os
asentamentos de poboación, mellórase a agricultura e, en xeral, a marcha económica da nosa terra.
O século XII será a chamada “Era Compostelá”. Nesta época Santiago, símbolo da cristiandade
frente ao invasor musulmán, ve como as peregrinacións van en aumento, constrúese a catedral
(1075-1124) e vívese un auxe que durará ata o século XIV. É un periodo de gran importancia
cultural: en Santiago se desenvolven o Románico, as primeiras composicións polifónicas, a
medicina e a farmacia necesarias para atender aos peleríns no Hospital de Santiago e nos diversos
mosteiros galegos ... Ao mesmo tempo, a nosa lingua érguese entre todas como a preferida dos
1
véxase o contexto histórico nos apuntes de literatura medieval.
2
explicados no tema “A formación da lingua”

3
Sen embargo o Condado Portucalense conseguiu a independencia política (1128), nacendo así
Portugal, mentres Galicia pasou a depender de Castela. Esa foi a causa de que o galego e o portugués
comezasen a diferenciarse: a fala do Sur do Miño continuou a súa evolución normal, empregándose en todas
as funcións lingüísticas, mentres no territorio galego ía ser substituída pouco a pouco polo castelán nos usos
públicos, non se permitirá publicar en galego e careceremos dunha gramática ata finais do séc. XIX.

Historia da lingua – Primeira Parte (Idade Media e Séculos Escuros) 1


poetas do momento, que a utilizaban tanto se eran galegos como se non (sirva de exemplo o propio
rei Afonso X de Castela 4 ).
Durante a Idade Media o galego, como lingua propia desta terra, chegou a empregarse en
todos os contextos con normalidade, mesmo no ámbito xudicial e administrativo, pero o remate
deste periodo histórico representa para nós unha época moi negativa, en que a lingua desaparece
completamente da escrita, substituída polo castelán. Este é un feito singular que nos leva a falar dos
“Séculos Escuros” para referirnos a unha etapa que noutras linguas sen embargo se considera
positiva (o “Renacemento”, o “Barroco”...)

2. OS SÉCULOS ESCUROS

A partir da metade do século XIV a situación da nosa lingua muda radicalmente. Mentres
no veciño Portugal vive outro periodo de esplendor, espallándose polo mundo e producindo unha
importantísima literatura, na nosa terra sufrirá unha etapa de forte desprestixio que durará ata os
comezos do século XIX. Esta lamentábel etapa coñécese co nome de “Séculos Escuros” pola
ausencia case total do galego escrito e polo progresivo deterioro da lingua, que perdeu totalmente os
usos cultos e pasou a estar moi mal vista socialmente. Cales son as causas deste cambio tan
enorme?

As causas dos Séculos Escuros

2.1. Un proceso común a toda Europa, que leva aos historiadores a marcar o remate da
Idade Media e o comezo da Idade Moderna, é o nacemento dos estados modernos. A fin da Idade
Media significa o principio doutra etapa, moi distinta en todos os aspectos sociais, políticos,
económicos e culturais. Vai desaparecer o feudalismo, e os nobres terán en adiante menos poder,
sometidos a unha autoridade central que na Idade Media apenas existía. As monarquías autoritarias
foron comúns en toda Europa durante esta época, e na Península temos o exemplo dos Reis
Católicos. Este cambio tan profundo afectou a todos os idiomas, a uns positiva e a outros
negativamente: unha autoridade centralista precisa antes de nada un idioma común para todo o seu
territorio, un idioma en que redactar as súas leis e impoñer a súa xustiza. As linguas que foron
utilizadas por estes estados foron protexidas e fomentadas e acadaron gran prestixio social, as que
non tiñan un estado apoiándoas foron esmorecendo, moitas chegaron a desaparecer. O portugués
pasou a ser a lingua do estado e da monarquía de Portugal. No noso caso, pola contra, a lingua do
estado pasou a ser o castelán, e o galego quedou relegado exclusivamente ao uso oral. Non deixa de
ser asombroso que a pesar de todo, durante máis de catrocentos anos continuase falándose e puidese
recuperarse a partir do século XIX da maneira en que o fixo.
2.2. A este proceso de centralización, que se deu en todos os países europeos, uníronse
outros factores que contribuíron a prexudicar á nosa lingua. Entre eles a substitución da nobreza
galega por outra foránea. Os nobres galegos podían ter sostido ata certo punto o uso da lingua, pero
non puideron facelo porque se viron envoltos nunha serie de guerras que practicamente acabaron
con eles.

4
Na Idade Media o galego era a lingua de cultura por excelencia en toda a península, especialmente
na lírica, e disto dan fe as cantigas (de amigo, de amor, de escarnio e maldicir, e tamén as Cantigas de Santa
María.) Tocante á prosa, son de finais do século XIII e principios do XIV as traduccións da Primeira Crónica
Xeral de España e da Crónica de Castela; da segunda metade do XIV o Tratado de Albeitaría, os Milagres
de Santiago, a Crónica Troiana e a Xeral Historia; e do XV a Crónica de Santa María de Iria.

Historia da lingua – Primeira Parte (Idade Media e Séculos Escuros) 2


- O primeiro conflito foi durante a guerra civil entre Pedro I de Borgoña e Henrique de
Trastámara (século XIV). Henrique de Trastámara rebelouse contra o rei e conseguiu bastantes
apoios, pero a nobreza galega permaneceu ao lado de Pedro I, quen finalmente perdeu.
Loxicamente, o rei vencedor impuxo a súa xustiza, condenou aos seus inimigos e desterrounos,
cedendo as súas terras a aqueles que o apoiaran na contenda. Así foi como, no reinado de
Henrique II, entrou en Galicia unha aristocracia procedente de Castela, acompañada das súas cortes,
administradores, etc., todos eles castelán-falantes. Co tempo, a sociedade comezou a percibir que as
clases altas falaban castelán e o galego foi véndose como un signo de pobreza e incultura.
- Houbo un segundo conflito similiar, con idéntico resultado, cen anos despois. Ao morrer
Henrique IV, a finais do século XV, sen fillos varóns, desatouse unha guerra polo trono de Castela
entre a súa filla, Xoana, e a irmá do rei defunto, Isabel. A nobreza galega que aínda quedaba apoiou
á herdeira do rei, Xoana, que finalmente perdeu o conflito, e Isabel pasou a reinar como Isabel I “A
Católica”, procedendo respecto a Galicia exactamente igual que fixera o Trastámara. A represión
chegou a tal punto que Galicia quedou incluso sen voto nas reunións das Cortes, representada por
Zamora. Os nobres galegos foron obrigados a derrubar os seus castelos e disolver os seus exércitos,
que foron substituídos pola “Santa Hermandad”, unha policía da Coroa criada en 1480 e que se faría
tristemente famosa pola súa queima de “bruxas” e “herexes” que eran, ao parecer, tan abundantes
en Galicia...
2.3. Por outra parte, en Galicia nunca houbo unha forte burguesía autóctona. Non habendo
nobreza, unha burguesía comercial e artesá de orixe galega podía defender os seus intereses
culturais, económicos e políticos, pero na nosa terra non houbo ese desenvolvemento burgués
propio doutras zonas onde estes sectores se fortalecían nas cidades. En Galicia, ao longo do século
XIV houbo unha serie de revoltas populares, coñecidas como as “guerras irmandiñas”, que
trouxeron como consecuencia a desorganización e represión dos participantes: o campesiñado, a
pequena nobreza e a burguesía.

A lingua durante os Séculos Escuros

Aparece nesta época o conflito lingüístico producido pola presencia de dous idiomas no
noso territorio, o galego, que nos era propio, e o castelán, traído pola nobreza gobernante, a
administración do estado, as clases poderosas e todos aqueles que medraban socialmente. Pouco a
pouco comezou a asumirse que o galego, lingua falada pero nunca escrita, era unha lingua inferior,
e comezou a estenderse o uso do castelán desde as clases altas ás baixas que imitaban a fala dos
poderosos.
O galego deixou de escribirse coa primeira chegada da nobreza de fóra ao servizo de
Henrique II, desapareceu dos documentos legais, administrativos, etc. Tampouco os altos cargos
eclesiásticos falaban galego, pois eran nomeados entre os fillos da nobreza. Desapareceron os usos
culturais e literarios do galego porque a nobreza castelán-falante non ía promover este idioma, non
ía manter un escritor en lingua galega, que estes nobres non entendían nin valoraban. A invención
da imprenta, no século XV, facilitou que se escribisen máis libros e chegasen máis rápido á xente, e
que fosen máis baratos, co que se estendeu a cultura, pero en castelán. A necesidade de imprimir
libros escritos da mesma maneira, de unificar a lingua escrita cunha norma estándar, fixo que os
estudosos redactasen as primeiras gramáticas, que son do século XV, pero non houbo unha
gramática do galego, que terá que esperar ata finais do dezanove para ter tamén unha gramática e un
dicionario. Os conflitos sociais, as guerras en que a nobreza galega participara, as posteriores
guerras irmandiñas, fixeron que os gobernantes desconfiasen das manifestacións culturais en galego
e o visen como un signo de rebeldía. Só os pobres, os labregos, os analfabetos, falaban galego, e

Historia da lingua – Primeira Parte (Idade Media e Séculos Escuros) 3


aínda este galego que falaban tiña cada vez máis castelanismos... A nosa lingua estaba seriamente
en perigo de desaparición, limitada aos usos privados, familiares e coloquiais, sen unha norma
escrita e considerada polos estudosos do momento como un simple dialecto exótico, un castelán mal
falado polas capas baixas desa afastada e empobrecida rexión dun recunchiño peninsular.

Os textos dos Séculos Escuros

Conservamos algúns documentos, cartas e mesmo mostras literarias, pero a realidade é que
o rexistro culto do galego era o castelán, e cando o galego aparece nalgún texto soe ser como
contraste costumista para reflectir a fala vulgar en contraste co castelán correcto.
Entre os textos da época destacan algúns exemplos de poesía culta barroca e breves pezas
de teatro, como o Entremés famoso sobre a pesca do río Miño, de Gabriel Feixoo de Araúxo.
Destacan os poemas inspirados no Nadal (panxoliñas, aninovos, reises) e a lírica tradicional de
transmisión oral que pervive aínda hoxe (cantigas de cego, arrolos, coplas de traballo, de entroido...)
así como contos, lendas e outras mostras similares da cultura popular.

A Ilustración

Durante o século XVIII dáse este movemento en toda Europa, a Ilustración, caracterizado
polo razoamento lóxico, a experiencia científica e o desexo de mellora social. Un grupo minoritario
de intelectuais ilustrados deron mostras de preocupación pola marxinación lingüística da nosa terra.
Escribían sobre os problemas sociais e culturais de Galicia, pero en castelán.
O Padre Feixoo, por exemplo, negou a condición de “dialecto” para o galego e esforzouse
en demostrar que derivaba do latín como o castelán.
O Padre Sarmiento é, sen embargo, a figura máis salientábel deste periodo, un home de
estensísima cultura e interesado non só pola lingua senón pola bioloxía, a administración, a pesca, a
xestión dos impostos... As súas ideas sorprenden pola súa modernidade, chegando mesmo a
reclamar a necesidade do ensino do galego aos nenos, e tamén do ensino en galego, que o galego
fose de coñecemento obrigatorio para os funcionarios que traballasen en Galicia, e por suposto, a
redacción dunhas normas gramaticais e dun dicionario da nosa lingua. El mesmo traballou neste
sentido, na medida das súas posibilidades daquel momento, con obras como a Colección de voces y
frases gallegas, Onomástico etimológico de la lengua gallega, e outras que serviron de exemplo
para autores posteriores.
O Padre Sobreira seguiu o exemplo de Sarmiento e escribiu Idea de un diccionario de la
lengua gallega, Papeletas de nombres de peces e Ensayo para la Historia General Botánica de
Galicia. Por último, Xosé Cornide e Saavedra tamén compuxo un Catálogo de palabras gallegas.

Historia da lingua – Primeira Parte (Idade Media e Séculos Escuros) 4

You might also like