You are on page 1of 9

1

As linguas da Península Ibérica

A Península Ibérica divídese en tres estados (Portugal, España e Andorra), que constitúen un
bo exemplo da diversidade lingüística existente en Europa.
• Andorra é oficialmente monolingüe en catalán pero, debido ao contacto cos estados
veciños e ao alto índice de turismo, presenta unha importante variedade de linguas
(francés, castelán, portugués etc.) nun territorio moi reducido canto á súa extensión.
• Portugal, a pesar de ser un territorio bastante máis extenso, é practicamente
monolingüe, aínda que conta con dúas linguas oficiais: o portugués en todo o Estado
e o mirandés circunscrito a Miranda do Douro.
• Na España peninsular, coexisten sete linguas cunha extensión, vitalidade e
recoñecemento legal moi distintos.
1. A diversidade lingüística no Estado español
O Estado español é multilingüe como a maior parte dos estados do mundo. Cerca da metade
dos cidadáns que habitan no territorio do Estado español reside en áreas xeográficas onde o
castelán convive con outra lingua propia desa área. En total, as linguas faladas en España
son sete: galego, astur-leonés, castelán, éuscaro, aragonés, catalán e aranés. Todas elas
son linguas románicas ou neolatinas, é dicir, derivan do latín, agás o éuscaro, de orixe
descoñecida, pero que se falaba xa na Península antes da chegada dos romanos.
A estes idiomas antes mencionados teriamos que sumar o árabe (23.000 falantes) e o
tamazight (20.000 falantes) das cidades norteafricanas de Ceuta e Melilla, e o romaní
entre a poboación xitana, ademais do portugués en certos lugares de Estremadura.
Se a isto engadimos o idioma que traen consigo os emigrantes procedentes de
distintos lugares, decatámonos que en España, como na case totalidade dos países do
mundo, a diversidade lingüística é enorme.
Durante séculos, o proxecto político estatal hispano construíuse sobre a base de impoñer o
castelán en todo o territorio, discriminando as outras linguas. No pasado recente, foi esa a
orientación da política franquista. Mesmo a actual Constitución (1978) estabelece un réxime
lingüístico disimétrico entre o castelán e as demais linguas. Mentres que para o castelán
existe o deber de coñecelo e o dereito de usalo, para os demais idiomas só existe o dereito de
usalo.
A Constitución Española establece no seu artigo terceiro que o castelán é a única lingua
oficial en todo o Estado e á única que todos os españois teñen o deber de coñecer.
Art. 3.1.- O castelán é a lingua española oficial do Estado. Todos os españois teñen o
deber de coñecela e o dereito de usala.
Art. 3.2.- As demais linguas españolas serán tamén oficiais nas respectivas
Comunidades Autónomas de acordo cos seus Estatutos.
Art. 3.3.- A riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio
cultural que será obxecto de especial respecto e protección.
O castelán ten a súa orixe no latín vulgar falado no condado medieval de Castela (que
na actualidade se situaría entre o sur de Cantabria e o norte de Burgos). A partir do
ano 800 a lingua castelá foise configurando á par das demais linguas romances da
Península.
2

A progresiva unificación político-administrativa dos diferentes reinos peninsulares á


coroa de Castela, motivou a introdución e extensión do castelán nos demais
territorios. O castelán expandiuse por gran parte do novo continente, de xeito que
hoxe é unha das linguas con maior número de falantes.
As outras linguas de España, para que sexan consideradas cooficiais nos seus territorios,
teñen que ser recoñecidas como tales nos respectivos estatutos de autonomía. De aí que a
súa situación legal varíe moito segundo os casos. Así, unha mesma lingua falada en varias
comunidades pode ter recoñecemento legal nunha delas e non noutra (caso do galego e o
catalán). Dúas das sete linguas de España, o astur-leonés e o aragonés, non teñen status legal
de cooficialidade en ningunha das comunidades onde se falan.

Todas as comunidades que recoñecen a cooficialidade das súas linguas propias aprobaron
respectivas leis de normalización lingüística, co fin de promover e regular o seu
coñecemento e o seu uso, compensando así a situación de inferioridade en que se atopan con
respecto á lingua estatal (o castelán).
Así, temos a lei de normalización lingüística de Euskadi (novembro de 1982),
Cataluña (abril de 1983), Galicia (xuño de 1983) e Illas Baleares (xuño de 1986); a
Lei sobre uso e ensino do valenciano (novembro de 1983) e a Lei Foral do
vascuence de Navarra (decembro de 1986). Todas elas teñen unha estrutura e uns
contidos semellantes, aínda que no caso de Cataluña foi substituída pola Lei de política
lingüística, aprobada en xaneiro de 1998.
3

1.1. O catalán
O catalán conta con arredor de dez millóns de falantes. En España fálase en cinco
Comunidades: Cataluña, as Illes Balears, a Comunidade Valenciana, a franxa de Ponent
aragonesa e a zona de El Carxe, en Murcia. Fora de España fálase en Andorra, o Roselló
francés, e a cidade italiana de L’Algher, na illa de Sardeña. É a lingua oficial de Andorra e
cooficial co castelán en Cataluña, Comunidade Valenciana (a variante denominada valencià),
Illes Balears.
O catalán posúe unha rica tradición literaria dende a Idade Media. A comezos do século XVIII
empezou a ser marxinado e perseguido o seu uso a raíz dos Decretos de Nueva Planta. No
século XIX, a Renaixença literaria puxo en marcha o proceso de normalización, que se
consolidou legal e socialmente durante a 2ª República (Estatut de Autonomía, Generalitat,
cooficialidade…). Padeceu durante o franquismo proscrición e persecución, mais amplos
sectores da sociedade catalá reaccionaron ante iso. Co Estatut de Autonomía de 1979
recuperou o carácter de lingua oficial.
Na actualidade o catalán é unha das linguas minorizadas con maior prestixio de toda
Europa, aínda que a súa situación varía moito en función dos distintos territorios en que se
fala. Agás en Cataluña, Andorra e Baleares, o catalán corre perigo debido á presión secular
das linguas estatais de España, Francia e Italia.
Conta cun gran prestixio social e cultural por ser a lingua asociada á burguesía. O seu
proceso de normalización está moi avanzado en numerosos ámbitos da vida social en
Cataluña. As políticas de integración tiveron como resultado a catalanización de amplísimos
sectores de poboación inmigrante da máis variada procedencia, grazas, en grande media, á
inmersión lingüística no sistema educativo (con todas as materias en catalán agás lingua e
literatura castelá) que consegue que os fillos dos inmigrantes aprendan a lingua propia do país
dende pequenos e de xeito progresivo.
Os programas de inmersión lingüística aplicáronse por primeira vez, con resultados moi
satisfactorios, no Canadá francés, en Quebec, con nenos e nenas falantes de inglés que
eran escolarizados totalmente en francés.
Porén, a pesar da cooficialidade, o catalán padece unha situación diglósica en Valencia e
Balears e a esixencia do seu coñecemento para acceder a determinados postos públicos
(médicos, profesorado etc.) provoca a reacción dos sectores máis conservadores.
En Francia, en Aragón, e en Sardeña non recibe ningún tipo de recoñecemento ou protección.
En Aragón mesmo hai sectores que se negan a recoñecer que sexa catalán e prefiren falar de
aragonés oriental. Nas institucións europeas está recoñecido como lingua de traballo desde
1990.
Dispón dunha variedade estándar e normativa desde 1913, debida ao filólogo Pompeu Fabra
e ao Institut D’Estudis Cataláns. Na actualidade, existe unha polémica sobre o carácter do
valenciano, que maioría dos filólogos considera como unha variedade do catalán occidental,
pero que é defendido como lingua distinta, con normas diferenciadas, por certos sectores
políticos e culturais.
4

1.2. O éuscaro ou vasco


É unha lingua preindoeuropea. Fálano máis de seiscentas mil
persoas en Euskadi, no norte de Navarra, no Condado de
Treviño (dentro da provincia de Álava, pero pertencente á
provincia de Burgos, en Castela e León) e no País Vasco
francés (Iparralde).
O éuscaro estivo até hai ben pouco tempo nunha situación de
fragmentación dialectal moi forte. En 1919 fundouse a
Academia da Lingua Vasca (Euskaltzaindia) e desde 1968
dispón dunha variedade estándar, obra do filólogo Luís de
Mitxelena, denominada euskera-batua (éuscaro unificado).
O éuscaro sufriu desde mediados do século XIX un gran
retroceso debido ás políticas de marxinación dos Estados español e francés, e á represión do
seu uso durante o réxime franquista e pola inmigración masiva de castelán-falantes ao longo
de todo o século XX. Todos estes factores colocárono en risco de desaparecer: en 1975 só o
empregaba o 22% da poboación.
Nas últimas décadas, a política lingüística do goberno vasco conseguiu que se incrementase
sensiblemente o número de persoas que posúe competencia lingüística en éuscaro, ao tempo
que se produciu un notable aumento da produción literaria e o emprego do idioma en todos os
ámbitos, usos e funcións. Non obstante, a extensión do éuscaro vese limitada na práctica
debido á gran distancia lingüística que existe entre esta lingua e as demais linguas da
Península (todas románicas). Isto provoca problemas de adquisición da competencia, non só
activa, senón tamén pasiva (capacidade de comprensión), o que non ocorre nas outras
comunidades bilingües de España. En consecuencia, o principal obxectivo da súa política
lingüística a curto prazo é a euscaldunización de toda a poboación, no sentido de que todos os
seus habitantes sexan capaces de entender e falar a lingua propia.
Actualmente, porén, experimenta unha tendencia clara cara á recuperación e o incremento
de usos como froito da reivindicación social e a planificación normalizadora, con especial
incidencia no ensino, no ámbito cultural e nos medios de comunicación. A tendencia xeral
é positiva, pois o número de vascoparlantes entre a poboación máis nova non fixo máis que
medrar nos últimos lustros. Calcúlase que entre os menores de 15 anos domínao xa arredor do
75%.
O éuscaro é lingua cooficial dende 1982 na Comunidade Vasca e en determinadas zonas de
Navarra (a vascófona, ao norte, e a mixta, que inclúe a capital, Iruña/Pamplona). En Iparralde
(Fancia) carece, polo momento, de recoñecemento oficial.
1.3. O asturiano ou astur-leonés
O asturiano ficou desde moi cedo minorizado polo castelán, en situación diglósica e
fragmentado dialectalmente. Hoxe é usado, sobre todo en contextos orais e informais. Fálase
en Asturias (cunha cifra de falantes que oscila desde os cen mil aos catrocentos cincuenta
mil), no oeste de Cantabria, no norte e noroeste de León e na Seabra de Zamora (uns
2.000 falantes). Pero nestas zonas a súa situación é peoor que en Asturias. En Portugal fálase
unha variante (o mirandés) na zona de Miranda do Douro. (unhas 15.000 persoas. A
UNESCO considera o astur-leonés en perigo de extincións.
5

O astur-leonés só goza de recoñecemento oficial en Miranda do Douro (Portugal), desde o


ano 1999, pero os seus falantes son maioritariamente persoas maiores.
En España unicamente se establece que será obxecto de protección e promoción. Así, o
Estatuto do Principado de Asturias, de 1981, limitábase a sinalar que o bable
(denominación pexorativa) gozaría de protección e que se promovería o seu uso. Algo
semellante sucede co Estatuto de Castela e León respecto da variante leonesa do Astur-
leonés, respecto do que se di que o leonés será obxecto de protección específica por parte das
institucións pola seu particular valor dentro do patrimonio lingüístico da Comunidade.
No ensino só existe a posibilidade de estudar astur-leonés como materia optativa, a pesar do
cal presenta un alto nivel de escolarización: case o 80% en primaria e máis do 30% en
secundaria. Na universidade de Oviedo pódese estudar o posgrao de Especialista en
Filoloxía Asturiana, que é un título propio desa universidade.
Conta cunha Academia de la Llingua (1980), cunhas Normas ortográfiques (1981),
Gramática (1998) e Dicionario (2000). A variedade estándar baséase maiormente nas falas
do centro da rexión asturiana. A súa presenza nos medios de comunicación é moi escasa, se
ben conta con varios xornais dixitais.
Ten habido varios intentos de convertelo en lingua cooficial xunto co castelán e o galego
de Asturias, o último intento foi durante a lexislatura 2018-2023, pero todas as pretensións
fracasaron por falta do consenso necesario.
1.4. O aragonés
Igual que ocorre co Estatuto de Asturias, no Estatuto de Aragón non se fala de cooficialidade
do aragonés e castelán, senón de «protección» das «linguas e modalidades lingüísticas
propias». O aragonés está en franca regresión, pois só sobrevive como lingua familiar e
coloquial na metade norte da provincia de Huesca, sobre todo nos vales pirenaicos.
Fálano aproximadamente 12 000 persoas, sobre todo en contextos orais, familiares e
informais. Compréndeno ou úsano esporadicamente, ademais, outras 35.000 persoas. A
maioría dos falantes son persoas maiores. Entre os menores de 15 anos só o fala un 5%. Cada
vez ten menos presenza no ensino, onde só se pode estudar de forma voluntaria. A UNESCO
inclúeo na categoría de lingua en serio perigo de desaparición.
O aragonés presenta variedades dialectais moi marcadas, coma o ansotano, o cheso, o
chistabín, o panticuto, o belsetán e o ribagorzano (alto e baixo).
Ata 1996 non tivo ningún recoñecemento nin protección oficial. Está practicamente ausente
dos medios de comunicación e do ensino (agás nalgúns concellos, onde se introduciu como
materia optativa en secundaria a partir de 1997). O impulso do movemento aragonesista
supuxo a aparición de neofalantes en zonas como Zaragoza e Teruel e o seu uso público tanto
na escrita literaria como en grupos de música, revistas culturais etc. A primeira gramática
publícase en 1977, elaborada polo escritor Francho Nagore Laín. A primeira normativa
ortográfica é de 1987, impulsada polo Consello d’a Fabla Aragonesa, pero actualmente
existen varias propostas en controversia.
A lei de uso, protección e promoción das linguas e modalidades lingüísticas propias de
Aragón (2013) establece que ademais do castelán, Aragón ten como propias, orixinais e
históricas as linguas aragonesas coas súas modalidades lingüísticas de uso predominante
nas áreas septentrional e oriental da Comunidade Autónoma, e engade que gozarán de
6

protección; promoverase o seu ensino e recuperación, e recoñécese o dereito dos falantes ao


seu uso nas zonas de utilización histórica predominante destas, onde se favorecerá a
utilización delas nas relacións coas administracións públicas.
En abril de 2023 a Academia Aragonesa de la Lengua aprobou un acordo normativo sobre a
ortografía da lingua, pero para cuxa aplicación se establece un período transitorio no ensino,
por falta de materiais na nova norma.
1.5. O aranés
É unha variante do occitano. Fálano unhas 6000 persoas no Val d’Arán (Pirineos), na
provincia de Lleida, único lugar onde o occitano ten recoñecemento oficial.. As capas máis
novas da poboación, que o usan menos, sábeno ler e escribir mellor que as capas máis vellas.
Con todo, as porcentaxes de uso son moi superiores ás do conxunto do occitano en terras de
Aquitania e Languedoc (Francia).
O aranés ten normas ortográficas propias (1982). No Val d’Arán está presente no ensino
(desde o curso 1983-84) en todos os niveis do ensino obrigatorio omo materia e como lingua
vehicular.
En cambio, ten escasa presenza nos medios de comunicación (carece por exemplo dunha
canle de televisión propia). Aínda que nos últimos tempos perdeu falantes, nel reside o futuro
do occitano, xa que a situación desta lingua en Francia, sen recoñecemento legal, é moi
precaria.
Desde 2006 hai unha Gramática aranesa. Os topónimos teñen como única forma oficial a
aranesa.
Desde 2010 é lingua cooficial en toda Cataluña, xunto co catalán e o castelán.

1.6. O galego
É o romance máis occidental da Península e fálano 2,5 millóns de persoas. Constituíu un
mesmo idioma xunto co portugués ata finais da Idade Media, cando os falares do norte e do
sur do río Miño comezaron a distanciarse paulatinamente. O período medieval caracterizouse
polo seu uso normal na sociedade, ao tempo que gozou dun enorme prestixio literario.
Dende a época dos Reis Católicos o galego sufriu unha longa etapa de marxinación, os
chamados “Séculos Escuros”, en que apenas tivo cultivo escrito. Comezou a súa recuperación
como lingua de cultura no século XIX (Rexurdimento). É entón cando aparecen as primeiras
gramáticas e dicionarios e se recupera definitivamente o cultivo literario. A fundación da
Real Academia Galega prodúcese no ano 1906. A primeira normativa ortográfica e
morfolóxica foi obra das Irmandades da Fala, (Algunhas normas pra a unificazón do idioma
galego) organización fundada en 1916 e artífice de grandes avances no proceso de
normalización lingüística e cultural.
Despois da regresión sufrida durante a etapa franquista, a lingua galega chega ao último terzo
do século XX cunha acusada tendencia á perda de falantes nos ámbitos urbanos e entre a
poboación máis nova. En 2018, só un 26,2% da poboación entre 5 e 14 anos emprega o
galego, porcentaxe que sobe ata o 37,4% no tramo entre 15 e 29 anos.
En 1981 a lingua galega foi proclamada cooficial xunto co castelán no Estatuto de
Autonomía e en 1982 apróbanse a primeira normativa oficial, as Normas ortográficas e
7

morfolóxicas do idioma galego, elaboradas polo ILG (Instituto da Lingua Galega) e


referendada pola RAG, que foron se ben foi parcialmente reformadas en 2003.
En 1983 foi promulgada a Lei de Normalización Lingüística, coa idea de impulsar a
extensión dos seus usos.
O artigo 5 do Estatuto de Autonomía de Galiza (1981) establece:
1. A lingua propia de Galicia é o galego.
2. Os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia e todos teñen o dereito de os
coñecer e de os usar.
3. Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas
e potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e
informativa, e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento.
4. Ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua.
O galego está presente no ensino en todos os seus niveis, nos medios de comunicación, na
vida administrativa e política, no ámbito cultural, etc. O feito de que na actualidade sexa a
lingua da maioría da poboación (52’3% da poboación ten o galego como lingua habitual,
segundo datos do IGE-2018) convértea nunha das linguas minorizadas con meirande
vitalidade. Mais isto non oculta un enorme problema: a ruptura da transmisión xeracional, que
supón unha espectacular caída de falantes nos segmentos de poboación de menor idade nas
últimas décadas.
As zonas galegofalantes fóra do territorio da actual Galicia, presentan situacións
diferentes e reúnen uns 70.000 usuarios. Dentro da Comunidade de Castela e León (nos
concellos zamoranos de Porto, Lubián e Hermisende e na parte occidental do Bierzo) hai unha
certa presenza da lingua no sistema educativo e un recoñecemento expreso da súa existencia.
Así o Estatuto de Castela e León establece no artigo 5 que gozará de respeto e protección a
lingua galega nos lugares nos que habitualmente se utilice.
Porén, en Asturias a situación na súa franxa occidental (entre os ríos Eo e Navia) é moito
máis precaria, xa que mesmo se lle nega o carácter de galego e se di que é unha lingua distinta
(galego-asturiano), cunha norma distinta ao galego de galicia.
No Val do Xálima, en Cáceres (Estremadura), existe tamén unha presenza do noso idioma,
por razóns históricas relacionadas co fenómeno da repoboación.
a) O galego e a lusofonía
Coa expansión ultramarina de Portugal, o portugués esténdese por territorios americanos,
africanos e asiáticos. Na actualidade fálase en Portugal, Cabo Verde, Guiné-Bissau, São Tomé
e Príncipe, Angola, Mozambique, Timor-Leste e Brasil. Tamén na cidade chinesa de Macau,
na hindú de Goa e na malaia de Malaca o portugués segue a ter falantes. O portugués convive
coas linguas orixinarias deses territorios e con crioulos (linguas nacidas da confluencia de
dous idiomas, un nativo e outro foráneo) de base portuguesa. En 1996 foi creado un
organismo denominado Comunidade dos Países de Língua Portuguesa (CPLP) para fomentar
a cooperación e promover a difusión do portugués no mundo.
A orixe común do galego e do portugués fai posible a total intercomprensión entre os seus
falantes, polo que podemos considerar o galego como parte da lusofonía. Deste xeito, o
galego convértese nunha ferramenta de grande utilidade, xa que é porta de entrada a
todo o mundo lusófono, co que isto implica a nivel social, cultural e económico.
8

A través do galego podemos acceder facilmente a unha ampla área linguística conformada por
arredor de 200 millóns de persoas en cinco continentes.

• Desde o punto de vista económico, só polo feito de falar galego temos, por exemplo,
vantaxe á hora de competir no mercado laboral de países emerxentes como Brasil e
Angola. Brasil, en concreto, é un dos denominados países BRICS, isto é, países
emerxentes que marcarán a evolución económica do século XXI.
• No ámbito sociocultural, no eido da literatura, a relación entre escritores galegos e
portugueses foi continua dende a época da xeración Nós. Ademais, nos últimos tempos
xurdiron novas iniciativas socioculturais destinadas a anfianzar os lazos de unión
entre as dúas nacións veciñas e cos outros países de lingua portuguesa. A iniciativa de
maior transcendencia é a levada a cabo pola asociación cultural Ponte nas ondas!, que
naceu en 1995, cando varios centros de ensino da comarca do Condado e do norte de
Portugal organizaron unha xornada de radio escolar conxunta. Esta iniciativa
consolidouse e actualmente agrupa máis de vinte e cinco mil alumnos e alumnas
galegos e portugueses; ademais, Ponte nas ondas! é a promotora da candidatura do
patrimonio inmaterial galego-portugués ante a UNESCO para que as tradicións
comúns sexan recoñecidas como Patrimonio da Humanidade. Alén diso, en numerosas
revistas de cultura (Nova Ardentía, Grial, Luzes etc.) as colaboracións portuguesas
reprodúcense coa ortografía orixinal. Tamén no mundo do libro rexistramos editoras e
librarías que publican e distribúen en ambas marxes do Miño (Através Editora,
Couceiro, Biblos...).
• No ámbito da música, dende o ano 2003 celebrábase na cidade de Pontevedra o
Festival Internacional da Lusofonía Cantos na Maré, un proxecto que pretende
aproximar as diferentes culturas coa intención de trazar un mapa común da lusofonía.
No festival, ademais de músicos galegos e portugueses, levan participado artistas de
moitos dos territorios de lingua portuguesa: brasileiros, guineanos, caboverdianos,
mozambicanos e angolanos.
9

• Respecto á aprendizaxe de portugués en Galicia , dende o ano 2003 o Instituto


Camões mantén en Vigo un centro de ensino da lingua portuguesa. Por outra parte, no
ano 2014 o Parlamento galego aprobou a chamada “Lei Valentín Paz Andrade”,
resultado dunha iniciativa lexislativa popular. Con esta lei preténdese incorporar a
aprendizaxe do portugués como lingua estranxeira nos centros de ensino de Galicia,
promover as relacións culturais e empresariais cos países lusófonos e a favorecer a
reciprocidade de emisións televisivas e radiofónicas entre Galicia e Portugal.
• O ensino da lingua galega países de fala portuguesa tamén se está a estender: hoxe
pódese estudar o noso idioma en tres universidades de Portugal e en catro brasileiras a
través dos lectorados e centros de estudos galegos.
• A nivel institucional é importante o recoñecemento político-administrativo da
eurorrexión atlántica Galiza-Norte de Portugal. As características históricas,
demográficas, culturais e económicas comúns son recoñecidas dentro desta unidade
supraestatal. O desenvolvemento desta eurorrexión ten moitas potencialidades
económicas e, xa que logo, sociais e culturais.

You might also like