You are on page 1of 4

EXERCICIOS AUTOAVALIABLES

A FILOSOFÍA NA GRECIA ANTIGA II


Contesta as cuestións formuladas debaixo de cada texto.
1. “Definidas xa estas cousas, hai que considerar cáles son as causas e cál é o seu número. Pois
xa que emprendemos a redacción deste tratado, co fin e a meta de coñecer, e non podemos
crernos donos do coñecemento de cada ser, antes de coñecer a causa pola cal existe —e
así chegar a dar coa primeira causa—, sen dúbida debemos aplicar isto ao crecemento e
perecer das cousas e a todo cambio ou movemento natural, para que, coñecidos os principios
destas cousas, intentemos referir a elas cada unha das causas buscadas e investigadas.
Así, pois, nun primeiro sentido, chámase causa a aquilo a partir do cal algo se fai e produce, de
xeito que permanece no ser producido como inmanente. Así, por exemplo, o bronce é causa da
estatua, e a prata éo da copa (…); e doutra maneira sono a forma e o exemplar ou modelo.
Este é, por outra parte, a noción de esencia e os seus xéneros (...). Noutro sentido, é causa
aquilo de onde provén o primeiro principio do cambio e do repouso. Causa deste tipo é o que toma
unha decisión; e é o pai do fillo; e, en xeral, o que produce algo do producido, e o que provoca o
cambio ou desencadea o movemento a respecto do que cambia ou do que é movido.
En último lugar éo tamén o que ten razón de fin. E isto é a causa final. Por exemplo a saúde
respecto do pasear. Preguntamos, en efecto, por que pasea? E respondemos: para gozar de
boa saúde.” ( Aristóteles, Física)

a) Por que é importante investigar as causas das seres e dos seus cambios?
b) Cales son as causas enumeradas por Aristóteles, e os seus precedentes?
c) Que implica introducir a causa final como unha causa natural?

2. “Entre os seres hainos que existen por natureza e hainos que existen por outras causas.
Por natureza existen os animais e os seus partes, as plantas e os corpos simples como a terra, o
lume, o aire e a auga. En efecto, dicimos destes seres e doutros da mesma clase que son por
natureza. Agora ben, todos estes seres de que vimos falando defiren claramente dos que
non están constituídos por natureza. En efecto, todos os seres naturais posúen en si mesmos un
principio (arché) de movemento e repouso, ben respecto do movemento local, ben respecto do
crecemento e mingua, ben, en fin, respecto da alteración. Pola contra, unha cama, un vestido e
calquera outro obxecto semellante non teñen tendencia natural algunha ao cambio en canto
pertencen a esta clase de seres, é dicir, en tanto en canto son seres artificiais, aínda que a
posúen en canto son de pedra, de madeira ou dunha mestura de tales sustancias. E é que a
natureza é un principio (arché) e causa do movemento e do repouso para aqueles seres
en que reside inmediatamente, por si e non dun modo accidental. En efecto, o ser que se move el
mesmo baixo a súa propia acción móvese por natureza; por exemplo, cada un dos seres do
reino animal; o animal, en efecto, móvese el mesmo pola súa propia acción, e todo o que ten
en si o principio do movemento dicimos que se move por natureza. Por esta razón o
animal móvese a si mesmo naturalmente na súa totalidade.” (Aristóteles, Física)
a) Que é o que caracteriza aos seres naturais e os diferenza dos artificiais?
b) Que é a natureza dun ser e que función realiza, segundo Aristóteles ?

1
c) Todos os movementos ou cambios dun ser son naturais?
3. «Polo menos, polo que se refire ao seu nome, dáse un consentimento xeral respecto de cal é o
ben supremo: este ben é a felicidade, tanto para a masa como para os selectos, que cren que vivir
ben e ter éxito son sinónimos de vida feliz; pero acerca da natureza mesma da felicidade non hai
intelixencia nin unanimidade entre os sabios e a multitude...Uns cren que é un ben evidente
é visible, como, por exemplo, o pracer, a riqueza, os honores; para outros é distinta a resposta a
esta cuestión; e aínda a miúdo varía no mesmo individuo; por exemplo, cando un está doente
dá as súas preferencias á saúde; se é pobre, dáas á riqueza, os que teñen conciencia da
súa ignorancia escoitan con admiración aos que falan ben sobre as súas pretensións;
algúns, pola contra, cren que, por encima de todos estes bens, hai outro que existe por si mesmo e
que é a causa de todos os demais.
Pero quizás, aínda que conveñamos en que a felicidade é o supremo ben, se desexe aínda ter
algunhas aclaracións ou precisións complementarias. Chegaríase rapidamente a unha
conclusión, caendo na conta do que é o acto propio do home. Para o tocador de frauta, para o
escultor, para todo tipo de artesáns, nunha palabra, para todos aqueles que practican un traballo e
exercen unha actividade, o ben e a perfección residen, ao parecer, no mesmo traballo.
Evidentemente, o mesmo ocorre no home, de haber algún acto que lle sexa propio. ¿Haberá,
pois, que admitir que o artesán e o zapateiro teñen unha actividade particular e un traballo
específico, e non o terá o home e a Natureza fíxoo inactivo? Ou ben, igual que o ollo, o pé, a man,
nunha palabra, todas as partes do corpo teñen, evidentemente, unha función que cumprir, ¿é
preciso admitir para o home tamén unha actividade, ademais das que acabamos de indicar? ¿Cal
podería ser esta?»
a) Por que considera Aristóteles que o ben supremo é a felicidade?
b) De que depende que uns poñan a felicidade nunhas cousas ou noutras?
c) Cal é para Aristóteles o ben especificamente humano, e por que?

4. «Segundo isto, pois, é evidente que a cidade-estado é unha cousa natural e que o ser humano
é por natureza un animal político ou social; e un humano que por natureza e non só polo azar
é apolítico ou insociable, ou ben é inferior na escala da humanidade ou ben está por encima
dela... E a razón pola que o humano é un animal político en maior grado que calquera abella ou
calquera animal gregario é algo evidente. A Natureza, en efecto, segundo dixemos, non fai nada
sen unha finalidade determinada; e o humano é o único entre os animais que posúe o don
da linguaxe. A simple voz, é verdade, pode indicar pena e pracer e, xa que logo, posúena
tamén os demais animais; xa que a súa natureza desenvolveuse ata o punto de ter
sensacións do que é penoso ou agradable e de poder significar isto os uns aos outros; pero a
linguaxe ten a finalidade de indicar o proveitoso e o nocivo e, por conseguinte, tamén o xusto e o
inxusto, xa que é particular propiedade do home, que o distingue dos demais animais, o ser o
único que ten a percepción do ben e do mal, do xusto e o inxusto e das demais calidadesmorais,
e é a comunidade e participación nestas cousas o que fai unha familia e unha cidade-
estado.» (Aristóteles, Política)
a) Que quere dicir Aristóteles con que o humano é un animal político?
b) Cal é a raíz desa dimensión política do ser humano, segundo Aristóteles?
c) Que é o que diferenza á linguaxe humana da doutros animais, segundo o autor?

2
SOLUCIÓNS
1. a) Porque para Aristóteles o verdadeiro coñecemento implica coñecer as causas do ser e
do cambio e devir das cousas.
1. b) As causas son 4 para Aristóteles:
- A materia da que algo se fai e que permanece inmanente ao ser producido é os seus
cambios. Os primeiros filósofos presocráticos xa se preocuparon, case en exclusiva, deste tema,
identificándoa coa auga, o aire, o lume…, o ápeiron indeterminado, ou os
átomos…Aristóteles dirá que a materia prima e o elemento común e indeterminado de
todas as cousas, que permanece nos cambios.
- A forma, ou modelo exemplar, que determina á materia para ser algo concreto (determina
a esencia). En Platón era a Idea, pero que el situaba fóra do mundo físico. Para Aristóteles é a
estrutura inmanente que organiza á materia de tal ou cal forma específica.
- O axente ou principio que provoca cambio ou movemento. Xa Empédocles e
Anaxágoras, entre os Presocráticos, consideraron necesario algún principio do movemento:
amor e odio, nous (intelixencia)...
- A causa final ou finalidade pola que algo se fai. Aristóteles atribúese o seu descubrimento; pero
xa en Platón o Ben é tamén o fin supremo de todo.
1. c) A introdución da causa final como unha das causas naturais supón unha visión teleolóxica
da natureza. Todo canto ocorre na natureza ten unha finalidade; non se pode explicar por
mero azar. (Xa en Platón atopamos esta visión teleolóxica fronte aos atomistas).

2. a) Os seres naturais cambian e móvense por si mesmo, sen necesidade dun axente externo;
cousa que non fan os seres artificiais en tanto que artificiais, aínda que poidan ter algún
tipo de cambio ou movemento en virtude dos seus compoñentes naturais.
2. b) A natureza dun ser en Aristóteles ven a identificarse coa esencia; pois é o principio intrínseco
da súa actividade, movemento e repouso.
2. c) Non. Os movementos naturais dun ser son os que realiza en virtude da súa natureza ou
esencia. Calquera outro movemento será violento e provocado por unha causa externa ao
mesmo.

3. a) A felicidade é para Aristóteles o fin supremo porque non se busca para conseguir ningún
outro ben; e pola contra, todos os demais bens se buscan, en último termo, para acadar a
felicidade.
3. b) A identificación da felicidade nunhas cousas ou noutras depende das circunstancias e
das necesidades ou carencias de cada un. Tendemos a representarnos a meta inmediata como se
fora a meta final.
3. c) O ben especificamente humano para Aristóteles é o desenvolvemento da vida intelectual.
Aristóteles argumenta dicindo que o ben para calquera ser reside no desenvolvemento da

3
súa actividade específica, e no cumprimento da súa función propia. Pero a actividade
especificamente humana é a actividade intelectual, que nos diferenza dos outros animais…
4. a) Aristóteles pensa que o ser humano fóra da polis (e en sentido amplo, fóra da sociedade) non
podería ser verdadeiramente humano. Sería máis ou menos que humano. Só a polis, pensa
Aristóteles, proporciona todo o necesario para desenvolver unha vida humana plena, unha vida
boa.
4. b) A raíz desta dimensión política (ou social) natural do ser humano reside na linguaxe humana,
segundo Aristóteles. En realidade, no logos, que significa tanto pensamento como linguaxe.
4. c) A linguaxe humana, segundo Aristóteles, non ten só unha función expresiva ou
apelativa como a doutros animais, senón que vai unida ao pensamento e á capacidade de xulgar e
distinguir o ben do mal, e o xusto do inxusto; capacidade de xuízo moral exclusivamente
humana, pero base esencial da sociedade humana.

You might also like