You are on page 1of 3

A orixe do cosmos na corrente presocrática

A filosofía xorde na Antiga Grecia, cos chamados "filósofos presocráticos", unha serie de
pensadores independentes que viviron entre o século VII e o V antes de Cristo. Destes pensadores
dicimos que foron os primeiros filósofos porque trataron de explicar a orixe e a configuración do
mundo dunha forma racional e non mitolóxica. Son chamados presocráticos ("anteriores a
Sócrates") non porque todos eles viviran antes ca Sócrates (de feito, Sócrates viviu no século V, ao
mesmo tempo que Demócrito, un filósofo presocrático atomista), senón porque o seu tema de
investigación era a natureza, mentres que o tema que lle interesaría a Sócrates sería o ser humano.

Pero, por que xorde a filosofía en Grecia, e non noutras partes? Analicemos brevemente o
contexto da Antiga Grecia: Por unha parte, a relixión grega non era unha relixión dogmática, que
obrigase aos cidadáns a pensar dunha determinada forma, senón que permitía unha ampla liberdade
de pensamento. Por outra parte, entre os séculos VII e VI antes de Cristo, Grecia sufriu unha
considerable transformación socioeconómica: desenvólvese unha gran actividade comercial polo
Mediterráneo, establécense colonias gregas en Asia Menor e en Italia, e todo isto produce un gran
intercambio cultural. Xorde unha nova clase de comerciantes e artesáns que se opoñen á
concentración do poder por parte da nobleza terratenente. Ademais, políticamente os gregos
organizáronse en polis ou cidades-Estado, e foron os inventores da democracia. Tamén xurdiron
nesta época as primeiras lexislacións, coa intención de dar respostas racionais ás necesidades da
vida social.

Sen embargo, os primeiros filósofos, os presocráticos, non reflexionaban sobre a sociedade,


senón sobre a natureza. A pregunta que se facían era: cal é a orixe ou o principio (o arqhé) do
mundo físico ou natureza (da physis)? O arqhé refírese tanto á orixe de todas as cousas (de donde
provén o mundo físico?) como aquelo no que en última instancia consisten (de que está feito o
mundo físico?). É dicir, os presocráticos preguntábanse cal é a orixe de todo o que existe.

1. Os filósofos xonios.

Os primeiros presocráticos foron uns filósofos que viviron nunha colonia grega, Mileto,
situada na costa de Asia Menor, unha zona chamada Xonia. Estes filósofos foron tres: Tales,
Anaximandro e Anaxímenes.

O primeiro filósofo da historia foi Tales de Mileto, quen afirmou que existe un arqhé, un
único principio orixinario, que é a causa de todas as cousas: a auga. Tales constatara que a vida está
ligada á humidade, mentres que a desecación está asociada á morte. Para Tales, toda a natureza está
penetrada por este principio orixinario: todo está cheo de auga, polo tanto, todo está cheo de vida.
Así, Tales defendeu o hilozoísmo (a materia non é algo inerte, senón que está chea de vida).

Despois de Tales, Anaximandro de Mileto propuxo que o arqhé era algo diferente: o mundo
físico deriva dun elemento indeterminado, unha natureza infinita e indefinida, algo que non ten
límites. Anaximandro chamou a este principio indeterminado ápeiron. Dese elemento
indeterminado nacerían todas as cousas (irían determinándose) e, co paso do tempo, volverían a
disolverse de novo nese ápeiron, nese elemento indeterminado.

O discípulo de Anaximandro, Anaxímenes de Mileto, formulou unha teoría distinta ao seu


mestre: o arqhé é o aire. Anaxímenes pensaba que a nosa alma compoñíase de aire, e do mesmo
xeito, a alma do cosmos tamén consistía en aire. Anaxímenes intentou que a súa explicación da
orixe da natureza fose máis racional que a de Anaximandro e intentou explicar o proceso polo que
se orixinan as diversas cousas (os diversos elementos que atopamos na natureza): ao condensarse o
aire, este enfría e convírtese en auga e logo en terra, mentres que ao rarificarse, o aire quéntase e
convírtese en lume.

2. Os pitagóricos.

Os pitagóricos foron unha secta relixiosa e filosófica de pensadores que viviron no sur de
Italia, que na Antigüidade grega era unha das colonias de Grecia. Os principais intereses desta secta
eran as matemáticas, a música e a relixión (para eles, todo isto estaba moi relacionado), e o seu líder
era Pitágoras. Os pitagóricos crían que existía unha regularidade matemática en todas as cousas:
sabían que a música podía traducirse en magnitudes numéricas e que na natureza existen ciclos
numéricos (o ano, as estacións, os días, os ciclos de desenvolvemento biolóxico e de xestación...).
Por iso, propuxeron que o arqhé, o principio da natureza, o elemento do que se compoñían as
cousas, era o número.

3. Heráclito e Parménides.

Heráclito de Éfeso foi un filósofo que escribía aforismos (frases curtas) difíciles de interpretar,
polo cal o chamaron "Heráclito o escuro". Heráclito defendía que todas as cousas están sometidas
ao devir (cambio ou transformación), polo que na natureza, na realidade, non hai nada estable.
Heráclito expresaba esta idea con metáforas: a realidade é como un río, sempre está en movemento,
ou como o lume, que está en continua transformación.

Parménides de Elea tamén se interesou polo cambio na natureza, pero en vez de estar de
acordo con Heráclito en que todo é cambio, defendeu todo o contrario: son os nosos sentidos os que
nos levan a pensar que todo está en movemento, pero os sentidos son enganosos, non podemos
fiarnos deles. Só podemos fiarnos da nosa razón. Parménides foi o primeiro filósofo en propoñer
que existen dúas vías de coñecemento: os sentidos e a razón, pero só a razón é fiable. Para saber
como é a verdadeira realidade só podemos facerlle caso aos nosos razonamentos.

Parménides fixouse nun razonamento moi obvio: as cousas que existen, existen, mentres que
as cousas que non existen, non existen. El resumiu esta idea dicindo: "O Ser é e o Non-Ser non é".
O Ser, o conxunto da realidade, de todo o que existe, sempre existiu e sempre existirá, mentres que
a nada non existe nin pode ser pensada. Parménides di que para entender isto, temos que olvidarnos
do que nos din os nosos sentidos e atender só á razón: aínda que percibamos que as cousas cambian,
isto só son apariencias. O Ser, o que existe, non pode deixar de existir, xa que entón pasaría a Non-
Ser (e o Non-Ser non existe). Polo tanto o Ser é eterno, inmóbil e inmutable.

A consecuencia da teoría de Parménides é a negación do movemento: non é posible nin o


cambio nin o movemento. Un discípulo de Parménides chamado Zenón formulou o "paradoxo de
Aquiles e a tartaruga" para explicar que o movemento non é posible: nunha competición, Aquiles,
o corredor máis rápido de Grecia, nunca poderá chegar a acadar a unha tartaruga que sae uns metros
antes ca el: antes de acadar á tartaruga, Aquiles ten que chegar á metade da distancia que o separa
da tartaruga, e antes disto, á metade da metade, e así ata o infinito.

4. Os pluralistas.

Despois da revolucionaria teoría de Parménides, os filósofos posteriores, que non quedaban


moi convencidos pola negación do movemento sen máis, trataron de dar outras posibles
explicacións racionais para entender como se produce o cambio na natureza. Deste xeito, no canto
de propoñer que toda a natureza se compón dun só principio ou arqhé, propuxeron que eran varias
sustancias ou elementos os que en última instancia compoñían a natureza, por iso se chamaron
filósofos pluralistas. Os máis importantes foron: Empédocles, Anaxágoras e os atomistas.
Empédocles cría que todo estaba composto por catro elementos ou "raíces" diferentes: a terra,
a auga, o aire e o lume. Xunto con estes elementos orixinarios, existían dúas forzas, o amor e o
odio, que facían que estes elementos se xuntasen ou se separasen, combinándose entre si para dar
lugar a todas as cousas que existen.

Anaxágoras tamén pensaba que o cambio era o resultado dunha serie de mesturas, pero cría
que cos elementos de Empédocles non se podía dar conta de todos os fenómenos que ocorren na
natureza. Como se explica que do pan que come un neno saian a pel, os ósos, a sangue ou a carne?
Anaxágoras cría que todo está formado por unhas partículas moi pequenas, chamadas "sementes", e
que cada fragmento de materia contén sementes de todas as cousas. Por exemplo, o ouro é unha
materia que contén en gran parte sementes de ouro, pero tamén tería sementes de todas as demais
cousas. Ademais, todas as sementes estarían dominadas por unha especie de mente ou intelixencia
cósmica, chamada Nous, que é o que regula os cambios que observamos na natureza.

Por último, os atomistas, entre os que destacou Demócrito, pensaron que todo o que existe
está composto de infinitos átomos, unhas partículas materiais diminutas que poden combinarse
unhas con outras para formar todas as cousas pero esas agrupacións son resultado do puro azar. A
diferencia de Anaxágoras, os atomistas defendían que non hai ningunha intelixencia divina
responsable do noso mundo. A palabra "átomo" significa "indivisible", porque ditas partículas non
poden dividirse en fragmentos máis pequenos, senón que son os elementos últimos da materia. Os
atomistas crían que os átomos flotan no baleiro, de xeito que se podían mover e agruparse entre si
nese espazo. A idea dun espazo baleiro resultaba moi chocante á mentalidade grega daquel entón,
posto que lles custaba imaxinar un espazo sen ningún tipo de materia. Os atomistas eran
materialistas: defendían que todo o que existe é material, non hai nada espiritual, e incluso a alma
humana está composta de átomos. Habería que esperar ata o século XVII (máis de dous mil anos
máis tarde) para que os científicos volveran a propoñer unha teoría atomista.

You might also like