You are on page 1of 13

EN REALIDADE…

METAFÍSICA E COSMOVISIÓNS

O termo Realidade refire a todo o que hai. Por outra banda, á visión ou interpretación
xeral da realidade chamámoslle Cosmovisión. As ciencias investigan a Realidade
compartimentándoa, xa que é inabarcable. As súas explicacións construen boa parte
da cosmovisión que hoxe temos. Pero tal cosmovisión inclue ademais presupostos
filosóficos non-científicos, como: que existe un mundo externo independente,
cognoscible, que obedece a leis non contradictorias e permanentes, que non ten
propósito...

O termo física fai referencia ás cousas naturais, materiais e sensibles, e metá ao que
está máis alá de, ao trans-físico, o que constitue a orde primaria do mundo. Velaí a
radicalidade da metafísica, encargada de captar a natureza última e íntima do real.
Non é facer inventario das cousas que hai, senon interrogarse sobre o seu habelas. É
dicir, en que consiste o ser, que é aquilo no que conveñen tódolos entes. Tamén é
cuestión metafísica o sentido ou valor do que hai, se é que o ten.

Aristóteles dixo; hai unha ciencia que estuda o que é en tanto que é. Chamóuselle
tamén ontoloxía -estudo do ente-. Considerábaa a Ciencia Primeira por tratar dos
primeiros principios e causas. Haberá algunha cousa da que proceda todo? Aristóteles
chamoulles principios (o primeiro) da natureza. Pero por que se xerou a multiplicidade
de cousas? Esta é a pregunta polas causas.

Tamén Aristóteles dicía que era unha ciencia buscada; unha tarefa inacabada. Kant
exprésao así: a razón é importunada por cuestións que non pode desatender, pero ás
que tampouco pode responder.

TIPOS DE METAFÍSICA

Monista: trás as aparentes diferenzas, as cousas son no fondo dunha mesma natureza.
Son modos de ser dunha única e mesma substancia. Só hai entón unha realidade da
que as restantes serían simples manifestacións. Pluralista: entre as cousas dáse unha
irreductible diversidade de natureza, esencia ou substancia. Hai, de raíz, varias
realidades.

Materialista: en última instancia o real é material. Espiritualista: baixo o concepto de


espírito cómpre incluir á razón ou ás Ideas, por oposición á sensibilidade e ao empírico,
e tamén a Deus no caso das metafísicas relixiosas.

PRESOCRÁTICOS

Inauguran a filosofía reflexionando sobre o mundo natural. As principais características


da physis son que:

É Múltiple É Cambiante

Con estes ingredientes agardariamos que fose un Caos. Pero sorprendentemente está
organizada, e constitue un Cosmos. Como é posible que non sexa devir caótico?
Comeza así a busca do arxé, do/s principio/s orixinario/s que lle dean unidade e
permanencia ao mundo.

Os Milesios (-VI) son Monistas Materialistas. Tales dicía que todo é auga.
Anaximandro razoaba que se o arxé tiña que orixinar toda substancia, el mesmo non
podía ser ningunha das coñecidas. Sería entón o ápeiron, o indeterminado.
Anaxímenes consideraba que o principio era o aire, que constituía todo en distintos
estados de condensación e rarefacción, e polo tanto as diferenzas cualitativas son
simplemente de cantidade.

Heráclito de Éfeso, o escuro, está impactado polo continuo cambio na natureza. Nada
permanece. Todo flue; panta rei. El considera que a orixe da transformación sin fin é a
loita de contarios. A guerra pai de todo. Porén, no fondo os contarios son unha e a
mesma cousa; lume. Pero hai tamén un principio formal, a lei racional do universo, o
Logos, que regula a loita para que os contarios se cambien na mesma medida,
resultando así un Cosmos. É un Monismo Materialista dinámico.

Os Pitagóricos consideran que o cosmos está gobernado polas proporcións


matemáticas, dando lugar a unha Harmonía. Iso é porque o seu constituínte son
números, que tiñan tamén calidades asociadas.. Discútese se os concibían como
principio formal ou principio material. Neste último sentido serían puntos materiais
separados por un espazo baleiro e distribuídos segundo figuras xeométricas. O usual é
tratalos coma dualistas, xa que presentan a oposición par/impar coma arché.

A cosmoloxia pitagórica establece que os corpos celestes son case divinos, máis canto
máis afastados, e por iso deben ser esféricos, e dár órbitas circulares en torno ao
centro do universo, lugar prvilexiado ocupado polo lume cósmico. Como o dez era a
perfección, haberá dez órbitas, que describen os astros xerando unha música perfecta
que non oimos polo costume. A das estrelas fixas -que é tamén de lume- está por fóra,
virían logo os cinco planetas, o Sol que reflicte luz e calor do lume central, a Lúa, a
Terra, e a Anti-Terra, á que nunca vemos, como tampouco o lume cósmico (por non
dar as partes habitadas nesa dirección).

Parménides de Elea defende un Monismo Materialista estático. Se lle facemos caso


aos sentidos, e aceptamos a existencia do cambio, incurriremos en contradiccións,
como afirmar que o que non é chega a ser, e que o que é disólvese na nada. O ser é, e
non pode non ser, e viceversa. Son opostos, non pode xerar un ao outro, de xeito que
o ser debe selo sempre, e o non ser, non-selo nunca. Así o cambio é unha ilusión. E a
multiplicidade tamén, xa que non hai non-ser que permita distinguir seres. Unha única
realidade inmutable é o Ser que hai. Zenón de Elea argallou aporías para demostrar o
absurdo de admitir que existe o cambio e a divisivilidade. A frecha, ou Aquiles e a
tartaruga son as máis coñecidas.

Os pluralistas máis salientables foron Empédocles, Anaxágoras e os Atomistas. Todos


parten de varios principios ou arxés para non se ver forzados a concluir o mesmo que
Parménides. Empédocles propón os catro elementos, que se combinarían en distintas
proporcións para dar lugar aos corpos. Dúas forzas cósmicas, fobia e filia, nun ciclo
eterno, gobernarían a súa reunión ou separación. Máis adiante asimilarase cada
elemento a un dos poliedros regulares e engadirase a quintaesencia ou éter
(dodecaedro) para os ceos. Anaxágoras, ao contrario que Parménides, afirma que a
materia é infinitamente divisible e en cada parte que se considere haberá sementes
de todas as cousas. É a abundancia dun tipo ou doutro a que determina a substancia
que se percibe. O movemento que inicia a agregación e disgregación provén dun
torbellino causado por unha forza cósmica á que chamou Nous (a Intelixencia)

A explicación materialista máis acabada en Grecia foi a de Demócrito. Para os


Atomistas hai partículas indivisibles moi pequenas, homoxéneas e inmutables, os
innumerables a-tomos, de diferente figura e tamaño. Non-xerados e indestructibles;
son eternos. Teñen movemento intrínseco, en principio rectilíneo. E para que se
produza admiten a existencia dun espazo baleiro (o non-ser).

Na súa cosmoloxía hai infinitos mundos sucesivos e tamén simultáneos (grandes ou


pequenos). Cando nunha rexión do espazo infinito se xuntan gran cantidade de
átomos, orixinan un remuíño. Entón, os atomos pesados sitúanse no centro
orixinando a Terra, que sería plana. Os átomos lixeiros sitúanse na periferia
constituíndo a membrana que delimita ese mundo. Algunhas agregacións deses
átomos lixeiros chegan a se inflamar pola velocidade formando os corpos celestes. Os
corpos que percibimos son unha agregación dos átomos semellantes, e o cambio na
natureza provén do seu entrelazamento ou disgregación, cousa que non é
intencionada. O universo non responde a un plan ou fin trazado. Os enlaces débense a
choques cegos, pero responden á necesidade
das leis do movemento, e por iso a materia
está ordenada mecanicamente cun férreo
determinismo. Mesmo consideraban á alma
material, de átomos pequenos e redondos
coma os do lume. Con moita mobilidade polo
que incorporados a outro corpo tenden a
comunicarllela.
PLATÓN

E se o importante non fora o elemento material que compón as cousas, senon o Modo
de Ser que seguen? Platón propón un Dualismo Ontolóxico radical que distingue o
mundo sensible do mundo intelixible. Un principio material dun principio formal. A el
recoñecémoslle o achádego da Forma, e debido á primacía que lle dá, á súa
considerámola unha metafísica espiritualista.

A materia é sensible e eterna. Sería o principio pasivo e imperfecto, o receptáculo do


devir, amorfa, caótica e indeterminada, pero capaz de recibir tódalas formas. O mundo
sensible componse dos seres individuais, múltiples e temporais. Como son obxetos
inestables, inconsistentes e cambiantes só dan coñecemento relativo, de apariencias,
das cousas como se nos aparecen e das que só podemos formular unha mera opinión.

A forma intelixible refírese a uns principios ideais


absolutos, necesarios e universais, eternos e
inmutables, obxectivos, auténticamente existentes
e verdadeiros. Trátase dun mundo meta-físico por
seren estas Formas Inmateriais independentes do
mundo físico e das mentes. Son Ideas, ademáis
dalgunhas coma a Verdade, o Un, o Ser… as Esencias perfectas, as proporcións
matemáticas, os Valores estéticos, morais e políticos… como a Virtude, a Beleza, o Ben.
Por exemplo Cabalo, Humanidade, Círculo, Xustiza...en-si.

As cousas do mundo son o que son na medida en que Participan das Ideas
correspondentes. Así o Intelixible é o modelo que o sensible imperfectamente imita.
Para Platón só a razón, e non os sentidos, pode captar as Ideas e facer ciencia, que é
do eterno e inmutable. A nosa alma racional hase ir habituando para a súa
contemplación. Os dous mundos e o proceso do coñecemento quedan recollidos no
famosos Mito da Caverna do diálogo República.

Na súa cosmoloxía Platón explica a acción das Ideas sobre o mundo mediante o mito
do Demiurgo: un deus que lle impón á materia unha estructura. Empeza configurando
os elementos con figuras xeomátricas, e logo tenta plasmar as Ideas nela, dotando ao
sensible de certa intelixibilidade e consistencia (non sae perfecto porque a materia
causa indeterminación). Esto explica que sexa cosmos e non caos, pola intención desa
intelixencia e a ordenación cara o Ben, e non por causas mecánicas.

ARISTÓTELES

Tª HILEMÓRFICA

No -IV elaborou o hilemorfismo para explicar a realidade. Só existen seres concretos,


pero, cando falamos dos seres físicos, estes son un composto que encerra dúas
dimensións imprescindibles e inseparables:

A materia: como materia segunda determinada, dálles existencia aos individuos


particulares sendo a súa parte sensible. Como materia primeira do mundo pode
adquirir tódalas determinacións porque intrínsecamente non ten ninguna.

A forma: dálle a súa esencia aos individuos particulares, determinando a


especie da que un individuo é un exemplar. Determina á materia e faina cognoscible. A
nosa intelixencia pode abstráela a nivel teórico. Xa que logo o mundo Ideal de Platón
reintégrase no mundo físico. As Ideas son formas de configuración da materia que
non existen á marxe desta. Realízanse na materia.

CAMBIO

Arsitóteles estuda o cambio como algo definitorio da natureza. Non lle convence
Parménides (nada cambia), Heráclito (cambia todo), nin Platón (cambia o sensible pero
é inmutable o intelixible). Como facer compatible a non-contradicción coa explicación
do cambio?

En todo cambio algo permanece, un substrato, sobre o que algo desaparece e algo
aparece. A esencia do substrato determina que formas pode chegar a adquirir e cales
non. A forma que se está a dar é o Acto, e aquelas que poderían chegar a darse son a
Potencia, aínda que agora estea privado delas. Precisamente o cambio consiste no
paso da potencia ao acto ou na actualización das posibilidades dun ser.
CATRO CAUSAS

Pero… por que se producen cambios na natureza? Cal é a causa? Pois ademáis da
Causa Material e da Causa Formal, habemos ter conta das:

Causa Eficiente. Algo ou alguén que leva a cabo o cambio. O axente que o executa e
que o impulsa. Actúa como o motor do cambio.

Causa Final. Obxectivo que persegue o cambio. Actúa como móbil do cambio. Toda
transformación natural persegue un fin.

Son fáciles de distinguir nos


procesos artificiais, pero no
desenvolvemento natural a
causa formal, a eficiente e a
final coinciden. Aristóteles
defende unha visión teleolóxica
da natureza, que significa que esta nada fai en van. Canto existe tende a actualizar as
súas potencialidades até a madurez da forma. E a forza que impulsa o proceso é
interna, a súa propia natureza, que busca progresivamente desenvolverse. Darase
logo un proceso de dexeneración.

COSMOLOXÍA

Segundo aristóteles, toda a realidade é cognoscible co emprego da razón. Para explicar


o universo cómpre descubrir a finalidade de cada parte en relación ao todo,
observando a súa tendencia natural, que queda patente no movemento. O universo é
un todo perfectamente organizado no que, coma nos organismos, cada parte tende ao
bó funcionanmento da totalidade.

A cosmoloxía aristotélica foi a máis influinte da antiguidade e mantívose até o XVI con
algunhas variacións, se ben foi recuperada para a filosofía cristiá medieval a partir do
XII. Dá conta do movemento aparente dos planetas e axústase ás observacións.

O universo é finito pero eterno. Se fose infinito ningún lugar sería destacado cara o
que dirixir o movemento. Ao ser finito ten un centro; a Terra inmóbil. E ten un limite
que é a esfera das estrelas fixas. O baleiro non existe porque un corpo illado non
podería determinar a dirección na que moverse. Polo que o universo é único, pois
nada separaría supostos universos. Como divinos, os astros teñen o movemento máis
perfecto. Habería esferas homocéntricas portando cada planeta, que orixinan o seu
movemento circular uniforme. Son esferas cristalinas de éter ou quintaesencia,
material sutil e divina que só é visible naquelas rexións onde se concentra formando
corpos celestes. O movemento das exteriores transmítese ás interiores e finalmente
chega ao mundo sublunar orixinando o xogo de xeración e corrupción na física
terrestre. Neste mundo sublunar, composto das combinacións dos catro elementos,
hai dous tipos de movemento simple rectilíneo; pesadez e lixeireza, segundo os
elementos ascendan ou descendan ao seu lugar natural. A terra e a auga estarían
abaixo en repouso, e aire e lume por arriba. Os cometas serían meteoros producidos
pola fricción das capas de aire e lume na rexión sublunar. Os movementos horizontais
son sempre violentos e cesan cando deixa de actuar a forza que se imprime sobre eles.

MOTOR INMÓBIL

Segundo a física aristotélica todo o que se move é movido por outro. Sería imposible
que esta cadea fose infinita, porque o movemento non chegaría nunca, pero nós
vemos as cousas moverse. Logo hai un primeiro motor non-movido, é dicir, inmóbil.
Como pode selo? Pois porque non é causa eficiente, senon causa final, é dicir, actúa
coma aspiración para os seres físicos, que devecen polo repouso que el ten. Unha
perfección que só se consegue non tendo potencias que realizar, xa que é forma en
acto. Trátase dunha substancia inmaterial metafísica que consiste en pensamento
autopensante e divino.
ALMAXESTO

Aristarco de Samos (-III) xa propuxera un sistema heliocéntrico pero era antiintuitivo e


contrario aos dogmas. Foi o sistema perfeccionado por Claudio Ptolomeo de
Alexandría (II) o que rexerá trece séculos. Os árabes chamarano o almaxesto -o máis
grande-. Ptolomeo pretende ofrecer só un medio de cálculo, para non colisionar coa
física aristotélica. As órbitas serían levemente excéntricas para explicar a variación de
brillo. E introduce epiciclos e deferentes para dar conta da retrogradación. Para
explicar o aparente cambio de velocidade dos planetas houbo que introducir ecuantes.
Con todo, a Terra inmóbil é case o centro, e só emprega movementos circulares e
uniformes. Predecía, e era correxible aumentando a
precisión. Pero problemas como a variación de
brillo ou a complicación cada vez maior de esferas,
quedaban sen resolver. Sabios e teólogos de
culturas diferentes fixeron modificacións do modelo
aristotélico para adaptala ás observacións e aos
seus dogmas. O pensamento cristiá andado o
Medievo adaptouno.

PENSAMENTO RELIXIOSO CRISTIÁ E METAFÍSICA CREACIONISTA:

Ademais de promover o exclusivo culto a Deus condenando o politeísmo, vexamos


algunhas ideas que introduce o pensamento monoteísta. Afirma ser o camiño
exclusivo para a redención e tamén a única vía de acceso á Verdade, así que lonxe vai
quedar a discusión sobre calquera tema das escolas filosóficas. Agora temos un marco
infranqueable. A realidade non é totalmente cognoscible pola razón -hai designios
inescrutables- e o importante é a Revelación, contida nas Escrituras, da que calquera
outro coñecemento só é confirmación ou complemento. A relación entre a fe e a razón
gardará complexos equilibrios, xa que a obriga do crente é crer e a obriga do filósofo é
non crer. Como aproveitar a filosofía para a relixión? “Creo porque é absurdo” ou son
compatibles e a razón pode facer comprensibles cuestións de fe?

Agora subordinase toda a realidade a Deus, xa que nada distinto preexistía. Négase
que o universo sexa eterno; foi creado ex nihilo. O mundo non ten necesidade
ningunha, é absolutamente continxente; causao por amor, nun acto libérrimo e único.
Crea ademais segundo un plan, e controla a súa obra (podéndoa alterar). Mesmo
cambia a idea do tempo, circular para os gregos pero liñal para este pensamento.

A perspectiva sobre a realidade é teocéntrica, mais acentúase o antropocentrismo


respecto dos seres materiais (antes superiores eran os ceos) pois aos humanos créaos
á súa imaxe e semellanza. A providencia divina (coidado do mundo e dos homes)
tamén é novidosa. E introducese unha moral de culpa e pecado.

O monoteísmo atrae aos eruditos porque para a explicación total precisa dun único
principio, ab-soluto e trascendente. Deus reúne as catro causas aristotélicas por ser
principio material, formal, eficiente e final do universo. É ademais un Deus persoal que
encarna tódalas perfeccións -Un, Verdadeiro, Fermoso, Bo, Todopoderoso,
Omnisciente…- Un principio incondicionado, infinito e ilimitado que non precisa nin
depende de nada pero é causa e razón de todo. Resposta única a: por que hai ser e
non nada? Por qué o mundo é así? Por que pasa o que pasa? O sentido da existencia?

Dáse entón unha radical diferenza entre Deus e as criaturas xa que estas son
continxentes. Tomé de Aquino reparou na distinción entre o que as cousas son, e o
feito de que existan ou non (pode rematar a especie e porén humano seguirá
significando animal racional). Por iso a composición de esencia e existencia é propia
das realidades creadas. De Deus dicimos que á súa esencia perténcelle
necesariamente a súa existencia, identifícanse. É o ser necesario, que non pode non
existir. Eu son o que son -revélanos- Ademais, e seguindo a Aristóteles, Deus sería acto
puro sen potencialidades, de aí a súa inmutabilidade e perfección. Tamén é
pensamento autopensante (autosuficiente), pero como creou o mundo, coñéceo
coñecéndose a si.
CINCO VÍAS

Parten dun feito da experiencia, aplican o principio de causalidade, negan que a serie
de causas sexa infinita e afirman a existencia de Deus

Do movemento ao motor inmóbil

Das causas causadas á causa incausada

Dos seres continxentes ao ser necesario (se de todo o que hai se pode dar unha razón
suficiente non poderá haber só seres continxentes e terá que haber un ser necesario)

Dos graos de perfección á suma perfección

Da orde do mundo á Intelixencia ordenadora

ARGUMENTO ONTOLÓXICO

Formulouno S. Anselmo de Canterbury no S. XI e tivo moito éxito. É a priori xa que


parte de concibir a idea de Deus para concluir forzosamente que existe. Todos
podemos concibir a idea dun ser sumamente perfecto, unha realidade tal que non
podería haber ningunha maior. Logo existe, porque se non existise sempre sería
concebible unha realidade similar pero existindo, o que a faría a superior, e esa sería
Deus. A reformulación de Descartes fálanos de que a Deus non lle pode faltar ninguna
perfección e polo tanto existe.
PARADOXO DA OMNIPOTENCIA

Se Deus é omnipotente pode facer algo contradictorio? (pedras que non poida erguer,
círculo-cadrado, ser malo, errar, plantexarse problemas irresolubles, morrer, crear
outro Deus, obrigarme a facer algo libremente…). Se non pode entón non sería
omnipotente e non sería Deus (ergo, non existe). Para que a omnipotencia non sexa
autocontradictoria cómpre entendela correctamente. A omnipotencia éo respecto
daquelo que pode-ser-feito, e non sobre o que non é posible. Deus pode facer todo o
loxicamente posible. Pero entón… a lóxica condiciona a Deus?

PROBLEMA DA TEODICEA

Trátase dunha reformulación do paradoxo de Epicuro. Como pode Deus se é bo e


todopoderoso, permitir a existencia do mal? Temos varias posibles respostas:

-Seguindo aos neoplatónicos, S.Agostiño cre que o mal non é obxecto de creación,
senon que é o que de ser lle falta ás cousas. Deus crea o ser, e iso é o ben. O que non
crea é o que consideramos como o mal, pero entón só é unha carencia (crea a luz, e
onde non chega simplemente hai escuridade).

- Xa o dicían os estoicos, se poidesemos comprender todo o mundo veriamos o mal


como algo inevitable para un ben maior. Á nosa mente finita escápaselle, pero só son
males para nós. Leibniz expresarao: vivimos no mellor dos mundos posibles (aínda que
implique males menores).

-O mal introducirono os humanos por un mal uso da liberdade. Deus fainos libres
porque nos quere capaces de amar. O libre albedrío implica a capacidade de ir contra
Deus. Pero iso sería responsabilidade nosa. Os primeiros pais cometeron esa culpa que
a humanidade herda, e que implica como castigo a introducción daquilo que nos
consideramos un mal, pero que no fondo non son senon probas polo ben da salvación.

Ademais, para reflexionar, pensa: algo está ben porque Deus o manda? ou Deus
manda algo porque está ben? Na primeira opción que pasaría se mandase: odiarás,
matarás, envexarás… Na segunda opción, non queda condicionado Deus polo Ben?
POSTURAS ANTE O ABSOLUTO

Para algunhas persoas a vida e a realidade deben ter finalidade e sentido. Sinten
necesidade de acceder a algo superior: o ab-soluto. Incondicionado e independente,
infinito e ilimitado, e sobrehumano. Ás veces coincide coa divindade.

Para o Panteismo o absoluto é unha realidade divina inmanente ao mundo.


Identificano coa totalidade do que existe, deus sive natura. Entre os seus partidarios os
Estoicos, G.Bruno e Spinoza e tamén o budismo ou o hinduismo.

Para o Deismo o absoluto é trascendente ao mundo. Pero este Deus, a diferenza do


teísmo, non é un deus persoal. Tampouco é por revelación que o ser humano accede a
el, senon de forma exclusivamente racional, xa que é a causa e fundamento do mundo,
aínda que non intervén nel.

Para o teísmo Deus é trascendente, o que significa que está máis alá do sensible. A
este Deus accedemos por revelación, que contén as verdades dogmáticas (pódeselle
engadir algúnha demostración racional). O ateísmo rexeita a existencia de Deus, e
dado que non existe, é imposible acceder a el. O agnosticismo dubida
permanentemente por considerar imposible demostrar tanto que exista coma que
non, xa que como trascendente Deus excede os límites da experiencia.

Até a Modernidade dominou na filosofía o Teismo. Na Ilustración ábrese paso tanto o


Deismo como as posturas Agnósticas. Kant e autores empiristas modernos pensan que
crer na existencia de Deus era unha necesidade constitutiva ou unha crenza útil, pero
nunca obxecto de coñecemento. Finalmente na época Contemporánea destácase o
Ateismo con Feuerbach, Marx, Freud, Nietzsche ou Sartre. Para Freud a crenza en Deus
é propia dunha etapa infantil da humanidade que cómpre superar. Para Feuerbach o
ateísmo é negar a quen nos nega e polo tanto é un xeito de humanismo que busca des-
alienar. Para Marx a relixión é unha ideoloxía ao servizo da explotación, é o opio do
pobo. Manexar o misterio constitue unha maneira fácil e económica de exercer poder
sobre un pobo ignorante. Para Nietzsche a morte de Deus significa a fin das verdades e
dos valores absolutos e de calquera sentido trans-mundano. Para o existencialismo
negar a existencia de Deus comporta aceptar a vida coma o que é; un absurdo.

You might also like