You are on page 1of 2

Contidos para preparar a composición 8.

A cuestión nacional no último terzo do século


XIX

Criterios da CIUGA: Sempre tendo en conta a información subministrada polos documentos, o alumnado deberá demostrar
que coñece os factores que levaron á eclosión dos nacionalismos periféricos (o seu nacemento como unha reacción fronte ás
pretensións centralistas do Estado liberal), o seu ideario, así como o seu desenvolvemento posterior (carácter minoritario nos
comezos ata a súa conversión en movementos de masas, cunha importante influencia política, capaces de enfrontarse aos
partidos da quenda). Deberá tamén facer mención dos seus líderes principais.

No último terzo do século XIX, a imaxe do acontecido noutros lugares de Europa, en España desenvolvéronse os
rexionalismos e nacionalismos. O nacionalismo persegue dotar de organización política propia (estado) a un pobo.
A concepción orgánico-historicista do concepto de nación considera que esta é o resultado dunha cultura, unha
lingua, unha historia, unha relixión e uns costumes propios; mentres que a concepción liberal-voluntarista
considera que a nación nace da vontade dun pobo de constituírse como tal.

Se no Antigo Réxime a soberanía do estado a tiña o monarca, que reinaba sobre os seus súbditos, co liberalismo
nace a idea de que a soberanía recae na nación. Nace así o Estado-Nación, que reúne a todos os cidadáns que
forman parte dun novo corpo político, sen distinción xurídica entre eles. En España esta idea moderna de nación
naceu vinculada á Guerra de Independencia e ás transformacións políticas liberais realizadas polas Cortes de
Cádiz. Na Constitución de 1812 establecíase que a nación era un corpo político independente formado por todos
os habitantes da Coroa que deben estar baixo a mesma lei e ter os mesmos dereitos; isto supoñía o fin das
particularidades persoais, pero tamén das territoriais.

En España ao longo do XIX ao nacionalismo español, de unificación, que pretendía crear un Estado-Nación
homoxéneo cos territorios da monarquía dos Borbóns, sumáronse os nacionalismos catalán, vasco e galego, de
liberación, que procuraban a autonomía dos seus respectivos territorios.

No desenvolvemento do nacionalismo catalán, vasco e galego temos que ter en conta varios factores. Por unha
banda, todos contan con unha lingua e cultura propia, de maneira que a uniformización do Estado liberal a partir
do modelo castelán provocou un enfrontamento moi marcado entre o centro e a periferia. Este choque foi
acentuado polo gran desenvolvemento industrial de Cataluña e o País Vasco, que supuxo que a burguesía máis
potente, que sempre é o motor dos réximes liberais, neste caso quedase apartada dos centros de poder.
Finalmente, foi clave o débil desenvolvemento do sentimento patriótico español, a raíz do gran descontento pola
continua e acentuada corrupción, o fracaso económico e a atraso cultural a respecto a Europa, que dificultaban á
construción dun proxecto común do que sentirse orgulloso. O desastre colonial de 1898 puxo en evidencia da
decadencia imperial, acentuando aínda máis o distanciamento de parte da poboación coa proposta nacional
española.

Estes movementos pasaron por varias fases. Partirían dunha primeira fase relacionada co movemento chamado
provincialismo, que toma o seu nome do movemento reivindicativo contrario á eliminación dos antigos reinos e
a división en provincias de Javier de Burgos en 1833. Os provincialistas non querían que os territorios que
consideraban a súa patria se dividisen en varias provincias, e aspiraban a funcionar como unha provincia
unitaria. A segunda fase a partir de 1880, foi denominada rexionalismo, e reivindicaba cotas de autogoberno e
descentralización administrativa, sen discutir a unidade nacional de España. Ao non recibir resposta positiva dos
gobernos da Restauración vai radicalizando a súa postura desembocando a finais do XIX (País Vasco) ou comezo
do s. XX (Cataluña e Galicia) no nacionalismo ao reclamar a completa soberanía nacional para os seus pobos.

Falamos dun proceso que se inicia con grupos minoritarios de intelectuais vinculados á burguesía que se
interesan pola historia, a lingua e a cultura da súa comunidade. Para, posteriormente, xunto co anterior chegar á
reclamación política (conseguir cotas de autogoberno) e ampliar a base social.
En Cataluña as reivindicacións xorden vinculadas a unha burguesía puxante que consideraba que o seu
desenvolvemento económico non se vía reflectido no peso de Cataluña en Madrid e reclamaba a autonomía perdida coa
extinción dos privilexios forais da Coroa de Aragón a raíz da imposición dos Decretos de Nova Planta. Á altura de
1830 o movemento literario da Renaixença impulsou un proceso de recuperación da cultura e a lingua propias.

O paso do catalanismo cultural ó político tería lugar nos anos 80, cunha orientación rexionalista, que aspiraba a
lograr un maior autogoberno para Cataluña tanto desde a perspectiva progresista como conservadora. De
tendencia progresista temos a Valentí Almirall (previamente tentara a creación dun Estado federal coa súa
participación na Revolución Gloriosa) foi responsable da creación do Centre Català, do primeiro diario en catalá
(Diari de Barcelona) e do Memorial de Agravios, que denunciaba ante Afonso XII a situación da lingua. O maior
logro dos conservadores, pola súa banda, foi a creación de Unió Catalanista en 1891 con xente como Prat de la Riba.
As súas demandas, recollidas nas Bases de Manresa, incluían a restauración das institucións históricas e o
traspaso de competencias.

Será a principios do século XX cando adopte unha orientación nacionalista, baixo o impulso de Prat de la Riba e a
Lliga Regionalista (este partido conservador, católico e burgués dominará a escena política catalá e incluso, un dos
seus líderes, Cambó) formará parte de diferentes gobernos en Madrid).

No caso vasco, a evolución foi diferente e estivo marcada por un feito político: a abolición dos foros en 1876 tras
a terceira Guerra Carlista. As protestas levaron a Cánovas a aprobar os Concertos Económicos dous anos mais
tarde, recoñecendo a autonomía fiscal das Provincias Vascas. Con todo, a demanda da plena reintegración foral
daría lugar a un movemento reivindicativo encabezado por Sabino Arana. O seu ideario identificaba a etnia, o
integrismo católico, a lingua vasca, os privilexios vascos e cultura tradicionais como elementos vertebradores do
territorio que denominou Euskadi. Desenvolve un discurso crítico cara o proceso de transformación industrial que
experimenta o País Vasco que atrae traballadores de fóra aos que despectivamente denomina maquetos e que
conduce a unha transformación dos valores xenuínos vascos (risco de españolizarse e converterse nun territorio
ateo e liberal). Desde o principio mantivo unha postura independentista e fundou en 1895 o Partido Nacionalista
Vasco que en 1898 acadou os seus primeiros éxitos electorais.

O galeguismo tamén experimentou unha lenta evolución na segunda metade do século XIX. Parte dunha
reflexión sobre o atraso de Galicia e o esquecemento do Goberno central sobre as necesidades deste territorio.

Nunha primeira etapa, iniciada en 1840, o provincialismo de Antolín Faraldo alentaría a progresiva toma de
conciencia das particularidades e necesidades de Galicia. Este primeiro movemento acabará nos fusilamentos de
Carral que pon fin ao pronunciamento progresista de Miguel Solís fracasado en 1846.

Ese impulso precursor viuse reforzado nos anos 60 polo Rexurdimento, o movemento cultural iniciado por Rosalía
de Castro, que aspiraba á revitalización do galego como lingua literaria, e a recuperación do pasado de Galicia
subministrando argumentos ao galeguismo por parte dos historiadores (Benito Vicetto e Manuel Murguía).

Con todo, será a partir de 1880 cando xurda o rexionalismo, que tivo como figuras mais destacadas ao liberal
Manuel Murguía e ao conservador Alfredo Brañas. Este ultimo destaca sobre todo polas súas propostas de
carácter administrativo para conciliar as dúas patrias (grande e pequena); defende o catolicismo como un dos
trazos definitorios da alma galega e o corporativismo social e gremial como a base das institucións políticas
rexionais. Neste tempo foron fundándose xornais en galego e as primeiras organizacións galeguistas (Asociación
Rexional Galega, a Liga Galega), así como a creación da Real Academia Galega da Lingua.

Xa no século XX, o movemento proclamarase como nacionalista a través das Irmandades da Fala, xunto as que
destacará tamén o innovador e moderno papel cultural da Xeración Nós, da que fixeron parte Risco, Castelao,
Cuevillas ou Otero Pedrayo.

You might also like