You are on page 1of 19

METODOLOXÍA DA INTERVENCIÓN SOCIAL

UNIDADE 2: A PROGRAMACIÓN NA INTERVENCIÓN SOCIAL: MODELOS

INTRODUCIÓN
Nesta actividade faremos un repaso das etapas da planificación social para situar o
momento da programación. Trátase de organizar a intervención social tomando como
referencia a análise da realidade que abordamos na anterior unidade. Convén entender os
distintos niveis de planificación como paso previo para poder deseñar proxectos de
intervención social conforme os distintos modelos de planificación.

ACTIVIDADE

Que entendemos por programación?


Xenericamente podemos afirmar que planificar é preparar por anticipado ou decidir
anticipadamente que é o que se vai facer. Neste caso, se falamos de programación social
estamos a referirnos ás actuacións que hai que levar a cabo, a partires da análise das
necesidades detectadas e dos recursos dispoñibles co propósito de acadar uns obxectivos
desexables.
En todo o proceso de intervención social requírese un coñecemento previo da
realidade na que se vai intervir, por isto é unha etapa necesaria para poder deseñar unha
estratexia de intervención que parta das necesidades sociais e dos recursos cos que
contamos para isto.

Podemos sinalar os seguintes elementos como característicos do proceso de planificación:


- Parte dunha realidade analizada.
- Implica tomar decisións acerca do futuro.
- Establece os pasos precisos para acadar os obxectivos propostos.
- Deseña un camiño que poida ser percorrido conforme a unhas estratexias
metodolóxicas e unhas actividades.
- Conta cuns recursos.
- Contémplase a dimensión temporal.

A intervención social non pode ser froito do azar ou da improvisación a súa


importancia radica en que permite:
- A graduación da utopía como realidade desexada.
- Anticiparse ao futuro
- Ser unha guía da nosa acción

Modelos e tipos de programación


Os modelos de programación respostan xeralmente a un xeito determinado de
entender a intervención social. Polo tanto, o modelo de programación non é simplemente un
documento técnico senón é o resultado dun modelo teórico para explicar a realidade.

Diferentes modelos de programación en función dunha serie de criterios:

· Segundo os procedementos utilizados: Ander Egg considerando os procedementos


utilizados, distingue dous modelos de planificación: planificación normativa e estratéxica.

1
METODOLOXÍA DA INTERVENCIÓN SOCIAL

- Planificación normativa: resposta a un xeito clásico de programación que consiste en


actuar sobre a realidade conforme á decisión da persoa que planifica. É un modelo
que se fundamenta a miúdo nun xeito de entender a planificación desde unha
ideoloxía autocrática.
A persoa que planifica ten o monopolio e controla a realidade planificada a miúdo
sen contar cos usuarios que son obxecto de intervención e non suxeitos.

- Planificación estratéxica: desde este modelo de planificación búscase a participación


dos distintos actores sociais no proceso de planificación. O axente que planifica
forma parte da realidade xunto con outros actores, que en certo modo tamén
planifican. É polo tanto un modelo de planificación propio das sociedades
democráticas.

· Segundo a forma de intervención do Estado: o mesmo autor distingue entre planificación


imperativa e indicativa.

- Planificación imperativa: neste caso é o Estado quen determina os fins e obxectivos,


os medios que hai que seguir e os recursos necesarios. Neste tipo de programación
é o organismo estatal da programación quen aproba as directrices de aplicación
obrigatoria para os diferentes axentes e sectores.

- Planificación indicativa: neste caso o Estado marca fins e obxectivos que se


pretenden acadar, os medios e os fins que hai que seguir e os recursos asignados.
Nesta planificación non se obriga aos sectores privados e adherirse a dita
planificación, aínda que si aos públicos. Aínda que non obriga o cumprimento do
plan, o Estado pode orientar, motivar e incluso presionar aos axentes do sector
privado por diversos medios, como os mecanismos de mercado e as políticas fiscais,
de crédito e de comercio exterior.

· Segundo a repercusión sobre o sistema:

- Planificación racionalizadora: non pretende transformar a realidade senón máis ben


manter a orde institucional establecido. O seu eixo central é a asignación racional de
recursos para acadar uns obxectivos.

- Planificación innovadora:supón a xeración de novas estruturas, alternativas e


actividades. Trátase dunha proposta participativa e prospectiva centrada no deseño
e construcción do futuro.

Niveis de concreción da programación


A tarefa de programar podemos realizala desde distintas perspectivas ou criterios.
Algúns dos máis usuais son o criterio temporal, espacial o obxecto da programación e o
nivel de operatividde.

Segundo o seu alcance temporal


- Planificación a longo prazo: para definir liñas xerais de política educativa, social,
económica, etc.. (3-5 anos). Vai ser a referencia para planificacións de menor
duración.

2
METODOLOXÍA DA INTERVENCIÓN SOCIAL

- Planificación a medio prazo: a duración é variable dependendo do sector no que se


pretende intervir. No caso de programas sociais ou socioculturais entre 1 e 3 anos.
- Planificación a curto prazo: Soen referirse a períodos de planificación máis curtos e
deséñase sobre algúns aspectos dun sector (6 meses a 1 ano).

Segundo alcance espacial

- Planificación estatal: abrangue todo o Estado.


- Planificación autonómica: afecta a un ámbito territorial e competencia dunha
comunidade autónoma.
- Planificación local (provincial e municipal).

Segundo o obxecto da planificación

- Planificación global: contempla todo tipo de planificacións tanto no temporal como no


espacial e sectorial.
- Planificación sectorial:
· En determinados sectores
· Sectores: planificación económica, cultural, educativa, etc..

Segundo o nivel de operatividade: podemos distinguir tres niveis do proceso de planificación


en función do seus nivel de operatividade. Estos niveis de operatividade forman unha
globalidade no seu conxunto, son un continuo. Estos tres niveis vanse a ordenar do xeito
que segue:

- Nivel estratéxico:
- Plantea grandes liña de actuación, obxectivos moi xerais e orientadores.
- Sinalan a previsión de presupostos, recursos e equipamentos necesarios.
- Definen prioridades, criterios e estratexias.
- O instrumento de este nivel: O PLAN.

- Nivel táctico:
- Concreta obxectivos específicos.
- Clarifica prioridades de intervención.
- Explicita e ordena recursos dispoñibles.
- O instrumento de este nivel: O PROGRAMA.

- Nivel operativo:
- Define obxectivos operativos.
- Determina procesos de execución, actividades e tarefas a realizar nun tempo
determinado.
- Elabora orzamentos de ingresos e gastos.
- Define resultados previstos e medios para logralos.
- Detalla uso concreto de recursos para acadar os obxectivos.
- O instrumento deste nivel: O PROXECTO.

3
METODOLOXÍA DA INTERVENCIÓN SOCIAL

Niveis de planificación
Os niveis de operatividade do proceso de programación permiten distinguir entre os
diferentes niveis de planificación. No seguinte cadro imos relacionar os niveis de
operatividade cos instrumentos propios de cada un deles.

O PLAN: é un documento que marca as liñas xerais de actuación ou estratéxicas de


programas e proxectos.

CARACTERÍSTICAS
- Nivel máximo de organización e estruturación da intervención.
- Marca as liñas de actuación dos programas.
- Extensión global ou sectorial.
- Pode ser estatal, autonómico ou local.

ELEMENTOS
- Temporalización (medio-longo, 3 ou 5 anos).
- Obxectivos xerais: marcos de referencia para a formulación de obxectivos no
programa e no proxecto.
- Criterios e prioridades: orientacións metodolóxicas para o logro dos obxectivos e
determinación de ámbitos de maior incidencia.
- Previsión do orzamento: custos e fontes de financiamento

O PROGRAMA: é un instrumento que permite programar a nivel táctico, orienta as


direcrices estratéxicas do plan nun contexto determinado.

CARACTERÍSTICAS
- Adecuación das directrices do plan a un contexto determinado.
- Máis concreto que o plan.
- Obxectivos máis definidos.

4
METODOLOXÍA DA INTERVENCIÓN SOCIAL

- Refírese a ámbitos e tempos concretos.


- Ordena recursos.

ELEMENTOS
- Temporalización (1 a 3 anos).
- Obxectivos específicos: concreción de obxectivos xerais, referido a un ámbito
xeográfico concreto.
- Organización de recursos dispoñibles: especificación de persoal, material,
instalacións, inmobles e orzamento.
- Fundamentación: argumentación da xustificación da existencia do programa
(necesidades detectadas).

O PROXECTO: é o nivel máis operativo do proceso de programación, polo que é o


instrumento máis frecuente da programación da intervención social.

CARACTERÍSTICAS
- Nivel máis operativo.
- Un programa está integrado por proxectos.
- Aplicable a situacións concretas a curto prazo (1 ano ou menos).
- Resposta a obxectivos operativos: concretos, medibles e precisos.
- Contempla actividades e tarefas para acadar os obxectivos operativos

ELEMENTOS
- Xustificación.
- Obxectivos operativos.
- Metodoloxía con actividades e tarefas.
- Recursos.
- Orzamento.

Un dos elementos fundamentais do proxecto son as actividades e tarefas. A


actividade recolle o conxunto de actuacións que hai que levar a cabo e, á súa vez, está
integrada por tarefas que serían as acción necesarias para realizar unha actividade.

ELABORACIÓN DE PROXECTOS DE INTERVENCIÓN SOCIAL

INTRODUCIÓN
Nesta actividade imos centrarnos no deseño de proxectos de intervención social.
Como vimos en unidades anteriores, o proxecto de intervención social resposta a un nivel
de planificación que xeralmente imos desenvolver nun curto espazo de tempo, razón pola
cal convértese nunha ferramenta de traballo básica no ámbito social. Nesta ocasión imos
identificar os elementos que compoñen o proxecto de intervención e a súa funcionalidade
no desempeño profesional.

Actividade

Que é o proxecto de intervención social?


Ander Egg (2000) convén en sinalar que na linguaxe corrente cando falamos de
proxecto facemos referencia á previsión, ordenamento ou premeditación que se fai para

5
METODOLOXÍA DA INTERVENCIÓN SOCIAL

realizar algo ou executar unha obra ou operación. Se falamos de proxecto de intervención


social, trátase pois da “ordenación dun conxunto de actividades que combinando recursos
humanos, materiais, financieiros e técnicos, se realizan con propósito de acadar un
determinado obxectivo ou resultado”. O mesmo autor convén en sinalar os aspectos
substantivos dun proxecto que fan referencia a:
- un conxunto de actividades e accións que deben emprenderse,
- que non son actuacións espontáneas, senón ordenadas e articuladas,
- que combinan a utilización de diferentes recursos e,
- oriéntanse á consecución dun obxectivo ou resultado previamente fixado,
- que se realizan nun tempo determinado,
- e que se xustifican pola existencia dunha situación-problema que se quere modificar.

O proxecto como eixo da intervención social


A diferenza fundamental do proxecto ao respecto do plan ou do programa, é que no
proxecto faise referencia a actividades e tarefas concretas para desenvolver a realidade
sobre a que se pretende intervir. En si mesmo, o proxecto sinala claramente que é o que vai
facer para intentar mudar a situación problema de aí que podamos asegurar que é
fundamental que a persoa técnica saiba como concretar as accións a desenvolver antes de
poñerse a “actualas”.
Para as técnicas en Promoción da igualdade de xénero, o manexo e elaboración de
proxectos vai ocupar boa parte do seu traballo profesional, de aí a necesidade de aprender
a elaborar proxectos. En que radica a importancia ou que afirmemos que o proxecto é o
eixo da intervención social? Apoiámonos de novo en Ander Egg que sinala as seguintes
pautas:
- Concreta e precisa o que quere realizar a persoa técnica.
- Instrumenta de xeito efectivo as decisión tomadas tendo en conta os recursos
dispoñibles.
- Orienta a acción para acadar uns determinados productos e resultados.
- Estabelece criterios que axudan valorar de xeito sistemático o realizado.

En definitiva, afirma o autor que a elaboración do proxecto vai a axudar a sair das
vaguedades, dos grandes propósitos e baixar á terra o que se pretende facer dun xeito
ordenado, organizado e coherente.

A ELABORACIÓN DO PROXECTO DE INTERVENCIÓN SOCIAL


Ter en conta que para que un proxecto estea ben deseñado ten que respostar a
unha serie de preguntas:
- QUE se quere facer (Natureza do proxecto).
- POR QUE se quere facer (Orixe e fundamentación).
- PARA QUE se quere facer (Obxectivos, propósitos).
- CANTO se quere facer (Metas).
- ONDE se quere facer (Localización física, Cobertura espacial).
- COMO se vai facer (Métodos e técnicas, Actividades e tarefas).
- CANDO se vai facer (Calendarización e cronograma).
- A QUEN vai dirixido (Persoas destinatarias beneficiarias).
- QUEN o vai facer (Recursos humanos).
- CON QUE se vai facer/se vai costear (Recursos materiais e financieiros).
- COMO, QUE, CON QUE, CANDO E QUEN avalía (Avaliación)

6
METODOLOXÍA DA INTERVENCIÓN SOCIAL

Estas preguntas permítennos ordenar e organizar as ideas de cara a ir definindo


como sería a intervención ante unha situación-problema. O proxecto pretende ser o mapa
que nos vai guiar, pero tampouco podemos tomalo como un bloque de pedra inamovible,
todo o contrario na súa aplicación será flexible, é dicir, que se reaxustará a una realidade
cambiante.

GUÍA PARA A ELABORACIÓN DE PROXECTOS SOCIAIS


Imos detallar os distintos elementos que soen compoñer un proxecto de intervención
social. Loxicamente aquí presentamos un modelo que procede de diversas fontes como
Ander Egg, Pérez Serrano, etc. pero non é o único.
O importante é que os elementos que incluamos no proxecto garden coherencia interna, o
documento sexa breve, cunha linguaxe clara e sinxela e que realmente resposte ás
necesidades detectadas.

O proxecto de intervención social vai ser o froito dunha diagnose previa a partires do
coñecemento exhaustivo da realidade social obxecto de intervención. O diagnóstico da
situación supón que temos a información suficiente sobre a situación-problema: revisouse
bibliografía sobre o problema, estudouse o marco xurídico e normativo, analizáronse as
necesidades concretas do ámbito ou territorio no que queremos intervir e tivéronse en conta
os recursos disponibles nese momento concreto.

Antes de deseñar un proxecto de intervención social teremos que valorar a


conveniencia ou non de intervir. Despois de realizar a análise da realidade cabe a
posibilidade de que nos atopemos con múltiples situacións-problema nas que habería que
intervir, pero isto non sempre é posible debido á complexidade da realidade social na que
traballamos.

Resulta imprescindible determinar sobre que aspecto/s é necesario intervir e para


isto imos ter en conta os seguintes criterios de priorizacion:
- O tempo.
- O interese mostrado pola poboación.
- A importancia e urxencia das necesidades detectadas.
- A viabilidade,é dicir, a posibilidade real de levar a cabo o proxecto.
- O impacto que pode ter.
- O custe que supón.
- A utilidade na resolución so problema.
- As expectativas de éxito na resolución das necesidades detectadas.
- A posibilidade de potenciar a participación de todos os axentes implicados.

ELEMENTOS DO PROXECTO DE INTERVENCIÓN SOCIAL


1. Denominación.
2. Descrición do proxecto.
3. Fundamentación/Xustificación.
4. Persoas destinatarias.
5. Obxectivos.
6. Metodoloxía.
- Principios metodolóxicos.
- Métodos e técnicas.

7
METODOLOXÍA DA INTERVENCIÓN SOCIAL

- Proceso metodolóxico.
- Aspectos organizativos.
- Participación
6.1-Actividades e tarefas.
6.2-Temporalización(cronograma)
6.3-Recursos
- 6.3.1-Humanos (organigrama)
- 6.3.2-Materiais
- 6.3.3-Económicos:
· Fontes de financiamento.
· Orzamento.
7. Avaliación

Denominación do proxecto: refírese a poñerlle un título que de xeito sintético indique que
é o que queremos facer. Trátase de identificar o proxecto e sinalar o marco institucional
desde onde o imos realizar. Moitas veces as denominacións inclúen un slogan que
acompaña ao título do proxecto e imos situalo na portada do documento.

Soe recomendarse que a denominación inclúa:


- Ten que facer referencia a aquilo que se quere facer.
- Ten que ser breve e precisa.
- Ten que incluír a referencia institucional, é dicir, a entidade que realiza o proxecto.
Pode ser en formato de redacción ou mediante algún logotipo da entidade/s que o
promoven.
- Algúns autores recomendan sinalar no título o período no que se vai executar o
proxecto.

Algúns exemplos de denominacións poderían ser:


- “Atenas”. Proxecto para a prevención da violencia de xénero (2016-2018). Concello
de Burela.

Descrición do proxecto: ou presentación do proxecto vai desenvolver o título


anteriormente exposto, definido e caracterizando a idea central do que se pretende realizar.
Neste apartado podemos contextualizar, se é o caso, dentro dun programa. Trátase de que
alguén que pretenda coñecer o proxecto teña unha idea clara sobre o fundamental do
mesmo en canto a: tipo de proxecto, o ámbito que abarca e o contexto no que se ubica
desde o punto de vista da organización.

Tomemos por exemplo o proxecto Atenas. Neste caso poderíamos describilo dicindo
o seguinte: “Este proxecto é un proxecto de prevención para mozas e mozos de entre 12 e
16 anos, desenvolvido polos Servizos Sociais do concello de Burela que están
escolarizados no concello, e sobre os que se pretende incidir achegando ferramentas para
detectar condutas machistas e xeitos de actuar ante comportamentos violentos en
colaboración coa Comunidade Educativa”.

Fundamentación e/ou xustificación:fai referencia ao por que se fai o proxecto, é dicir, a


razón de ser e orixe do mesmo. Moitos autores non distinguen entre fundamentación e
xustificación, no en tanto, nós imos establecer aquí unha diferenciación e recomendamos

8
METODOLOXÍA DA INTERVENCIÓN SOCIAL

neste sentido, que nos proxectos se inclúa un apartado de fundamentación e outro de


xustificación.

Fundamentación: os referentes teóricos, legais ou experienciais que lle dan consistencia


ao noso proxecto. Trátase de que atopemos na literatura científica bases sólidas para
defender o noso xeito de intervir na realidade. Por exemplo, se o que facemos é un proxecto
de lecer e tempo libre, temos que plasmar aquí que entendemos por tempo libre e lecer, que
expertos falan do tema e pensan como nós, que experiencias se están desenvolvendo ou
se desenvolveron que exemplifican o que nós queremos facer.

Xustificación: trátase de que argumentemos sobre a necesidade de desenvolver este


proxecto no lugar decidido. Neste caso, incluiremos aquí:

- Unha análise do entorno, é dicir, que necesidades se detectan respecto á cuestión


que imos traballar, ben porque non hai servizos ou programas ou si os hai e son
insuficientes, ben polas características da poboación, etc…
- A viabilidade do proxecto ou previsión das posibilidades de ser levado á práctica
para conseguir os resultados que se esperan. Podemos facer referencia aos
recursos dispoñibles no contexto no que imos intervir que poden axudar na
intervención, a dispoñibilidade de fontes de financiamento, etc..
- O prognóstico da situación, trátase de sinalar que pode pasar se non se intervén
sobre esta situación e cales poderían ser os resultados cuantitativos/cualitativos que
se poden esperar de levar a cabo o proxecto.

Este apartado resulta fundamental para darlle coherencia a todo o proxecto,


expóñense en definitiva o modelo teórico implícito na intervención e unha síntese dos datos
froito dunha análise previa da realidade que vai transmitir a quen lea o proxecto que a
proposta de actuación non é mero activismo ou unha ocurrencia espontánea, senón que
forma parte dun proceso reflexivo sobre a realidade social obxecto de intervención.
En definitiva como indica Gustavo Garcia (2006) a fundamentación/xustificación expresa:
- as innovacións ou melloras que se propoñen,
- a situación de partida que xustifica a necesidade de intervir,
- os beneficios que suporá para as persoas ou organización,
- as circunstancias que avalan a idoneidade deste proxecto fronte a outras
alternativas,
- os efectos que se van a derivar da súa implementación.

Persoas destinatarias do proxecto: trátase de identificar quen serán as persoas


beneficiarias inmediatas ou directas e as finais ou indirectas que se van beneficiar dos
impactos do proxecto.
No proxecto imos diferenciar estes dous tipos de persoas destinatarias. As directas
son aquelas ás que vai dirixida a intervención, para as que están deseñadas as actividades
do proxecto.
Mentres que as indirectas son aquelas que tamén van beneficiarse da
implementación do proxecto aínda que non participen directamente das actividades do
proxecto.

9
METODOLOXÍA DA INTERVENCIÓN SOCIAL

Por exemplo, podemos deseñar un proxecto de reforzo educativo para nenas e


nenos que presentan dificultades académicas, neste caso os destinatarias directas serían
eses nenas e nenos a través das clases de reforzo que imos implementar, pero
indirectamente, tamén se van ver beneficiadas as familias: na medida en que se mellora na
escola haberá presumiblemente menos conflitividade familiar, e tamén o equipo escolar: xa
que facilitará o transcurso das aulas.

Recomendamos que neste apartado se inclúa:


- Número de persoas ás que diriximos o proxecto.
- Características da poboación destinataria nos aspectos sociocultural ou condutual

Obxectivos do proxecto: como sinala Ander Egg (1998), “explicitar os obxectivos do


proxecto é respostar á pregunta “para que se fai”, é dicir, trátase de indicar o destino do
proxecto ou os efectos que se pretenden acadar coa súa realización”.

Os obxectivos danlle significado e coherencia ao proxecto, de aí que sexa necesario


coidar unha boa formulación dos mesmos xa que en boa medida van definir o tipo de
metodoloxía que imos empregar posteriormente.

Recomendacións para redacción de obxectivos:


- Os obxectivos redáctanse comezando cun verbo en infinitivo.
- Teranse en conta as persoas destinatarias do proxecto, que poden ser usuarias da
nosa intervención ou a propia organización. En caso de ser destinatarias tanto a
organización como os beneficiarias directas da intervención, convén facer a
distinción.
- Algúns verbos que indican accións desde o punto de vista das persoas usuarias,
como: recoñecer, observar, identificar, indicar, adquirir, resolver, afianzar, iniciarse
en, establecer, descubrir, empregar, realizar, comprender, utilizar, sentir, amosar
interese por, tomar conciencia de, valorar, respectar…..
- E outros verbos como “favorecer”, “estimular”, “promover”,… son obxectivos máis
dirixidos á organización ou equipo profesional, non as persoas usuarias.
- Non confundir obxectivo con actividade. Un obxectivo é o que pretendemos
conseguir, e unha actividade é o medio para acadar un obxectivo. Por exemplo:
“facer unha representación con linguaxe non verbal” non se trata dun obxectivo,
senón dunha actividade que pode axudar a que o alumnado acade o obxectivo
“identificar os componentes da linguaxe non verbal”.

Os obxectivos podemos diferencialos en xerais e específicos.

- Obxectivos xerais: son os propósitos principais do proxecto, e van ter un baixo nivel
de concreción. Normalmente un proxecto ten entre un e tres obxectivos xerais que
non fan referencia a unha conduta observable, senón máis ben a un gran propósito
que ten o proxecto. A súa formulación non permite unha avaliación directa dos
mesmos, senón que estes vanse concretar nos obxectivos específicos.

- Obxectivos específicos: son obxectivos inmediatos e complementarios que hai que


dar para acadar un obxectivo xeral. Polo tanto podemos dicir que concretan aos
obxectivos xerais e neste caso si que teñen que indicar metas realizables e

10
METODOLOXÍA DA INTERVENCIÓN SOCIAL

avaliables, ser claros e que non admitan máis que unha interpretación, e que
permitan establecer indicadores de avaliación. En definitiva deben ser:
- Precisos.
- Realistas.
- Medibles

Recoméndase pois no caso dos obxectivos específicos:


- Comezar por un verbo en infinitivo de acción.
- Expresar unha única acción por obxectivo para evitar confusións.
- Expresar comportamentos avaliables, ben incluíndo temporalización do período no
que se pretende conseguir ou o ámbito, entorno ou espazo físico no que se levará a
cabo.
- Especificar o grao ou a cantidade no que se quere conseguir o obxectivo

Metodoloxía: resposta á cuestión “como” imos conseguir os obxectivos que nos


propoñemos. É un dos apartados máis relevantes de calquera proxecto e axudaranos a
establecer as accións que realizaremos para levar adiante o noso proxecto. Ander Egg
sinala que neste apartado hai que especificar as nosas opcións metodolóxicas que
inevitablemente levan implícitas uns criterios ideolóxico-políticos e técnicos. A partires de
definir o noso modelo de intervención, imos sinalar as técnicas e instrumentos que se
utilizarán para implementar as distintas actividades.
O mesmo autor sinala que en proxectos de intervención social un criterio básico á
hora de seleccionar métodos e técnicas é o de dar preferencia a aqueles que facilitan,
promoven ou posibilitan a participación das persoas destinatarias na realización do
proxecto.
No documento do proxecto podemos mostrar brevemente algunhas pinceladas
metodolóxicas que ao noso entender serían as seguintes, aínda que loxicamente cada
proxecto adaptarase ás súas necesidades:

- Principios metodolóxicos. Cando falamos de principios metodolóxicos falamos dos


fundamentos teóricos que sustentan o noso xeito de intervención social. A
intervención non pode ser froito do azar, xeralmente vaise a apoiar en:
- Teorías e modelos de intervención social.
- Experiencias de intervención social e autoras de referencia.
En todo caso moitas autoras e autores conveñen en sinalar que algúns principios
son xeralizables a toda intervención social, a saber:
- Principio de actividade: as persoas destinatarias do proxecto participarán
activamente, é dicir, aprender facendo e non como suxeitos pasivos da
acción.
- Principio de socialización: que convén en sinalar que toda intervención
promoverá a integración e a mellora das relación sociais das persoas
destinatarias.
- Principio de individualización: respectar as peculiaridades de cada persoa e
telas en conta no deseño da intervención.
- Principio de decisión colectiva ou busca do consenso: procurarase que as
decisións sexan acordadas, isto garante o compromiso co proxecto.

11
METODOLOXÍA DA INTERVENCIÓN SOCIAL

- Metodoloxías, técnicas e instrumentos. Neste apartado referímonos a xeitos


concretos de actuar que están presentes no proxecto e que teñen relación co punto
anterior. Se no anterior punto sinalamos os modelos de referencia, neste apartado
sinalaremos os métodos e técnicas que imos utilizar. Se por exemplo, o noso modelo
de intervención é o Sistémico, poderíamos traballar cun método de Intervención
Breve que utiliza entre outras técnicas “a pregunta miragre” no marco dunha
entrevista que en si mesmo sería outra técnica.
- Proceso metodolóxico. Algunhas autoras sinalan este apartado para indicar o
proceso que vai seguir a implementación do proxecto. Trátase de mostrar unha
secuencia ordenada dos grandes momentos do proxecto. Normalmente fálase de
etapas ou fases.
- Aspectos organizativos. Neste apartado podemos sinalar tamén cuestións
metodolóxicas a nivel organizativo que indican o xeito de traballar. Por exemplo,
podemos falar de cómo se coordina o equipo profesional (reunión, dinámica de
relación,..), o uso das tecnoloxías da información e comunicación, etc.
- Participación. É un compoñente esencial nas intervencións sociais e pode referirse
ás propias persoas destinatarias do proxecto ou entidades e/ou persoas do entorno
nos que se vai levar a cabo. Gustavo García(2006) sinala que neste apartado
habería que precisar:
- Cal vai ser o alcance desa participación.
- Quen vai participar.
- A través de que canles.

En moitos proxectos óbviase algún dos puntos anteriores ben porque o proxecto
forma parte dun programa no que se detallan algún destes aspectos, ou ben porque o
proxecto resposta a unha intervención moi concreta que non precisa desenvolver polo
miúdo o modelo de intervención ou as fases do proxecto.
Dentro da metodoloxía imos contemplar ademais as actividades e tarefas, a temporalización
e cronograma e os recursos.

Actividades: son a esencia do proxecto no que se recollen as actuacións a realizar para


acadar os obxectivos previstos. Ningún proxecto poderá realizarse sen unha sucesión de
actividades.
Nun proxecto teremos que indicar de xeito claro as actividades a desenvolver
explicando o xeito en que se organizan, suceden, complementan e coordinan as diferentes
tarefas.
É importante non perder de vista que a actividade é un medio para acadar un
obxectivo e non un fin en si mesmo. Nos proxectos de índole social as actividades poden
ser variadas dependendo dos obxectivos que nos propoñamos.
Tomamos como referencia as achegas de Ander Egg para elaborar a nosa propia proposta
de clasificación:
- Actividades de sensibilización e concienciación, referímonos ao deseño de materiais
publicitarios, campañas para dar a coñecer unha causa, organización de eventos
solidarios, etc.
- Actividades de difusión e comunicación, xeralmente son todas aquelas actuacións
destinadas a dar a coñecer un proxecto a través de distintos medios de
comunicación, radio, televisión, internet, medios impresos, etc. (no módulo temos
unha unidade adicada específicamente a este aspecto).

12
METODOLOXÍA DA INTERVENCIÓN SOCIAL

- Actividades de formación e orientación, como poden ser xornadas, obradoiros,


cursos, seminarios, conferencias ou publicacións entre outros.
- Actividades de participación social, que buscan precisamente a implicación das
persoas no proxecto. Neste caso tamén temos actividades variadas que van desde
festas, encontros con asociacións, organización de seminarios, etc.
- Actividades artísticas e lúdicas, que son moitas veces a ferramenta para intervir
sobre unha determinada problemática ou realidade social. Poderiamos sinalar a
artesanía, artes visuais, artes escénicas, baile, canto, literatura e tamén, actividades
ao ar libre, deportivas e/ou físicas.

Tarefas: aquelas accións concretas que temos que realizar para levar a cabo unha
actividade. En definitiva trátase de descompoñer a actividade nas distintas actuacións que
comporta xeralmente para o equipo profesional. Por exemplo, imaxinemos que queremos
facer un obradoiro de técnicas de busca de emprego para a mocidade. Pois ben, neste caso
as posibles tarefas que temos que realizar serían:
- Deseño dun cartaz.
- Selección das participantes.
- Deseño das sesións do obradoiro.
- Seguimento e avaliación do obradoiro.

Cando queremos presentar nun documento as actividades que queremos realizar,


algunhas autoras e autores recomendan que establezamos a relación entre obxectivos,
actividades, tarefas e recursos de forma que poidamos apreciar a coherencia do proxecto.
Soemos facer fichas nas que se recollen os seguintes elementos.

Temporalización: A dimensión temporal é un dos aspectos esenciais na elaboración do


proxecto. Convén que sinalemos por unha banda a duración total do proxecto e
posteriormente ordenemos as distintas actuacións no tempo, así como a duración de cada
unha delas.
Un instrumento moi recomendable para temporalizar é o cronograma que permite
situar as actividades do proxecto no tempo de forma visual. Está formado por unha matriz
de dobre entrada na que se especifican actividades ou tarefas nas fileiras e o tempo que
leva facer estas activides nas columnas.

13
METODOLOXÍA DA INTERVENCIÓN SOCIAL

O cronograma tamén posibilita ver a orde que seguen as actividades e tamén


aquelas que se realizan simultaneamente.

En moitos proxectos tamén se soe incluír un horario que serve para representar a
planificación diaria ou semanal. Soe ser moi útil para proxectos nos que se ofrecen
variedade de actividades no mesmo día e/ou na mesma semana.

Recursos: todo proxecto supón prever tamén os medios, bens ou servizos que imos
necesitar para levalo a cabo. Cando se elabora un proxecto soemos distinguir entre
recursos humanos, materiais e económicos.

- Recursos humanos: son imprescindibles para o proxecto e convén sinalar, no seu


deseño, as persoas necesarias e a súa implicación: categoría profesional, función
que van desempeñar, dedicación, etc. Neste apartado podemos incluír:
- O organigrama, no que se reflíecten as funcións e responsabilidades así
como a coordinación dos equipos de traballo.
- O perfil profesional que se precisa con indicación do número de persoas que
se prevén.
Un erro moi común no proxecto é considerar como recurso humano as persoas
destinatarias do proxecto. Ao noso entender, non debemos incluílos como recurso
humano, a menos que formen parte dunha acción de voluntariado social. No ámbito
da intervención social é frecuente contar con persoas que colaboran como
voluntarias do proxecto, neste caso recoméndase sinalar o número e a función que
desenvolverán.
Un exemplo de organigrama para un proxecto de formación podería ser o seguinte.
Nel exprésanse as relacións de dependencia do equipo e tamén podemos observar
pola liña de doble punta as relacións de coordinación entre as profesionais.

14
METODOLOXÍA DA INTERVENCIÓN SOCIAL

Persoal Funcións

Coordinadora - Presidir as reunións da Coordinadora de formación.


(Traballadora Social) - Ser o/a representante do proxecto ante os medios de comunicación.
- Xestión económica do proxecto

Integradora Social - Garantir os recursos materiais necesarios para a realización das


actividades.
- Realizar o segumento dos participantes no proxecto.
- Coordinar ao voluntariado.
- Informar ás entidades sobre as actuacións a realizar.

Promotora igualdade - Recabar intereses formativos das usuarias.


- Encargarse do deseño publicitario.
- Coordinar ao voluntariado.
- Coordinarse coa Integradora Social para o deseño e seguimento do
proxecto.
- Motivar as usuarias para participar activamente no proxecto.

Voluntariado - Axudar na realización do obradoiro de artes plásticas.


- Acompañar ás persoas na xestión de trámites adminitrativos.

- Recursos materiais: os necesarios para desenvolver o proxecto como poden ser:


instalacións, mobiliario, maquinaria, material funxible, etc.
Neste apartado imos relacionar todos os recursos materiais que se consideren
necesarios incluso aínda que non teñan un custe económico. Cando relacionamos
podemos sinalar se o recurso en cuestión vai ser alugado, cedido, mercado, etc.
Unha posible clasificación dos recursos materiais sería:
- Recursos funxibles, é dicir, os que se esgotan, como o papel, lápices, etc.
- Recursos inventariables, que se poden utilizar en múltiples ocasións e aquí
teríamos maquinaria, mobiliario, instrumental, etc.
- Recursos espaciais, referímonos ás instalacións nas que se vai desenvolver
o proxecto. Imos sinalar tanto as instalacións propias como aquelas que se
van utilizar e non pertencen á institución incluídos os recursos do entorno
como poden ser prazas ou parques naturais.

- Recursos económicos: fan referencia a como se vai financiar o proxecto para poder
asumir o custe da súa implementación. Neste apartado polo tanto imos sinalar:
- As fontes de financiamento, é dicir, temos que especificar de onde imos obter
os recursos económicos. O financiamento pode ser público ou privado ou
derivado da prestación de servizos ou elaboración de produtos da
organización que executa o proxecto
- O orzamento no que se calculen os gastos e ingresos para o
desenvolvemento do proxecto. No relativo aos gastos inclúense:
- Gastos de persoal necesario para levar a cabo o proxecto no que se
detallará a categoría profesional, as horas de dedicación, etc.
- Gastos de dietas e desprazamentos que se requiran na realización
das actividades do proxecto
- Gastos de locais, especificando se é aluguer, acondicionamento ou
merca.
- Gastos de material e de equipo, podemos distinguir entre mobiliario e
material inventariable e funxible. Tamén se pode contemplar no
orzamento os gastos derivados da compra de equipos informáticos.

15
METODOLOXÍA DA INTERVENCIÓN SOCIAL

- Gastos de funcionamento: electricidade, auga, gas, teléfono, internet,


limpeza e conservación.
- Gastos imprevistos: en todo proxecto hai que prever unha cantidade
de cartos para gastos imprevistos. Adoita reservarse entre o 5% e
10%.
No relativo aos ingresos inclúense:
- Subvencións ao proxecto de entidades públicas ou privadas.
- Ingresos derivados de patrocinios.
- Donacións.
- Ingresos procedentes da venda de productos ou servizos que xenere o propio
proxecto.
- Cuotas que pagan as persoas destinatarias.
- Achegas da propia entidade promotora do proxecto.
- Outros xeitos de financiamento como campañas de crowdfunding.

A previsión do orzamento non pode ser deficitaria, teremos que ter como mínimo os
mesmos ingresos que gastos.

Avaliación: finalmente no proxecto contémplase un apartado no que se sinala como imos


avaliar. Xeralmente neste apartado imos definir os indicadores de avaliación que son os
instrumentos que nos van permitir comprobar empíricamente o grao no que se cumpriron os
obxectivos previstos.
A avaliación temos que entendela como un proceso que se inicia antes de intervir e
que vai estar presente ao longo de toda a intervención e unha vez finalizado o proxecto.

16
METODOLOXÍA DA INTERVENCIÓN SOCIAL

MODELO PSICOSOCIAL (CASE WORK)


Enténdese que os problemas que teñen os suxeitos veñen determinados polas
dificultades de adaptación ao entorno.
A unidade de atención é a persoa en interacción co medio e polo tanto este será o suxeito
de análise e intervención.

Fase inicial:
- Comprender o problema da persoa.
- Establecer un diagnóstico psicosocial (fortalezas e debilidades).
- Comprometer á persoa no tratamento e plan de acción (motivar).
- Establecer unha relación entre profesional e persoa (confianza).

Etapa 1. Estudio psicosocial:


- Trátase de recoller datos e ordenalos. (Datos sociobiográficos e do entorno que
teñen que ver coa situación-problema).

Etapa 2. Diagnóstico-avaliación:
- Para este modelo o diagnóstico profesional é esencial.
- O diagnóstico consiste no exame crítico da situación.

Etapa 3. Obxectivos e plan de acción


Búscase:
- Mellorar o funcionamento da persoa.
- O compromiso no seu propio tratamento.
- Establecer uns obxectivos de tratamento e elixir os medios para lévalo a cabo.

A técnica utilizada será a entrevista.

MODELO CENTRADO NA RESOLUCIÓN DO PROBLEMA


O problema é a dificultade tal e como é sentida, percibida e presentada pola propia
persoa, e esta vai buscar, atopar e aplicar a solución conveninte a esta dificultade particular.

Método:
- Incitar á persoa a identificar e precisar o problema que lle leva a pedir axuda, así
como a clarificar sentimentos e reaccións suscitados por ese problema:
- Natureza do problema.
- Que significado ten o problema para a persoa.
- As causas do mesmo.
- Os esforzos realizados para tentar resolvelo.
- A expectativa da axuda que solicita.
- Comprensión conxunta do problema.
- Realización das xestións necesarias para resolvelo.

Técnicas:
- Comunicacións verbais que a interventora social ten coa persoa destinataria da
intervención e que podemos clasificar en dúas grandes categorías:

17
METODOLOXÍA DA INTERVENCIÓN SOCIAL

- Preguntas e comentarios. As preguntas pretenden axudar a verificar a realidade


obxectiva dos feitos, estimular a pensar razonablemente. E os comentarios van
dirixidos a animar á persoa a expresar o seu xeito de ver o problema.
- Información e consellos. Tratan de proporcionar á persoa as informacións necesarias
para orientar a busca dunha solución.

MODELO DE ORIENTACIÓN NON DIRECTIVA (C.Rogers)


- O punto de partida é o respecto polas persoas e o seu dereito a levar unha vida
independente e autodirectiva.
- Confianza na capacidade das persoas para resolver un problema puntual.
- As dificultades son parte dun proceso de crecemento e autodesenvolvemento da
persoa.
- A intervención ten que dirixirse a que a persoa acade a autodirección comprendendo
as súas propias necesidades e valores.

Método:
Principios:
- Orientación na persoa fronte á orientación centrada no problema ou no caso.
- Non directivo fronte a directivo (a persoa ten dereito a elixir os seus propios
obxectivos ou metas na vida).
- A actitude da interventora. Para Rogers é clave esta cuestión que se concreta en:
- Aceptación da persoa e actitude cálida e próxima.
- Profunda comprensión.
- Congruencia entre a conduta e as conviccións.
Técnicas:
- A escoita activa (aceptación e mostrar interese).
- Autoexploración (animar á persoa a falar do que lle oprime e agobia).
- Verbalización de contidos e vivencias. Lévase a cabo a denominada “comprensión
profunda” na que se lle comunica as emocións que percibiu a través das
experiencias dun xeito libre e desde o non exuizamento.

MODELO SISTÉMICO
- Enténdense o problema como froito das relación interpersoais entre membros dun
sistema.
- Ten aplicación no eido da intervención familiar.
- Identifícase á persoa que manifesta o síntoma pero trabállase con todo o sistema
familiar.

Fase Inicial: primeira entrevista.


- Alianza terapéutica. Realízase a modo de contrato entre o equipo profesional e a
familia, é un compromiso, conciente e expresado verbalmente de efectuar certas
tarefas para acadar uns obxectivos determinados en común.
- Esquema de exploración. Consiste nunha batería de preguntas que se realizan
nesta primeira entrevista para coñecer a dificultade que trae á familia a consulta.
- Obxectivos do primeiro encontro. A profesional vai a definir e delimitar as normas de
como se vai regular a comunicación durante as sesións familiares e vai dirixir a
entrevista centrándose na tarefa que trae alí á familia.

18
METODOLOXÍA DA INTERVENCIÓN SOCIAL

Segunda entrevista e sucesivas.


- En función dos obxectivos marcados, vanse precisando as estratexias, ferramentas
e as técnicas tendo en conta que deberán ser coherentes co modelo teórico
adoptado.

Técnicas e instrumentos:
- Técnicas verbais:
- Dirixir as mensaxes á verdadeira persoa destinataria.
- Facer expresar verbalmente as mensaxes non verbais.
- Aclarar mensaxes ambigüas.
- Desenredar mensaxes contradictorias.
- Abordar os tabúes chamándolle ás cousas polo seu nome.
- Técnicas non verbais:
- Xenograma.
- Debuxo ou pintura efectuada pola familia.
- Xogos de comunicación.
- Escultura
- Tarefas e ordes. Son actividades que a familia ou algún membro ten que realizar na
casa entre as sesión.

MODELO DE REDES SOCIAIS


Rede social: “o conxunto de relacións significativas para unha persoa ou grupo que se
producen nun contexto xeográfico específico en que poden aparecer sentimentos de
vinculación que favorecen o desenvolvemento de sistemas de apoio social formal pode
ocorrer e/ou informal”.

No traballo con redes fálase de tres fases:


1. Identificación da rede.
2. Análise da rede.
3. Intervención na rede.

Técnicas e instrumentos:
- Entrevistas coas persoas usuarias tanto para analizar a rede social como para
incentivar o uso das redes ao alcance das persoas usuarias.
- Reunións coas persoas qu forman parte da rede social para traballar usos pouco
axeitados de relacionarse entre membros.
- Rexistro de membros máis relevantes da rede social.
- Mapa de rede social.
- Cuestionarios de apoio social.

19

You might also like