You are on page 1of 3

LITERATURA 2º DE BACHARELATO

TEMA 4.- O teatro do primeiro terzo do XX: Irmandades, vangardas e Grupo Nós.
O proceso de normalización literaria, comezado nas primeiras décadas do s. XX, foi moito máis
complicado no xénero dramático que nos outros xéneros, porque a finalidade última do teatro é a
representación, e nesta época, salvo algunhas excepcións, nin existían programas estables, nin
compañías profesionais que achegasen o teatro galego a un público, na súa gran maioría, pouco
cultivado. Todo isto co engadido da exclusión da lingua galega do espazo público culto e as sucesivas
prohibicións de representar en linguas diferentes do castelán (ditadura de Primo de Rivera, 1923 -
1930).1
A produción teatral galega do século XIX e comezos do XX foi escasa e dirixíase a un público
formado principalmente polas clases populares. O teatro que se escribía e se representaba era sobre
todo costumista, de asunto rural, de intención cómica ou sentimental e con algunhas incursións illadas
nas temáticas social e histórico-lendaria.
Podemos dividir o teatro de preguerra en catro etapas:
1.- A do teatro rexional, representado polos precedentes das Irmandades
2.- A das Irmandades da Fala, que supuxo o inicio dun teatro nacional
3.- A das vangardas, coa inclusión do teatro galego na modernidade
4.- A da época Nós, que supuxo a madurez e a universalización do teatro galego.

TEATRO REXIONAL
As primeiras mostras de teatro do s. XX relaciónanse coa preocupación dos rexionalistas por
este xénero. Así, en 1903 crearon a Escola Rexional de Declamación, co obxectivo de estimular a
produción teatral e aumentar o prestixio social da lingua. Aínda que esta escola só durou ata 1905,
representou obras de diversos autores, entre as que destaca A ponte (1903), de Lugrís Freire, que
supuxo unha ruptura coa produción anterior polo emprego dun galego contemporáneo, polo uso da
prosa (xa que foi o primeiro drama galego escrito en prosa) e pola crítica social contra as inxustizas que
cometían os caciques.
A partir de 1915 creáronse coros e agrupacións folclóricas en distintos puntos de Galicia que
representaban pequenas pezas teatrais, sen complicacións escénicas, que incluían tipos populares ou
reivindicacións rexionalistas ou as dúas conxuntamente. Destaca o coro ferrolán “Toxos e Froles”
(1914).

O TEATRO DAS IRMANDADES


A actividade teatral destes coros e agrupacións folclóricas foron un bo caldo de cultivo para que
as Irmandades dirixisen a súa atención ao teatro.
Así as Irmandades propóñense crear un teatro nacional, nun contexto de predominio de teatro
en español nos escenarios, onde o galego tiña unha presenza secundaria e relegada a aparecer como a
lingua dos labregos, con intención cómica. Había por tanto que crear un teatro galego e transformar
desde o teatro a propia sociedade, educala e regaleguizala.
Para lograr a dignificación e o prestixio da lingua a través do teatro, este debería estar centrado
en personaxes pertencentes ás clases medias ou altas e que fosen obras de temática universal. Era a
oportunidade de que o público puidese ouvir un galego culto en personaxes refinadas.
Para a modernización do teatro en 1919 a Irmandade da Coruña funda o Conservatorio
Nazonal de Arte Galega, e pídenlle a Ramón Cabanillas que faga unha obra na que a clase alta, que

páxina 1 de 3
LITERATURA 2º DE BACHARELATO

vive nun pazo, fale galego, e o asunto trate dun tema universal, como o amor. A posta en escena en
1919 de A man de Santiña (1921) foi todo un éxito. Comedia en prosa que acabou cos tópicos da
época anterior: non hai caciques, nin meigas, nin rapazas labregas asediadas, senón que presenta a
lingua galega por primeira vez en boca das clases altas e rodeada de cultura e distinción. Ademais,
transmite mensaxes en contra da emigración e a favor da fidalguía preocupada pola terra.
Pero esta modernización e posta ao día chocaba cos que concibían o teatro galego como
ruralista, cun público acostumado a ver teatro moderno en castelán. Un enfrontamento interno entre
diferentes concepcións fará desaparecer o Conservatorio e Leandro Carré Alvarellos creará en
substitución a Escola Dramática Galega (1922) moito menos ambiciosa, pero de maior éxito.
No ideario das Irmandades entendíase o teatro como vehículo para a dignificación da lingua e a
expansión ideolóxica nacionalista pero non todos os membros entendían isto do mesmo xeito, de
forma que se pode falar de dúas tendencias na creación dramática:
a) unha corrente conservadora caracterizada por presentar unha temática centrada no mundo
rural ou no pasado medieval, cunha intencionalidade humorística e intrascendente ou chea de
“moralina”. Esta corrente foi a que gozou de máis atención en xeral por parte do público. Destacan
autores como Xesús San Luís Romero, (O fidalgo e Rosiña ) e Xavier Prado Lameiro, autor de sainetes
cómicos (Monifates e Farsadas)
b) unha corrente renovadora que aposta por un teatro máis moderno e culto e na que cómpre
destacar a Ramón Cabanillas, autor de A man de Santiña, colaborou con Villar Ponte en O Mariscal,
drama histórico en verso de inspiración modernista que transmite a ideoloxía nacionalista das
Irmandades da Fala a través da figura do mariscal Pardo de Cela como abandeirado da oposición
galega ao centralismo polo seu enfrontamento cos Reis Católicos..
Antón Vilar Ponte, autor entre outras de A patria do galego (1905), drama en contra do
caciquismo e en prol da emigración; Entre dous abismos (1919), na que fala negativamente das
supersticións e do matrimonio e Almas mortas que trata a influencia desgaleguizadora de América nos
nosos emigrantes.
Armando Cotarelo Valledor: intenta crear un teatro culto e moderno, superador do
costumismo e do ruralismo. Na súa produción teatral pódense establecer catro ámbitos; teatro labrego
con obras como Trebón (1922); teatro histórico con Hostia (1926) traxedia histórica sobre a execución
de Prisciliano; teatro mariñeiro, no que cabe destacar Beiramar (1931); e teatro pacego, coa comedia
sentimental Sinxebra (1923).
Xaime Quintanilla autor de Alén (1921), escrita para demostrar a universalidade da lingua
galega, tratando temas non galegos. O escenario físico é Nova York, o ambiente é unha sesión de
espiritismo, aínda que a acción transcorre no interior dos personaxes.
E Leandro Carré Alvarellos, que defendía un teatro máis urbano e refinado e con pezas máis
longas e elaboradas. Escribiu máis de 50 pezas entre as que destacan Tolerías (1917), Para vivir ben
casados (1918) e Rexurdimento (1918).

páxina 2 de 3
LITERATURA 2º DE BACHARELATO

3. O TEATRO DAS VANGARDAS


O principal autor de teatro vangardista foi Rafael Dieste quen introduciu a dramaturxia galega
na modernidade, evitando o tradicionalismo e o costumismo. Preocupouse pola estilización e achegou
o teatro ás artes plástica. Todo nas súas obras ten significado; os movementos, a luz, os decorados, as
pausas... todos actúan como símbolos.
Destaca a peza teatral A fiestra baldeira (1927) é unha comedia simbólica sobre a identidade
(individual e colectiva). Un mariñeiro volve rico da emigración e encarga un retrato diante dunha
ventá. O pintor quere situar como fondo da fiestra unha paisaxe mariñeira, símbolo do pasado humilde
do retratado. A muller e a filla opóñense. Entón aparece a “fiestra baldeira” como símbolo da
anulación da identidade individual e colectiva. Ao final o conflito resólvese coa aceptación da realidade
e do pasado humilde. O tema da obra provoca unha reflexión sobre a tensión entre o individuo e a
sociedade.
Tamén escribiu unha obra breve titulada O drama do cabalo de axedrez

4. O TEATRO DA ÉPOCA NÓS


Elevaron o teatro galego ás cotas máis altas coñecidas ata entón. Vencellados ao nacionalismo
e ao europeísmo, achegaron o xénero dramático a movementos modernistas como o simbolismo e o
expresionismo. Procuraban seguir o modelo do “teatro da arte” que implicaba a estilización de todos
os elementos: linguaxe, mímica, música, pintura, iluminación... sen esquecer elementos propios como
o celtismo, o atlantismo e os modelos culturais de Portugal e Irlanda.
-Vicente Risco: autor dunha soa obra teatral, O bufón de El-Rei (1928), drama en catro pasos
que se desenvolve na época medieval, e na que fai unha reflexión sobre a relación entre a
deformidade física e a deformación moral.
-Otero Pedrayo: neste primeiro terzo de século escribiu dúas obras de teatro: A lagarada
(1929), traxedia que supuxo un paso de xigante na dramaturxia galega ao introducir digresións líricas e
elementos fantásticos, e Teatro de máscaras (1975), conxunto de pezas de tendencia simbolista nas
que repite os motivos do resto da súa obra: a fidalguía, o progreso, a morte, a presenza do fabuloso e
do irreal e a referencia a culturas estranxeiras.
Castelao: estreou en 1941 (exilio, Buenos Aires), Os vellos non deben de namorarse comezada
moitos anos antes. Castelao non concibía o teatro como un simple texto senón como un espectáculo
global (“é unha obra imaxinada por un pintor e non por un literato”), polo que adquiren unha grande
importancia os artificios escenográficos (iluminación, decorados, máscaras dos personaxes...) e utiliza
tamén outras artes, como a música. O motivo do vello namorado repítese tres veces, en tres versións
diferentes, nos tres lances. En cada un hai un vello namorado, unha moza e un mozo rival. A morte
intervén, tamén en cada lance, como personaxe para advertir aos vellos, ademais nos tres lances
aparece un grupo de mulleres do pobo que teñen unha función semellante á do coro da traxedia
clásica. Finaliza cun epílogo no que aparecen os tres vellos xuntos, mortos, no cemiterio para
arrepentírense do seu namoramento e coñecer novas das súas mozas.
1
O Real decreto —firmado polo rei Alfonso XIII— dictando medidas y sanciones contra el separatismo, só permitía a
utilización das chamadas neste documento legal "linguas rexionais" en representacións de tipo ruralista e folclórico, polo que
non permitía unha vía diferente á que estaba a promover Leandro Carré Alvarellos. As obras que escapaban destas
tendencias podían ser publicadas, mais non levadas sobre o taboado, debido a que a súa difusión no papel era moito menor
que na escena, posto que estas pezas serían lidas por minorías cultas xa convencidas do ideario galeguista. Alén disto, este
decreto pouco ou nada puido afectarlle á Escola Dramática Galega posto que esta deixou de realizar representacións co
inicio do réxime ditatorial de Primo de Rivera.

páxina 3 de 3

You might also like