You are on page 1of 6

O papel principal da inmunidade é erradicar os patóxenos invasores mediante a indución

da inflamación. As infeccións tenues e non virulentas son eliminadas mediante unha inflamación
leve, mentres que as infeccións máis severas e virulentas inducen unha inflamación intensa. O
perigo potencial da inflamación prodúcese cando unha inflamación intensa e/ou prolongada
ameaza o tecido normal circundante, o que provoca danos inespecíficos no tecido. O perigo
potencial da inflamación no ollo acentúase pola presenza de tecidos oculares insubstituíbles.

PRIVILEXIO INMUNE
É unha adaptación de certos órganos e tecidos que lles proporciona protección
inmunolóxica local sen dano ou perda da función.
Pero os sitios de privilexio inmune non están inmunoloxicamente incapacitados. Trátase
simplemente de sitios capaces de promover certos tipos de respostas inmunitarias beneficiosas,
ao tempo que suprimen outras que puideran causar un dano local irreparable.

Os sitios de privilexio inmune son: o cerebro, a cámara anterior, a córnea e a retina nos
ollos, a placenta, o feto e as gónadas (ovario e testículos).

Pénsase que este privilexio inmune é unha adaptación evolutiva para protexer estruturas
vitais dos efectos dun potencial dano debido a unha resposta inmune inflamatoria. Unha
inflamación no ollo ou no cerebro poden levar a perda da súa función, mentres que unha resposta
inmune contra o feto leva á morte deste.
Pero, como estes mecanismos evolucionaron para limitar a destrución do tecido local,
poden deixar a estes sitios máis vulnerables a patóxenos que requiran unha resposta inflamatoria
robusta para a súa erradicación. Por tanto, ten que haber un delicado equilibrio entre a cantidade
de inflamación necesaria para erradicar o patóxeno e a cantidade de dano inespecífico no tecido.

O transplante de córnea é un claro exemplo que se beneficia deste feito, xa que a taxa de
rexeitamento é moi baixa. A resposta inmunolóxica no rexeitamento corneal prodúcese porque
hai un estímulo cirúrxico, infeccioso ou lesión con perda das barreiras oculares.

O feito de que estes sitios de privilexio inmunolóxico estean separados do resto do sistema
inmune do corpo pode causar que sexan sensibles a enfermidades de hipersensibilidade (alerxias e
enfermidades autoinmunes) e a inmunodeficiencias.

SISTEMA INMUNOPRIVILEXIADO DO OLLO


No ollo a resposta ante un antíxeno é modulada. Este inmunoprivilexio é expresado
permanentemente na córnea, a retina e a cámara anterior. O ollo require un sistema altamente
controlado xa que non tolera respostas inflamatorias destrutivas. O ollo posúe unha capacidade de
autorrexeneración moi limitada e pode ser completamente destruído por unha resposta
inmunitaria mediada por células coa produción local de TNFα (factor de necrose tumoral α) e IFNγ
(interferón γ). Unha resposta igual na pel non tería un efecto tan grave e esta diferenza radica na
distinta capacidade rexenerativa que presentan os dous órganos.
Características do inmunoprivilexio ocular:
1.- Non ten ganglios linfáticos, polo que non hai drenaxe linfática.
2.- Presenza de barreiras oculares, que non deixan pasar moléculas e células:
a. Hematoacuosa: entre o epitelio pigmentado e non pigmentado ciliar.
b. Hematorretinal: situada no epitelio pigmentado retinal, entre a coroide e retina.
3.- Hai células presentadoras de antíxeno, pero son deficientes na presentación antixénica.
4.- Selectiva deficiencia de linfocitos T e B.
5.- Ten inmunomoduladores (TGF-β, factor transformador de crecemento ou IL-10,
interleuquina 10) e inhibidores do complemento:
TGF-β: contrarresta os efectos das citoquinas proinflamatorias e inhibe a
proliferación de linfocitos T e macrófagos. Tamén estimula a produción de IgA.
IL-10: limita a inflamación local.
Inhibidores do complemento: polo que por exemplo, diminúe a actividade fagocítica
ou a lise de antíxenos.
6.- Baixa expresión dos MHC que estimularían aos linfocitos T, polo que se produce unha
resposta inmune distinta. Así, se na operación se mantén a condición de inmunoprivilexio, o
transplante de córnea non produce rexeitamento (incluso con incompatibilidade entre o doador e
o receptor).
7.- As células presentadoras de antíxenos sitúanse externamente no limbo esclerocorneal
(zona de transición entre a córnea e a esclerótica), endotelio corneal e no epitelio pigmentado da
retina.
8.- Ten antíxenos secuestrados como a proteína unida ao retinol que é un compoñente da
rodopsina dos bastóns. Estes antíxenos non se poden expoñer ao sistema inmune xa que
desencadearían a activación dos linfocitos T.
9.- Expresión do ligando Fas e apoptose. O ligando Fas é unha molécula que se expresa na
retina, no epitelio pigmentario da retina, coroide, iris, corpo ciliar, epitelio corneal, endotelio
corneal, cámara anterior e cristalino. Existe tamén un FAS soluble no humor acuoso e no humor
vítreo. Na superficie dos linfocitos T exprésase o receptor FAS que se une ao ligando FAS das
células; ao suceder isto prodúcese a apoptose do linfocito T polo que non se pode desenvolver a
resposta inmune.
10.- Diminución da expresión de moléculas de adhesión celular. Estas moléculas son
importantes para que as células da resposta inflamatoria poidan atravesar as barreiras e os vasos
sanguíneos para chegar ao estímulo.
11.- Desviación inmune asociada á cámara anterior (DIACA; ACAID acrónimo en inglés): a
resposta inflamatoria da córnea e do cristalino está influenciada polo inmunoprivilexio debido a
varios factores: ausencia de vasos linfáticos, presenza da barreira hemato-ocular, diminución na
expresión do MHC clase I, limitada localización de célula presentadoras de antíxenos e presenza de
citoquinas inmunosupresoras que modulan a resposta inflamatoria mediante a indución dunha
resposta inmunolóxica restrinxida que é o que se denomina DIACA. Nesta resposta hai inhibición
da actividade dos linfocitos T, suprime a reacción de hipersensibilidade retardada, prevén a
produción de anticorpos que activan o complemento e induce linfocitos T reguladores. En resposta
á introdución de antíxenos na cámara anterior do ollo, prodúcese un estado de tolerancia
sistémica a ese antíxeno. É un aspecto único do privilexio inmunitario do ollo. Está influenciada
principalmente polas propiedades supresoras do humor acuoso.

SISTEMA INMUNE NOS OLLOS


O sistema inmune ocular protexe os ollos das infeccións e regula os procesos de curación
das feridas. E as distintas parte do ollo teñen a súa resposta inmunitaria.

Córnea
A córnea é unha barreira física para que os patóxenos non pasen ao resto do ollo.
Inmunoloxicamente falando, a córnea é un tecido especial: a súa constante exposición ao
exterior fai que sexa vulnerable aos de microorganismos. Ademais, a córnea normal carece de
vasos sanguíneos e linfáticos, pero está rodeada circunferencialmente por vasos linfáticos situados
no limbo que se conectan coa rede linfática conxuntival; así as reaccións inmunes na córnea veñen
dos tecidos vascularizados adxacentes e das células da resposta inmune innata que residen dentro
da córnea, polo que pasa certo tempo desde a exposición ao patóxeno e a resposta inmune.
A córnea presenta:
- Mucinas: protexen contra a adhesión de patóxenos, alérxenos e contra o secado.
- Histaminas: actúan na sinalización celular.
- Moléculas MHC de clase I en todas as capas da córnea, pero con baixa expresión.
- O ligando Fas que induce a apoptose
. As células do endotelio da córnea son ricas en moléculas MHC clase I, inhibindo a citólise
producida polas células asasinas naturais (NK), que como consecuencia protexe a córnea contra o
ataque das células NK, p. ex., despois do transplante.
- Receptores tipo Toll (TLR1, 2, 3, 4, 5, 7, 9, 10): necesarios para o inicio da inmunidade
innata no ollo.
- Proteínas antibacterianas como as defensinas ou a catelidicina LL37.
- Células de Langerhans (son células dendríticas, presentadoras de antíxenos), células
cebadas (na córnea periférica e limbo), macrófagos, linfocitos T e células linfoides innatas (son
linfocitos que carecen de receptores de recoñecemento de antíxenos e que se activan en resposta
ás citoquinas e a través de receptores de patróns moleculares asociados a microorganismos). As
células de Langerhas, poden xerar inmunidade ou tolerancia, dependendo de se reciben ou non
sinais de activación, pero na maioría dos casos non inducen a resposta inmunolóxica. Só con
algúns antíxenos, e baixo condicións extracelulares de inflamación, as células de Langerhans
provocarían respostas inmunolóxicas rápidas e potentes o que pode causar dano afectando á
visión.
- Células epiteliais da córnea: representan a barreira física que impide a entrada de
patóxenos). Segregan citoquinas como a interleuquina (IL)-1α, cando se produce unha infección ou
lesión. Non obstante, exposicións longas á IL-1α pode aumentar en exceso a infiltración inmune na
córnea e producir formación de novos vasos sanguíneos, o que pode provocar a perda da
transparencia da córnea. Así, a córnea tamén segrega un antagonista da IL-1α, a IL-1RN, que
provoca a diminución da invasión de leucocitos na córnea e suprime a formación de novos vasos.
- Queratocitos da córnea: son células dispersas polo estroma corneal. Manteñen a matriz
extracelular. Tamén se ven influenciados pola IL-1α e polo factor de necrose tumoral (TNF)-α para
producir IL-6 e defensinas. As defensinas teñen un amplo rango de efectos antimicrobianos contra
bacterias, fungos e virus e tamén aceleran a curación dos epitelios danados. A secreción das
defensinas está tamén relacionada co rexeitamento no transplante de córnea. Tamén segregan IL-
8 que atrae os neutrófilos en infeccións onde están implicados os virus herpes.
- Os nervios da córnea: serven para detectar a presenza de corpos estraños na superficie da
córnea. Isto provoca o incremento da secreción lacrimal, pestanexo e liberación de neuropéptidos
que inducen a activación das citoquinas.

O proceso inflamatorio na córnea ocasiona degradación da matriz extracelular,


anxioxénese, transformación dos queratocitos en fibroblastos para reparar, remodelar e restaurar
a ferida, o que resulta nunha distorsión refractiva e opacidade. Por esta razón a córnea adquiriu
adaptacións anatómicas que limitan e regulan a resposta inflamatoria.

As lentes de contacto poden ocasionar tres tipos de estímulos na superficie ocular: hipoxia,
trauma mecánico e trauma químico, que ten como resultado alteracións metabólicas, cambios
morfolóxicos en todas as capas e reaccións de hipersensibilidade fronte a depósitos nas lentes e
solucións de limpeza. Todo isto implica o dano do tecido, cambios na sensibilidade corneal, que a
pesares do inmunoprivilexio e a biocompatibilidade das lentes, inducen una resposta inflamatoria
aguda que pode chegar a ser crónica co o uso excesivo durante longos períodos de tempo. Por
exemplo, as bágoas conteñen proteínas antimicrobianas con efectos antiinflamatorios; a córnea
non posúe irrigación sanguínea nin linfática; en xeral hai poucas células inmunolóxicas; o
reemprazo do epitelio corneal é inmediato, pero se hai dano do estroma ocorre a activación dos
queratocitos e a resposta inflamatoria

Humor acuoso
Para o correcto funcionamento da córnea e do cristalino, é de grande importancia o humor
acuoso, que enche a cámara anterior do ollo. Elimina os produtos nocivos do metabolismo,
hidrata, nutre e osixena a córnea e o cristalino.
É producido polo epitelio secretor do corpo ciliar e como non hai vasos linfáticos, o humor
acuoso drena ao sangue polo que calquera antíxeno presente no humor acuoso alcanza o sistema
inmune por vía sanguínea (os antíxenos intraoculares son procesados principalmente no bazo) (a
vía sanguínea é menos inmunoxénica).
O humor acuoso contén factores que inhiben directamente a inmunidade innata como:
- TGF- β, ligando Fas soluble e hormona estimulante dos melanocitos: inhiben a activación
dos neutrófilos.
- TGF- β e factor inhibidor da migración dos macrófagos (MIF): inhibe a lise dependente
das células NK.
- Péptido relacionado co xene da calcitonina: inhibe a liberación de óxido nítrico dos
macrófagos activados.
- Factores reguladores do complemento: inhiben a activación do complemento.
- Proteína C reactiva: protexe as células da córnea contra a citólise das células do sistema
inmunitario, mediada polo complemento.
- Tamén ten un efecto inhibidor sobre os antíxenos, o que incide en que haxa un número
reducido de células do sistema inmunitario, como p. ex., de linfocitos T na cámara anterior do ollo.

Coroide
Dentro da capa vascular do ollo, concretamente na coroide, corpo ciliar e iris, observouse a
presenza de receptores importantes para a inmunidade natural, como os receptores tipo NOD que
regulan os procesos inflamatorios, a apoptose e tamén están relacionados con receptores tipo Toll
(TLR). A función destes receptores implica un aumento da produción de citoquinas.

Retina
A retina presenta células epiteliais que mostran un efecto inmunosupresor pola secreción
de factores que inhiben as respostas inmunitarias, p. ex., segregan TGF-β que ten efecto supresor
sobre os linfocitos T ou presentan receptores tipo Toll (TLR1-7, 9, 10), que participan na loita
contra as inflamacións bacterianas.

Conxuntiva
É unha barreira física. A conxuntiva recobre a esclerótica e a parte interna das pálpebras e
proporciona nutrientes aos tecidos adxacentes. A conxuntiva é o tecido vascularizado (irrigación
sanguínea e linfática) máis próximo á córnea, polo que é a maior fonte de compoñentes inmunes
da córnea. O pestanexo, a presenza de factores antimicrobianos nas bágoas, a resposta
inflamatoria, o fluxo de leucocitos e proteína séricas, son mecanismos de defensa innatos da
conxuntiva.
Posúe tecido linfoide asociado á conxuntiva (CALT) que é un tecido linfoide asociado a
mucosas (MALT): garante a inmunidade local desta parte do ollo, desenvólvese na puberdade e
diminúe coa idade.
Produce IgA, coma as glándulas lacrimais.
Contén macrófagos, neutrófilos, células cebadas, células de Langerhans e linfocitos T e B.
Ten microorganismos non patóxenos (flora normal) que ten función protectora xa que
compiten cos patóxenos. A córnea está relativamente desprovista de flora normal.

A inflamación da conxuntiva comparte signos e síntomas característicos de calquera tecido


vascular, con particularidade propias. A conxuntiva está irrigada por dous sistemas vasculares polo
que a hiperemia/vasodilatación ocorre predominantemente nun sistema ou outro: inxección
conxuntival ou inxección ciliar, tamén pode haber unha inxección mixta. O aumento da
permeabilidade vascular orixina edema. Tamén aumenta a actividade das glándulas conxuntivais
aumentando máis os fluídos. A rección inflamatoria na conxuntiva tamén ocasiona alteracións
tisulares como papilas, folículos ou flicténulas.

Resposta inmune lacrimal e glándula lacrimal


A película lacrimal posúe mecanismos de defensa específicos e non específicos. A película
lacrimal está composta de lípidos, auga e mucina. O que fai é crear unha superficie suave que
facilita a refracción, lubrica, hidrata, transporta pasivamente osíxeno e dióxido de carbono, limpa a
superficie do ollo da sucidade e protexe.
A película lacrimal tamén contén electrólitos, aminoácidos, encimas, prealbúminas, IgA,
IgG, IgM (aparece en procesos inflamatorios), IgE, así como β-lisina (rompe a membrana das
bacterias), histamina, lisozima, lactoferrina, e outras substancias que afectan a resposta
inmunolóxica e eliminación de axentes patóxenos. Os leucocitos poden ser transportados á
superficie da córnea a través da película lacrimal.
No ollo a IgG detéctase normalmente na esclera, na conxuntiva, na córnea, no corpo ciliar e
no humor acuoso.
Ademais, entre as células con función inmunolóxica na glándula lacrimal, hai células
plasmáticas, que están presentes en cantidade moito maior que os linfocitos T.
Á súa vez, dentro da glándula lacrimal, hai tecido linfoide asociado á drenaxe lacrimal
(LDALT). Unha das funcións fundamentais do LDALT é producir IgA, que se segrega nas bágoas, e
que participan na opsonización e aglutinación das bacterias e neutralización de toxinas.
No LDALT tamén hai receptores TLR, péptidos antibacterianos, macrófagos, lisozima que
lisa a parede bacteriana, lactoferrina que ao unirse ao ferro afecta ao crecemento dos
microorganismos, a lipocalina que afecta o metabolismo bacteriano e anxioxenina con efecto
antibacteriano.

Síndrome do ollo seco: o dano epitelial causado pola deficiencia lacrimal dispara a resposta
inflamatoria e inmunolóxica que, á súa vez, incrementa o dano do tecido e a perda do
inmunoprivilexio ocular, condicións que agravan o cadro fisiopatolóxico do ollo seco.

You might also like