You are on page 1of 15

TEMA 3.

Nacemento e

expansión do Islam.

Al-Ándalus.

1. Nacemento e expansión
do Islam.

O marco xeográfico onde xorde o islam é na Península

Arábiga, unha rexión situada entre o mar Vermello, o

golfo Pérsico e o mar Mediterráneo. Estaba habitada

por pobos nómades de pastores, organizados en tribos

enfrontadas entre si, sen un poder político que as

unise. A maioría eran politeístas, e dedicábanse á agricultura preto dos oasis e ao comercio en

caravanas.

Nesta zona atopábanse as cidades de Medina e A Meca, importantes centros comerciais

grazas a que por elas pasaban as rutas de caravanas que transportaban especias, sedas e

outros artigos de luxo de Oriente.

1.1. Mahoma, autoridade política e relixiosa.


Mahoma naceu na Meca, no ano 570, considerado o profeta e fundador do islam. Segundo

conta a tradición, no ano 610 Mahoma recibiu unha revelación a través do arcanxo Gabriel,

quen lle comunicou que era o elixido de Alá (Deus en árabe) para predicar a palabra divina. A

mensaxe revelada por Alá ao seu profeta contense no Corán, libro sagrado dos musulmáns.
As predicacións de Mahoma atacaban as vellas crenzas da cidade da Meca, pois defendían

unha relixión monoteísta.

Foi perseguido polas elites da Meca e tivo que fuxir cos seus seguidores cara a Medina,

fenómeno que se coñeceu como a Héxira e que tivo lugar no ano 622, converténdose nunha

data moi importante para o mundo islámico xa que se toma como o primeiro ano do seu

calendario. Porén, no ano 630, Mahoma conseguiu regresar á Meca e conquistala, convertendo

a maioría dos habitantes de Arabia ao islam.

A mensaxe de Mahoma creou un sentimento de unidade en comunidades que até entón

estiveran enfrontadas e unificounas como pobo.

Mahoma converteuse nunha autoridade relixiosa pero tamén política xa que era o xefe do novo

Estado. Velaquí unha característica constante no mundo islámico: a autoridade relixiosa e a

autoridade política recaían nunha mesma persoa.

Sabías que...?
Todos os musulmáns se colocan en dirección á Meca para rezar. Tamén moitas mesquitas
están orientadas cara a esta cidade. A urbe acolle multitude de peregrinos cada ano que
cumpren así con un dos preceptos do islam.
A súa importancia débese a que foi a cidade natal de Mahoma e da que tivo que emigrar na
Héxira, pero xa desde tempo atrás era un centro relixioso para os habitantes de Arabia pola
existencia dun templo que contiña unha pedra moi singular.
A Kaaba é un santuario considerado polos musulmáns “a casa de Deus”. Nunha das súas
esquinas ten incrustada a Pedra Nefra, unha reliquia que segundo a tradición islámica foi
entregada polo arcanxo Gabriel a Abraham que nun principio era branca, pero os pecados da
humanidade tornárona escura.
Actualmente o santuario está situado no interior da Gran Mesquita da Meca, en Arabia Saudí.

1.2. División no islam: xiítas e sunnitas.


Trala morte de Mahoma, no ano 632, abriuse o debate sobre quen debía suceder o profeta

como máxima autoridade relixiosa e guía da comunidade islámica. Aínda que os primeiros catro

sucesores (califas) de Mahoma foron escollidos entre os seus discípulos, axiña apareceron

grupos que cuestionaron a súa autoridade. Xurdiron así dúas correntes que dividen a

comunidade musulmá en dúas tendencias:


✔ Os chiítas: defendían que a autoridade de Mahoma debía transmitirse a través dos

seus familiares directos polo que recoñeceron como califa lexítimo a Alí, primo e xenro

de Mahoma.

✔ Os sunnitas, que concederon importancia non só ao Corán senón tamén á Sunna, unha

colección de ensinanzas e feitos atribuídos a Mahoma e segundo eles debían marcar o

exemplo a seguir para todo musulmán.

Os chiítas eran e seguen a ser a minoría. Concentráronse na parte oriental do Imperio.

1.3. A doutrina islámica.


A palabra islam significa submisión, obediencia ou entrega total a Alá, ao que consideran o

único Deus: trátase dunha relixión monoteísta como a cristiá e a xudía.

Os principios da relixión islámica contéñense no seu libro sagrado, o Corán, entendido como a

palabra de Alá revelada ao seu profeta, Mahoma.

Pero o Corán é tamén un código de conduta que guía a comunidade de crentes na súa vida

diaria, distingue o que está ben do que está mal, ofrece uns valores e mesmo algúns casos foi

considerado a base da lexislación (sharia).

A esencia da mensaxe do Corán encóntrase nos cinco deberes fundamentais para todo

musulmá, os cinco piares do islam:

1. Profesión da fe, pola que todo musulmán testemuña que “non hai máis deus ca Alá e

Mahoma é o seu profeta”.

2. Oración cinco veces ao día en dirección á Meca. Os venres practícase na mesquita a

oración colectiva baixo a dirección do imán.

3. Xaxún durante o mes de Ramadán.

4. Esmola, axuda aos necesitados.

5. Peregrinación á Meca polo menos unha vez na vida.

O Corán recolle tamén normas para a vida cotiá; por exemplo, permite a poligamia e prohibe

comer carne de porco, beber viño e participar en xogos de azar.


Sabías que...?
Saberías diferenciar entre “musulmán” e “árabe”. Moitas veces empréganse como sinónimos,
pero non é así.

- Musulmán: ser musulmán significa ser practicante da relixión islámica. No mundo hai máis de
mil millóns de persoas musulmás, o que converte esta relixión na máis estendida do planeta.
África do Norte, Oriente Medio ou Asia son algúns dos territorios onde se concentra a maioría,
pero existen persoas que profesan o islam tamén en Francia, Arxentina, Galicia ou calquera
outro lugar.

- Árabe: este termo non fai referencia a quen practica a relixión, senón que é un concepto
cultural. Refírese ás persoas que viven en países de lingua e cultura árabes xa que en orixe esta
cultura e formou na península de Arabia e se expandiu, a partir deste territorio, polo Oriente
Medio e norte de África. Polo tanto, na actualidade consideramos países árabes aqueles nos
que a poboación de lingua e cultura árabes é maioritaria.

O edificio de culto empregado polos musulmás é a mesquita e a persoa encargada de dirixir a

oración colectiva o imán. Outras figuras importantes son os ulemas, encargados do estudo e

interpretación dos textos sagrados, ou os cadís, que imparten xustiza seguindo a lei islámica

(sharia).

A mesquita, ademais dun lugar de reunión para a oración, empregábase tamén como escola e

espazo en que se difundían as noticias importantes ou se proclamaban os nomeamentos

políticos. Todas as mesquitas teñen unha forma cúbica, que lembra a Kaaba, e a mesma

estrutura, inspirada na casa de Mahoma en Medina.

2.A expansión do islam.


2.1. Fases da expansión islámica.
Como acabamos de ver, en tempos de Mahoma os musulmáns impuxeron a súa autoridade en

Arabia. Tras a súa morte a expansión do islam continuou baixo o goberno dos diferentes

califas, o que permitiu aos musulmáns conquistar e ocupar cada vez máis territorios até

formar o Imperio islámico. Podemos organizar a súa evolución nas seguintes etapas:

● A primeira expansión: o califato ortodoxo (632-661).


Trala morte de Mahoma no 632, os exércitos musulmáns expandiron o islam a través da

xihad ou guerra santa.


Nos primeiros tempos, o Imperio islámico estivo gobernado desde Medina por parentes

de Mahoma. Accederon ao poder por elección e adoptaron o título de califa, o xefe

político e relixioso de todos os musulmáns. Os tres primeiros califas foron proclamados

case unanimamente, pero os problemas internos xurdiron á hora de elixir o cuarto,

chamado Alí. No ano 661, Alí foi asasinado e tomou o poder a familia Omeia.

Durante o califato ortodoxo, o islam controlou toda a península arábiga, Persia e

Exipto, e xurdiron os primeiros enfrontamentos co Imperio bizantino.

● O califato dos omeia de Damasco (661-750).


Os Omeia fixeron hereditario o título de califa, trasladaron a capital do Imperio de

Medina a Damasco e organizaron o territorio en emiratos ou provincias.

Nesta etapa produciuse a máxima expansión do Imperio islámico: os exércitos

musulmáns conquistaron extensos territorios desde Persia ata a Península Ibérica. O

avance por Europa foi freado polos francos no ano 732.

No ano 750, produciuse unha rebelión, dirixida por Abul Abbas, que acabou co período

omeia tras seren asasinados todos os membros desta familia, coa excepción do príncipe

Abderramán, que fuxiu á península ibérica.

● O califato abasida de Bagdad (750-1258).


A partir do ano 750, o poder recaeu na familia dos Abasidas, que trasladou a capital a

Bagdad. Durante esta etapa multiplicáronse as loitas polo poder e o Imperio comezou a

desintegrarse. Os Abasidas perderon o control sobre moitos territorios, como o caso

de al-Ándalus. Mentres tanto, medraba a forza dos turcos, un pobo musulmán

procedente das estepas de Asia, que afianzou o seu poder a partir do século XIII.

Durante o período abasida, as cidades creceron e Bagdad converteuse nun importante

centro comercial.

● Os novos imperios (s. XIII-XX).


En 1258 os mongois (un pobo nómade procedente de Asia) saquean Bagdad e poñen fin á

dinastía abasida. Pero este feito non suporá a desaparición da nova relixión, senón que
os mongois, islamizados, continuaron espallando o islam por Asia Menor, Asia Central e

a India.

No 1453 os turcos toman Constantinopla e constitúen o Imperio turco otomán, que

dominou o mundo islámico até o século XIX e a súa definitiva desaparición tras a

Primeira Guerra Mundial (1923).

2.2. Organización política.

A máxima autoridade no Imperio islámico era o califa, que exercía o poder político e relixioso,

dirixía o Exército, elaboraba as leis e era o xuíz supremo. Era asistido por diversos

funcionarios:

✔ Os visires eran os conselleiros ou ministros.

✔ Os cadís encargábanse de aplicar a xustiza segundo as leis do Corán. Tamén lles

ensinaban aos fieis as doutrinas do Corán.

✔ Nas provincias gobernaban os valís.

O emir era un príncipe ou nobre, a miúdo familiar do califa, que exercía de valí dunha

provincia e tiña, ademais, poder militar.

Cada califa contaba tamén cun potente exército, no cal tiña gran peso a cabalaría.

Os territorios nos que se expandiu o islam transformáronse profundamente. Os seus

habitantes pasaron a sentirse parte dunha comunidade, por riba de diferenzas nacionais,

étnicas ou de raza. Os elementos que os unían eran a relixión (islam), a lingua (árabe) e a

moeda (dinar de ouro e dirhem de prata).

2.3. Economía agrícola, artesanal e comercial.

A maioría da poboación dedicábase ao cultivo de produtos como arroz, trigo, cebada, cana de

azucre, azafrán, algodón ou verduras. Tomaban a agricultura moi en serio, existían estudos

científicos e publicacións botánicas que permitiron lograr importantes avances:

✔ A rotación de cultivos permitiu obter máis dunha colleita cada ano e non desaproveitar

a terra.

✔ Inventaron sofisticados sistemas de rega.


Isto permitiu aumentar a produtividade, polo que se producía máis do necesario para vivir e

podían vender os excedentes no mercado. Polo tanto, pasouse dunha agricultura de

subsistencia a unha agricultura comercial.

En canto ás actividades urbanas, cidades como Damasco, O Cairo e Bagdad convertéronse en

centros manufactureiros arredor de produtos como a seda ou o algodón. Os artesáns vendían

nos mercados (zocos) perfumes ou produtos de coiro, metal e cerámica.

O Imperio islámico constituíu así unha rede de cidades que serviron de base para unha intensa

actividade comercial, favorecida pola existencia dunha economía monetaria. Rutas terrestres

e marítimas conectaban o Mediterráneo co Índico, como por exemplo a Ruta da Seda que se

estendía até a India e China.

2.4. A vida cotiá no Imperio islámico.


Aínda que a maioría da poboación vivía no campo, as cidades como Bagdad, Córdoba, Damasco e

O Cairo, era o centro da vida política, económica, relixiosa e cultural.

As cidades islámicas estaban protexidos por unha muralla. Organizábanse arredor da medina

ou cidade vella, en que se situaban os edificios principais, como a mesquita maior ou aljama. A

medina era un labirinto formado por rúas estreitas e irregulares e pequenas prazas.

No zoco ou mercado, os comerciantes vendían materias primas que compraban no campo e

luxosos produtos (marfil africano, alfombras persas, sedas, especias...) que traían de terras

remotas. Gardaban as mercadorías en alhóndiga ou almacéns.

A vida política centralizábase no alcázar, un recinto fortificado construído na parte máis alta

da cidade. Nel vivían as autoridades e os funcionarios.

Os homes e as mulleres acudían por separado ao hamman ou baños públicos, onde tomaban

baños de auga quente e recibían os servizos de masaxistas e peiteadores.

Arredor da medina distribuíanse os arrabaldes ou barrios populares. Neles estaban os

obradoiros dos artesáns, especializados no traballo do coiro, os metais, a cerámica e os

tecidos.

As casas tiñan dous pisos. Na planta baixa recibíanse as visitas, mentres que o piso superior

se destinaba aos cuartos privados.


Fóra da cidade, onde a presenza de auga facía posible a agricultura, había alquerías ou casas

de campo en que se cultivaban cereais, froitas, verduras, oliveiras e palmeiras. A maioría das

terras estaban en mans de grandes propietarios e eran traballadas por escravos. Os

musulmáns expandiron algúns cultivos, como o arroz, o azafrán e a laranxa, e introduciron

sistemas de rega.

Nos desertos vivían pastores nómades que criaban ovellas, cabras e camelos.

3.A sociedade e a cultura islámicas.


3.1. A sociedade.
A sociedade islámica era desigual: convivían persoas de distintas relixións (musulmáns, xudeus

e cristiáns) e étnicas (bérberes, árabes, eslavos...). Non obstante, por riba das diferenzas,

existía unha división social baseada en criterios económicos.

✔ A aristocracia, formada sobre todo por árabes, estaba integrada polos grandes

propietarios e as familias relacionadas cos gobernantes. Tiña o poder político e

económico.

✔ Por debaixo da aristocracia encontrábase o grupo de notables: comerciantes, artesáns

e pequenos propietarios rurais. Non interviñan na vida política, pero dispoñían dun bo

nivel económico.

✔ Os campesiños sen terras, os artesáns sen obradoiro propio, os vendedores ambulantes

e os criados constituían a maior parte da poboación. As súas condicións de vida eran

precarias.

As mulleres estaban sometidas á autoridade do pai primeiro e do marido despois. O Corán

permitíalles a cada home ter ata catro esposas, ás que debía tratar por igual. A educación

reservábase para os fillos homes.


3.2. O desenolvemento cultural.
Na Idade Media, os musulmáns destacaron en diferentes campos.

CAMPO AVANCES DESTACADOS


Astronomía • Elaboraron amplos catálogos de astros.
Matemáticas • Difundiron o uso do 0.
• Inventaron a álxebra.
• Perfeccionaron a aritmética e a trigonometría.
Medicina • Desenvolveron avanzadas técnicas de cirurxía e anestesia, que
coñecemos grazas ás obras de médicos como Avicena e Averroes.
• Mostraron gran preocupación pola prevención de enfermidades e
introduciron normas hixiénicas pouco habituais daquela, como a limpeza
dos dentes.
Química • Realizaron diversos achados; por exemplo, o descubrimento do ácido
sulfúrico e o ácido nítrico.
• Obtiveron os primeiros métodos de destilación.
Agricultura • Estenderon sistemas de rega baseados en canles.
• Introduciron máquinas, coma a nora e o muíño de auga.
Literatura • Traduciron as obras dos filósofos gregos e romanos, que puideron así
difundirse por Occidente.
• Escribiron importantes libros de viaxes, de xeografía, de historia e de
poesía.
• Destacaron na escritura de contos curtos, como os de As mil e unha
noites, con relatos procedentes de diferentes países e distintas épocas.
• Crearon grandes bibliotecas, como as de Bagdad, Córdoba e O Cairo,
en que almacenou todo o saber da época.

3.3. A arte islámica.


A arte islámica sintetizou e fundiu os principais trazos da arte e dos pobos que conquistaron,

crendo un estilo artístico propio.

A arquitectura é a manifestación artística máis abundante. Emprega materiais pobres, como

ladrillos, xeso, madeira..., e utiliza columnas, piares e unha gran variedade de arcos (de

ferradura, de medio punto, apuntado, polilobulado...). Para cubrir os edificios empregáronse

teitumes planos de madeira e bóvedas de diferentes tipos.

A decoración era moi creativa. Utilizábase xeso, cerámica de cores e pintura para decorar os

edificios con motivos xeométricos (lazaría), vexetais (atauriques) e inscricións. Tamén se

valían de celosías, vidreiras e reflexos nos azulexos para crear xogos de luz e sombra.
Ademais, a auga era un elemento estético: xogábase co seu son, a súa capacidade para

refrescar o ambiente e reflectir outros elementos, e a súa simboloxía.

As chamadas artes menores, como a cerámica, o vidro esmaltado, o marfil, o coiro, o bronce

ou a madeira, alcanzaron un importante desenvolvemento.

4. Da conquista de al-Ándalus ao califato.


4.1. A conquista e o emirato dependente.
No ano 711, o reino visigodo atravesaba

por unha guerra civil que enfrontaba a

Rodrigo e Axila pola sucesión ao trono do

último rei visigodo, Witiza. Axila pediu

axuda aos musulmáns do norte de África.

O gobernador desta zona, Musa, e o seu

xeneral Tariq cruzaron o estreito de

Xibraltar coas súas tropas e derrotaron a

Rodrigo na batalla de Guadalete. Despois

ocuparon Sevilla, a continuación Córdoba e no ano 713 conquistaron Toledo. Encontraron pouca

oposición, pois a nobreza visigoda estaba desunida e o resto da poboación mostrouse

indiferente á invasión.

En tan só catro anos, os exércitos musulmáns ocuparon a maior parte da Península, aínda que

axiña abandonaron as terras ao norte do Sistema Central.

Os musulmáns chamaron al-Ándalus ás terras que quedaron no seu poder e estableceron a súa

capital en Córdoba. Al-Ándalus organizouse inicialmente como un emirato dependente do

califato de Damasco, á fronte do que se encontraba o emir ou gobernador.

4.2. O emirato independente.


No ano 750, a dinastía Abasida fíxose co poder do islam e a familia Omeia foi asasinada en

Damasco. Tan só un dos seus membros, Abderramán, conseguiu escapar da masacre e chegar

ata al-Ándalus, onde se fixo co poder.


No ano 756 proclamouse emir independente de Córdoba, co nome de Abderramán I. A partir

de entón, os emires de Córdoba deixaron de obedecer ao califa, aínda que seguiron

recoñecendo a súa autoridade relixiosa.

Os primeiros tempos da historia de al-Ándalus foron conflitivos. Os emires tiveron que facer

fronte a numerosas revoltas internas, pero tamén ás incursións militares dos francos e dos

cristiáns que se refuxiaron no norte.

4.3. O califato.
No ano 912, Abderramán III herdou o

trono. Nos primeiros anos sufocou as

sublevacións internas e as incursións

cristiás. Estas vitorias déronlle grande

autoridade e, no 929, proclamouse

califa. O título de califa significaba

que, ademais de dirixir ao goberno,

Abderramán III se convertía tamén na

máxima autoridade relixiosa de al-

Ándalus.

Nas tarefas de goberno, o califa contaba coa axuda do hayib ou primeiro ministro e dos

visires, unha especie de ministros. Ademais dos valís gobernaban as provincias e nas marcas

fronteirizas de Zaragoza, Toledo e Mérida.

No ano 976, accedeu ao título de califa Hisham II, con once anos. O goberno quedou entón en

mans de Almanzor, un brillante xeneral que emprendeu numerosas campañas de saqueo ou

razzias contra os reinos cristiáns do norte, entre as que destacaron os ataques ás cidades de

Barcelona e Santiago de Compostela.

O califato de Córdoba foi o período máis brillante da historia andalusí.


5. Da fragmentación do califato ao reino
nazarí.
5.1. Os reinos de taifas.
Tras a morte de Almanzor no 1002, as loitas

internas arrasaron al-Ándalus ata que se depuxo

o último califa de Córdoba, no 1031. O califato

dividiuse a partir de entón en numerosos reinos

ou taifas, unha situación que reflectía as

profundas divisións étnicas e políticas da

sociedade andalusí. Este foi o comezo dunha

etapa de forte crise política, pero de gran

brillante cultural en al-Ándalus.

As taifas enfrontáronse entre si permanentemente, pois as máis poderosas quixeron

apoderarse das más débiles. Destacaron as taifas de Sevilla, Toledo, Badaxoz e Zaragoza. A

desunión debilitounas, polo que tamén foron fustrigadas constantemente polos reinos cristiáns

do norte. Para evitar os ataques, os reis das taifas pagaban parias ou tributos aos reis

cristiáns. Os impostos aumentaron para facer fronte ás parias e isto provocou o descontento

da poboación.

Pero o pulo militar dos reinos cristiáns era cada vez máis forte. En 1085, Toledo caeu en mans

cristiáns. Atemorizados, os musulmáns chamaron na súa axuda aos almorábides, guerreiros

bérberes que formaran un gran imperio no norte de África, con capital en Marraquex.

5.2. Os imperios norteafricanos.


Os almorábides eran bérberes do norte de África que profesaban os principios máis estritos

do islam. No 1086 cruzaron o estreito de Xibraltar e chegaron á Península Ibérica para frear

o avance dos reinos cristiáns. En 1089 iniciaron a ocupación de diversas taifas, pero os

avances cristiáns e a impopularidade dalgunhas das medidas que adoptaron provocaron

revoltas. Os almorábides non puideron impedir unha nova fragmentación de al-Ándalus en

multitude de pequenos Estados.


No século XII, algunhas taifas volveron pedir axuda aos bérberes norteafricanos. Desta

forma, os almorábides foron substituídos no 1147 polos almohades, que lanzaron unha ofensiva

contra os reinos cristiáns. A unión militar destes permitiu frealos na batalla das Navas de

Tolosa, en 1212. Tras esta derrota, o imperio almohade desintegrouse e os cristiáns

conquistaron case toda al-Ándalus.

5.3. O reino nazarí de Granada.


Tras a desaparición dos reinos de taifas, o

reino nazarí de Granada converteuse no

último territorio musulmá da Península. Nel

consolidou o seu poder a dinastía Nasr ou

nazarí. Estendíase polas actuais provincias

de Málaga, Almería, Granada e a parte

oriental de Cádiz.

O reino nazarí era débil. Durante máis de

dous séculos foi vasalo de Castela. Os reis

granadinos pagaban un tributo aos monarcas casteláns e axudábanos en caso de guerra. Non

obstante, alcanzou o seu esplendor no século XIV.

A historia de Granada estivo marcada polas loitas internas entre a dinastía nazarí e outras

familias nobres, como a dos Abencerraxes. Os enfrontamentos internos debilitaron tanto o

reino que acabaron facilitando a conquista cristiá polos Reins Católicos no 1492.

6. A vida en al-Ándalus.
6.1. Unha sociedade heteroxénea.
A sociedade andalusí era heteroxénea. O grupo máis poderoso era o dos conquistadores e os

seus descendentes. Deles, a minoría de orixe árabe reservou para ela as mellores terras e os

cargos de goberno. Os conquistadores de orixe bérber ocupaban unha posición inferior, polo

que protagonizaron revoltas. O resto da poboación organizábase segundo criterios relixiosos.

✔ Os muladís eran antigos cristiáns que adoptaron a relixión, a lingua e os costumes do

islam.
✔ Os mozárabes era os cristiáns que continuaron practicando a súa relixión. Como non

eran musulmáns, pagaban impostos. A partir do século IX, moitos emigraron aos reinos

do norte, fuxindo das persecucións que sufriron.

✔ Os xudeus eran unha minoría moi activa economicamente. Residían en barrios

separados, as xudarías.

As mulleres estaban sometidas á autoridade do pai ou do marido, pero gozaban de maior

liberdade ca no resto do mundo islámico. O chanzo social máis baixo era o dos escravos.

6.2. A economía.
A maior parte da poboación andalusí dedicábase á agricultura. Cultivaban cereais, vide e

oliveira, ademais de árbores froiteiras. Desenvolveron técnicas de regadío e introduciron

novos cultivos, como o algodón, o arroz, as berenxenas, as alcachofas...Os agricultores vendían

os seus produtos nos zocos das cidades próximas.

Os artesáns desenvolveron nas cidades unha artesanía de calidade. A cerámica, o repuxado do

coiro, a ourivaría, as armas e o traballo da seda eran as manufacturas máis destacadas, pero

tamén se traballaban o esparto, o pergamiño, o marfil, a carpintaría...Os artesáns xuntábanse

por zocos e por barrios, de modo que existían o barrio dos curtidores, o dos tecedores, o dos

oleiros...As tendas eran pequenas e nelas estaba o obradoiro.

Al-Ándalus foi tamén un activo centro comercial. Exportaba produtos artesáns e importaba

ouro e escravos. Utilizábanse dúas moedas: o dinar de outro e do dirhem de prata. Nas

cidades había alhóndigas, que eran edificios con almacéns para as caravanas e hospedaxes

para os mercadores.

7. A cultura e a arte andalusís.


7.1. A arquitectura.
Os arquitectos hispanomusulmáns edificaron mesquitas, baños públicos, castelos e palacios.

Construían con materiais pobres, como o ladrillo, pero recubríanos con abundante decoración

para dar aparencia de suntuosidade. Como o islam prohibe representar persoas e animais, na

decoración empregaban motivos vexetais e xeométricos, e inscricións con versos do Corán,

gabanzas e poemas.
Utilizaban columnas e piares que sustentaban diversos tipos de arcos: de ferradura, de

ferradura apuntado, polilobulados...ÁS veces estes elementos eran tan numerosos que

formaban auténticos bosques de columnas.

Mediante celosías e vidreiras conseguían xogos de luz e sombra que creaban ambientes

agradables e frescos. O gusto pola auga manifestouse nas abundantes fontes, estanques ou

piscinas que encontramos nas construcións hispanomusulmáns.

Xeralmente, os edificios cubríanse con teitos planos de madeira, pero tamén usaron a cúpula,

que decoraban con gran riqueza.

7.2. Unha cultura florecente.


En al-Ándalus desenvolveuse unha cultura espléndida na cal influíron a prosperidade económica

e certa tolerancia intelectual, sobre todo durante a época califal e as primeiras taifas.

O seu auxe comezou no século X, grazas á obra do califa Al Hakam II, que creou unha

biblioteca con arredor de 400.000 volumes. Tamén algúns particulares reuniron importantes

bibliotecas, que contaban incluso con diversas salas para traducir e para copiar manuscritos.

A poesía tivo un gran desenvolvemento. Había poetas de corte, que recibían un soldo, e poetas

populares, que ían dun lugar a outro e recitaban os seus poemas nas festas populares.

Tamén destacaron importantes pensadores musulmáns e xudeus en al-Ándalus, como Avicena,

Avempace, Averroes ou Maimónides, que comezaron as obras dos grandes filósofos clásicos.

You might also like