You are on page 1of 1

TEMA 5: OS MUSULMÁNS NA PENÍNSULA: ETAPAS POLÍTICAS E

REALIDADE HISTÓRICA

O ímpeto expansivo do Islam polo Mediterráneo aproveitou a crise interna do reino


visigodo no s. VIII para que o gobernador bérber Muza e o seu xeneral Tariq cruzaran o
estreito de Xibraltar e derrotaran ao rei Rodrigo na batalla de Guadalete (711). A conquista
foi rápida e doada: os visigodos ofreceron escasa resistencia e moitas cidades e nobres
pactaron o seu sometemento (pactos de capitulación).

A primeira etapa política de al-Ándalus foi o emirato dependente (718-756), no que


al-Ándalus converteuse nunha provincia do Califato Omeia de Damasco. Córdoba foi a
capital e os gobernadores recibían o título de valí do califa.
Durante o emirato independente (756-929), os Abasidas tomaron o poder do Califato
asasinando a maioría da familia Omeia, agás Abd Al Rahman I, que fuxiu e se proclamou
emir en Córdoba. Os gobernadores de al-Ándalus gozaban de independencia política pero
non relixiosa.
No califato de Córdoba (929-1030), Abd Al Rahman III proclamouse califa,
concentrando os poderes político e relixioso. No último cuarto do s. X Al Mansur
protagonizou exitosas campañas contra os reinos cristiáns do Norte. Trala súa morte
produciuse a crise do Califato.
Ao longo dos reinos de Taifas e invasións norteafricanas (XI-XIII), as guerras civís
provocaron a fragmentación do poder político e a abolición do Califato no 1030. Al-Andalus
quedou dividida en pequenos reinos independentes (taifas). Ante a presión dos reinos
cristiáns, os reis andalusís pediron auxilio aos almorábides e almohades (norte de África)
que incorporaron o territorio de al-Ándalus aos seus imperios. Pero a derrota na Batalla das
Navas de Tolosa (1212) marcou o comezo do seu declive.
O reino nazarí de Granada (1232-1492) foi o último estado musulmán da Península.
Logrou manter a súa independencia grazas ao pagamento de tributos (parias) á Coroa de
Castela, pero viuse sumido en loitas polo poder, debilidade aproveitada polos reinos
cristiáns, que no s. XV (Reis Católicos) puxeron fin ao dominio musulmán na Península.

Socioeconomicamente, en al-Ándalus formouse unha sociedade complexa pola


diversidade étnica e relixiosa. A maioría da poboación eran musulmáns: árabes, bérberes
norteafricanos ou muladíes (hispano visigodos convertidos ao Islam). A poboación non
musulmá (mozárabes e xudeus) constituíu unha minoría que pagaba impostos
extraordinarios e vivía nos arrabaldes das cidades.
A economía tivo un carácter urbano e monetario (circulación de moedas de ouro e
prata). Destacou a expansión agraria e unha potente actividade artesanal (tecidos de seda
ou liño, ourivaría...) e comercial (escravos, especias e produtos de luxo). Isto permitiu a
revitalización das cidades, cun urbanismo caracterizado polas súas rúas estreitas de
trazado irregular. Destacou a medina como núcleo central amurallado, onde está o foco
relixioso –mezquita aljama–, a sede do poder –alcázar–, e áreas comerciais –zocos– e
residenciais.

You might also like