You are on page 1of 1

17.

As ideas fundamentais do pensamento ilustrado

A Ilustración foi o movemento intelectual característico da Europa do século XVIII que


se introduciu tamén en España.
Partindo da crítica ao pensamento tradicional e a sociedade do seu tempo, a
Ilustración defendeu o coñecemento baseado na razón para loitar contra a superstición
e a ignorancia, así como fomentar as ciencias experimentais que xunto co
desenvolvemento económico e as reformas sociais e políticas levarían ao progreso e
ao benestar.
Aproveitando o cambio dinástico coa chegada dos borbóns e o seu impulso
reformista estes facilitaron en parte a difusión deste nova corrente filosófica e científica.
Aínda que o movemento foi feble en comparanza con outros países europeos, tivo
unha importancia fundamental na renovación da cultura española. O movemento
afectou ás elites intelectuais do país: a maior parte dos ilustrados estaban formados
por algúns nobres principalmente fidalgos, unha pequena parte do clero que defendían
un cristianismo racional e crítico e parte da escasa burguesía que acaparaba as
profesións liberais e comerciais.
Dado que as universidades do século XVIII estaban baixo o control da Igrexa, que
acolleu con receo o movemento, a difusión da Ilustración foi por medio de focos
alternativos. O desenvolvemento e a liberalización do comercio fixo que as principais
cidades portuarias españolas fosen puntos polos que as obras dos principais
ilustrados europeos se introduciran. Na difusión desta corrente destaca o rol xogado
tanto polos faladoiros e salóns literarios, como as Academias patrocinadas polos
monarcas. É o caso da Real Academia Española, fundada por Felipe V, a de Belas
Artes de San Fernando por Fernando VI ou as que fará Carlos III a nivel rexional.
No desenvolvemento científico foi importante a tradución ao castelán de obras
estranxeiras como as de Isaac Newton, ou as de Adam Smith (liberalismo económico)
e Quesnay (fisiocracia) no eido económico. Ademais neste momento consolídanse o
xénero de “gacetas”, prensa periódica que servirá como vehículo de divulgación da
Ilustración: “El Mercurio”, “Diario Noticioso” ou “Diario de Barcelona”.
Distinguimos dúas etapas: unha primeira Ilustración (1720-1750) e unha plena
ilustración (1750-1810). Na primeira etapa destacan dos pensadores como Benito
Feijoo autor do Teatro crítico universal, un conxunto de ensaios nos que sinalaba os
problemas da cultura do seu tempo e que foi traducido a diferentes linguas europeas e
Gregorio Mayans, centrado na aplicación do método científico nos estudos históricos.
A segunda etapa ou plena Ilustración (2ª metade do século XVIII), onde se produce a
eclosión dos grandes nomes da Ilustración española moitos deles optarán por
colaborar coa monarquía principalmente no reinado de Carlos III. Deste xeito
Campomanes, o Conde de Floridablanca, Conde de Aranda, Cabarrús e
Jovellanos aceptaron participar no goberno para desenvolver os seus programas de
modernización baixo a protección real principalmente no ámbito económico.
Campomanes, ministro de facenda, criticou as propiedades rurais amortizadas (mans
mortas) en mans da Igrexa e patrocinou as Sociedades Económicas de Amigos do
País. Tamén Olavide, intendente de Andalucía, que planificou as colonizacións de
Serra Morena e cuxas opinións críticas coas supersticións relixiosas, fixeron que fose
condenado pola Inquisición.
As reformas tiveron un resultado moderado e práctico que non alteraron as bases do
sistema vixente (monarquía absoluta e sociedade estamental). Os resultados foron
irregulares pero sentaron as bases para unha maior transformación social e
económica que afectarán a España a comezos do século XIX.

You might also like