You are on page 1of 4

Análise do crecemento natural ou vexetativo en España

1. Identificación da gráfica
Estamos ante unha gráfica lineal que indica a natalidade, a mortalidade e o crecemento natural en
España desde 1858 ata o 2014. No eixe horizontal represéntase o intervalo de tempo que se vai
analizar, mentres que no eixe vertical establécense os valores das taxas de natalidade e
mortalidade, expresados en tanto por mil (‰).
Ademais, represéntanse tamén os valores correspondentes ao crecemento natural, positivo ou
negativo, que dependen das taxas de natalidade e mortalidade.

2. Análise
Nesta gráfica podemos observar a chamada transición demográfica, o paso dun réxime
demográfico antigo (caracterizado por altas taxas de mortalidade e natalidade e un crecemento
natural baixo) a un réxime demográfico moderno (caracterizado por baixas taxas de mortalidade e
natalidade e crecemento natural baixo). Durante a transición demográfica prodúcese unha brusca
baixada da mortalidade e unha diminución suave da natalidade con resultado dun gran
crecemento natural da poboación. Isto está relacionado coa chegada da revolución industrial e a
transformación de España nunha economía desenvolvida.
Como podemos observar na gráfica, o réxime demográfico antigo mantívose ata comezos do
século XX, cunhas taxas de natalidade e mortalidade entre 40-25 por mil. A elevada natalidade
está relacionada cos seguintes factores:
 Predominio dunha economía e sociedade agraria, caracterizado por familias numerosas
con moitos fillos que axudan nas labores do campo e teñen un custe baixo de
mantemento.
 Inexistencia de métodos de control de natalidade, a única medida de era o retraso da
idade de matrimonio para acurtar o período fértil da muller.
Hai unha mortalidade ordinaria elevada polas seguintes causas:
 A dieta, moi pobre pola escasa produtividade agraria e falta de proteínas (o pan era o
alimento básico).
 As enfermidades infecciosas (tuberculose, bronquite, gripe, diarreas, etc.) tiñan unha gran
mortalidade polo atraso da medicina, a falta de hixiene privada e pública (sumidoiros, auga
potable, etc.) e a debilidade da poboación por mal nutrición.
A mortalidade ordinaria hai que sumarlle episodios de mortalidade catastrófica por
epidemias, guerras e malas colleitas. Había tamén unha elevada mortalidade infantil por
problemas no parto, enfermidades e desnutrición. A esperanza de vida era baixa. Como resultado
disto o crecemento natural era baixo e suxeito a grandes oscilacións.

A transición demográfica produciuse, tal e como podemos ver na gráfica, entre os anos 1900-
1975. Chegou máis tarde que no resto de Europa Occidental pero foi máis curta e intensa.
A natalidade descendeu suavemente e de forma descontinua:
 1900-1920, aumenta a idade dos matrimonios pola maior supervivencia dos fillos debido a
menor mortalidade infantil. Tamén influíu a suba dos prezos dos alimentos pola
exportación aos países belixerantes da 1º Guerra Mundial
 1920, recuperación por mellor conxuntura económica.
 1930-1956, volveu descender pola crise económica do 29, a Guerra Civil (1936-39) e a
situación de miseria da Posguerra (1939-56). A política autárquica de Franco mantivo unha
crise xeral no Estado que non permitiu a recuperación económica.
 1956-1965, recuperación pola nova política de apertura e liberalización. Prodúcese o “baby
boom”.
 1965-1975, diminúe polo novo tipo de familia, menos numerosa, ao consolidarse o modo
de vida industrial e urbano.
A mortalidade descendeu bruscamente agás en períodos de gran mortalidade catastrófica: a
gripe de 1918 e a Guerra Civil. A redución debeuse a:
 Incremento do nivel de vida, mellora da dieta e o maior nivel educativo e cultural que
permitiu un maior uso de métodos de anticonceptivos.
 Os avances médicos, a chegada de vacinas, antibióticos; os nacementos en clínica; a
extensión da sanidade pública; unha mellora na hixiene privada e pública (servizos de
recollida de lixo, rede de sumidoiros e auga potable).
 A mortalidade infantil decreceu pola mellora da pediatría e a alimentación.
 A esperanza de vida elevouse pola redución da mortalidade infantil e adulta.
A consecuencia foi un crecemento natural moi alto, especialmente no período 1920-1965.
Desde 1965 o crecemento comezou a suavizarse.
Na gráfica podemos observar que a partir do ano 1975, mortalidade e natalidade comezan a
converxer dando lugar a un crecemento natural baixo, propio dun réxime demográfico moderno.
A natalidade comezou a descender ata situarse en taxas moi baixas. Isto tivo lugar en dous
momentos distintos:
 1975-1998, brusco descenso, en 1981 o índice sintético de fecundidade era de 2,1 ata
chegar ao mínimo en 1998 de 1,15. As causas foron:
o A situación económica, provocou un atraso na idade de matrimonio primeiro pola
crise do 1973 e desde 1980 pola precariedade laboral e o alto prezo da vivenda que
non permitía a emancipación dos mozos.
o Cambios na mentalidade e na sociedade, diminuíu a influencia da relixión,
difundíronse os métodos anticonceptivos, legalizouse o aborto e o divorcio. As
mulleres incorporáronse máis intensamente no mercado laboral cos conseguintes
problemas de conciliación familiar. Aumentaron os gastos do mantemento xa que
hai un maior aprecio polo seu benestar e formación. Xorden novos tipos de familias
distintas ao matrimonio ás veces menos prolíficas (cohabitación, fogares
monoparentais de divorciados, maternidade en solitario).
 Desde 1998, a natalidade tivo lixeiras oscilacións segundo a inmigración e a conxuntura
económica:
o 1998-2008, aumento pola mellora da economía e a inmigración.
o 2008 en adiante, diminución pola crise que provocou o descenso da inmigración,
paro e precariedade laboral.
A mortalidade ordinaria mantén cifras moi baixas pero desde 1982 hai un lixeiro ascenso
polo progresivo envellecemento da poboación. Hai unha diminución da incidencia de
enfermidades infecciosas cun predominio das tres “C”: cancro, accidentes de coche e
enfermidades cardiovasculares.
A mortalidade infantil é moi baixa polos grandes avances médicos. A esperanza de vida
con diferenzas entre os sexos, os grupos de idade e o status social:
 Nas mulleres é máis alta por unha maior fortaleza biolóxica.
 As maiores ganancias en esperanza de vida déronse entre os máis anciáns (70-80 anos).
 Por estatus social, hai unha maior esperanza de vida para as profesións con maior
cualificación por menor mortalidade laboral. Por outro lado as clases sociais ricas teñen
máis recursos para acceder a servizos sanitarios.
A partir de 2016, as defuncións superan aos nacementos. Neste momento, o crecemento natural é
negativo.

You might also like