You are on page 1of 4

As pirámides de poboación

A pirámide de poboación é unha representación da estrutura por idade e sexo da poboación dun territorio
nun momento determinado. A través deste tipo de gráfico podemos apreciar como evolucionou a
poboación de España entre determinadas datas, como influíron nese proceso determinados feitos e cales
son as perspectivas de futuro.
Trátase dun gráfico de barras onde se indica mediante porcentaxes ou milleiros o número de individuos
existentes nun determinado ano, diferenciando homes e mulleres, e grupos de idade de cinco en cinco
anos, de acordo cos datos proporcionados polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Para realizar o seu
comentario deberemos seguir estes pasos:
1. Clasificación da pirámide:
Hai tres tipos fundamentais de PIRÁMIDES:
• Pirámide de forma triangular (Poboación expansiva): Corresponde a países con escaso nivel de
desenvolvemento, nos que se aplican medidas sanitarias que reduciron enormemente as taxas de
mortandade pero non así métodos anticonceptivos que fagan descender a natalidade; presentan
unha elevada porcentaxe de población nova e un elevado crecemento demográfico. No caso de
España, esta situación dáse nas primeiras décadas do século XX.
• Pirámide en forma de OXIVA ou CAMPÁ (Poboación estacionaria): A base é menos ancha porque as
taxas de natalidade fóronse reducindo. Predomina a poboación adulta e a mortandade segue a
descender. Isto indicaranos unha mellora na situación económica e sanitaria. Correspóndese coas
pirámides españolas dos anos 1960 e 1970.
• Pirámide en forma de URNA ou BULBO (Poboación regresiva): A base da pirámide retrocede cara
adentro. Representa unha poboación envellecida e cun elevado control de natalidade.
Correspóndese cunha situación económica moito máis favorable que as anteriores.
Esta pirámide sinala un cambio social importante, derivado da mellor situación económica. Algúns
dos aspectos máis salientables son os seguintes: as familias aspiran a un mellor nivel de vida que
pasa por reducir o número de fillos; a incorporación da muller ó mundo laboral que fai que esta
deixe a un lado o seu tradicional “papel reproductor” e limite o número de nacementos.
A esperanza de vida nesta pirámide é elevada. Isto desemboca nun incremento do número de
anciáns e nun envellecemento da poboación. Este elevado número de anciáns en comparación coa
poboación nova e laboralmente activa, pode crear problemas para o sistema de pensións e supón
un gasto sanitario e de atención á terceira idade, feito que debe ser tido en conta polos
gobernantes. Este é o tipo de pirámide que representa a poboación española nos últimos anos.

2. Comparación da poboación masculina e feminina:


En térmos xerais neste apartado atoparémonos cun predominio das mulleres fronte ós homes, que se
fai máis notorio nos últimos chanzos da pirámide. Isto débese a que as taxas de mortandade son máis
altas nos homes que nas mulleres (ata o de agora, realizan traballos máis arriscados, teñen hábitos de
consumo máis perxudiciais para a saúde etc..).
3. Estudo da existencia de entrantes e saíntes na pirámide e relacionalos con acontecementos históricos
ou demográficos:
No caso español, os acontecementos históricos máis importantes son a GRIPE DE 1918 e a GUERRA
CIVIL ESPAÑOLA DE 1936-39.
Como feito demográfico destacable está o Baby Boom dos anos 60.

1
Comentario da pirámide de poboación española de 1960

A presente figura amosa forma de oxiva ou de campá (indica poboación adulta ou estacionaria,
representado os mozos entre o 25-35% e os anciáns entre o 5-12%). A base é moderada (aínda que a
natalidade foise recortando de xeito suave, permite o chamado relevo xeracional). A poboación diminúe
lentamente cara ao cumio debido ás baixas taxas de mortalidade.
Na estrutura por sexos da pirámide de idade española de 1960 observamos, por unha banda, o predominio
no sexo masculino ao nacer, ao ter maior lonxitude a barra inferior (grupo de 0-4 anos) do lado deste sexo,
xa que, polo xeral, nacen máis homes que mulleres (taxa de masculinidade aproximada de 105 varóns por
cada 100 mulleres).
No grupo de adultos a maior mortalidade masculina fai que se equilibren ambos sexos, debido ao
desenvolvemento de traballos de maior siniestralidade, á participación en guerras (neste caso, os tramos
de 45 a 54 anos son as xeracións de varóns afectados polas mobilizacións da Guerra Civil de 1936-1939) e á
práctica de hábitos sociais nocivos (tabaco, alcohol) e pola maior lonxevidade feminina por causas xenéticas
(sistema hormonal e inmunolóxico máis resistentes).
No grupo de anciáns apreciamos un novo desequilibro a favor do sexo feminino e que responde a unha
maior esperanza de vida debido a razóns biolóxicas. No caso dos varóns, o déficit masculino responde á
sobremortalidade masculina por menor esperanza de vida e, en menor medida, á emigración a América nas
primeiras décadas do século XX.
En canto á estrutura por idades na pirámide de 1960 pódese observar unha base ancha ou progresiva que
responde a unha recuperación da natalidade que algúns autores interpretan como o baby boom postbélico
atrasado, grazas ao desenvolvemento económico que se produciu tralo final da autarquía e do bloqueo
internacional. Esta recuperación das taxas de fecundidade e natalidade, que se reflicte no aumento das

2
lonxitudes das barras a medida que se achega á base, indícanos que a pirámide de idade dese ano é a
dunha poboación nova ou xove, de modo que este grupo representa unha porcentaxe moi alta da
poboación.
No grupo adulto da pirámide de 1960 observamos entrantes no perfil que responden a perdas de efectivos
poboacionais a causa da Guerra Civil española, e á represión e ao exilio provocados pola ditadura
franquista.
Como consecuencia do comportamento demográfico, o crecemento vexetativo da pirámide de 1960 é alto
e corresponderíase coa fase de transición demográfica.

Comentario da pirámide de poboación española no ano 2020

A pirámide actual amosa forma de urna ou bulbo (pirámide regresiva), o que en demografía tradúcese por
unha sociedade que tende ao progresivo avellentamento. Corresponde, polo tanto a un modelo
decrecente e regresivo, propio dun país desenvolvido, cunha natalidade moi reducida e unha mortalidade
tamén baixa.
A esta conclusión tamén se chega pola observación da estrutura en idades: a base composta polos xoves
(de 0 a 14 anos), é estreita e vese unha redución progresiva nas últimas décadas.

3
Observamos, para empezar, o predominio do sexo masculino ao nacer e a tendencia ao equilibro de
efectivos por sexo a medida que se ascende pola pirámide, para logo desequilibrarse a favor do sexo
feminino (sobre todo, a partir do chanzo de 65 a 69 anos), debido ás mesmas causas expostas na anterior
pirámide.
A base da pirámide actual é regresiva, e responde a baixas taxas de fecundidade e natalidade dende a
segunda metade da década de 1970, ao ser as barras de menor lonxitude. As causas responden a cambios
socioeconómicos operados dende 1975: o aumento do desemprego pola crise de 1973 fixo reducir os
nacementos e atrasar a idade de matrimonio ante a dificultade de atopar traballo (acurtándose así o
período fértil da muller); a precarizacion dos contratos de traballo e o alto custo que da emancipación
obriga a prolongar o período de formación e de permanencia cos pais. Tamén hai que sinalar a crecente
incorporación da muller ao traballo e a dificultade de compatibilizar maternidade con aquel; o cambio de
mentalidade que ocorre coa transición democrática (desacralización, difusión dos métodos anticonceptivos,
prevalencia das relacións de parella sobre as reprodutoras, xurdimento de novas estruturas familiares
como o monoparental, maior abundancia da poboación solteira, etc).
Ademais, o aumento de nivel de vida e cultural fai que se valore máis a formación e o benestar dos fillos o
que implica unha carga económica que inflúe na redución do número de fillos. Ademais, o desfrute do
tempo de lecer e de bens de consumo compiten cos gastos ocasionados pola descendencia.
De todos xeitos, apreciamos un lixeiro incremento de nenos nados nas dúas últimas décadas pola achega
dos inmigrantes á natalidade do país.
No grupo de idade correspondente aos adultos maiores de 16 anos e en disposición de traballar, apréciase
un ensanchamento considerable, correspondente ás persoas nadas no chamado Baby–Boom (1959-1975, e
que soportan a carga social e económica en gran medida na actualidade).
En canto ao grupo de maiores (máis de 65 anos e xubilados na súa maioría e polo tanto dependentes),
representan unha franxa demográfica considerable, debido á baixa mortalidade e unha alta esperanza de
vida. Os estragos demográficos causados pola Guerra Civil de 1936-1939 (número de vítimas, represaliados,
exiliados e os que deixaron de nacer a causa da guerra e da posguerra), reflíctese nunha entalladura
notable nos tramos de idade de 80 a 84 anos.
No perfil da pirámide actual, o grupo adulto amósase simétrico. Xa no grupo correspondente á poboación
anciá observamos unha disimetría causada pola sobremortalidade masculina e por unha maior esperanza
de vida feminina (feito reflectido nas dúas pirámides presente, aínda que na pirámide do 2020 son máis os
efectivos que chegan a unha idade avanzada o que indica un aumento da esperanza de vida que se reflicte
nun vértice máis ancho cá na de 1960. España é un dos países europeos con maior esperanza de vida (80
anos para os homes e 86 para as mulleres).
Como consecuencia do comportamento demográfico, o crecemento vexetativo da pirámide de poboación
española na actualidade é feble ou moi baixo, a consecuencia das baixas taxas de natalidade e
mortalidade, respondendo a un comportamento demográfico moderno, representativo das sociedades
postindustriais e desenvolvidas do mundo occidental, superada xa a transición demográfica e inmersa na
fase do Réxime Demográfico Moderno.
As previsións de futuro desta sociedade a curto e medio prazo non son moi optimistas, xa que cada vez hai
máis poboación maior e menos poboación nova, o que supón unha falta de persoas para soportar nun
futuro as cargas económicas que necesita unha poboación maior dependente (crise do sistema de
financiamento das pensións). A inmigración é unha das posibilidades para corrixir o déficit poboacional, ao
incrementar a natalidade e aumentar o número de cotizantes á Seguridade Social para asumir os crecentes
gastos sociais.

You might also like