You are on page 1of 6

A función de nutrición no ser humano

A función de nutrición
O ser humano é un ser vivo pluricelular. Está formado por células que se organizan en
tecidos. Os tecidos forman órganos e estes, á súa vez, aparatos e sistemas.
Os aparatos e sistemas realizan diferentes funcións de modo coordinado para que o
corpo funcione e se manteña san.
Mediante a función de nutrición o organismo:
• Obtén enerxía para realizar as funcións vitais.
• Obtén substancias, é dicir materia, que usa como materiais para reparar tecidos e
crecer ou para regular funcións e manterse san. Por exemplo o calcio é necesario para
que os músculos se movan.
Ao realizar a función de nutrición prodúcense substancias de refugallo que son
expulsadas.
Para realizar a función de nutrición é necesaria a implicación de varios aparatos que
realizan diferentes procesos:
• Aparato dixestivo: realiza a dixestión.
• Aparato respiratorio: realiza a respiración.
• Aparato circulatorio: realiza a circulación.
• Aparato urinario e outros órganos excretores: realizan a excreción.

Aparato dixestivo

A dixestión é o proceso polo que os alimentos e as bebidas que tomamos se


descompoñen en partes moi pequenas, os nutrientes, que o corpo pode usar para obter
materia e enerxía. O aparato encargado de realizar a dixestión é o aparato dixestivo.
Órganos do aparato dixestivo
O aparato dixestivo está composto por:
• O tubo dixestivo: é un tubo continuo que comeza na boca e remata no ano. Divídese
en varias partes: boca, esófago, estómago, intestino delgado, intestino groso e ano.
• As glándulas anexas: segregan zumes que pasan ao tubo dixestivo e axudan no
proceso de dixestión. As máis importantes son as glándulas salivares, o fígado e o
páncreas.
A dixestión
Grazas aos zumes das glándulas e aos movementos aos que se someten durante o
tránsito polo tubo dixestivo, os alimentos transfórmanse en nutrientes que pasan ao
aparato circulatorio. As substancias de refugallo expúlsanse en forma de feces. Este
proceso ten varias fases:
1. A través da boca inxerimos auga e alimentos. Nela mastigámolos cos dentes ao
mesmo tempo que se mestura coa saliva que segregan as glándulas salivares. A lingua
axuda neste proceso. Así se forma o bolo alimenticio que pode ser tragado.
2. O bolo alimenticio percorre o esófago para chegar ata o estómago.
3. Cos seus movementos e zumes, o estómago transforma o bolo alimenticio en quimo,
que pasa ao intestino delgado.
4. O fígado e o páncreas verten os seus zumes ao intestino delgado. No intestino
delgado o quimo transfórmase en quilo. Tamén é aquí onde se absorben a maioría dos
nutrientes para pasar ao aparato circulatorio.
5. A continuación, no intestino groso, absórbese a auga e fórmanse as feces. As feces
están compostas por substancias de refugallo, é dicir, aquelas substancias que o noso
corpo non pode usar para obter materia ou enerxía.
6. As feces son evacuadas a través do ano.

Hábitos saudables
Estes consellos poden axudarche a manterte san e coidar o aparato dixestivo:
• Sigue unha dieta saudable. É importante tomar froitas e verduras. Tamén beber auga
suficientepara manterte hidratado. Fai cinco comidas ao día e non esquezas que
almorzar ben é moi importante.
• Evita a obesidade mantendo un ritmo de vida activo, camiña e fai deporte.
• Cepilla ben os dentes despois de cada comida e visita o teu dentista periodicamente.
• Mastiga ben antes de tragar.
• Lava ben as mans antes de manipular alimentos.

Aparato respiratorio
O osíxeno e o dióxido de carbono son dous gases implicados na respiración. O osíxeno
é un gas que necesitan todas as células para realizar as súas funcións vitais e o dióxido
de carbono é outro gas que se obtén como substancia de refugallo. O aparato
respiratorio é o encargado de tomar o osíxeno que necesitan as células do aire e de
eliminar o dióxido de carbono.
Ao proceso de respiración é o proceso no que aspiramos e expulsamos aire a través do
aparato respiratorio.
Os órganos do aparato respiratorio
O aparato respiratorio está formado polos pulmóns e unha serie de condutos que
conducen o aire ata eles chamados vías respiratorias.

A respiración
A respiración consta de dúas fases sucesivas:
• ventilación pulmonar: consta da inspiración e a expiración.
• intercambio de gases: ocorre nos pulmóns.
Acontece así:
1. O aire aspírase polo nariz, onde se humedece e se quenta. Tamén se pode aspirar
pola boca.
2. Despois pasa pola farinxe, a larinxe e a traquea.
3. A traquea divídese en dous condutos, os bronquios, que conducen o aire aos
pulmóns.
4. Os bronquios divídense á súa vez, unha e outra vez, en condutos máis pequenos
dentro dos pulmóns que rematan nos alvéolos. Os alvéolos son pequenos sacos de aire
nos que se produce o intercambio de gases co aparato circulatorio. Aquí é onde o
osíxeno pasa ao sangue.
Pero, que é o que fai que o aire se mova dende o exterior ata os pulmóns? Este
movemento prodúcese grazas á acción de varios músculos: o diafragma e os músculos
intercostais. O diafragma contráese e os músculos intercostais elévanse e ensanchan as
costelas. Neste proceso os pulmóns énchense de aire cargándose de osíxeno.
Despois, o diafragma reláxase e as costelas descenden. Os pulmóns deixan escapar o
aire que conteñen.
O aire que se cargou de dióxido de carbono nos alvéolos percorre o camiño inverso e é
expulsado polo nariz ou pola boca.
Hábitos saudables
• Evita ambientes contaminados, como por exemplo aqueles nos que hai fume de
tabaco, produtos químicos no aire...
• Unha alimentación adecuada axuda a manter san o teu aparato respiratorio.
• Se vai frío, protexe o nariz e a boca.
• Respira polo nariz, así o aire pode quentarse, humedecerse e eliminarse algunhas
impurezas.
No aparato respiratorio o moco é un mecanismo de defensa. Atrapa pequenas partículas
como bacterias e po, evitando que entren no corpo. Isto ocorre sobre todo no nariz.
• Lava as mans para evitar infeccións. Ao longo do día usamos as nosas mans para
multitude de tarefas polo que poden poñerse en contacto con microorganismos que
causan enfermidades.
Lavalas correctamente é unha forma eficaz de evitar a propagación de enfermidades
como o arrefriado ou a gripe.

Aparato circulatorio
O aparato circulatorio é o encargado de levar a todas as células do noso corpo os
nutrientes que obtivo o aparato dixestivo e o osíxeno que captou o aparato respiratorio.
Ao mesmo tempo recolle as substancias de refugallo que xeran as células. Este proceso
de movemento e transporte continuo chámase circulación.
Os órganos do aparato circulatorio
O aparato circulatorio está formado por:
• Vasos sanguíneos. Son condutos que percorren todo o corpo.
Do corazón saen as arterias que se dividen sucesivamente para formar vasos moi finos,
chamados capilares, que chegan a todos os tecidos do corpo. Os capilares únense de
novo para formar veas que regresan ao corazón.
• Sangue. É un líquido que se move constantemente polos vasos sanguíneos.
• Corazón. É un órgano musculoso e oco que se enche de sangue para bombeala a todo
o corpo.
A circulación
A circulación é o proceso mediante o cal o sangue se move por todo o corpo impulsado
polo corazón.
Consta de dous circuítos:
• Circulación pulmonar
O sangue vai dende o corazón ata os pulmóns. Alí cargase de osíxeno e descarga o
dióxido de carbono.
Despois volve ao corazón.
• Circulación xeral
O sangue cargado de osíxeno é bombeado dende o corazón ata todo o corpo. O sangue
transporta este osíxeno ata todas as células e recolle o dióxido de carbono que
produciron.
E non esquezamos que, tanto na circulación pulmonar como na circulación xeral, o
sangue tamén leva ás células os nutrientes que obtivo na dixestión e recolle as
substancias de refugallo.
Hábitos saudables
• Unha alimentación adecuada axudará a manter o teu aparato circulatorio san, xa que
lle achegará os nutrientes que necesita.
• Fai exercicio polo menos tres ou catro veces á semana. Deste modo o teu corpo
adáptase aos esforzos e fortalécese.
• Bebe auga suficiente. A auga axuda ao correcto funcionamento do corazón e regula a
presión arterial.

Aparato urinario
No interior das nosas células prodúcense substancias que o noso organismo non pode
aproveitar e que pasan ao sangue. É necesario expulsalas ao exterior para manterse san.
A excreción é o proceso polo que se eliminan estas substancias.
No proceso de excreción están implicados:
• Os pulmóns, que eliminan dióxido de carbono que contén o sangue a través do aire
que expulsamos.
• O fígado, que se encarga, entre outras funcións, de eliminar cara ao intestino
substancias nocivas que se expulsarán xunto coas feces.
• As glándulas sudoríparas, situadas na pel, que poden eliminar algunhas substancias a
través da suor.
• Os riles, que filtran o sangue para formar os ouriños. Forman parte do aparato
urinario.
Os órganos do aparato urinario
O aparato urinario está formado por:
• Os riles: órganos que se sitúan na rexión lumbar aos lados da columna vertebral. Nos
riles prodúcense os ouriños.
• Os uréteres: son condutos que transportan os ouriños producidos nos riles ata a
vexiga.
• Vexiga: é un órgano no que se acumulan os ouriños ata o momento da micción.
• Uretra: é un conduto que conecta a vexiga co exterior.
O funcionamento do aparato urinario 16——
Nos riles penetran venas e arterias que se dividen sucesivamente para formar finísimos
capilares a partir dos que se filtra o sangue. Como resultado de filtrar o sangue e
eliminar as substancias de refugallo que contén, orixínanse os ouriños. Os riles filtran o
sangue continuamente para que non se acumulen substancias tóxicas no corpo.
Os ouriños saen dos riles e viaxan polos uréteres ata chegar á vexiga que serve de
depósito.
Durante a micción expúlsanse os ouriños que contén a vexiga ao exterior a través da
uretra.
O aparato urinario masculino e feminino son iguais, pero no caso dos homes a uretra é
un pouco máis longa porque percorre o interior do pene.
Hábitos saudables
• Unha alimentación adecuada axudará a manter os teus órganos excretores sans.
• Fai exercicio.
• Bebe auga suficiente.
• Non aguantes as ganas de ouriñar.
• Usa inodoros limpos e lava as mans despois de ouriñar.

You might also like