You are on page 1of 16

BIOLOXÍA

TEMA 2: NECESIDADES ENERXÉTICAS E AS ENFERMIDADES ALIMENTARIAS.

NECESIDADES ENERXÉTICAS
Os organismos, para realizar determinadas funcións (movemento, produción de calor, latexo do
corazón ou crecemento), requiren enerxía. A nivel celular esta enerxía prodúcese nas mitocondrias,
a partir de reaccións onde a materia orgánica (lípidos e glícidos) se degrada ata formar auga e
dióxido de carbono. O conxunto destas reaccións coñécese como respiración celular e forma parte
do catabolismo. Lípidos e glícidos son os nutrientes que liberan máis enerxía nas células mediante
reaccións químicas. As proteínas tamén aportan enerxía, pero soamente en condicións de xaxún.

Cada persoa necesita unha cantidade mínima de enerxía para realizar as función vitais en repouso
(latexo do corazón, respiración, filtración renal ou actividade cerebral, por exemplo), que dependen
do sexo, idade e complexión corporal. Esta enerxía coñécese como taxa do metabolismo basal
(TMB) e calcúlase cunha fórmula matemática. Aínda que hai excepcións:
-Unha persoa con maior cantidade de masa (músculos ou tecido adiposo) terá unha maior TMB que
unha persoa de menor tamaño.
- O mesmo ocorre co sexo, os homes teñen unha TMB maior que as mulleres.
- Porén, as persoas con maior idade teñen unha TMB menor que as persoas máis novas.

Para satisfacer as necesidades enerxéticas dunha persoa é necesaria máis enerxía que a TMB, pois
as diferentes actividades que se realizan (facer a dixestión, camiñar, correr, subir escaleiras ou
estudar) tamén precisan de enerxía. O clima tamén determina a cantidade de enerxía que require
unha persoa, pois é necesaria para manter a temperatura corporal. Deste xeito, a maior traballo
físico e clima máis frío, requírese máis enerxía.
Esta enerxía é proporcionada polos alimentos que conforman a nosa dieta. Ademais, a relación entre
o que comemos e o gasto enerxético determina que o noso peso se manteña, aumente ou diminúa.

ENFERMIDADES ALIMENTARIAS

Os problemas sobre alimentación dependen moitas veces da área xeográfica. Tanto en países
desenvolvidos como en vías de desenvolvemento aparecen problemas relacionados coa
malnutrición. Mentres nos países desenvolvidos os problemas débense principalmente a unha
sobrealimentación (inxesta desproporcionada dalgúns nutrientes), nos países en vías de
desenvolvemento é a desnutrición (falta de nutrientes) a que máis afecta ás persoas.
demais da malnutrición, existen outras enfermidades e desordes relacionadas coa alimentación.
Algunhas das máis comúns son:
TEMA 3

O APARATO DIXESTIVO

O aparato dixestivo está formado polo tubo dixestivo e as glándulas anexas. O tubo dixestivo é un
tubo oco e continuo que se compón de diferentes órganos ao longo do seu percorrido. Comeza na
boca e remata no ano. As glándulas anexas son un grupo de glándulas que producen diferentes
substancias que verten no tubo dixestivo.
As principais funcións do aparato dixestivo son:
• Extraer os nutrientes do alimento, tranformando as grandes moléculas en noutras de
pequeno tamaño que o corpo poida asimilar.
• Introducir os nutrientes cara ao torrente sanguíneo ou, no caso das graxas, cara á linfa.
• Eliminar, a través das feces, as substancias non dixeribles do alimento.

A ORGANIZACIÓN DO APARATO DIXESTIVO

O aparato dixestivo está formado polos seguintes órganos: no tubo dixestivo temos a boca, o
esófago, o estómago, o intestino (delgado e groso) e o ano; as glándulas anexas son as glándulas
salivares, o fígado, a vesícula biliar e o páncreas.

TUBO DIXESTIVO

Os once metros de tubo dixestivo especialízanse segundo o tramo para formar órganos con funcións
específicas. Vexámolos.

BOCA
A boca é a cavidade de entrada ao tubo dixestivo. Nela alóxanse:
• A lingua, un órgano musculoso que mestura o alimento e está implicado na percepción de
sabores.
• As glándulas salivares.
• Os dentes, que cortan e trituran o bolo alimenticio antes de ser tragado. Encóntranse na
mandíbula.
A boca ábrese cara a farinxe, que comunica co esófago. Unha lámina cartilaxinosa e flexible, a
epiglote, impide que o alimento pase ao aparato respiratorio ao ser tragado.
ESÓFAGO

Trátase dun tubo duns vintecinco centímetros que conecta a farinxe co


estómago. Discorre tras a traquea e alcanza o estómago despois de
atravesar o diafragma. O esófago posúe unhas capas de músculo liso, de
control involuntario, que fan avanzar o alimento a través del.

ESTÓMAGO

O estómago é un órgano que se aloxa na parte alta do


abdome, parcialmente cuberto polas costelas. Trátase dunha
porción dilatada do tubo dixestivo con forma de saco que
une o esófago e o duodeno. A entrada do alimento ao
estómago está controlada por un esfínter que permanece
cerrado ata a chegada do alimento para evitar que o contido
do estómago, moi ácido, retroceda cara ao esófago: o
cardias. A saída de substancias do estómago tamén está
regulada por un esfínter: o píloro.

INTESTINO DELGADO
O intestino delgado é a porción do tubo dixestivo que conecta oestómago co intestino groso.
Divídese en tres poción: duodeno, xexuno e íleo. A característica máis destacada do intestino
delgado é a morfoloxía do seu epitelio. A súa superficie interna está tapizada por uns
repregamentos, as vilosidades, que se proxectan cara á luz do intestino delgado, aumentando
enormemente a superficie de absorción de nutrientes. Este efecto vese incrementado polas
microvilosidades presentes nos enterocitos.

INTESTINO GROSO

O último tramo do tubo dixestivo compono o


intestino groso. Ten un maior grosor que o intestino
delgado, pero tamén é máis curto. Está formado
polo cego, o colon e o recto. Ábrese ao exterior a
través do ano, polo que se expulsan as feces. Dende
o cego proxéctase o apéndice vermiforme.

GLÁNDULAS ANEXAS

Al glándulas anexas localízanse próximas ao tubo dixestivo e verten os seus produtos de secreción
nel, contribuíndo á dixestión.

GLÁNDULAS SALIVARES
Son tres pares de glándulas ubicadas na boca, que segregan a saliva. A saliva é un líquido acuoso
complexo que contén substancias como ións, moco, enzimas dixestivos, inmunoglobulinas...

PÁNCREAS
O páncreas é unha glándula con dobre función: actúa como
glándula endócrina e tamén como glándula exócrina. Localízase
por detrás do estómago. Ten forma de lanza e conecta co
duodeno a través dun fino conduto. No referente ao aparato
dixestivo interesa a súa función exócrina. O páncreas segrega o
zume pancretático que se libera ao duodeno.
FÍGADO
O fígado é un órgano no que se centralizan numerosas funcións. En relación á dixestión sintetiza a
bile, que se acumula na vesícula biliar e posteriormente se verte no duodeno. A bile contén sales que
facilitan a dixestión de lípidos. Unha vez cumpriron coa súa función, estes sales reabsórbense no
intestino para regresar de novo ao fígado. Ademais da dixestiva, o fígado ten moitas outras funcións
químicas, cóntanse nin máis nin menos que por centos! Fíxate nalgunhas a continuación:

• Recibe grandes volumes de sangue. As súas células, os hepatocitos, procésana para manter a
homeostase do organismo.
• Procesa nutrientes como a glicosa, os ácidos graxos ou as proteínas. Así, por exemplo, nos
hepatocitos pode almacenarse a glicosa en forma dun azucre complexo, o glicóxeno, e
liberarse cando o corpo a require.
• É un almacén de vitaminas e minerais que se mobilizan cando son precisos.
• Elimina eritrocitos mortos, non sen antes recuperar o ferro que conteñen.
• Descompón substancias tóxicas para o organismo como fármacos, toxinas bacterianas,
drogas, velenos e outros contaminantes. A sobrecarga da función depuradora, por exemplo
pola inxesta frecuente de alcol, dana o fígado.
• A frenética actividade do fígado xera calor que, xunto co producido polos músculos, se
distribúe polo corpo coa circulación sanguínea mantendo a temperatura corporal.

APARATO DIXESTIVO EN ACCIÓN


A medida que o alimento avanza polo tubo dixestivo transfórmase e extráense del os nutrientes que
o corpo precisa. As substancias sobrantes, non asimilables, expúlsanse en forma de feces. Durante a
viaxe polo tubo dixestivo teñen lugar varios procesos:
INXESTIÓN
Mecanismo polo que se incorporan os alimentos ao tubo dixestivo a través da boca.

DIXESTIÓN
Mecanismo polo que os compostos que forman os alimentos se transforman noutros máis simples e
absorbibles a través de dous procesos:
• Procesos físicos como a
mastigación, os movementos
peristálticos que propulsan o
alimento polo tubo, as intensas
contraccións musculares do
estómago...
• Procesos químicos desencadeados polo ataque químico dos diferentes zumes, que conteñen
substancias capaces de romper macromoléculas dando lugar a outras máis sinxelas e
asimilables.
A dixestión comeza na boca e ten lugar principalmente no estómago e no intestino delgado.

ABSORCIÓN
As substancias xa dixeridas atravesan as paredes do tubo dixestivo e pasan ao sangue ou á linfa. A
absorción acontece principalmente no intestino delgado

FORMACIÓN DE FECES E DEFECACIÓN


Todas as substancias que non puideron ser asimiladas formarán as feces, que se xeran no intestino
groso e se expulsan ao exterior a través do ano.

A viaxe polo tubo dixestivo: unha parada en cada órgano


Consulta que acontece en cada un dos órganos:

Boca
Na boca os alimentos son mastigados e mesturados coa saliva. A saliva humedece e lubrica o
alimento para facilitar o seu tránsito polo esófago. Ademais, contén enzimas que dan inicio á
dixestión química:
• A amilase salivar rompe as moléculas de amidón en azucres máis sinxelos.
• A lisozima ataca bacterias impedindo que entren no organismo.
Como resultado fórmase o bolo alimenticio.
Esófago
O bolo alimenticio propúlsase polo esófago grazas aos seus movementos peristálticos ata acadar, en
tan só uns dez segundos, o estómago.

Estómago
As tres capas de musculatura do estómago xeran intensos movementos que mesturan o bolo
alimienticio cos zumes estomacais. Así fórmase o quimo, que será liberado en pequenas cantidades
ao duodeno a través do esfínter pilórico. A mucosa do estómago contén pequenas glándulas que
segregan substancias como:
• pepsina, un enzima que fragmenta as proteínas;
• ácido clorhídrico, que crea un ambiente acedo axeitado para que a pepsina se manteña
activa e elimina moitos patóxenos inxeridos co alimento;
• moco, que protexe a mucosa gástrica de ser dixerida.

Intestino delgado
No intestino delgado remata a dixestión e comeza a absorción de nutrientes. No duodeno, o quimo
liberado polo estómago mestúrase coa bile e o zume pancreático.
• A bile actúa sobre as graxas facilitando a súa dixestión.
• O zume pancreático contén:
- bicarbonato de sodio, que neutraliza a acidez do quimo;
- diferentes tipos de enzimas, que actúan rompendo moléculas e transformándoas noutras
máis simples: as proteases actúan sobre proteínas, as lipases sobre lípidos ou a amilase sobre
o amidón.
Tras a acción destes zumes, o quimo transfórmase en quilo, unha substancia líquida esbrancuzada
cargada de nutrientes. No intestino delgado absórbense a maioría destes nutrientes, a través das
vilosidades. De non existir estas vilosidades, a superficie de aborción de nutrientes veríase
enormemente reducida. Así é como os lípidos pasan ao sistema circulatorio linfático e o resto dos
nutrientes pasan ao sistema circulatorio sanguíneo.

Intestino groso
O intestino groso recibe unha pasta semilíquida empobrecida en nutrientes, pero que aínda conta
con substancias imprescindibles para o organismo: é aquí onde se absorben a auga, os sales
minerais e certas vitaminas. As feces, sólidas, alcanzan o recto e acumúlanse nel. A defecación
prodúcese cando se relaxan os esfínteres do ano.

ENFERMIDADES E HÁBITOS SAUDABLES


Enfermidades do aparato dixestivo
Son numerosas as enfermidades que poden afectarlle ao aparato dixestivo. Vexamos algunhas das
máis frecuentes.

CARIE
A carie é unha enfermidade que ocasiona a destrución permanente e progresiva dos tecidos do
dente. Orixínase polo ataque dos ácidos que producen as bacterias que se establecen sobre os dentes
e se nutren dos restos de alimentos que inxires, especialmente dos azucres. Se unha carie non se
trata a tempo, afectará tecidos cada vez máis internos, de aí a importancia de ter unha correcta
hixiene dental.

GASTROENTERITE
Trátase dunha enfermidade causada pola inflamación das mucosas do estómago e do intestino, que
pode estar ocasionada principalmente por patóxenos ou toxinas. Produce náuseas, vómitos, diarrea,
dor... As diarreas víricas son enfermidades que se contaxian con facilidade.
ESTRINXIMENTO
Produce feces duras difíciles de expulsar. Pode estar causado por diversos factores, entre os que se
inclúen unha dieta non apropiada, o descenso de actividade física ou factores psicolóxicos.

DIARREA
É unha enfermidade que ocasiona un incremento na eliminación de materia fecal, aumentando a
cantidade das deposicións, a súa fluidez ou a súa frecuencia. A diarrea pode conducir a unha perda
excesiva de auga, coa conseguinte deshidratación.

HEPATITE
Existen diferentes tipos de hepatites. Causan a inflamación do fígado e poden afectarlle no seu
funcionamento. Algúns patóxenos, o consumo excesivo de alcol ou drogas e certos tóxicos poden
causar hepatite.

Hábitos saudables
Para evitar enfermidades do aparato dixestivo podes seguir algúns consellos:
• Lava os alimentos correctamente antes de cociñalos ou inxerilos. Tamén é importante unha
correcta hixiene das mans.
• Mastiga correctamente e come despacio.
• Leva unha dieta saudable e equilibrada. Non esquezas incorporar alimentos con fibra: aínda
que non se dixire, é importante pois facilita a movilidade intestinal.
• Consume alimentos que favorezan o equilibrio da microbiota, como prebióticos e
probióticos.
• Mantén unha correcta hixiene dental. Asegúrate de que cando cepillas os dentes o fas de
modo axeitado e o tempo suficiente para que sexa efectivo. Visita a túa clínica dental con
frecuencia.
• Practica exercicio físico moderado regularmente.

O APARATO CIRCULATORIO
O aparato circulatorio pode considerarse dividido en dúas partes:
• O aparato circulatorio sanguíneo (ou cardiovascular), formado polo corazón, os vasos
sanguíneos e o sangue que circula por eles. Ocúpase de transportar nutrientes ás células e de
recoller as substancias de refugallo que estas producen.
• O sistema circulatorio linfático, formado polos órganos linfáticos, os vasos linfáticos e a
linfa que circula por eles. Recolle o exceso de fluídos dos tecidos e devólveo ao aparato
circulatorio sanguíneo. Existe unha íntima relación entre o sistema linfático e o sistema
inmune, que veremos na unidade correspondente.
Aparato circulatorio sanguíneo
Funcións
A principal función do aparato circulatorio é mobilizar e transportar substancias:
• Ata as células transporta os nutrientes absorbidos polo aparato dixestivo e o osíxeno captado
polo aparato respiratorio. As células asimilarán estas substancias e incorporaranas ao seu
metabolismo.
• Das inmediacións das células recolle as substancias de refugallo que estas producen durante
o metabolismo para seren conducidas aos órganos excretores, onde se eliminarán.
Ademais, cumpre outras funcións:
• Transporte de hormonas dende as glándulas nas que se producen ata o órgano sobre o que
actúan.
• Defensa do organismo a través dos leucocitos e das proteínas implicadas na resposta
inmune.
• Regulación da temperatura ao absorber e distribuír a calor polo organismo a través do
sangue.
• As plaquetas ocúpanse de realizar a coagulación nas zonas lesionadas.

Compoñentes
O aparato circulatorio sanguíneo está formado por:

- CORAZÓN
É o órgano que se encarga de manter o sangue en constante movemento. Funciona como unha
incansable bomba que con cada latido impulsa o sangue polo organismo.
• É un órgano formado por tecido muscular cardíaco denominado miocardio.
• Trátase dun órgano oco dividido en dúas metades que non se comunican entre si. A metade
dereita contén sangue desosixenado, mentres que a esquerda ten sangue osixenado.
• Cada metade divídese en dúas cámaras: asaurículas, na parte superior, e os ventrículos, na
parte inferior. Os ventrículos quedan separados polo tabique interventricular.
• As aurículas e os ventrículos de cada lado comunícanse entre si por válvulas: a tricúspide no
lado dereito e a mitral no esquerdo.
• As paredes do corazón son grosas. Polo tanto, aínda que está repleto de sangue, é necesario
un sistema de veas e arterias coronarias que o irrigan para nutrilo.
VASOS SANGUÍNEOS
Son conductos que forman circuítos cerrados que conectan co corazón. Polo seu interior circula o
sangue. Poden dilatarse e contraerse para adaptar a subministración de sangue aos órganos.

Os vasos que parten do corazón son as arterias, ramifícanse en arteríolas, de menor calibre, estas á
súa vez formarán redes de capilares. Os capilares reúnense envénulas e estas en veas que chegan ao
corazón.
• Arterias: son vasos sanguíneos que conducen o sangue dende o corazón ata outros órganos.
Teñen paredes grosas para contrarrestar a alta presión que exerce o sangue sobre elas. A súa
musculatura permite que se dilaten e contraian para regular o fluxo sanguíneo.
• Veas: son vasos sanguíneos que transportan o sangue ata o corazón. Teñen unha capa de
musculatura menos desenvolvida que as arterias. O sangue circula polas veas a baixa
presión, polo que contan cun sistema de válvulas que forza o sangue a circular nunha soa
dirección, impedindo o seu retorno.
• Capilares: son os vasos sanguíneos de menor calibre. As súas paredes teñen tan só unha
célula de grosor. A través destas paredes ocorre o intercambio de substancias.

SANGUE

O sangue é un tipo de tecido


conectivo, líquido, que circula
polo interior dos vasos
saguíneos impulsado polas
contraccións do corazón. Está
formado polo plasma e as
células sanguíneas.

O plasma é un líquido de cor amarela clara. Contén substancias en disolución como ións, factores
de coagulación, proteínas...

As células sanguíneas son de tres tipos:


• Os eritrocitos, tamén coñecidos como glóbulos vermellos ou hematíes, son as células máis
abundantes no sangue. Son células sen núcleo con forma de disco bicóncavo. Esta forma
confírelles grande flexibilidade para poder atravesar os finos capilares. Conteñen unha
proteína chamada hemoglobina, encargada de transportar o osíxeno, que lles da a súa cor
vermella característica.
• Os leucocitos ou glóbulos brancos son un grupo de células que interveñen na defensa do
organismo, protexéndonos de ameazas como os axentes infecciosos. Son as células
sanguíneas de maior tamaño. Existen diferentes tipos de leucocitos pero todos eles teñen
núcleo. Os leucocitos poden migrar dende o sangue ata os tecidos para combatir infeccións.
Tamén circulan polo aparato circulatorio linfático.
• Os trombocitos ou plaquetas son en realidade fragmentos de células de formas irregulares.
Non posúen núcleo. Interveñen no proceso de coagulación do sangue, que permite cerrar
pequenas feridas evitando o sangrado.

Os grupos sanguíneos
Non todas as persoas posuímos sangue coas mesmas características. En función de certas
moléculas presentes na membrana dos eritrocitos e no plasma, distinguimos dous sistemas: o AB0 e
o Rh.

SISTEMA RH
A presenza doutro factor na membrana dos eritrocitos, o factor Rh, detemina:
• Sistema Rh Rh positivo: posúen o factor Rh e non se producen anticorpos contra este factor.
Teñen Rh positivo os grupos: grupo A+, B+, AB+ e 0+.
• Rh negativo: non posúen o factor Rh e polo tanto anticorpos contra el. Teñen Rh negativo
os grupos: grupo A-, B-, AB- e 0-.
Algúns grupos sanguíneos son compatibles mentres que outros non o son. Para establecer a
compatibilidade entre os grupos sanguíneos debemos prestar atención aos antíxenos e anticorpos
presentes no sangue. Os anticorpos que posúe cada grupo sanguíneo reaccionarán co
correspondente antíxeno. Vexamos un exemplo: os anticorpos anti-A recoñecerán os antíxenos A de
certos eritrocitos no momento en que ambos entren en contacto. Como consecuencia, estes
eritrocitos serían destruídos polo sistema inmune.
O sangue non se pode fabricar. A transfusión de sangue é un tratamento habitual que permite a un
ou unha paciente recibir sangue dunha persoa doante.
É preciso ter en conta o grupo sanguíneo de doantes e receptoras para que as transfusións de sangue
teñan éxito. Observa a seguinte táboa de compatibilidade de grupos sanguíneos.

SISTEMA CIRCULATORIO LINFÁTICO

Funcións
O sistema circulatorio linfático ten tres funcións principais:
Drena o exceso de líquido intersticial. O intercambio de substancias entre as células e o sangue
non é directo, realízase a través do líquido intersticial: un líquido que deriva do plasma sanguíneo
que baña as células. O sistema linfático ocúpase de recoller o exceso deste líquido intersticial que
circulará formando a linfa. A linfa percorre os vasos linfáticos para ser devolta ao aparato
circulatorio sanguíneo. É, pois, un sistema que drena os tecidos e mantén o equilibrio dos fluídos
corporais.
• Ten unha importante función defensiva .O sistema linfático alberga células do sistema
inmunitario que defenden o organismo de infeccións.
• Transporta graxas absorbidas no intestino delgado.
Compoñentes
O sistema circulatorio linfático está formado por:

VASOS LINFÁTICOS

Os capilares linfáticos son vasos finos e moi ramificados. Son cegos, é dicir, sen saída. Chegan a
todos os tecidos e ocúpanse de recoller o líquido intersticial.
Os capilares linfáticos conflúen formando vasos de maior calibre que presentan, ao igual que as
veas, válvulas que forzan a linfa a circular nunha soa dirección. Ocúpanse de dirixir a linfa de volta
ao aparato circulatorio sanguíneo.

ÓRGANOS E TECIDOS LINFOIDES


Son órganos e tecidos relacionados coa resposta inmunitaria. Destacan o timo, a medula ósea, os
ganglios linfáticos, o bazo, as amígdalas e outros tecidos.

Os ganglios son estructuras encapsuladas ovaladas que forman parte do sistema linfático e
colaboran co sistema inmune. Sitúanse por todo o corpo.
Os vasos linfáticos aferentes levan ao ganglio linfa sen filtrar, que circula polo seu interior a través
dunha rede de conductos e sae polos vasos eferentes. Neste proceso, as células do sistema inmune
situadas no ganglio recoñecen na linfa substancias que poderían causar infeccións.

LINFA
O líquido que sae dos capilares sanguíneos acumúlase no espacio que existe entre as células
formando o líquido intersticial. O exceso deste líquido pasa ao interior dos vasos linfáticos para
formar a linfa. Trátase dun líquido claro, rico en lípidos, que circula polo interior dos vasos
linfáticos ata que se devolve á circulación sanguínea e se incorpora a ela. As únicas células que
circulan pola linfa son os leucocitos.

Aparato circulatorio sanguíneo... a escena! A circulación sanguínea no ser humano é:


• Dobre: diferéncianse dous circuítos, a circulación maior e a circulación menor.
• Completa: o sangue rico en osíxeno non se mestura nunca co sangue empobrecido en
osíxeno.
• Cerrada: o sangue non abandona nunca os vasos sanguíneos. As substancias que transporta
o sangue chegan ás células por difusión.
O CICLO CARDÍACO

O corazón actúa como unha bomba dobre que impulsa o sangue a través dos vasos sanguíneos. Os
acontecementos que ocorren durante o latexo definen o ciclo cardíaco. Prodúcense dous tipos de
movementos rítmicos e coordinados. A sístole é un movemento de contracción durante o que se
baleiran as cavidades; por contra, a diástole é un movemento de relaxación durante o que se enchen
as cavidades.

Os acontecementos que desencadean estes movementos son:

1. Sístole auricular: as aurículas, cheas de sangue, contráense e forzan o sangue a atravesar a


válvula mitral, no lado esquerdo, e a tricúspide, no dereito. Os ventrículos énchense de sangue.

2. Sístole ventricular: os ventrículos, agora cheos de sangue, contráense e este sae a través das
válvulas semilunares, aórtica no lado esquerdo, e pulmonar no dereito. Neste momento as válvulas
mitral e tricúspide xa están pechadas, polo que o sangue non retorna ás aurículas.

3. Diástole auricular e ventricular: aurículas e ventrículos reláxanse. Non hai retorno de sangue
cara ao corazón, pois as válvulas semilunares están pechadas neste momento. As aurículas énchense
de sangue procedente das veas.

A CIRCULACIÓN SANGUÍNEA
A circulación sanguínea segue dous circuítos diferenciados.
CIRCULACIÓN MAIOR OU SISTÉMICA
Distribúe sangue osixenado dende o lado esquerdo do corazón a todo o corpo. Durante o percorrido,
o osíxeno do sangue vai difundido cara ás células. Este circuíto iníciase no ventrículo esquerdo. O
sangue, osixenado, atravesa a válvula semilunar aórtica, diríxese á arteria aorta e, desta, a todo o
corpo. O ventrículo esquerdo ten paredes máis grosas que o dereito, xa que debe impulsar o sangue
cara a este longo traxecto. A arteria aorta ramifícase en vasos de menor calibre, arteríolas e capilares
nos que acontece o intercambio de substancias coas células. Os capilares únense de novo para
formar vasos de maior calibre, vénulas e veas, que regresan á aurícula dereita a través das veas
cavas, superior e inferior.

CIRCULACIÓN MENOR OU PULMONAR


Transporta sangue pobre en osíxeno dende o lado dereito do corazón ata os pulmóns, onde se carga
de osíxeno e regresa á aurícula esquerda. A circulación menor comeza cando o sangue abandona o
corazón a través do ventrículo dereito, despois de atravesar a válvula semilunar pulmonar. Viaxa
pola arteria pulmonar, que se divide en dúas, dereita e esquerda, para dirixirse aos pulmóns. Estas
arterias ramifícanse ata formar os finos capilares dos pulmóns, nos que acontece o intercambio de
gases. Durante este proceso, o sangue recárgase de osíxeno e ao mesmo tempo despréndese do
dióxido de carbono producido polo metabolismo das células. Os capilares forman vasos de maior
calibre que conflúen nas veas pulmonares. Estas veas ingresan na aurícula esquerda do corazón.

Aparato circulatorio linfático... É a túa quenda!


O sistema circulatorio linfático, a diferencia do circulatorio sanguíneo, non conta cun órgano propio
que impulse a linfa. Tampouco se forma un circuíto, pois os vasos linfáticos son cegos. Son os
movementos dos músculos, que se contraen e relaxan, os que principalmente impulsan a linfa polos
vasos linfáticos.
As válvulas dos vasos linfáticos impiden o retorno da linfa e condúcena ata as veas subclavias, onde
se incorpora ao torrente sanguíneo. No seu traxecto de volta á circulación sanguínea, a linfa
atravesa ganglios linfáticos que a escanean en busca de posibles axentes infecciosos.

ENFERMIDADES E HÁBITOS SAUDABLES

O sistema circulatorio pode verse afectado por enfermidades moi diversas, vexamos algunhas delas.
No tocante ao sistema circulatorio sanguíneo destacamos as seguintes como as máis habituais.

INFARTO DE MIOCARDIO
Un infarto de miocardio (músculo do corazón) prodúcese cando unha arteria coronaria se bloquea
totalmente de maneira que se interrompe a subministración de sangue. Este bloqueo pode
producirse a causa dun trombo (coágulo). O tecido afectado queda sen osíxeno e nutrientes, polo
que pode morrer. Se o bloqueo é parcial, permitindo unha subministración de sangue aínda que sexa
deficiente, prodúcese unha anxina de peito. As causas poden ser coágulos, taquicardias, anemias...

ICTUS
O cerebro precisa unha subministración de sangue continua para nutrirse. Se se interrompe, as
células do cerebro poden quedar afectadas ou incluso morrer: é o que se coñece como ictus ou
infarto cerebral. O ictus pode afectar partes máis ou menos amplas do cerebro e interferir coas
funcións controladas por esa zona.
Algunhas das causas son a formación de trombos (coágulos) ou a arterioesclerose.
Un rápido diagnóstico é clave en caso de sufrir un ictus, por iso é tan importante identificar que está
ocorrendo. A regra dos tres F (forza, faciana e fala) axudarate. Presta atención ao vídeo para saber
máis.

ASTERIOSCLEROSE

Prodúcese pola acumulación de graxas, principalmente colesterol, nas paredes das arterias ao longo
de moitos anos. Estas graxas acumúlanse formando placas, chamadas ateromas.

As arterias afectadas inflámanse, endurécense e estréitanse.

As placas poden desprenderse e producir complicacións como infartos de miocardio ou ictus.

Factores como a diabetes, a hipertensión, niveis altos de colesterol ou fumar favorecen a aparición
de arterioesclerose.

HIPERTENSIÓN
A presión sanguínea é a presión que exerce o sangue sobre os vasos sanguíneos. Cando os valores
de presión superan os valores normais de forma constante falamos de hipertensión.

A longo prazo, a hipertensión pode causar danos en órganos, como os ollos ou os riles, e aumenta o
risco de sufrir infarto de miocardio ou un ictus.

ANEMIA

A anemia dáse por unha redución no número de eritrocitos ou da concentración de hemoglobina.


Esta condición causa unha disminución no transporte de osíxeno cara aos tecidos.

As causas da anemia poden ser variadas: xenéticas, déficit de ferro na dieta, baixa produción de
eritrocitos na medula ou perda excesiva de sangue, por exemplo.

En relación co sistema circulatorio linfático existen tamén múltiples enfermidades.

Estas dúas que podes ler a continuación afectan a gran parte da poboación.

ADENOPATÍA

A adenopatía supón unha inflamación dos ganglios linfáticos. Poden producirse, entre outros
síntomas: aumento de tamaño dos ganglios, dor ou febre.

As causas das adenopatías poden ser moi diversas, por exemplo, a existencia dalgunha enfermidade
infecciosa.

EDEMA

O edema é unha hinchazón derivada da acumulación anormal de líquidos extracelulares.

As súas causas poden ser variadas, entre elas atopamos a mala drenaxe da linfa polo sistema
linfático.
Hábitos saudables

Para previr enfermidades no sistema circulatorio podes seguir estes consellos:

• Mantente activo ou activa e realiza exercicio físico moderado de forma regular.

• Asegura unha correcta hidratación.


• Consume unha dieta equilibrada, evitando comidas moi salgadas, moi doces ou ricas en
graxas.
• Leva unha vida tranquila, mantén a raia o estrés.
• Durme suficiente.

You might also like