You are on page 1of 4

BLOQUE: LITERATURA GALEGA (2ª   AV) 

TEMA  5.  A LITERATURA  NO  EXILIO  ENTRE  1936  E  1976: POESÍA, PROSA E 


TEATRO.
5.1. O LABOR DOS EXILIADOS.
A  derrota  do  bando  republicano  na  Guerra  Civil  levou  ao  exilio  a  moitos  galegos,  entre  eles 
escritores e artistas. O abandono da propia Terra foi o único xeito que encontraron para salvar a vida, 
librarse do cárcere ou, cando menos, de fuxir dunha atmosfera política, social e cultural opresiva. Os 
países de América, Arxentina, Uruguay e México, acolleron o maior continxente de exiliados; neles 
xa  existían  comunidades  galegas  estables  (uns  350.000  en  Bos  Aires).  Foi  en  Bos  Aires  e 
Montevideo onde se concentraron moitos dos intelectuais, escritores e artistas que lograron fuxir da 
represión franquista: Castelao, Arturo Cuadrado, Rafael Dieste, Lorenzo Varela, Suárez Picallo, Luís 
Seoane, Lois Tobío… A eles sumáronse os que estaban alí emigrados, como Blanco Amor, Emilio 
Pita,Varela Buxán, entre outros.

Os  exiliados  mantiveron  viva  a  cultura  galega,  en  América  leváronse  a  cabo  innumerables 
actividades culturais, que garantiron a continuidade do galego como idioma escrito. Entre as moitas 
iniciativas que desenvolveron, destacan as seguintes: a organización de exposicións, conferencias, 
recitais, cursos de idiomas, mostras do libro galego; a fundación de varias editoriais e coleccións 
bibliográficas; a posta en marcha de xornais (Galicia, A Nosa Terra…), revistas (Galicia Emigrante, 
Vieiros…)  e  programas  radiofónicos  (Recordando  Galicia…); a constitución de grupos músico­
corais   e   compañías   de   teatro   (Maruxa   Villanueva,   Boga­Tacholas,   Teatro   Popular   Galego…);   a 
creación de diversos organismos e entidades culturais (Patronato da Cultura Galega…) e incluso 
levaron a  cabo a denuncia  diante  de  organismos  internacionais  da  persecución  a  que  sometía  o 
réxime  franquista  á  nosa  cultura  e  lingua. Todo este ambiente cultural, que sería impensable na 
Galicia   da   época,   evitou   que   o   galego   desaparecese   dos   rexistros   cultos   e   facilitou   a   posterior 
reconstrución do sistema literario a partir dos anos 50.

5.2. A LITERATURA GALEGA NO EXILIO

Dentro da literatura do exilio, destaca a poesía; mais tamén o teatro tivo un pulo decisivo, 
chegando a haber numerosas compañías que representaban alí as súas obras con regularidade.

5.2.1. A POESÍA.

A poesía foi o xénero máis cultivado polos autores galegos no exilio. En canto á temática, hai un 
predominio da socialrealista xa dende os corenta, ou sexa, dos contidos reivindicativos (que estaban 
censurados   na   Galicia   da   época)   e   dos   referidos   á   emigración   do   pobo   galego,   pero   tamén   a 
intimista (os amores, a saudade, a exaltación da paisaxe natal, o baleiro interior...). Dende o punto 
de vista formal, destaca o emprego do verso longo e o estilo realista e coloquial para expor  a 
temática máis comprometida.

Emilio Pita  (1909­1981) creou unha poesía chea de musicalidade froito do influxo da súa outra 
faceta de estudoso da música popular galega. Ademais a súa poesía estará marcada pola presenza da 
melancolía,  as referencias á paisaxe galega e temas como a emigración, a arela do retorno e  a 
Guerra Civil. Este último é o predominante no poemario Jacobusland, onde lembra os galeguistas 
mortos e denuncia a traxedia que supuxo o conflito bélico en Galicia. 

Luís Seoane (1910­1979) destacou entre os iniciadores do movemento cultural galego en Bos Aires 
como un traballador incansable e multifacético que fundou editorias (Nova, Citania...) e revistas 
(Galicia   libre,   Galicia   Emigrante...),   realizou   programas   de   radio   e   se   implicou   en   toda   canta 
iniciativa pretendía divulgar a cultura galega. Xa de volta en Galicia, participou con Isaac Díaz 
Pardo na creación do Laboratorio Formas de Galicia do que sairía a fábrica de Sargadelos, o Museo 
Carlos Maside de pintura galega e a editorial Ediciós do Castro. Ademais deixou dunha produción 
pictórica   moi   diversa  (gravados,  murais,   litografías,   cerámicas,   óleos...)  que   o  converteu   nunha 
figura clave da pintura galega e tamén á literatura, como poeta, ensaísta e dramaturgo.

A súa andaina poética iníciase con  Fardel  de  exiliado,  ao que lle  seguirían outros tres libros de 


poemas:  Na  brétema,  Sant­Iago;  As  cicatrices  e  A  maior  abondamento. Neles predominan temas 
moi  próximos  ás súas propias  vivencias: a emigración e o exilio (Fardel de exiliado, A maior  
abondamento), expostos desde a perspectiva dos propios protagonistas. Xunto a eles, a crítica e a 
denuncia   social   son   tamén   recorrentes   nas   súas   composicións,   polo   que   é   considerado   un   dos 
iniciadores   do   socialrealismo   poético;   nalgúns   poemas   mestura   esa   crítica   coa   reivindicación 
dalgunhas etapas da historia de Galicia, como a celta (As cicatrices) e a medieval dos irmandiños 
(Na brétema, Sant­Iago). En canto á forma, a poesía de Luís Seoane preséntase en versos longos e 
espida de recursos literarios, pois o primordial é a autenticidade da mensaxe.

Lorenzo  Varela   (1916­1978),  xornalista,   crítico   de   arte,   tradutor   e   poeta;   foi  autor  de  dous 
poemarios:  o  primeiro  Catro  poemas  para  catro  gravados  céntrase  en  catro  figuras  míticas  da 
historia de Galicia, cada unha co seu significado simbólico: María Balteira representa a represión; 
Roi Xordo, o heroísmo do pobo; o bispo Adaúlfo, a aceptación da homosexualidade; e María Pita 
(XVI), a loita pola liberdade. A segunda obra é Lonxe, considerada a mellor, a cal reúne poemas de 
evocación da Galicia afastada, sobor da emigración, o exilio e sobre todo a Guerra Civil e as súas 
consecuencias. 

Outros   autores   que  cultivaron   a  poesía   en   terras   americanas   no  período   do   exilio   foron 
Eduardo Blanco Amor  (Cancioneiro, 1956, en Bos Aires, obra que reúne poemas que seguen 
diferentes liñas temáticas), Ernesto Guerra da Cal (Río de Sonho e Tempo)  e Florencio Delgado 
Gurriarán (Galicia infinda), estes dous últimos exiliados en Estados Unidos.

5.2.2. A PROSA
Os  dous  principais  narradores  da  literatura  galega  no  exilio  son  Ramón  Valenzuela  e  Silvio 
Santiago. As súas narracións teñen en común trazos como a presenza de elementos autobiográficos 
e a temática da Guerra Civil.

Silvio  Santiago  (1903­1974)   deixounos  dúas   novelas   cunha   gran   compoñente   biográfica: 
Vilardevós  (1961), que narra a infancia perdida da aldea, e  O  silencio  redimido  (1976, póstuma), 
onde se expón a traxedia da guerra para as persoas, incluso para os que non estiveran implicados en 
ningún bando. 

Ramón  Valenzuela  (1914­1980) publicou  en  Bos  Aires  Non  agardei  por  ninguén  (1957),  novela 
autobiográfica que narra en primeira persoa as peripecias dun mozo galeguista que é enviado polo 
franquistas á fronte de guerra e consegue pasar ao bando republicano. A súa segunda novela, Era 
tempo de apandar (1980), complementa a primeira xa que relata a historia dun home que se exilia a 
Francia, é devolto polos alemáns a España onde pasa por varios cárceres, será condenado a morte e, 
logo de ser liberado pola influencia da súa familia, regresaría a Galicia.

Alonso Ríos (1887­1980), mestre e deputado galeguista, foi perseguido durante a guerra e relatou as 
súa experiencia de fuxido no libro  O siñor Afranio ou como me rispei das gadoupas da morte 
(1979). 

No   ensaio   destacan  Castelao,   cuxa   obra  Sempre  en  Galiza  se   publicou   no   exilio;  Luís 
Seoane, quen realizou ensaios e artigos sobre figuras das artes galegas;  Lois Tobío, o viveirense 
fora   un   dos   fundadores   de   Seminario   de   Estudos   Galegos   e   autor   dun   dos   mellores   libros   de 
memorias da literatura galega,  As  décadas  de  T.L.; e  Ernesto Guerra da Cal, o cal ademais de 
profesor chegou a ser un investigador recoñecido internacionalmente polos seus ensaios sobre a 
literatura galega e incluso sobre algúns autores da portuguesa. 

5.2.3. O TEATRO.
Xunto ao teatro popular, cómico e sentimental e de ambiente rural de Varela Buxán, existiu 
no  exilio  outro  teatro  máis  culto   e   moderno,  con  técnicas,  temas  e  enfoques  dramáticos  máis 
innovadores,  representado  por  Castelao  (Os  vellos  non  deben  de  namorarse);  Luís  Seoane  con 
pezas como A soldadeira que se centra nunha muller que serve de enlace entre os irmandiños e cuxa 
historia serve para comparar a época franquista co pasado histórico; e, finalmente, Blanco Amor, 
que foi un dos autores que máis contribuíu ao desenvolvemento do teatro galego, tanto en Galicia 
como en América, onde  creou  o  grupo  Teatro  Popular  Galego (en Bos Aires) co que comezou a 
representar algunhas das pezas que logo formarían parte de Farsas para títeres e Teatro pra a xente, 
caracterizadas pola calidade da lingua e as críticas á ditadura.

You might also like