You are on page 1of 2

Cando comezamos o curso con novos alumnos/as sempre temos un enorme

traballo por diante sobre todo de adaptación mutua e se algún deses


alumnos/as trae consigo algunha calidade “especial”, o traballo sabémolo
todos/as, é maior, pero tamén trae consigo retos, unha aprendizaxe e un
enriquecimento aínda maiores.

Hai uns anos apareceu na aula unha alumna á que lle acababan de
diagnosticar de diabete, para min esa enfermidade non era totalmente nova, xa
que tiven ao longo da miña vida contacto con ela a través dunha compañeira
de estudios, dunha amiga e dun familiar cercano, pero ata ese momento nunca
como titora.

O primeiro que fixen foi buscar información, poñerme en contacto coas persoas
que coñecía con diabete para que me contasen como fora a experiencia de
enfrontarse a esa enfermidade, como se sentiran eles e as súas familias neses
primeiros momentos, tamén mantiven unha titoría o antes posible coa familia
da alumna para coñecela e saber como o estaban vivindo… e despois
contactei con Anedia para que nos axudasen na labor de toma de contacto,
concienciación sobre a diabete e normalización da situación, tanto por parte da
alumna como por parte do resto da comunidade educativa, sobre todo da que
ía a ter un contacto máis directo coa alumna.

Ao mesmo tempo, puxen á familia en contacto coa asociación, aproveito a


ocasión para dar as grazas pola súa axuda e información.

O día a día non foi fácil porque esta alumna tiña continuamente a glucosa
descompensada, ademais non era organizada, perseverante, nin responsable
en xeral e tampouco coa situación que lle estaba a tocar vivir, pero o peor foi
que a familia tampouco, co cal me pasaba a mañá recordándolle todo o que
debía facer, como debía facelo e averiguando o que pasara o día anterior para
entender o por que desa descompensación continua, pero sen parecer que me
estaba a meter nas súas vidas.

É moi importante non poñerse nerviosa e ter moi claro o que hai que facer nas
diferentes situacións que se poden dar, e o profesorado en xeral tamén as
debe saber, por se faltas por calquera motivo, eu deixaba sempre na aula, a
modo de recordatorio, unha folla coas instrucións.

A medida que foi pasando o tempo pasou a formar parte da miña rutina estar
pendente dos controis do azucre e avisar á familia de calquera incidencia.

Este caso xa comentei que foi un pouco complicado, pero normalmente os


nenos/as con diabete son moi responsables e as súas familias tamén, son moi
conscientes das limitacións da enfermidade pero tamén aprenden a cantidade
de cousas que poden facer.

E xa para rematar, lembrade sempre ter caramelos, galletas para diabéticos ou


algo especial que lle guste ao voso alumno/a na aula para cando haxa un
aniversario ou algunha celebración especial xa que ás veces as familias ou no
cole pódense despistar.

Un saúdo e recordade que ser diabético é unha característica máis desa


persoa, non a máis importante.

You might also like