You are on page 1of 2

Modelos de liderado

Daniel Otero Otero

Durante a miña experiencia académica atopeime diferentes modelos de liderado


por parte dos diferentes docentes. Aquel que máis se repetiu foi o autoritario, aquel onde
o docente adopta unha posición dominante e impositiva. Dada esta posición centrada na
escoita pasiva, a relación co alumnado é practicamente inexistente, ríxida e
tremendamente xerárquica.

Este modelo, no meu punto de vista, presenta puntos moi problemáticos, mais
como comentarei tamén ten algunhas poucas virtudes. Comezando con estas últimas,
adoptar este modelo en algunhas situacións específicas e temporais pode ser o mais
axeitado. Un docente que acaba de chegar a un novo centro e que descoñece a realidade
do mesmo moitas veces ten que adoptar esta postura para poder facerse co control dunha
sala. O alumnado pode non tomarse en serio as aulas se o docente ten unha postura moi
próxima, xa que estes ollarano como un semellante. Isto de por si non é algo malo, o
problema chegaría se a partir diso o descontrol e a indiferenza se fixera presente.

Así e todo, considero que este modelo entraña máis problemas que virtudes. O
docente que o executa considerase o protagonista da aprendizaxe, é aquel que posúe o
coñecemento e debe transferirllo a un alumnado ignorante ou descoñecedor da maioría
de temáticas. Isto non ten porque ser así, a través deste modelo de liderado o docente non
se formula a posibilidade de que o alumando teña unha serie de coñecementos previos ou
que teña un nivel determinado.

As aulas destes docentes acostuman ser maxistrais, este método non é o máis
aconsellable, pois os alumnos poden perder o fío ao resultarlles aburrido un monologo de
cincuenta minutos. Para min a interactividade é esencial na sala de aulas, tanto na súa
forma educador-educando como a do propio alumnado. Esta interactividade permite a
mediación do coñecemento co alumnado, empregando algunhas técnicas como o debate
ou o traballo en equipo. Tarefas nas que desenvolverán competencias como a mellora da
comunicación, a resolución de conflitos dun xeito non violento e o recoñecemento da
igualdade entre as persoas.
En contraposición co modelo democrático que é aquel que considero o máis
axeitado, o autoritario non acostuma facilitar o proceso de creación dunha identidade
autónoma. A parte do currículo que mais prima no liderado autoritario son os feitos e os
conceptos, por tanto as actitudes están nun segundo plano. Para min a educación debe ir
máis aló, debe darlle ferramentas ao alumando para poder criar unha identidade activa e
autónoma para poder estar preparado para o social e o entorno no que se encadra, para o
cal precisa dun pensamento crítico que non se desenvolve en aulas maxistrais de simple
memorización-repetición.

Por último, gustaríame aclarar que todo o sinalado non sempre se corresponde cun
liderado autoritario, xa que pode diferir en certos aspectos, algúns poden chegar a ser
bastante flexibles durante a aprendizaxe. Todo o exposto foi dende unha óptica persoal
da miña formación académica onde o comportamento e os métodos dos docentes
autoritarios eran así.

You might also like