You are on page 1of 2

ALGÚNS DOS OFICIOS MÁIS TRADICIONAIS DE GALICIA.

<

Un destes oficios é o dos canteiros, que traballan a pedra para a construción, e tamén a lousa. Os
canteiros son os labradores da pedra da arte popular e a súa existencia débese á abundancia do granito,
fundamento da paisaxe galaica.

Pero antes, os pedreiros teñen que arrincar dos montes os bloques de pedra. Noutras épocas, para
extraer a pedra tiñan que usar o pico, as cuñas, o martelón, e finalmente a dinamita para romper os
bloques de granito. Despois, co auxilio dunha ferramenta chamada paoferro, (unha barra de ferro
usada coma panca) subían ó carro dos bois estes bloques de pedra.

Dentro dos carpinteiros, existen distintas especialidades. Está o carpinteiro de armar, que é o que
prepara a estrutura dos pisos e o teitume das casas. Atopamos tamén o carpinteiro de ribeira, quen
constrúe embarcacións de todo tipo. Tamén está o cubeiro, encargado de face-las cubas do viño; o
ebanista; o torneiro; os fragueiros que facían os carros ou os rodeiros, que facían unicamente as
rodas.

Outro oficio é o dos cesteiros, arte anterior á cultura castrexa, cuxa materia prima é a madeira de
castiñeiro, carballo, colmo (palla de centeo) e tamén vimbio.

Aínda non hai moito que os ferreiros fabricaban os utensilios agrícolas e tódalas ferraxes necesarias
para os carros e as casas. Os ferradores, son ferreiros especializados nas ferraduras para as cabalerías
ou os canelos para os vacúns.

O oficio dos carboeiros tiña por principais clientes ás forxas dos ferreiros. O carbón vexetal facíano
con raíces de breixo ou polas de acacia.

Un oficio que acadou moita raizame na nosa terra é o dos zapateiros. Non podemos esquecer
ós zoqueiros , aqueles que facían zocos e zocas, calzado habitual nun país húmido coma o noso. As
empeñas de coiro eran feitas polos zapateiros.

O oficio dos oleiros consiste en facer con barro olas, xerras, cuncas, pratos, tarteiras, pucheiros…

E o oficio ambulante por excelencia, é o de afiador. Os afiadores ían polo mundo ofrecendo os seus
servicios. Levaban un asubío xeralmente feito de madeira de buxo que facían soar co seu tan coñecido
pregón: “¡Afiador e paraugueiro…”.

Coñeces algún oficio máis?, viticultor, leiteiro, labrego, muiñeiro, panadeiro, percebeiro, redeiro,
mariñeiro, albardeiro, cantorleiro, zarralleiro, latoeiro, mazadeira, fiandeira, tecedora, xastre,
costureira, palilleira, ourive, serranchín, telleiro, cereiro, campaneiro, seitureira, guarnicioneiro,
arrieiro

You might also like