You are on page 1of 2

Composición 11: O movemento obreiro (Sexenio democrático e Restauración)

(Presentación + introducción dos documentos)

Co desenvolvemento da industrialización ao longo do s. XIX xurdiu un novo grupo social,


o proletariado ou clase obreira. Debido á febilidade do proceso industrializador español, os
obreiros foron un grupo menos numeroso en comparación con outros países máis
industrializados, pero iso non evitou que sufriran unhas duras condicións de vida e de traballo no
s. XIX e primeiro terzo do s. XX (longas xornadas laborais, os salarios ínfimos, a explotación
infantil, a discriminación laboral das mulleres, etc).

Este cúmulo de problemas, foi animando aos traballadores a organizarse de forma progresiva
para lograr as súas reivindicacións (protestas de tipo ludista no primeiro terzo do XIX e fundación
de asociacións obreiras, prohibidas ata a legalización dos sindicatos en 1887), ante a oposición
de patróns e gobernantes a facilitar a mellora das condicións do proletariado.

Coa caída de Sabela II coa Revolución Gloriosa de 1868 e o inicio do Sexenio Democrático, as
chamadas ideoloxías ou filosofías obreiras tiveron máis facilidades para penetrar no noso país.
A regulación do dereito de asociación plasmouse no Decreto Lei do 20 de novembro de 1868,
pero recoñecendo ás asociacións obreiras como obxectivos únicos a educación e a asistencia
mutua, excluíndo a súa función política. Ademais, no Código Penal de 1870 ampliaba as causas
que permitían perseguir como ilícitas ás asociacións obreiras, e un ano despois, as Cortes
proclamaban a ilegalidade da I Internacional.

A I Asociación Internacional de Traballadores ou AIT, fundárase en Londres en 1864, estando


presentes na mesma as dúas grandes ideoloxías obreiras, o anarquismo e o socialismo científico
ou marxismo, que darían pé a diferentes asociacións obreiras na España do derradeiro terzo do
XIX. As principais zonas industriais do país protagonizaron as primeiras accións obreiras,
destacando Cataluña, seguida da cornixa cantábrica, o levante e Madrid.

Trala Revolución de 1868, o dirixente anarquista Bakunin enviará a España ao tamén


anarquista Giuseppe Fanelli para que organizase a sección española da AIT, de predominio
anarquista nos primeiros anos. Froito das actividades do grupo bakunista, en 1870 celebrouse
en Barcelona o primeiro Congreso Obreiro e creouse a Federación Rexional Española da
Primeira Internacional Obreira (FRE), adscrita á AIT, chegando a ter arredor de 30.000 afiliados
cara 1873, sobre todo, entre os obreiros de Cataluña e Levante, e os xornaleiros de Andalucía
e Extremadura.

Durante o Sexenio Democrático, a FRE suscitou un forte temor entre os empresarios e os


gobernantes , precisamente debido a sucesos violentos (actos ludistas e asasinato de
autoridades), como os de Alcoi no mesmo ano 1873. A FRE manteríase na clandestinidade tras
ser declarada ilegal polo goberno no 1874, ata a súa disolución en 1874. Posteriormente, xa
durante a Restauración, os bakunistas, enfrontados cos marxistas, crearían a Federación de
Traballadores da Rexión Española (FTRE) en 1881.

Os principios básicos do anarquismo serían a non participación na vida política


parlamentaria (nin nas eleccións nin a través de partidos políticos), suprimir calquera institución
ou autoridade, aboler a propiedade privada e crear unha nova sociedade igualitaria e baseada
no colectivismo. A toma do poder acadaríase mediante unha revolución violenta para destruir o
Estado capitalista e burgués.

Dende o seu nacemento, o anarquismo español dividiríase entre un sector sindicalista e


moderado e unha corrente radical, partidaria da violencia (acción directa), proliferando xa
durante a Restauración borbónica múltiples atentados anarquistas que provocaron unha
feroz represión gobernamental. Despois de dúas décadas de represión e desorganización as
distintas tendencias anarquistas españolas fundaron o sindicato CNT (Confederación Nacional
do Traballo, 1910), a principal organización obreira española xunto á UXT.

En canto ao marxismo ou socialismo científico, este chega a España cara 1871 da man de Paul
Lafargue, xenro de Carlos Marx, impulsando un grupo de internacionalistas favorables ás teses
marxistas fornte á maioría anarquista predominante na FRE, creándose unha Nova Federación
Madrileña, marxista, en 1872, xérmolo dos futuros PSOE e UXT.

Baseado nas ideas de Karl Marx e Friedrich Engels, rivalizaba co anarquismo polo control do
movemento obreiro. As diferenzas ideolóxicas entre anarquistas e marxistas son xa palpables a
finais do século XIX, xa que os marxistas buscaban establecer unha sociedade igualitaria ou
comunista trala conquista do poder pola clase traballadora, pero tamén discrepaban en como
chegar ao poder, xa que para os socialistas, ademais da revolución, habería outras vías de
acceso, a través do sistema parlamentario, o que explica que estean a favor de fundar
organizacións políticas como partidos socialistas.

As principais organizacións socialistas españolas foron fundadas polo líder obreiro Pablo
Iglesias durante a Restauración: o Partido Socialista Obreiro Español (PSOE, creado en 1879) e a
Unión Xeral de Traballadores ou UXT, sindicato que apareceu en 1888. Os socialistas españois
tiveron unha forte implantación entre os obreiros de Asturias, País Vasco, Madrid e Cataluña,
así como no campo andaluz (onde rivalizaban cos simpatizantes do anarquismo). Tanto os
anarquistas como os marxistas, utilizaron as folgas ao longo deste período histórico para
conseguir dos patróns ou do Estado as melloras dos problemas que lles afectaban.

Finalmente, referirnos á posterior evolución do movemento obreiro español, xa nas primeiras


décadas do s. XX, indicando o seu importante papel na sociedade e na vida política durante a
chamada crise do Sistema da Restauración, onde anarquistas e socialistas organizaron
numerosas folgas xerais (tanto por motivos laborais como ideolóxicos), colaboranda nalgunhas
ocasións (como na Folga Xeral Revolucionaria de 1917).

You might also like