You are on page 1of 3

Irmandades da Fala (1916 - 1931)

As Irmandades da Fala foi unha organización nacionalista galega activa


entre 1916 e 1931. Coas Irmandades da Fala, o movemento galeguista
asumiu por vez primeira o monolingüismo en galego.
Aurelio Ribalta, escritor galego que residía en Madrid e membro dun grupo
de intelectuais galeguistas alí establecido, realizou en 1915 un chamamento
dende a revista Estudios Gallegos para defender a lingua galega. O 5 de
xaneiro de 1916 Antón Vilar Ponte recolleu a chamada de Aurelio Ribalta e
comezou dende as páxinas de La Voz de Galicia unha campaña para a
creación dunha Liga de Amigos do Idioma Galego e en marzo publicou o
folleto Nacionalismo gallego. Nuestra afirmación regional, no que volve
sobre a cuestión da defensa, dignificación e fomento do uso da lingua
galega.
O 18 de maio de 1916, Antón Vilar Ponte convocou unha xuntanza nos
locais da Real Academia Galega na Coruña, á que asistiron arredor de 20
persoas, entre as que se encontraban Manuel Lugrís Freire, Florencio
Vaamonde Lores, Uxío Carré Aldao, Luís Porteiro Garea, Francisco
Tettamancy ou Ramón Vilar Ponte, entre outros. Nesta xuntanza acordouse
a creación dunha Irmandade dos Amigos da Fala que tería como obxectivo
a defensa, exaltación e fomento da lingua de Galicia, e nomeouse a Antón
Vilar Ponte como Primeiro Conselleiro.
Deseguido constituíronse diversas agrupacións locais.
As primeiras accións das Irmandades estaban dirixidas á promoción da
cultura e da lingua galegas, coa convocatoria de cursos de galego, recitais,
xogos florais, exposicións etc., pero pronto comezaron a manifestarse
tamén iniciativas de carácter máis político, como amosa o feito de
presentaren en 1918 dous candidatos ás eleccións: Porteiro Garea por
Celanova e Losada Diéguez pola Estrada, con negativos resultados en
ámbolos dous casos.
O 14 de novembro nace o órgano oficial das Irmandades, A Nosa
Terra, dirixida por Vilar Ponte e escrita integramente en galego. A Nosa
Terra foi o voceiro das Irmandades da Fala (1916-1932) e do Partido
Galeguista (1932-1936). Foi fundamental para o espallamento do ideal
galeguista. Publicáronse en total 422 números. O primeiro número saíu o
14 de novembro de 1916 na Coruña e contaba con oito páxinas. Antón Villar
Ponte foi o segundo director até a IV Asemblea das Irmandades da Fala
(1922).

A I Asemblea Nazonalista celebrouse en Lugo entre o 17 e 18 de novembro


de 1918 e contou coa asistencia de 16 agrupacións locais representadas por
unhas 60 persoas, a metade procedente da cidade da Coruña. Desta
Asemblea saíu o “Manifesto Nazonalista” que supuxo a superación
definitiva do rexionalismo e que constituiría a base común de todos os
programas do nacionalismo galego ata a guerra civil. Nel defínese a Galicia
como nación, reclámase a autonomía integral de Galicia e a cooficialidade
do galego e castelán.
No verán de 1918 formouse a Sección Feminina das Irmandades,
constituída por 200 mulleres. Desde o inicio foron conscientes do valor do
teatro como unha ferramenta de concienciación lingüística e traballaron
para chegar coa lingua galega aos públicos urbanos e rachar coa idea de que
idioma galego era válido só para tratar temas de ambiente mariñeiro ou
labrego.
En 1920 Vicente Risco publicou o ensaio Teoría do nacionalismo galego,
verdadeiro ideario das Irmandades. Nesta obra postúlanse os trazos
diferenciais históricos, xeográficos e culturais que lle dan a Galicia o status
de nación.
Na IV Asemblea Nacionalista, celebrada en Monforte do 18 ao 20 de
febreiro de 1922, as Irmandades esgazaron: a Irmandade da Coruña e
algunhas pequenas da comarca mantiveron as formulacións orixinais,
mentres que o resto das agrupacións constituíronse na Irmandade
Nazonalista Galega, dirixida por Vicente Risco e que propugnaba a creación
dun partido de corte nacionalista desde o que participar nun estado
federalista e conseguir a autonomía.
No seo das Irmandades xorden o Grupo Nós (1920) e o Seminario de
Estudos Galegos (1923), que continuarán a tarefa de difusión e
reivindicación do idioma, así como o estudo e a investigación da realidade
galega. Deste xeito escríbense as primeiras obras de ensaio en lingua
galega, centradas no estudo e divulgación da historia e da cultura galegas:
xeografía, etnografía, historia, filosofía etc. A creación de editoriais, revistas
e xornais propician tamén un notábel incremento da actividade literaria.
En decembro de 1931 celébrase en Pontevedra a VII Asemblea Nacionalista.
Nesta asemblea acordouse a creación dun partido político que aglutinase o
galeguismo, constituíndose deste xeito o Partido Galeguista e a disolución
das Irmandades.

You might also like